Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 15 de setembro de 1999 Páx. 11.282

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de maioristas de froitas e productos hortícolas.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de maioristas de froitas e productos hortícolas, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-7-1999, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Marioristas de

Froitas, e da parte social, pola central sindical CIG, o 17-6-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 28 de xullo de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de maioristas de froita e productos hortícolas

Artigo 1º.-Ámbito funcional e territorial.

O presente convenio será de aplicación a tódalas empresas dedicadas ó comercio por xunto de froitas e productos hortícolas no ámbito da provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afectará a tódolos traballadores encadrados nas ditas empresas, a excepción dos sinalados no artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

O presente convenio colectivo terá unha duración de tres anos contados a partir do día 1 de xaneiro de 1998 e rematará o 31 de decembro do ano 2000.

Con independencia da publicación no BOP, o convenio entrará en vigor ós 15 días da súa sinatura, se ben os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1998.

Entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes con tres meses de antelación, polo menos, á data do seu remate. Esta denuncia deberá facerse por escrito á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó presente convenio viñera desfrutando de condicións máis beneficiosas no seu conxunto e en cómputo anual, que as establecidas neste, deberá conservalas.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras que se establecen no presente convenio poderán compensar ou absorber, no que acaden, aquelas melloras que voluntariamente tiveran establecidas as empresas ou as que no futuro puidesen establecerse por disposición legal de carácter obrigatorio.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral ordinaria será de 40 horas semanais e 1.816 anuais de traballo efectivo.

A distribución da xornada durante a semana farase de forma que os traballadores desfruten de 36 horas ininterrompidas de descanso semanal, entre as 12 horas do venres e as 5 horas da mañá do luns.

Será facultade do empresario, de acordo coas necesidades de organización da empresa, a fixación de descanso semanal dos traballadores dentro dos límites indicados no parágrafo anterior.

Artigo 7º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán anualmente dunhas vacacións retribuídas conforme as seguintes condicións:

1. Terán unha duración de 31 días naturais, independentes da categoría profesional de cada traballador, que se desfrutarán en dous períodos de tempo; un, de 20 días naturais no período de xullo a setembro, ambos inclusive; e o outro, de 11 días naturais no resto do ano.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan, dous meses antes, polo menos, do comezo do desfrute, e anunciarase no taboleiro de anuncios do centro de traballo.

2. Cando un traballador cese no transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional das vacacións.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias rexeranse polo establecido no artigo 35 do Estatuto dos traballadores, podendo acordar empresario e traballador, en cada caso, o seu aboamento co 75% de incremento sobre o salario dunha hora ordinaria, ou a súa compensación por tempo equivalente de descanso retribuído, incrementado polo menos na porcentaxe antes indicada.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e o tempo seguinte.

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días naturais en caso de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou pasamento de parentes ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo, o traballador precise facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días naturais.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que se dispón en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontaráselle o seu importe do salario a que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 10º.-Excedencias.

Será de aplicación o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 11º.-Festa do patrón.

Establécese como festa do patrón, con carácter retribuído non recuperable, o segundo sábado de maio de cada ano.

Aqueles traballadores que teñan establecido o descanso semanal nese sábado terán dereito a desfrutar do descanso noutro día durante o mes de maio, que será fixado de común acordo entre empresario e traballadores.

Artigo 12º.-Pagas extras.

Todo persoal afectado percibirá tres pagas extras consistentes nunha mensualidade do salario base vixente en cada momento, máis antigüidade.

Estas serán aboadas:

a) Paga de verán: o día 15 de xullo.

b) Paga de decembro: o día 20 de decembro.

c) Paga de beneficios: aboarase durante o primeiro trimestre do ano.

Artigo 13º.-Retribucións.

O salario base para cada un dos anos de vixencia do convenio será o que figura na táboa anexa correspondente.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Acórdase a supresión da antigüidade no ámbito deste convenio, se ben aqueles traballadores que teñan percibido algún trienio antes do 1-1-1998, seguirán devengando por este concepto os trienios correspondentes co valor do 5% do salario base respectivo. Aqueloutros traballadores que teñan devengado o seu primeiro trienio entre o 1-1-1998 e a data de entrada en vigor do convenio, consolidarán

esta cantidade en concepto de complemento de antigüidade, a cal non sufrirá ningunha modificación.

Artigo 15º.-Complemento de incapacidade.

Tódolos traballadores que teñan algún fillo diminuído físico ou psíquico, percibirá a contía de 8.250 ptas. mensuais por cada fillo que se atope nas ditas circunstancias.

Artigo 16º.-Complemento de transporte.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a percibir un complemento de transporte de 5.200 ptas. cada mes. Para o ano 1999 esta cantidade será de 5.400 ptas. e para o ano 2000 de 5.600 ptas.

Este complemento terá carácter extrasalarial para tódolos efectos e non se percibirá durante o período vacacional dos traballadores.

Artigo 17º.-Baixa por incapacidade temporal.

Durante as situacións de baixa por incapacidade temporal, as empresas completarán ata o 100% do salario base do convenio máis a antigüidade, se é o caso, á correspondente prestación económica á Seguridade Social.

Artigo 18º.-Servicio militar.

Rexerase polo disposto nos artigos 45 e 48 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º.-Roupa de traballo.

As empresas veranse obrigadas a facilitarlles ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo por ano. O seu uso será obrigatorio. Así mesmo, o persoal terá a obriga de conservalas en bo estado. O traballador estará obrigado a comprobalas ó seu cargo cando por abandono ou neglixencia a el imputable a estropee de forma clara.

Artigo 20º.-Período de proba.

Poderá pactarse nos contratos de traballo un período de proba, que en ningún caso poderá exceder dos 6 meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores, excepto para os non cualificados, sendo neste caso a duración máxima de 15 días laborables.

Artigo 21º.-Reparto.

As empresas maioristas recomendaranlles ós seus clientes a necesidade de que os locais onde se reciba a mercadoría solicitada, reúnan as debidas condicións para tratar de evitar, no posible, tarefas que supoñan excesivo esforzo físico para os traballadores.

Artigo 22º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir por causas non imputables ó traballador, a empresa facilitaralle ó conductor afectado un posto de traballo idóneo coa súa categoría profesional, sen que con iso vexa diminuído o seu salario.

Artigo 23º.-Prestación por quilometraxe.

Todos aqueles traballadores que teñan que realizar desprazamentos en vehículo propio en tarefas ou traballos encomendados directamente pola empresa percibirán 25 ptas. por km, respectándose as condicións máis beneficiosas que viñesen desfrutando anteriormente á sinatura do presente convenio.

O anterior enténdese que non afecta a un traslado voluntario a outro centro de traballo.

Artigo 24º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación; para iso, o persoal comunicará á dirección da empresa a data do seu cesamento, cunha antelación mínima de 15 días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorra o prazo sinalado no presente artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorrese o prazo sinalado será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite do aviso, lle correspondese o cesamento.

Artigo 25º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1104/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílo simultaneamente ó seu cesamento por xubilación polos traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 26º.-Premios de xubilación.

Se ó producirse a xubilación, o traballador acreditase unha antigüidade na empresa de máis de 30 anos, percibirá por parte desta, nun único pagamento, un premio consistente nunha mensualidade do salario do convenio.

Artigo 27º.-Capacidade diminuída.

Todo traballador que por calquera causa xustificada, accidente de traballo, enfermidade laboral ou común, non puidese seguir desempeñando o posto de traballo para o que foi contratado, a empresa estará na obriga de outorgarlle un dereito preferente de ocupación nas vacantes que existan, sempre e cando as características do posto habilitado sexan aptas ás condicións físicas ou intelectuais do traballador.

Artigo 28º.-Axuda escolar.

Co fin de sufraga-los estudios dos fillos dos traballadores das empresas, establécese como axuda escolar a cantidade de 3.000 ptas. anuais por cada fillo menor de 17 anos que curse estudios regrados, e que se farán efectivas durante o mes de setembro de cada ano.

Artigo 29º.-Afiliación sindical.

A empresa ten o deber de respecta-lo dereito do traballador á afiliación sindical libre.

As empresas deducirán das nóminas as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, o sindicato ó que pertence e a contía da cota correspondente.

Nas empresas ou centros de traballo, sempre que as súas características o permitan, poñerase á disposición dos delegados de persoal ou membros do comité de empresa, un local adecuado no que poidan desenvolve-las súas actividades e comunicarse cos traballadores, así como un taboleiro de anuncios.

Artigo 30º.-Traballo en domingos.

Durante os domingos non se poderá realizar actividade ningunha de venda, estando permitidas unicamente as tarefas de carga e descarga de mercadorías.

Nembargantes o establecido no artigo 6º do convenio, as horas traballadas en domingo aboaranse coa recarga do 75% sobre o valor das horas ordinarias.

A presente cláusula terá carácter obrigacional e será de aplicación exclusiva para os tres anos de vixencia do convenio, 1998, 1999 e 2000, finalizando automaticamente a súa vixencia o 31 de decembro do 2000, de acordo co previsto no artigo 86 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 31º.-Recoñecementos médicos.

Tódalas empresas vinculadas polo presente convenio estarán obrigadas a realizar un recoñecemento médico anual para todo o persoal. O recoñecemento médico consistirá como mínimo en: audiometría, control da vista, análises de sangue e urina, espirometría e exploración clínica; e deberá realizarse nos nove primeiros meses do ano.

Este recoñecemento será realizado nun centro asistencial concertado, o cal lle facilitará ó traballador unha cartilla sanitaria que se actualizará en cada revisión anual. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 32º.-Contratación eventual.

Contratos formativos.

No referido a contratos en prácticas e formación aplicarase o disposto no regulado para estes efectos no artigo 11 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 33º.-Contrato por acumulación de tarefas.

Os contratos por acumulación de tarefas, dentro da competencia que establece o artigo 15.b do Estatuto dos traballadores, poderán ter unha duración máxima de 13 meses e medio nun período de 18 meses.

Artigo 34º.-Contratación indefinida.

Establécese o acordo de que tódalas empresas afectadas por este convenio terán como mínimo un 25% do cadro de persoal contratado indefinidamente. Esta medida deberá ser regulada nos tres meses seguintes á sinatura do convenio.

Artigo 35º.-Declaración de principios.

Os representantes sociais asinan o presente convenio comprometéndose formalmente a realizar unha maior productividade que axude a supervivencia de tódalas empresas do sector. Por outra parte, a representación económica observará o estricto cumprimento do convenio, mellorando as condicións laborais de todo tipo e, en xeral, a dos traballadores ó seu servicio. Ambas recoñecen e son conscientes de que forman un todo para que a empresa poida proporciona-los elementos que corresponden a cada unha delas.

Artigo 36º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral, para entender en cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes empresariais e das centrais sindicais asinantes do convenio, a razón de 1 membro por cada central sindical. A citada comisión elixirá o seu presidente, que non poderá ser membro do citado órgano.

Así mesmo, acórdase a constitución dunha comisión integrada por representantes de ámbalas partes, no prazo máximo de tres meses desde a sinatura do convenio, para o estudio e valoración da situación actual do sector e posibles alternativas. Esta comisión terá, entre outras funcións, a de cuantifica-lo que representa a antigüidade no sector, para a súa posible eliminación.

Artigo 37º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente disposto no presente convenio será de aplicación a lexislación vixente en cada momento.

Artigo 38º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio colectivo, a central sindical CIG, en representación dos traballadores, e a Asociación de Maioristas de Froitas e Productos Hortícolas, en representación dos empresarios do sector.

Maioristas de froitas e productos hortícolas

Táboas salariais para o ano 1998

Xefe administrativo108.892
Contable-caixeiro105.076
Oficial administrativo105.076
Auxiliar administrativo de 18 anos89.201
Auxiliar administrativo de 22 anos en diante93.609
Encargado de establecemento ou almacén108.892
Dependente93.609

Conductor de 1ª101.254
Conductor de 2ª95.519
Conductor repartidor96.364
Mozo especializado93.609
Mozo91.698
Cobrador, conserxe, vixilante87.880
Traballador de formaciónS.M.I.

Maioristas de froitas e productos hortícolas

Táboas salariais para o ano 1999

Xefe administrativo112.159
Contable/caixeiro108.228
Oficial administrativo108.228
Auxiliar administrativo de 18 anos91.877
Auxiliar administrativo de 22 anos en diante96.417
Encargado de establecemento/almacén112.159
Dependente96.417
Conductor de 1ª104.292
Conductor de 2ª98.385
Conductor repartidor99.255
Mozo especializado96.417
Mozo94.449
Cobrador, conserxe, vixilante90.516
Traballador formaciónS.M.I.

Maioristas de froitas e productos hortícolas

Táboas salariais para o ano 2000

Xefe administrativo115.524
Contable caixeiro111.475
Oficial administrativo111.475
Auxiliar administrativo de 18 anos94.633
Auxiliar administrativo de 22 anos en diante99.310
Encargado establecemento ou almacén115.524
Dependente99.310
Conductor de 1ª107.421
Conductor de 2ª101.337
Conductor repartidor102.233
Mozo especializado99.310
Mozo97.282
Cobrador, conserxe e vixilante93.231
Traballador en formaciónS.M.I.