Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Xoves, 02 de setembro de 1999 Páx. 10.875

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución punto de entrega a Gas Galicia no p.k. 165,5 da N-550-A e ramal de subministración a Cerámicas da Moura, promovido pola empresa Enagás, S.A.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 12 de marzo de 1993, a Consellería de Industria e Comercio outorgoulle a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servicio público de conducción e subministración de gas natural para usos industriais en

distintos termos municipais da provincia de Pontevedra.

Segundo.-Por Resolución do 13 de outubro de 1995, esta dirección xeral aprobou o proxecto de execución e autorizou as instalacións previstas no proxecto de rede de distribución de gas natural para usos industriais O Porriño-Vigo.

Terceiro.-Con data 12 de febreiro de 1999, a referida empresa solicitou, ó amparo do establecido na Lei 10/1987, do 15 de xuño, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado polo Decreto 2913/1933, do 26 de xullo, a aprobación do proxecto de punto de entrega a Gas Galicia no p.k. 165,5 da N-550A, e ramal de subministración a Cerámicas da Moura, achegando a dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

As modificacións no trazado afectan os termos municipais do Porriño, Salceda de Caselas e Tui, e son as que se expoñen a continuación:

O trazado parte do polígono industrial As Gándaras, no concello de Porriño, á altura do p.k. 114,7 da liña férrea Monforte de Lemos-Tui. Segue paralelo á citada liña férrea, polo camiño de acceso ás oficiñas de Cerámicas Mas, percorrendo aproximadamente 180 m, punto onde cruza a autovía A-55 e a antiga nacional N-550-A.

Durante 1.950 m descorre paralelo á nacional 550-A, pola súa marxe esquerda, atravesando os tres concellos citados, ata chegar á altura do p.k. 165,5. A partir deste punto parte o ramal de subministración a Cerámicas Moura, S.L.

O diámetro do ramal principal-punto de entrega a Gas Galicia é de 6", e do ramal a Cerámicas Moura de 2".

O encanamento será de aceiro segundo especificacións API 5L, en calidade GrB ou equivalente.

A lonxitude total do ramal é de 2.376 m.

O orzamento ascende a dezaseis millóns seiscentas sesenta e cinco mil trescentas setenta pesetas. (16.665.370 ptas.).

Cuarto.-Por resolución desta dirección xeral do 9 de marzo de 1999 someteuse a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, sendo publicada no Diario Oficial de Galicia do 21 de abril de 1999, no BOP de Pontevedra do 9 de abril de 1999 e no xornal Faro de Vigo do 25 de marzo de 1999, e exposto igualmente no taboleiro de anuncios dos concellos do Porriño, Salceda de Caselas e Tui.

Quinto.-Durante o período legalmente establecido non se presentou ningunha alegación ó proxecto.

Sexto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Sétimo.-A solicitude obxecto deste expediente conta co informe favorable da Delegación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 9 de decembro, e 1775/1967, do 22 de xuño, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento.

Segundo.-O proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así coma as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Enagás, S.A. procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Enagás, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia nos tramos reflectidos no punto terceiro dos antecedentes, correspondentes ós termos municipais do Porriño, Salceda de Caselas e Tui.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar a Enagás, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se recollen no proxecto de punto de entrega a Gas Galicia no p.k. 165,5 da N-550A, e ramal de subministración a Cerámicas da Moura, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira.-En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento xeral de servicio público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e normas que o completan; o Regulamento sobre instalacións de almacenamento de gases licuados de petróleo (GLP) en depósitos fixos para o seu consumo en instalacións receptoras, aprobado por Orde do 29 de xaneiro de 1986, e demais normativa e directrices vixentes.

Segunda.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses a partir da data desta resolución.

Terceira.-As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa concesionaria, subscrito polo enxeñeiro Julián Díez Gómez, con orzamento de dezaseis millóns seiscentas sesenta e cinco mil trescentas setenta pesetas.

Cuarta.-As características e datos básicos das instalacións que se autorizan son as seguintes:

a) Gas que se distribuirá: gas natural.

b) Presión de distribución: 16 bar.

c) Rede de distribución:

-O encanamento será de aceiro, segundo especificación API 5L, en calidade GrB ou equivalente.

-Caudal punta horario: 2.550 m(n)/h.

-Diámetros das canalizacións: 6" e 2".

-Lonxitude da rede: 2.376 m.

Quinta.-Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes afectados. Antes do levantamento da acta de posta en marcha recadará da empresa distribuidora os ensaios e probas oportunas, así coma o certificado de dirección e remate de obra, asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente, no que conste que a construcción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo co proxecto correspondente, acreditando así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta.-Enagás, S.A. deberá inicia-la subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data na que a delegación provincial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima.-As instalacións receptoras de gas deberán cumpri-la normativa específica aplicable para a súa posta en servicio.

Oitava.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Novena.-A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria

e Comercio, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria