Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 10 de setembro de 1999 Páx. 11.134

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da sanidade privada.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector da sanidade privada (código 2700525), da provincia de Lugo, asinado o día 1 de xullo de 1999, pola representación da Asociación de Empresarios de Sanidade Privada da Provincia de Lugo, Asociación de Centros de Hospitalización Privada da Provincia de Lugo e das centrais sindicais CIG (57,14%), USO (42,8%) e CC.OO. (0%), e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos tra

balladores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 19 de xullo de 1999.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo da sanidade privada

da provincia de Lugo

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio será de aplicación e de obrigado cumprimento nas actividades de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas, sexa cal sexa a súa forma xurídica, e que estean comprendidas no ámbito de aplicación da ordenanza laboral para establecementos sanitarios de hospitalización, consulta e asistencia, aprobada por orde ministerial do 25 de novembro de 1976.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

As normas deste convenio serán de aplicación en todo o territorio da provincia de Lugo.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este convenio terá unha duración de 2 anos, desde o día 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do ano 2000. O convenio entrará en vigor ós quince días da sinatura, se ben os efectos económicos dos salarios se retrotraerán o día 1 de xaneiro de 1999.

Capítulo II

Vinculación, denuncia e prórroga

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

No suposto de que a Administración ou xurisdicción competente anulase ou invalidase algún dos pactos incluídos neste convenio por considerar que conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros, e como queira que este convenio na súa redacción actual constitúe un todo orgánico e indivisible, terase por totalmente ineficaz, debendo ser considerado o seu contido íntegro pola comisión negociadora.

Artigo 5º.-Denuncia.

Ó extinguirse o período de aplicación e vixencia deste convenio, este considerarase expresamente

denunciado, sen necesidade de efectuar ningún trámite.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

Tendo en conta que este texto constitúe o primeiro convenio para o sector da sanidade privada na provincia de Lugo, as condicións económicas, que se establecen nel serán absorbibles e compensables no seu conxunto e cómputo anual, coas melloras salariais que viñeran satisfacendo as empresas, ben sexa por imperativo legal, concesión voluntaria ou outras causas.

Para os efectos de levar á práctica esta compensación e absorción, as empresas disporán dun prazo de dous meses contados a partir da publicación do presente convenio no BOP de Lugo para modifica-las contías que ata agora viñan aplicando á nova estructura salarial no sentido en que figura no anexo II.

Exclúese do sistema previsto neste artigo o complemento de antigüidade, tendo lugar unha consolidación da antigüidade que ata agora devengaran os traballadores, para pasar a aplicar desde a vigencia do presente convenio o sistema de cómputo de antigüidade previsto nel. Así mesmo, exclúense deste sistema os complementos extrasalariais ou que non coticen á Seguridade Social.

Artigo 7º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador ou traballadora concedidas pola empresa, por pacto ou costume, coa salvidade prevista no artigo 6º.

Capítulo III

Comisión paritaria

Artigo 8º.-Comisión mixta paritaria.

Créase unha comisión mixta paritaria entre as partes asinantes deste convenio colectivo, integrada por sete representantes da parte empresarial, tres delas en representación da Asociación Provincial de Hospitalización Privada da Provincia de Lugo e as catro restantes en representación da Asociación de Empresarios de Sanidade Privada da Provincia de Lugo, e sete da parte sindical, distribuídos da seguinte forma: catro representantes da central sindical CIG, dous representantes da central sindical USO e un representante da central sindical CC.OO.

As funcións da comisión mixta paritaria, que se crea por medio deste artigo, serán vixia-lo cumprimento do presente convenio, interpreta-los preceptos incluídos no mesmo e exercer funcións de arbitraxe nos problemas ou cuestións suscitados como consecuencia da súa aplicación.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo queda fixada en 1.819 horas e 30 minutos de traballo efectivo.

As empresas poderán distribuí-la xornada establecida no parágrafo primeiro deste artigo ó longo do ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular, afectando a uniformidade ou irregularidade ben a todo o cadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano en función das previsións das distintas cargas de traballo ou desprazamentos da demanda.

En todo caso, a distribución da xornada anual levarase a cabo no cómputo mensual a razón de 165 horas e 24 minutos ó mes. En caso de que a xornada mensual supere o cómputo anterior, haberá de regularizarse por dito exceso, por medio de descansos, dentro dos 15 días seguintes. No caso contrario o dito exceso terá a consideración de horas extraordinarias.

Na distribución da xornada respectaranse en todo caso os límites de xornada e descansos previstos no Estatuto dos traballadores.

No caso de prestacións de servicios en xornada continuada que exceda de seis horas, o traballador terá dereito a un descanso de 20 minutos por xornada que terá a consideración de tempo efectivo de traballo.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias cada hora de traballo que exceda dos límites previstos para estes efectos no artigo anterior.

As horas extraordinarias serán compensadas da seguinte forma: compensación por tempo de descanso equivalente, que se desfrutarán nos quince días seguintes ó período no que tivera lugar a hora extraordinaria.

Por acordo entre empresa e traballador, o descanso compensatorio pode ser substituído polos seguintes incrementos de retribución:

-As primeiras 20 horas extraordinarias anuais aboaranse cunha recarga do 20% sobre o salario que corresponda a unha hora ordinaria.

-As segundas 20 horas extraordinarias anuais aboaranse cunha recarga do 35% sobre o salario que corresponda a unha hora ordinaria.

-O resto das horas extraordinarias anuais aboaranse cunha recarga do 50% sobre o salario que corresponda a unha hora ordinaria.

Artigo 11º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio colectivo terá dereito a un período de vacacións anuais de 30 días naturais, retribuído conforme a media obtida polo traballador polos conceptos económicos salariais dos tres meses anteriores á data de iniciación das vacacións.

As vacacións desfrutaranse preferentemente durante o período de maio a outubro (ámbolos dous incluídos), debendo aprobarse o calendario de vacacións dentro do primeiro trimestres do ano.

No caso de non existir outro sistema acordado polos traballadores da empresa, establecerase unha orde rotativa de preferencia na que primará, o primeiro ano, o criterio da antigüidade. A partir dese primeiro ano, establécese unha orde rotativa de preferencia de tal xeito que o traballador que un ano foi o primeiro en escoller quenda, pasará a se-lo último no calendario de vacacións do ano seguinte.

Capítulo V

Retribucións

Artigo 12º.-Salario base.

Enténdese por salario base a parte da retribución do traballador fixada por unidade de tempo sen atender a circunstancias persoais, de posto de traballo, por cantidade ou calidade de traballo, ou de vencemento periódico superior ó mes.

A contía do salario base será para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro de 1999 a que figura para cada unha das categorías na táboa salarial anexa.

O incremento salarial para o período que vai desde o 1 de xaneiro do ano 2000 ata o 31 de decembro do ano 2000 será o do IPC previsto polo Goberno para o ano 2000 máis 0,5%.

Artigo 13º.-Antigüidade.

Os traballadores comprendidos dentro do ámbito de aplicación do presente convenio colectivo percibirán a partir do 1 de xaneiro de 1999, como complemento persoal de antigüidade, un aumento periódico polo tempo de servicios prestados á mesma empresa consistente no aboamento de trienios a 3.000 pesetas o trienio cun límite de dez trienios.

O importe de cada trienio comezará a devengarse o día 1 do mes seguinte ó do seu cumprimento.

Con independencia do anterior, e de conformidade coa redacción do artigo 6º, parágrafo 3º, a antigüidade que ata o 1 de xaneiro de 1999 devengasen os traballadores manterana como antigüidade consolidada.

Artigo 14º.-Pagas extraordinarias.

Establécense para o ámbito de aplicación deste convenio dúas pagas extraordinarias ó ano, de xullo e Nadal que consistirán, cada unha delas, unha mensualidade de salario base máis antigüidade, entendéndose por antigüidade tanto a consolidada que devengaran ata o 31 de decembro de 1998 como a que devengarán a partir do 1 de xaneiro de 1999 en función de trienios a 3.000 pesetas.

A data de cobramento das ditas pagas será, respectivamente, o 30 de xuño e o 15 de decembro de cada ano.

Así mesmo, para o ámbito de aplicación deste convenio establécese unha media paga extraordinaria ó ano, chamada de beneficios, que consistirá na metade dunha mensualidade de salario base máis antigüidade (15 días de salario base e 15 días de antigüidade, a consolidada e a devengada a partir

do 1 de xaneiro de 1999). A data de cobramento desta media paga será o 15 de abril de cada ano.

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

Establécese un complemento por traballo nocturno consistente no 25% do salario base.

Considérase traballo nocturno o comprendido entre as 22 horas e as 6 horas do día seguinte. Se o tempo traballado dentro do período nocturno fose inferior a catro horas, aboarase exclusivamente sobre as horas traballadas.

Este complemento non afecta o persoal que fose contratado para un horario nocturno fixo.

Artigo 16º.-Complemento de posto de traballo. Complemento de toxicidade.

En razón da maior especialidade, toxicidade, perigosidade ou penosidade, establécese un complemento retributivo, equivalente ó 20% do salario base, en favor do persoal sanitario -técnico ou subalterno que desempeñe postos de traballo nalgunha das seguintes seccións ou departamentos: quirófanos, radioelectroloxía, radioterapia, medicina nuclear, laboratorio de análise e unidades de coidados intensivos.

Para ter dereito á percepción deste complemento será preciso que a dedicación do traballador ó posto teña carácter exclusivo ou preferente e en forma habitual e continuada.

Cando o destino ó posto non teña carácter habitual e continuado, só se percibirá este complemento en razón dos días en que se desempeñen labores no dito posto e calquera que sexa o número de horas de dedicación a el durante a xornada.

Este complemento de posto de traballo percibirase única e exclusivamente mentres o traballador desempeñe efectivamente a praza ou posto cualificado, e non suporá a consolidación personal do dereito cando o productor que o veña percibindo sexa destinado a posto de traballo non cualificado como de toxicidade.

Para ter dereito a percibir este complemento será preciso por último que a dedicación sexa continuada. Para estes efectos considérase como tal a dedicación nas actividades penosas, tóxicas ou perigosas dun horario superior á media xornada.

Capítulo VI

Prestacións sociais

Artigo 17º.-Incapacidade temporal.

As empresas complementarán ata o 100% do salario do convenio as prestacións económicas derivadas de accidente laboral ou enfermidade profesional.

Así mesmo, as empresas aboarán ata o 100% do salario de convenio as prestacións económicas derivadas de accidente non laboral ou enfermidade común nos supostos de hospitalización do traballador e mentres dure esta.

Artigo 18º.-Xubilación.

Os traballadores poderán acollerse a xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo; as empresas deberán substituí-lo traballador que opte pola xubilación simultaneamente ó seu cesamento por outro traballador nas condicións indicadas no mencionado real decreto.

Artigo 19º.-Recoñecementos médicos.

Tódalas empresas vinculadas por este convenio estarán obrigadas a solicitar do Gabinete Técnico Provincial, Servicio Social de Hixiene e Seguridade no Traballo ou outro convenio asistencial similar, un recoñecemento anual como mínimo para todo o persoal. A empresa, logo da correspondente citación por escrito na que deberá figurar día, hora e lugar do recoñecemento, facilitará o tempo necesario para a súa realización, tempo que será aboado pola empresa.

A Comisión de Saúde Laboral establecerá, se é o caso, o contido mínimo do recoñecemento médico conforme a cada posto de traballo.

Capítulo VII

Permisos e licencias

Artigo 20º.-Licencias e permisos.

O traballador poderá ausentarse do traballo, logo de aviso e xustificación, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) No caso de falecemento de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres días se o falecemento ten lugar na Comunidade Autónoma. Se ten lugar fóra da Comunidade Autónoma, o prazo será de catro días.

b) No caso de enfermidade grave, debidamente acreditada, de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres días se o parente está na Comunidade Autónoma; cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento fóra da Comunidade Autónoma, o prazo será de catro días.

c) No caso de matrimonio do traballador: quince días naturais.

d) No caso de matrimonio de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade: un día.

e) No caso de nacemento de fillo: tres días.

f) No caso de cambio de domicilio: un día.

g) No caso de intervención cirúrxica con ingreso hospitalario de parentes de primeiro e segundo grao: dous días.

h) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, incluído o exercicio do sufraxio activo.

i) Polo tempo necesario para asistir a consulta médica oficial, probas ou recoñecementos médicos en centros sanitarios.

En todo caso, o traballador terá dereito, por aplicación do artigo 37 do Estatuto dos traballadores, a licencia retribuída polos motivos e polo tempo previsto no mencionado artigo.

Ademais do anterior, o persoal suxeito ó presente convenio con máis dun ano de antigüidade na empresa terá dereito a un permiso non retribuído de ata un máximo de 15 días naturais ó ano, sempre e cando se solicite xustificadamente e cunha antelación de, polo menos, unha semana.

En todo caso as empresas poderán denegar de forma motivada e por causas organizativas o desfrute do permiso non retribuído previsto no parágrafo anterior dentro dos dous días seguintes ó da súa solicitude.

Artigo 21º.-Excedencia por maternidade.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza coma por adopción, contados a partir da data de nacemento deste.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñera desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano, o traballador en excedencia terá dereito a reserva do posto de traballo. Transcorrido o tido prazo a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Capítulo VIII

Contratación

Artigo 22º.-Contratos eventuais previstos no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995.

Os contratos de duración determinada previstos no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, poderán ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses.

A posibilidade de concertar contratos eventuais dos previstos no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995 coa duración máxima prevista no presente artigo non poderá empregarse para o caso dos contratos concertados por tempo inferior a 12 horas á semana ou 48 horas ó mes.

Artigo 23º.-Aviso previo para o cesamento.

Haberá que se ater ó que dispoña a ordenanza aplicable e o Estatuto dos traballadores.

Nos casos de terminación do contrato ou baixa voluntaria do traballador, faráselle entre a este da copia da liquidación correspondente con tres días de antelación á data de cesamento.

Capítulo IX

Outras materias

Artigo 24º.-Saúde laboral.

1. Principios xerais. De conformidade co disposto na Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, os traballadores e traballadoras teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo. O citado dereito supón a existencia dun correlativo deber da empresa na protección dos traballadores ó seu servicio fronte ós riscos laborais.

En cumprimento do deber de protección, a empresa deberá garanti-la seguridade e saúde dos traballadores ó seu servicio en tódolos aspectos relacionados co traballo. Igualmente, a empresa está obrigada a garanti-la formación práctica e axeitada nestas materias a tódolos traballadores.

Corresponde a cada traballador velar polo cumprimento das medidas de prevención que en cada caso sexan adaptadas.

2. Participación dos traballadores.

a) Delegados de prevención. Os delegados de prevención son, dunha banda, a base sobre a que se estructura a participación dos traballadores en todo o relacionado coa saúde laboral, no ámbito da empresa, e doutra, a figura especializada de representación en materia de prevención de riscos laborais.

O nomeamento, as competencias e as facultades dos delegados de prevención serán as definidas nos artigos 35 e 36 da Lei de prevención de riscos laborais, así como as que emanen das decisións do Comité Central de Seguridade e Saúde, e as que se acorden no regulamento propio de comité.

b) Comité de Seguridade e Saúde Laboral. É o órgano paritario e colexiado de representación e participación periódica sobre actuacións dos centros de traballo en materia de prevención de riscos laborais.

c) Comisión Central de Seguridade e Saúde Laboral. Consituirase unha Comisión Central de Seguridade e Saúde Laboral no ámbito do propio convenio. É o órgano paritario e colexiado de participación e representación, do que emanan as directrices para os delegados de prevención.

Estará constituído nun prazo máximo dun mes desde a publicación deste convenio. A súa composición será paritaria entre os membros nomeados pola patronal e os nomeados polas centrais sindicais con representación no sector e asinantes deste convenio.

A comisión central terá as seguintes competencias:

1. Vixia-lo cumprimento do artigo 27º do convenio.

2. Elaborar un catálogo de dereitos e deberes dos traballadores en materia de saúde laboral.

3. Elaborar un plan de formación de saúde laboral, en función das necesidades formativas.

4. Realizar accións tendentes a promove-la difusión e coñecementos sobre a lexislación de prevención de riscos laborais.

5. Establecer un catálogo de postos de traballo para discapacitados e adaptación deles.

6. Dictame e consulta sobre recursos humanos, materiais e determinación de medios nesta materia.

7. Asesorar tecnicamente a empresa e representantes dos traballadores.

8. Analizar e dárlle-la conformidade ás actuacións da empresa tendentes á aplicación das características da Lei de prevención de riscos laborais ó seu ámbito de actuación.

9. Vixia-las obrigas asinadas pola devandita lei á empresa, especialmente en materia de:

9.1. Deseño e aplicación de plans e programas de actuación preventiva. Participación nos servicios de prevención.

9.2. Avaliación dos factores de risco.

9.3. Adopción de medidas e asistencia para a correcta información e formación dos traballadores.

9.4. Vixilancia da saúde dos traballadores a través de recoñecementos médicos específicos en función dos riscos, investigación das causas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, análise de ergonomía do posto de traballo, investigación sobre causas de absentismo por enfermidade profesional e atención médica.

9.5. Elaboración do mapa de riscos laborais, establecendo plans de prevención, seguimento e avaliación deles.

9.6. Investigación e determinación das enfermidades profesionais, detección e control de actividades potencialmente perigosas.

9.7. Estudio da epidemioloxía laboral.

9.8. Protección específica da xestión e do período de lactación.

No caso de que se dese algún conflicto entre empresa e traballadores por calquera das materias previstas neste artigo, será preceptivo que, con carácter previo, se é o caso, a acudir á vía xudicial, o que pretende utilizar esta vía acuda á Comisión Central de Seguridade e Saúde Laboral do convenio para os efectos de que esta emita informe sobre a cuestión controvertida.

Artigo 25º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores afiliados a algunha das centrais sindicais asinantes deste convenio, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente.

O traballador interesado na realización desta operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central sindical á que pertenece, a contía da cota

sindical, así como o número da conta da caixa de aforros ou entidade bancaria á que lle deba ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as anteditas detraccións, salvo indicación en contra do traballador.

Artigo 26º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán anualmente ós traballadores roupa e calzado tendo estes a obriga de utilizar e conserva-las ditas pezas de roupa.

Artigo 27º.-AGA.

As partes asinantes deste convenio consideran o Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA) como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Disposicións adicionais

Primeira.-Lexislación supletoria.

En todo o non expresamente previsto no presente convenio colectivo, seguirase o disposto na Ordenanza Laboral de Hospitalización, Consulta e Asistencia, no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais de aplicación.

Segunda.-Atrasos.

As empresas disporán dun prazo de dous meses contados desde a publicación do presente convenio no BOP de Lugo para o aboamento ós traballadores dos atrasos de salarios a que haxa lugar.

ANEXO I

Táboas salariais do convenio colectivo de sanidade

privada da provincia de Lugo

Vixencia desde o 1 de xaneiro de 1999

ata o 31 de decembro de 1999

Persoal técnico sanitarioSalario base mensual

Médico adxunto 118.701

Médico de medicina xeral 118.701

Psicólogo 118.701

Farmacéutico, odontólogo 118.701

ATS/DUE, matronas 98.435

Fisioterapeuta, logopeda 98.435

Técnico especialista 85.597

Hixienista dental, dietista 85.597

Persoal subalterno sanitarioSalario base mensual

Auxiliar de enfermería 80.174

Auxiliar sanitario 80.174

Celador sanitario 79.617

Coidador sanitario 79.617

Axudante odontoloxía 79.617

Axudante fisioterapia 79.617

Persoal técnico non sanitarioSalario base mensual

Letrado, economista 118.701

Físico, químico 118.701

Graduado social 98.435

Asistente social 98.435

Titulado mercantil 98.435

Persoal administrativoSalario base mensual

Xefe de sección administrativo 85.597

Oficial administrativo 82.401

Auxiliar administrativo 80.174

Persoal de servicios xeraisSalario base mensual

Xefe de almacén 85.597

Cociñeiro 80.174

Axudante de cociña 79.505

Telefonista 79.505

Costureira 79.505

Pinche, camareira 79.505

Pasadora de ferro, lavandeira 79.505

Limpadora 79.505

Persoal de oficios variosSalario base mensual

Electricista, mecánico, carpinteiro, fontaneiro,

calefactor, albanel, xardineiro, conductor 80.174

Axudante 79.505

Peón 79.505

Vixilante nocturno 80.174

Conserxe 79.505

Porteiro 79.505

ANEXO II

A) Primeiro suposto: traballador coa categoría de auxiliar de enfermería coas seguintes retribucións na data de publicación do convenio:

* Salario base69.270

* Complemento de asistencia10.000

* Incentivo20.000

Total bruto99.270

Compensación e absorción do artigo 6º do convenio (no prazo de dous meses desde a publicación do convenio):

* Salario base80.174

O resto da contía total das retribucións (99.270-80.174=19.096) manterase ben incluíndoo en salario base, ben manténdoo como complemento asistencia/incentivo, debendo manter en todo caso o seu carácter salarial (cotizable á Seguridade Social).

B) Segundo suposto: traballador coa categoría de médico adxunto coas seguintes retribucións na data de publicación do convenio:

* Salario base69.270

* Incentivo15.000

* Antigüidade8.000

* Complemento extrasalarial5.000

Total bruto97.270

Compensación e absorción do artigo 6º do convenio (no prazo de dous meses desde a publicación do convenio):

* Salario base118.701

* Antigüidade8.000

* Complemento extrasalarial5.000

Total bruto131.701