Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 10 de agosto de 1999 Páx. 10.126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de agosto de 1999 pola que se modifica o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador.

Por Orde do 17 de marzo de 1988, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia recoñeceu a denominación de orixe Rías Baixas para os viños producidos nesta zona vitivinícola. Seguidamente, por Orde do 4 de xullo de 1988, aprobouse o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador.

Posteriormente, por Orde do 23 de outubro de 1996, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, aprobouse un novo Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador, que foi posteriormente modificado por Orde do 9 de xullo de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Dado que esta denominación foi crecendo dunha forma ordenada, alcanzando un bo grao de desenvolvemento tanto a nivel productor coma de industrias elaboradoras, e estudiados os criterios técnicos presentados polo consello regulador para a ampliación da denominación de orixe Rías Baixas.

En consecuencia, por petición do sector interesado e de conformidade co artigo 30.I.3º e 4º do Estatuto

de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 4º do Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas, aprobado por Orde do 23 de outubro de 1996, que queda redactado como se expresa a continuación:

Artigo 4º

A zona de producción dos viños protexidos pola denominación de orixe Rías Baixas está constituída polos terreos que o consello regulador considere aptos para a producción de uvas das variedades que se indican no artigo 5º, coa calidade necesaria para obter viños das características específicas dos amparados pola denominación, e que se encontren nos termos municipais e lugares que compoñen as subzonas seguintes:

a) Subzona Val do Salnés: concellos de Cambados, Meaño, Sanxenxo, Ribadumia, Meis, Vilanova de Arousa, Portas, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Barro, O Grove e A Illa de Arousa.

b) Subzona Condado do Tea: concellos de Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente e Salceda de Caselas, así como as parroquias que se citan dos seguintes concellos:

-Concello da Cañiza: na parroquia de Valeixe.

-Concello de Tui: nas parroquias de Guillarei, Páramos, Baldráns e Caldelas de Tui.

-Concello de Ponteareas: nas parroquias de Angoares, Arcos, Areas, Bugarín, Cristiñade, Fontenla, Moreira, Nogueira, San Mateo de Oliveira, Ponteareas e Ribadetea.

-Concello de Mos: na parroquia de Louredo.

c) Subzona O Rosal: concellos do Rosal, Tomiño e A Guarda, así como as parroquias que se citan dos seguintes concellos:

-Concello de Tui: nas parroquias de Pexegueiro, Areas, Malvás, Ribadelouro, Rebordáns, Pazos de Reis, Randufe e Tui.

-Concello de Gondomar: nas parroquias de Mañufe e Vilaza.

d) Subzona Soutomaior: concello de Soutomaior.

Disposición derradeira

A modificación da Orde do 23 de outubro de 1996, aprobada por esta orde, entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria