Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 24 de setembro de 1999 Páx. 11.607

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de setembro de 1999 pola que se establecen subvencións para escolas de música públicas e se regula o procedemento para a súa concesión.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 39.5º que os estudios de música poderán cursarse, sen límite de idade, en escolas específicas. Estes estudios en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril) regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia resaltando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento do número de escolas de titularidade municipal para achegar ós mozos e afec

cionados a posibilidade de cursar estes estudios tanto para realizar unha actividade de formación artística como para continuar posteriormente estudios regrados de música en centros autorizados ou nos conservatorios.

Co fin de potencia-lo funcionamento destas escolas de música das que son titulares determinados concellos, en virtude das atribucións que ten conferidas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convócanse axudas para subvenciona-las actividades desenvolvidas ou que se van desenvolver durante o ano 1999 as escolas de música de titularidade municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídos os gastos de persoal e funcionamento destas.

Segundo.-Poderán optar a estas axudas as escolas de música sinaladas no punto anterior que estean inscritas no Rexistro de Escolas de Música da Comunidade Autónoma na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.-O importe total das axudas será de trinta e catro millóns de pesetas (34.000.000 de pesetas) e libraranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322E.460.0 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

As escolas que inicien a súa actividade docente ó longo deste ano poderán percibir por este criterio ata un máximo do 25% de incremento da subvención que puidera corresponderlle polo resto dos criterios. En calquera caso, a contía máxima da subvención por tódolos criterios e por beneficiario non poderá supera-la cantidade de cinco millóns de pesetas (5.000.000 de pesetas).

Cuarto.-As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento das actividades realizadas ou que se van realizar durante o ano 1999 con indicación do número de alumnos e das especialidades instrumentais que se impartan na escola.

b) Breve descrición das instalacións e material na que consten os metros cadrados cos que contan as instalacións da escola.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste a conta corrente na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

e) Declaración de ter, ou non, solicitado doutros entes públicos ou privados subvención para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración das solicitudes teranse en conta, polo menos, os seguintes criterios:

1) Iniciación da súa actividade neste ano.

2) Necesidades de instalacións existentes (construcción e/ou reparación).

3) Dimensións das instalacións.

4) Número de profesores/as.

5) Número de alumnos/as.

6) Valoración económica do investimento da escola.

7) Zona de influencia e densidade de poboación da localidade onde radique a escola.

8) Número de especialidades instrumentais que se impartan ou estean programadas na escola.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa, ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas, que estará integrada por:

-Subdirector xeral de Centros.

-Xefe de Servicio de Centros.

-Un inspector central.

-Un inspector de educación designado pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta provisional de adxudicación das axudas para que os interesados poidan presenta-las reclamacións que consideren oportunas. Valoradas as reclamacións, a comisión elevará proposta definitiva de adxudicación ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a resolución que proceda.

Noveno.-A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia; no caso de ser denegatoria, será motivada e notificarase ós interesados.

Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universirtaria segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,

contados desde a mesma data, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Décimo.-Transcorridos tres meses desde a data de presentación das solicitudes sen que se dictase resolución favorable, deberá entenderse denegada sen prexuízo dunha resolución posterior.

Décimo primeiro.-As axudas concedidas que, en todo caso, estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles, irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, funcionamento e actividades, e serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 35.dous.A) da Lei 6/1998, do 29 de decembro (DOG do 31) de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, mediante un pagamento parcial a conta da liquidación por un importe máximo do 80% da subvención concedida sempre que o beneficiario xustifique, con anterioridade ó 15 de outubro de 1999, os gastos realizados segundo proxecto aprobado.

Para o libramento do 20% restante o beneficiario presentará, antes do 15 de novembro de 1999, a completa xustificación.

Para proceder ós libramentos correspondentes o solicitante achegará, xunto coas xustificacións anteriores, a certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 35.4º d) da Lei 6/1998.

As xustificacións das axudas serán dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, rúa San Lázaro, nº 107. 15771 Santiago de Compostela.

Décimo segundo.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, realizará un seguimento da aplicación das axudas nas escolas subvencionadas.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obtiveran axuda deberá figurar que estas están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Décimo cuarto.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora, de conformidade co artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, cando exista incumprimento da obriga de xustificación ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Décimo quinto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sexto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria