Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 09 de agosto de 1999 Páx. 10.097

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de xullo de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Meendinho.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Meendinho, con domicilio en Ourense, rúa Nosa Señora da Saínza, 14-1º B.

Supostos de feito.

1. José Manuel Aldea Moscoso, na súa calidade de representante da fundación, en escrito de 21 de maio de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra o día 26 de abril de 1998, ante o notario César Cunqueiro González-Seco, baixo o número 883 de protocolo por Bernardo Penabade Rei, Guadalupe-María-Lourdes Ces Rioboo, Ramón Piñeiro Almuiña, Rosa-María Verdugo Matés, María-Beatriz Arias López, José-Manuel Aldea Moscoso, María-Eugenia Pedreira Sánchez, Isaac Alonso Estravis, María-Manuela Rivera Cascudo, Carlos Penela Martín e ademais por Bernardo Penabade Rei, como mandatario, sen poder, de José-Ramón Rodríguez Fernández.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é contribuír para a plena normalización da lingua e a cultura galega ben como para a súa proxección e divulgación nacional e internacional. Así mesmo, terá como finalidade impulsar e promover ideas e proxectos que leven a un potenciamento dos históricos lazos culturais e lingüísticos con tódolos países de fala portugesa, especialmente co veciño Portugal. Estes fins inspíranse non só en razóns históricas senón tamén na idea da supresión de fronteiras culturais que se abre camiño na Europa actual.

Para o cumprimento destes fins, a fundación fomentará a literatura, artes plásticas, música tradicional e moderna, vídeo, cinema, etnografía, socioloxía, intercambios docentes, viaxes culturais e tódolos traballos que contribúan a unha maior relación de Galicia coa cultura portuguesa. As actividades referidas serán levadas a cabo pola fundación na medida en que o permitan os seus medios económicos e de acordo cos programas concretos que, en cada caso, sexan aprobados pola Xunta do Padroado.

4. O padroado da fundación estará constituído por Bernardo Penabade Rei como presidente, José-Manuel Aldea Moscoso como vicepresidente, María-Manuela Rivera Cascudo como secretaria e Rosa María Verdugo Matés como tesoureira.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Meendinho, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa ads

crición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de xullo de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Meendinho e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública