Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 09 de setembro de 1999 Páx. 11.096

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 30 de agosto de 1999 pola que se regula a concesión de subvencións ós concellos de Galicia para a normalización da lingua galega.

Dentro dos obxectivos da normalización lingüística no ámbito da Administración local comprendidos na Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, están os mencionados nos seus artigos:

Artigo 1º: «As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia, redactaranse en lingua galega»;

Artigo 2º.1: «Correspóndelle á Xunta de Galicia o pulo do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega»; e no punto 2º.2: «Sen prexuízo do anterior, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á Administración local se garanta o coñecemento da lingua galega».

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, nos seus números 1 e 3 do artigo 7 dispón, respectivamente: «O galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local.

As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega».

«A Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega».

Co fin de acadar estes obxectivos a Xunta de Galicia elaborou un plan integral de estudios dedicado ós funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais galegas, do que forman parte os cursos básico, medio e de especialización, obténdose, ó remate destes, o título de traductor oficial de linguaxe administrativa galega, título que habilita, ós que o obteñan, para encargarse da traducción da documentación á que se refire o artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño.

Os funcionarios que se formen nos devanditos cursos serán a base duns gabinetes de traducción ó idioma galego que deberán estar implantados en tódolos municipios de Galicia co fin de cumpri-los mandatos contidos nas leis 5/1988, do 21 de xuño,

e 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Mentres os devanditos gabinetes de traducción non poidan estar integrados por funcionarios en activo da correspondente Corporación local e co fin de acelera-lo cumprimento, por parte dos municipios da legalidade vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais convoca axudas destinadas a sufraga-los custos de contratación de persoal alleo polos concellos, mentres estes non dispoñan do personal funcionario -preciso e suficientemente formado-, para encargarse da traducción para o galego dos documentos ós que se refire o artigo 1.1º da Lei 5/1988, do 21 de xuño.

Artigo 2º

As axudas ás que se refire o artigo anterior faranse efectivas, no seu día, con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.760.0, Programa 353.F, dos vixentes orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, ata un límite de vintecinco millóns de pesetas (25.000.000 de ptas.).

Artigo 3º

As subvencións serán solicitadas polo alcalde de cada concello, utilizando o modelo que figura como anexo I desta orde, e concederanse para as modalidades que a continuación se relacionan:

1. Mantemento dos servicios municipais de normalización lingüística xa existentes.

2. Creación de novos servicios municipais de normalización lingüística, debidamente xustificados e sempre que exista crédito suficiente.

Organización de campañas co obxecto de logra-la normalización lingüística no concello.

Artigo 4º

Os servicios municipais de normalización lingüística contarán, polo menos, cun especialista titulado en lingua galega (licenciado en filoloxía galego-portuguesa, en filoloxía galega ou mestre de EXB, co diploma de especialista en lingua galega).

Artigo 5º

Os gabinetes municipais de normalización lingüística deberán cumpri-la seguinte misión:

a) Velar porque sexa aplicada a Lei de normalización lingüística de Galicia, no ámbito de actuación do concello correspondente, así como a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais. As accións mais importantes serán: confección en galego das actas, edictos, convocatorias de sesións, ordes do día, dictames das comisións informativas, mocións e traduccións de tódolos impresos oficiais en lingua galega.

b) Ofrecerlle ó público asesoramento lingüístico para a corrección de textos galegos e para a súa traducción, se fose posible.

c) Impulsa-la normalización do galego nos diferentes ámbitos da vida pública.

Artigo 6º

Xunto coa petición remitirase a seguinte documentación.

En tódolos casos,

a) Breve memoria descritiva da modalidade para a que se solicita a subvención, na que consten tódolos datos referidos a ela.

b) Orzamento de gastos, total e desagregado por capítulos, para a realización da actividade para a que se solicita a axuda.

c) Certificación do secretario da corporación de que para o dito cometido non gozan de ningunha outra subvención.

d) Transcrición certificada do acordo municipal, en pleno ou comisión de goberno, da solicitude de subvención.

e) Certificación bancaria (orixinal) da conta corrente na que desexen que se lles ingrese o importe da subvención.

f) Fotocopia do NIF do concello.

g) Nome e titulación, cando proceda, do/os especialista/s en lingua galega que a Corporación local vaia contratar para o servicio de normalización lingüística.

Artigo 7º

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As peticións entregaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou nas súas delegacións provinciais e será de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados e daráselles un prazo de 10 días para que emenden erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas de conformidade co disposto na devandita Lei 30/1992 trala súa modificación pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro.

Artigo 8º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración local, e o director xeral elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais, quen resolverá no prazo máximo dun mes.

Artigo 9º

Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 10º

Para recibi-la subvención, os concellos seleccionados deberanlle remitir á Dirección Xeral de Xustiza e Administracióin Local (Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, antes do día 30 de novembro de 1999, os seguintes xustificantes dos gastos realizados:

1. No caso de que a subvención se concedese para o mantemento dos servicios de normalización lingüística xa existentes ou para a creación de novos servicios municipais de normalización lingüística:

a) Copia compulsada do contrato vixente que o concello formalice co/s especialista/s e;

b) Orde de pagamento ou certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado conformada polo interventor do concello.

2. No caso de que a subvención se concedese para a organización de campañas co obxecto de logra-la normalización lingüística no concello: facturas orixinais do gasto realizado ou copias compulsadas, acompañadas de certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo da súa aprobación.

Artigo 11º

Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 1999.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais