Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 05 de agosto de 1999 Páx. 10.019

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral referente ó convenio colectivo da empresa FCC-UTE Estacionamientos Vigo (ORA).

Visto o texto do laudo arbitral sobre a determinación dos supostos en que procede aplica-la axuda familiar recollida no artigo 28 do convenio da empresa FCC-UTE Estacionamientos Vigo, concesionario do servicio da ORA neste concello, dictado por Julio Peláez Rodríguez o 22 de xuño de 1999 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito

de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a súa notificación á empresa e ós delegados de persoal.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 29 de xuño de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral

Julio Peláez Rodríguez, designado árbitro en acta de compromiso arbitral do 4 de xuño de 1999, no procedemento de solución de conflictos, de acordo co establecido no capítulo III, sección terceira, do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), procedemento con nº de referencia 9/99, no que son partes interesadas a empresa FCC-UTE Estacionamientos Vigo, e os delegados de persoal, en representación dos seus traballadores, oídas as alegacións das partes e visto o expediente instruído, procede a dirimi-la cuestión formulada mediante este laudo.

Antecedentes:

Primeiro.-O conflicto que se formula para resolución arbitral refírese, segundo consta na exposición dos feitos que o motivan, na determinación dos supostos en que procede aplica-la axuda familiar recollida no artigo 28 do convenio de empresa. Esta é a materia que someten ó procedemento arbitral e que deu orixe ó expediente que leva o número 9/99.

Segundo.-Ó persisti-la falta de acordo sobre a dita materia, ámbalas partes solicitaron a apertura do procedemento de arbitraxe previsto no artigo 20.2º.6 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, servicio de solución de conflictos, que deu lugar ó expediente de referencia, subscribindo a acta de compromiso para a arbitraxe sobre a aplicación do artigo 28 do convenio colectivo de empresa referente á axuda familiar.

Terceiro.-Notificado o árbitro da súa designación o 21 de xuño de 1999 e co fin de garanti-los principios de audiencia, contradicción e igualdade, mantívose reunión inmediata coas partes, á que compareceron, por parte da empresa, Ernesto Rodríguez Comesaña e, pola parte social, os delegados de persoal, Luis Cordovés

Álvarez, Carlos M. Landín Guillén e Miguel Ángel Santomé Otero.

Cuarto.-No trámite de comparecencia, as partes afirmáronse e ratificaron o contido da acta da comisión mixta paritaria, realizada nas oficinas da empresa en Vigo o día 12 de maio de 1999, que no seu punto 3º di textualmente:

«3º.-Ante a negativa da empresa a lle conceder a un traballador a axuda familiar recollida no artigo 28 do vixente convenio colectivo, e a retirada desta a outro traballador que a viña desfrutando desde tempo antes, alegando en ámbolos casos que as persoas con minusvalidez a cargo destes traballadores cobran xa unha pensión por parte da Seguridade Social, esta comisión considera:

A. Que no citado artigo non se fai ningunha mención a que o beneficiario cobre ou non cobre unha pensión nin en xeral ós seus ingresos familiares, e polo tanto non se especifica ningún límite ó cobro da dita axuda, neste sentido.

B. Non obstante, os representantes da empresa consideran que o mesmo termo de «axuda familiar» implica unha situación de precariedade por parte do posible beneficiario polo que o feito de cobrar ou non unha pensión e a contía desta si deben influír na concesión da dita axuda.

Esta opinión non é compartida polos representantes da parte social, polo que non se chega a ningún acordo ó respecto.

Fundamentos:

1. Este árbitro resolverá neste litixio un conflicto que xorde da falta absoluta de acordo sobre a determinación dos supostos en que procede aplica-la axuda familiar recollida no artigo 28 do convenio de empresa.

2. Que na súa tramitación, tanto no que respecta á promoción do procedemento, sinatura do compromiso arbitral, formulación das cuestións que hai que dirimir, designación de árbitro e a renuncia ó exercicio da folga e de peche patronal, e á utilización das vías administrativas e xurisdiccional para a solución de conflictos, cumpríronse os requisitos do AGA, especialmente os que se conteñen nos seus artigos 21, 22 e 23.

3. Que durante a tramitación do procedemento, o árbitro deu audiencia ás partes segundo o que preceptúa o artigo 24.1º do AGA, solicitándolle-los datos necesarios para coñece-las súas posturas, que no presente caso se concretou na ratificación do que consta no punto 3º da acta da comisión mixta paritaria que tivo lugar o 12 de maio de 1999.

4. Que as partes sinalaron na acta de compromiso arbitral que o árbitro debe axusta-la súa resolución a criterios de equidade, o que non significa que a resolución non deba ser motivada, xa que así o require o artigo 24.2º do AGA.

5. As posturas das partes implicadas no conflicto, segundo quedou recollido, son diametralmente opostas sobre a cuestión formulada e sometida a resolución arbitral, dándose a circunstancia, segundo consta no punto 3º da acta do 12-5-1999, de que a axuda familiar concedida a un traballador da empresa desde hai tempo,

lle foi retirada dunha forma unilateral pola empresa FCC-UTE Estacionamientos Vigo, cando tivo coñecemento da solicitude desa axuda formulada por un novo traballador.

6. Para dilucida-la cuestión sometida a arbitraxe temos, pois, que ir o que literalmente di o artigo 28º do convenio tantas veces mencionado de empresa, e que é do seguinte teor:

«Artigo 28º.-Axuda familiar. Os traballadores afectados por este convenio, que teñan ó seu cargo unha persoa diminuída física ou psíquica, de acordo coas estipulacións requiridas pola Seguridade Social e logo de xustificación, percibirán un complemento extrasalarial de 11.000 pesetas mensuais» (BOP nº 113, do 16 de xuño de 1999).

O artigo 1.281 do noso Código Civil contén no seu parágrafo 1º a norma primaria á que debe acudirse cando se indague a verdadeira intención dos contratantes (non hai que esquecer que o convenio goza da dobre condición de posuír corpo de contrato e alma de lei), de forma tal que deberá atenderse no sentido literal das cláusulas dos contratos cando este non deixe lugar a dúbidas sobre o contido das vontades das partes, caso no que é innecesario acudir ás demais regras de hermenéutica recollidas nos seguintes preceptos do C.C. de carácter subsidiario e aplicables unicamente cando aquela intención non resulte manifesta do teor literal das palabras utilizadas. O contido literal do mencionado artigo é o seguinte: «Se os termos dun contrato son claros e non deixan dúbida sobre a mención dos contratantes, aplicarase o sentido literal das súas cláusulas».

Ó non existir no noso Estatuto dos traballadores e lexislación social aplicable normas sobre interpretación de contratos, hai que acudir, con carácter supletorio, ó mencionado artigo 1.281 do C.C.

Sentado o anterior, se a cuestión sobre a que terá que versa-la arbitraxe é a aplicación do artigo 28º do convenio de empresa referente á axuda familiar e tal aplicación dependerá da interpretación que se lle dea ó dito artigo, de acordo coas regras contidas nos artigos 1.281 e seguintes do C.C., que neste caso se concreta na norma primaria do artigo 1.281, debemos manifestar e concluír que en tal artigo se recollen como únicas condicións para ter acceso á axuda familiar, a saber: a) diminición psíquica ou física dunha persoa; b) que a dita persoa con diminución estea a cargo do traballador afectado polo convenio colectivo; e c) como é lóxico, tales requisitos teñen que ser xustificados previamente para ter acceso ó recoñecemento, por parte da empresa, da axuda familiar e á posterior percepción da contía estipulada en convenio, no presente caso, de 11.000 pesetas mensuais, como complemento extrasalarial. En canto a acreditación da diminución psíquica ou física, o propio texto do

convenio dinos que será de acordo coas estipulacións requiridas pola Seguridade Social e, en relación ó segundo, acreditarase mediante certificación de convivencia expedida polo concello onde teña o seu domicilio o traballador solicitante de tal axuda.

Requirir, como así fai a empresa, unha nova condición para ter dereito á referida axuda, como é o cobro ou non dunha pensión con cargo á Seguridade Social por parte da persoa a cargo do traballador, para que este

teña ou non dereito á axuda do artigo 28º do convenio, ademais de ser, ó entender deste árbitro, unha interpretación inxusta deste, esquécese que o convenio colectivo é o resultado da suma de dúas vontades, social e empresarial, co que unha delas, neste caso a empresa, non pode arrogarse a potestade de esixir unha nova condición e, ademais, fixa-la contía mínima da pensión a partir da cal se deixa de ter acceso ó dereito recoñecido no artigo 28º, modificando así o establecido no texto do convenio pactado entre ámbalas partes.

Considerando suficientemente motivada a decisión en equidade, resolvo a cuestión dictando o seguinte laudo conforme o capítulo III, sección terceira do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

Único.-Para ter dereito un traballador pertencente á empresa FCC-UTE Estacionamientos Vigo ó recoñecemento e aboamento da axuda familiar establecida no artigo 28º do vixente convenio colectivo de empresa (BOP nº 113, do 16 de xuño de 1999), necesítase a conxunción de tres requisitos: a) diminución psíquica ou física dunha persoa; b) que esa persoa estea a cargo do traballador solicitante; e c) que ámbalas condicións se acrediten convenientemente ó solicita-la axuda.

Este laudo poderá ser recorrido ante a xurisdicción social nos termos establecidos no artigo 24.5º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA).

Vigo, 22 de xuño de 1999.

Julio Peláez Rodríguez

Árbitro