Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 10 de agosto de 1999 Páx. 10.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 238/1999, do 15 de xullo, polo que se publica a adaptación á Lei de Administración local de Galicia dos estatutos do consorcio para o Servicio Contra Incendios e Salvamento das comarcas de Deza-Tabeirós-Terra de Montes.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferidas, entre outras, as competencias sobre prevención e extinción de incendios.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servicio fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Este feito aconsellou que a Xunta de Galicia elaborara o plan galego de dotación de parques contra incendios urbanos baseado en criterios de racionalidade técnica e económica que permita dota-la Comunidade Autónoma dun servicio integrado de extinción de incendios que garanta este servicio en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e a dificultade técnica da extinción, sendo o Parque Comarcal Contra Incendios e Salvamento de Deza-Tabeirós-Terra de Montes un dos parques previstos no plan galego.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinteseis de decembro de mil novecentos noventa e seis, aprobou os estatutos do consorcio para o Servicio Contra Incendios e Salvamento das comarcas de Deza-Tabeirós-Terra de Montes, autorizando a participación da Xunta de Galicia no mencionado consorcio.

Por outra banda, coa entrada en vigor da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, foi necesario adapta-los estatutos do consorcio conforme as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da devandita lei.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xullo de mil novecentos noventa e nove

DISPOÑO:

Artigo único.-De acordo co establecido nos artigos 141 e 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, publícanse os estatutos do consorcio para o Servicio Contra Incendios e Salvamento das comarcas de Deza-Tabeirós-Terra de Montes trala súa adaptación a ela, figurando como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Consorcio para o Servicio Contra Incendios

e Salvamento das comarcas de Deza-Tabeirós-Terra

de Montes

A Comunidade Autónoma de Galicia ten asumidas competencias sobre prevención e extinción de incendios e protección civil.

A necesidade dunha resposta eficaz dos servicios de salvamento ante calquera circunstancia que poida supoñer un perigo para a vida das persoas ou para os seus bens, así como a optimización e racionalización dos medios e recursos dispoñibles, fai necesaria unha organización axeitada destes servicios en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra parte, os servicios de prevención e extinción de incendios e salvamento non se desenvolveron de forma suficiente dando unha cobertura axeitada a toda Galicia e non sempre se ten posibilidades para intervir dunha maneira rápida e eficaz.

Doutra banda, conforme a decisión do Consello da Unión Europea do 29 de xullo de 1991, pola que se crea o número único para as chamadas de urxencia denominado un un dous (112), o Goberno da Xunta de Galicia, en setembro de 1997, acordou a prestación do servicio público de atención de urxencias en Galicia a través do número telefónico 112, no que deberán quedar integrados os Servicios Contra Incendios e Salvamento como Centros Asociados do Servicio 112, e un deles será o das comarcas de Deza-Tabeirós-Terra de Montes.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Ó amparo do establecido na lexislación vixente, constitúese un consorcio entre a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e os concellos que se relacionan no anexo I, que son os que integran as comarcas de Deza-Tabeirós-Terra de Montes.

Artigo 2º

Para a constitución do consorcio requírese acordo de constitución e de aprobación definitiva dos seus estatutos por parte dos plenos da Deputación Pro

vincial de Pontevedra e dos concellos que o integren, así como acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que decida formar parte do consorcio:

-Os estatutos aprobaranse mediante decreto da Xunta de Galicia que se publicará no DOG xunto co texto íntegro dos estatutos.

-Unha vez publicados os estatutos, o alcalde do concello onde radique o consorcio convocará a tódolos representantes das entidades que o integran co fin de elixi-los órganos rectores e inicia-lo funcionamento do consorcio.

Artigo 3º

O consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran e capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios.

Artigo 4º.-Enderezo.

O consorcio terá a súa sede no parque de bombeiros no Concello de Silleda.

Artigo 5º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto do consorcio a prestación, en réxime de xestión directa, do Servicio de Contra Incendios e Salvamento.

O fin do servicio será o salvamento de persoas e bens, a extinción de incendios e a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro e situacións de risco e o asesoramento e a asistencia en materia de seguridade, e sempre que se faga precisa a súa colaboración.

Artigo 6º.-Ámbito de actuación.

1) O servicio que presta o consorcio esténdese ós concellos consorciados.

Así mesmo actuará fóra do ámbito que lle é propio nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando fose requirido para iso, sempre que o demanden os órganos competentes, e o autorice o presidente do consorcio.

2) O consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ó cumprimento dos fins expresados no artigo anterior.

3) Formará parte da rede de urxencias do Servicio 112-SOS-Galicia, de acordo co protocolo de actuación que para o efecto se establecerá.

Artigo 7º.-Regulación dos servicios.

O consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servicios.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º.-Os órganos de goberno do consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Presidente.

-Xerente.

Artigo 9º.-Composición do pleno.

O pleno do consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

-O alcalde de cada un dos concellos consorciados ou un concelleiro, designados nos seus respectivos plenos, que poderá substituílo.

-Dous representantes da Deputación Provincial de Pontevedra, designados polo presidente da diputación.

-Dous representantes nomeados pola Xunta de Galicia, designados pola consellería con competencias en materia de protección civil.

Con voz pero sen voto:

-Un funcionario do concello onde radique a sede do consorcio para efectua-las funcións do secretario.

Artigo 10º.-Presidente e vicepresidente.

Os cargos do presidente e vicepresidente serán ocupados polos alcaldes dos concellos que forman parte do consorcio, rotando de forma bianual.

Serán designados polo pleno para o primeiro mandato establecéndose igualmente no mesmo acto a quenda de rotación.

O presidente exercerá as competencias que se lle atribúen nestes estatutos.

O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias có presidente, durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Nomeamentos e cesamento dos representantes.

Os membros do pleno poderán ser cesados por acordo do mesmo órgano que os nomease.

Artigo 12º.-As atribucións do pleno serán as seguintes:

a) Aprobación do orzamento da entidade.

b) Aprobación das contas anuais e as operacións de crédito que poidan contratarse.

c) Aprobación de modificación e liquidación dos orzamentos.

d) Aprobación da memoria anual de actividades.

e) Iniciativa para a integración de novos entes e separación de membros do consorcio.

f) Aprobación do cadro de persoal orgánico.

g) Aprobación do programa anual.

h) Proposta de rectificación ou modificación dos estatutos.

i) Aprobación dos regulamentos que considere pertinentes dentro das súas competencias, así como as normas de funcionamento do propio pleno.

j) O control da actuación do xerente.

k) Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro, con administracións públicas ou entidades privadas.

l) Aprobación de proxectos de obras e servicios.

m) Aprobación de pregos de cláusulas administrativas e pescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servicios e subministracións que sexan da súa competencia. A adxudicación dos diversos tipos de contratos previstos na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas de acordo cos artigos 310 e seguintes da Lei 5/1997, de réxime local de Galicia.

n) A administración do patrimonio.

ñ) Sinala-lo enderezo do consorcio.

o) En xeral tódalas funcións que non están atribuídas dun modo expreso a outro órgano do consorcio.

Artigo 13º.-Competencias do presidente do consorcio.

Serán funcións propias do presidente as seguintes:

a) Te-la representación legal del para tódolos efectos.

b) Aproba-la orde do día, convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, así como dirixi-las deliberacións do pleno.

c) Decidi-los empates nos acordos co seu voto de calidade.

d) Vixia-lo cumprimento e a publicación dos acordos do pleno.

e) Presenta-lo proxecto de orzamento ordinario.

f) Supervisa-lo funcionamento administrativo e técnico do consorcio.

g) Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo ós orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

h) Delegar funcións no vicepresidente ou no órgano que considere.

i) As demais competencias que lle atribúan as normas legais da Comunidade Autónoma; así mesmo recoñeceranse as competencias en materia de contratación establecidas para o presidente das entidades locais no artigo 314.1º a) da Lei 5/1997.

Artigo 14º.-Xerente.

1. O xerente é o órgano ó que correponde realiza-la xestión ordinaria dos asuntos de competencia do pleno, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente e será nomeado polo pleno entre persoas que posúen a formación axeitada que os capacite para realiza-las funcións propias do cargo.

2. Serán funcións do xerente:

a) Dirixir e xestiona-lo servicio e resolve-los asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presenta-lo anteproxecto de orzamentos, os plans de actuación e o programa de necesidades do consorcio.

c) Prestar asistencia técnica ó presidente e ó pleno.

d) Informa-los asuntos que deban tratarse nas sesións do pleno.

e) Exerce-la xefatura do persoal ó seu cargo, así como propoñe-las reformas que supoñan unha mellora do funcionamento das dependencias e servicios.

f) Prepara-los expedientes para a adquisición de material e realización de obras de mellora e mantemento do servicio.

g) Propoñerlle ó presidente do consorcio os pagamentos que deben realizarse.

h) Propoñer e tramita-la contratación, destino, ascensos, excedencias, xubilacións, permisos e baixas do persoal do consorcio, segundo as disposicións legais vixentes.

i) Elabora-las estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servicios ó seu cargo, propoñendo as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servicio.

j) Asistir ás sesións do pleno con voz e sen voto.

k) As demais funcións que o pleno lle encomende.

Artigo 15º.-Secretario.

O secretario do pleno será un funcionario do concello onde radique a sede do consorcio, co título de licenciado en dereito.

As súas funcións serán:

a) Asistir ás reunións do pleno con voz, citando os compoñentes por orde do presidente e comunicando a orde do día.

b) Formalizar e cumpri-los acordos adoptados nas sesións, así como levantar acta deles.

c) Asesorar e asistir xuridicamente o pleno.

Capítulo III

Réxime funcional

Artigo 16º

1. O pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez cada dous meses.

2. Terá lugar unha sesión extraordinaria por petición do presidente cando o considere oportuno, ou por petición dun tercio dos membros do pleno.

Artigo 17º

1. O presidente convocará as sesións cunha antelación mínima de 5 días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do pleno.

2. O pleno constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros, que nunca poderá ser inferior a tres. Este quórum deberase manter durante toda a sesión.

En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou dos que legalmente os substitúan.

Artigo 18º

1. Os acordos do pleno adoptaranse, como regra xeral, por maioría dos membros presentes, agás nos supostos recollidos nos puntos 2 e 3 do artigo 215 da Lei 5/1997.

2. Cada representante do pleno terá un voto.

Capítulo IV

Do persoal

Artigo 19º

O persoal ó servicio do consorcio estará integrado por:

a) O persoal de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento.

b) O persoal que, tendo a titulación axeitada, atenda as funcións de: asesoramento legal, fe pública, control e fiscalización interna, económica e orzamentaria, contabilidade e tesourería, e administración en xeral.

Artigo 20º

A División ou Unidade Operativa de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento estará composta polo xerente, que será o xefe de servicio que realizará as funcións técnicas que lle son propias, así como as de dirección do resto do persoal; a escala operativa poderá estar formada por xefes de quenda, xefes de saída e bombeiros.

Artigo 21º

1. O persoal do consorcio terá carácter de funcionario ou laboral en atención ás funcións que desenvolvan.

2. As funcións deste persoal serán as que se determinan nas normas de réxime interior do consorcio.

Artigo 22º

O consorcio aprobará o seu propio cadro de persoal, de acordo co previsto e acordará a súa provisión polos sistemas legais establecidos.

Capítulo V

Réxime económico e financeiro

Artigo 23º

Para o cumprimento dos seus fins o consorcio disporá dos seguintes recursos:

a) As achegas por parte dos entes asociados.

b) Os créditos que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e da Deputación Provincial de Pontevedra.

c) As subvencións e outros ingresos do dereito público.

d) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

e) Ingresos de dereito privado.

f) Calquera outro recurso que puidera serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

g) O producto de operacións de crédito.

Artigo 24º

1. As contribucións de cada ente consorciado ó orzamento ordinario de ingresos do consorcio para cada ano efectuaranse da forma seguinte:

A Comunidade Autónoma de Galicia achegará o 40% da cantidade do total orzado do consorcio.

A Deputación Provincial de Pontevedra achegará o 40% da cantidade do total orzado do consorcio.

Os concellos consorciados contribuirán co equivalente ó 20% do dito orzamento, segundo a distribución que figura no anexo II de ratios e criterios de achega de ingresos destes estatutos.

2. O orzamento de ingresos do consorcio para cada exercicio económico será aprobado polo pleno.

Artigo 25º

1. Cada ente consorciado está obrigado a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atende-las súas obrigas económicas relativas ó consorcio.

2. Unha parte da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase por anticipado cada dous meses, na Tesourería do consorcio.

Artigo 26º

Os entes consorciados poderán ceder medios materiais ó consorcio. Os medios cedidos seguirán sendo propiedade do ente que fai a achega, ó que reverterán en caso de separación ou disolución do consorcio. No caso de que se constrúa un novo Parque Contra Incendios e Salvamento para o consorcio, os concellos consorciados están obrigados a achega-los medios tendentes a tal finalidade.

Artigo 27º

O orzamento do consorcio apróbao o pleno.

Este orzamento será elevado ós entes consorciados para o seu coñecemento.

Capítulo VI

Réxime xurídico

Artigo 28º

A actuación do consorcio rexerase polo establecido nestes estatutos, nos regulamentos de organización e réxime interior, os que se supeditarán ó ordenamento xurídico vixente.

Ó non establecido nas disposicións anteriores aplicaranse as leis reguladoras da Administración institucional e de función pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29º

A tódalas actuacións do consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Lei 7/1985, de bases do réxime local e o Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local e a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas. A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 30º

1. As modificacións estatutarias, así como as altas e baixas dos concellos integrantes do ente local consorciado seguirán o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997.

Nos dous casos, e previamente, procederase á liquidación dos compromisos e obrigas, así como das posibles responsabilidades a que houbese lugar.

A separación esixirá os seguintes requisitos:

a) Que transcorresen 5 (cinco) anos desde a incorporación do dito ente ó consorcio.

b) Ser solicitada a separación con 1 (un) ano de aviso.

c) Que sexa aprobada a separación en acordo plenario do ente.

Artigo 31º

1. Calquera que sexa o momento no que se adopte o acordo de incorporación ó consorcio dun novo ente non terá efectos ata a aprobación do orzamento ordinario do seguinte exercicio económico do consorcio.

2. No caso de que unha entidade das que integran o consorcio decida unilateralmente separarse del, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo.

Artigo 32º

1. Para a modificación dos estatutos do consorcio local así como para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997 para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. En caso de disolución do consorcio practicarase liquidación de tódolos seus bens e dereitos, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do consorcio, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ó consorcio.

Artigo 33º

O consorcio facilitaralles ós entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión, e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O pleno poderá dictar cantas disposicións complementarias sexan necesarias para o desenvolvemento destes estatutos.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Relación de concellos que integran as comarcas

de Deza-Tabeirós-Terra de Montes

Agolada

Dozón

Lalín

Rodeiro

Silleda

Vila de Cruces

Cerdedo

A Estrada

Forcarei

ANEXO II

Ratios e criterios de achega dos concellos

consorciados (20%)

Agolada 5,648 %

Dozón 2,528 %

Lalín 19,576 %

Rodeiro 5,200 %

Silleda 29,001 %

Vila de Cruces 7,856 %

Cerdedo 3,218 %

A Estrada 20,320 %

Forcarei 6,652 %