Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 10 de setembro de 1999 Páx. 11.134

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de xullo 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta da reunión da comisión paritaria do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña, para aclaracións ó contido de determinados artigos do convenio colectivo.

Visto o texto da acta da reunión asinada o día 9 de xullo pola comisión paritaria do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña integrada en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Limpeza de Edificios e Locais da provincia da Coruña e da parte social por CIG, UGT e CC.OO., mediante a que se fan aclaracións ó contido de determinados artigos do convenio colectivo, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, de 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, de 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 14 de xullo de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Acta da reunión da comisión paritaria do convenio colectivo de limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña

Na Coruña, nos locais da Confederación de Empresarios, sendo as 12 horas do día 9 de xullo de 1999, reúnense en representación da parte empresarial, Jesús Gómez Vázquez, Arsenio Mezquiriz Andrade, Ramón Salgado Fuentes e J. Félix Falderrey de la Huerga, e en representación da parte social, Alfredo Santomil García (CIG), Luis Soto Sabio (CIG), Mª Carmen Brea Iglesias (UGT), Gabriel Acitores López (UGT) e Victoria Pumar Carrón (CC.OO.), todos/todas eles/elas como membros da comisión paritaria do convenio colectivo provincial da Coruña para as empresas de limpeza de edificios e locais, regulada no artigo 6º do citado convenio.

O obxectivo desta xunta é aclara-lo contido dos artigos 17º. Salarios, 18º, Antigüidade e 25º. Gratificación en concepto de beneficios.

En relación co artigo 17º. Salarios, aclárase que «As táboas salariais correspondentes ó ano 1999, que se recollen no anexo II, inclúen a suba salarial para 1999, o 2,3%, máis a compensación pola desaparición do complemento de antigüidade. Nos seguintes anos de vixencia do convenio, é dicir, nos anos 2000 e 2001, elaboraranse as táboas salariais co incremento salarial pactado máis o 1/6 de compensación pola desaparición do complemento de antigüidade correspondente a cada un dos anos».

No artigo 18º. Antigüidade, aclárase que «O novo complemento de antigüidade consolidada aboarase a partir do 1-1-1999. Para o cálculo deste complemento tomaranse os importes dos trienios xa devengados, cos importes que se recollen no anexo III, coa revisión salarial para o ano 1999, o 2,3%, máis os meses transcorridos desde o vencemento do último trienio -ou desde a data de ingreso na empresa sempre que esta fora anterior ó 1-1-1998ata o 31-12-1998, nos importes que se recollen no citado anexo».

No artigo 25º. Gratificación en concepto de beneficios, aclárase que «A gratificación en concepto de beneficios se refire ó ano natural anterior e, por tanto, o seu devengo é do 1 de xaneiro ó 31 de decembro dese ano. No mes de marzo do ano 2000 deberán estar regularizadas as gratificacións correspondentes ós períodos de devengo de 1-1-1998 a 31-12-1998 e 1-1-1999 a 31-12-1999».

Facúltase a Luis Soto Sabio para que proceda a realiza-los trámites oportunos diante da delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para o rexistro e posterior publicación da presente acta.

Sen máis asuntos que tratar dáse por rematada a reunión sendo as 13.30 horas do día do encabezamento, asinando tódolos presentes en proba de acordo e conformidade.