Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 06 de agosto de 1999 Páx. 10.052

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 235/1999, do 23 de xullo, polo que se desafecta do dominio público unha parcela que integra o inmoble onde se ubica o centro de educación secundaria do lugar coñecido como As Ferreiras, no termo municipal de Silleda (Pontevedra).

A Comunidade Autónoma ten a titularidade dun terreo de 15.797 m sito no lugar das Ferreiras (Silleda), onde se sitúa o instituto de ensino secundario de Silleda.

Con data do 3 de decembro de 1998, o Concello de Silleda solicita a cesión do centro de transformación de enerxía eléctrica que se atopa dentro dos terreos do dito instituto, pola necesidade de subministración para a luz pública de toda a zona de influencia do devandito centro de ensino.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que ten na actualidade adscrito o inmoble emitiu informe favorable da cesión solicitada, o que implica, á vista do disposto no artigo 24 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a conformidade coa desafectación do dominio público do devandito inmoble.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza de dominio público e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto 2º do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia e logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta da conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público unha parcela situada no lugar das Ferreiras, no termo municipal de Silleda, de aproximadamente 146 m que se segregará do predio matriz, que linda ó norte, coa propiedade colindante (que figurará na escritura do predio matriz) nuns 16 metros aproximadamente; ó sur, predio matriz nuns 9 metros aproximadamente; ó leste, predio matriz nuns 9 metros aproximadamente; ó oeste coa rúa de acceso ó centro escolar nuns 14 metros, por onde ten a entrada, e o predio matriz.

Dentro desta parcela, atópase un centro de transformación de enerxía eléctrica coas seguintes carácterísticas:

-Transformador de 250 kW-15/20 kV homologado.

-Cela de línea CML-SF6.

-Cela de protección CML-SF6.

-Cela de medida CBC-SF6.

Artigo 2º

O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte de Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda