Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Xoves, 26 de agosto de 1999 Páx. 10.640

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO (66/1997).

En Santiago de Compostela o dezasete de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Tendo sido vistos os presentes autos de xuízo de faltas número 66/1997, por José Espinosa Lozano, maxistrado xuíz de Instrucción número un desta cidade, dictouse esta resolución con base no que se dirá, sendo denunciantes os policías locais con carnés 058 e 106, Sres. Painceira e Mourelos e sendo denunciado José Manuel López Mato. Intervén o Ministerio Fiscal.

I. Antecedentes.

Primeiro.-As actuacións teñen a súa orixe na denuncia que os policías locais ó comezo indicados puxeron na Comisaría de Santiago con data do 5

de abril de 1997 e pola cal acusaron ó Sr. López Mato de empregar con eles modais despectivos e ofensas leves, como axentes da autoridade no exercicio das súas funcións e como consecuencia dunha incidencia xurdida polo mal aparcamento do camión denunciado.

Segundo.-Reputados falta os feitos, celebrouse a vista oral o 14 de outubro de 1997, co resultado que consta e na que o Ministerio Fiscal solicitou con base no artigo 634 do Código Penal a imposición dunha multa contra o denunciado, de 10 días, cunha cota diaria de 2.500 ptas.

II. Feitos probados.

Único.-Do estudio ponderado das actuacións, en especial do actuado na vista oral, non se acredita que López Mato, dirixíndose ós policías denunciantes tras requirir estes que quitara de onde estaba o seu camión mal aparcado, lles dixera: «súanme os collóns o que digades, mentres non acabe de descargar, non saco o coche, xa nos veremos de paisano por aí, xa vos direi o que é bo».

III. Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Non se acreditan os feitos a que se refire o atestado, pois as testemuñas, Luis Lorenzo Cedeira e Juan A. López Espiñeira, que manifestaron estar presentes na incidencia polo aparcamento, non dixeron ter oído as expresións inxuriosas ou vexatorias denunciadas, polo que ante as manifestacións contradictorias das partes e o reforzamento da declaración do denunciado coas testemuñas referidas, só cabe dictar sentencia absolutoria con tódolos pronunciamentos favorables.

Segundo.-Non existen custas. De habelas, declararanse de oficio (artigo 123 do Código Penal, a sensu contrario).

Decido que absolvo a José Manuel López Mato de responsabilidade penal polos feitos que se lle imputan.

Así, por esta sentencia, que lles será notificada ás partes coa advertencia de que contra ela poderán interpor recurso de apelación ante este xulgado para a Audiencia Provincial da Coruña, no prazo de cinco días desde a última notificación, e da que se unirá certificación ás actuacións orixinais para a súa notificación e cumprimento, pronúncioa, mándoa e asínoa.

Publicación: lida e publicada foi a anterior sentencia por José Espinosa Lozano, maxistrado xuíz de instrucción número un, que a dictou constituído en audiencia pública, no día da data. Dou fe.

Rubricado