Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 05 de agosto de 1999 Páx. 10.018

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral referente ó convenio colectivo do sector das industrias do metal sen convenio propio.

Visto o texto do laudo arbitral sobre a entrada en vigor do acordo, asinado o 7 de xuño de 1999, en determinadas materias referentes ós conceptos de complementos de toxicidade, perigosidade e penosidade que serán de aplicación en tódalas empresas auxiliares e complementarias do sector naval, xa incluídas no ámbito de aplicación do convenio colectivo provincial para as industrias do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra (artigo 15), dictado por José Mª Casas de Ron o 16 de xuño de 1999 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspado de funcións e servicios da

Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a súa notificación ás asociacións ASIME e Instalectra, así como ás centrais sindicais, CC.OO., CIG e UGT.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 29 de xuño de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral

Expediente AGA 12/1999.

José María Casas de Ron, nomeado árbitro en acta de compromiso arbitral do 10 de xuño de 1999 polas partes do procedemento de solución de conflictos, con base no establecido no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), procedemento número de referencia 12/1999, no que son partes interesadas, dunha banda CC.OO., CIG e UGT, e doutra, a asociación empresarial ASIME, adheríndose Instalectra mediante acta de sometemento remitida na mesma data, 10-6-1999, como partes lexitimadas do convenio para as industrias do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra, resolvo a cuestión formulada, visto o expediente e oídas as partes, por medio do presente laudo.

Antecedentes:

O 7 de xuño do ano en curso asinouse acordo en determinadas materias referentes ós conceptos de complementos de toxicidade, perigosidade e penosidade que serán de aplicación en tódalas empresas auxiliares e complementarias do sector naval, xa incluídas no ámbito de aplicación do convenio colectivo provincial para as industrias do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra. No devandito pacto establécese que este acordo que se eleva e traslada á comisión paritaria do convenio provincial das industrias do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra, entrará en vigor o primeiro día do mes seguinte ó seu referendo pola comisión paritaria, a excepción da cláusula número 3, na que por non se ter acadado acordo entre as partes deste, por instancia da autoridade laboral, as mesmas partes pactan someter ó procedemento de arbitraxe do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), a decisión sobre o prazo de

aplicación da referida cláusula tendo en conta as últimas posicións fixadas polas partes diante da autoridade laboral, entre un mes e catro meses de prazo.

En definitiva, a cuestión que se somete a arbitraxe é a entrada en vigor da cláusula terceira do referido acordo, o cal se refire á aplicación de prazos nas empresas que non teñen afectuadas avaliación de riscos. No propio acordo establécese que o procedemento de arbitraxe terá en conta as últimas posicións das partes establecidas nun mes, proposto pola parte social e catro meses propostos pola parte empresarial.

O árbitro, na mesma data que a sinatura da acta de compromiso arbitral, que xa fora comunicada ó Servicio de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais o 7 de xuño, nomeando o árbitro que subscribe, comezou os trámites do procedemento e co fin de garanti-los principios de audiencia, igualdade e contradicción, mantivo inmediata xuntanza coas partes, comparecendo a este trámite por CC.OO., José Cameselle Romero; pola CIG, Antolín Alcántara Álvarez; por UGT, Guillermo Simón López e, por ASIME, Javier Martínez López, coa finalidade de resolve-la cuestión formuladas, resolución que se ve facilitada polo coñecemento que das diferentes cuestións tivo o árbitro como integrante, en representación da Inspección de Traballo, das mesas de negociación e

da conciliación que durante o conflicto formulado tiveron lugar.

Dous son, pois, os criterios que o árbitro manexa na cuestión que se debe dilucidar. Un, que a propia resolución do conflicto a través do acordo do 7 de xuño, e dada a materia obxecto do devandito pacto, ligado moi directamente coas condicións de traballo e coa mecánica da prevención de riscos, fai que o árbitro se cuestione un termo perentorio para a súa entrada en vigor e aplicación; e, por outra banda, valora-las dificulatades técnicas obxectivas que tal aplicación presentan en cuestión tan complexa como é a aplicación planificada e técnica dos mecanismos da prevención de riscos e as súas consecuencias derivadas, de atribución de determinados complementos de perigosidade, penosidade e toxicidade a postos de traballo.

A cuestión así formulada, como é obvio, hai que resolvela en equidade, e con base no propio coñecemento que o árbitro adquiriu no transcurso do conflicto e as posicións das partes reflectidas no seu acordo do 7 de xuño, remitido ó Consello Galego de Relacións Laborais, resolvo a cuestión dictando o seguinte laudo conforme o capítulo III do Acordo interporfesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, efectuándose no prazo sinalado no parágrafo 2 do artigo 24 do referido acordo.

Único.-A cláusula 3ª do acordo subcrito entre a CIG, CC.OO. e UGT, ASIME e Instalectra para a regulamentación de conceptos de complementos de penosidade, perigosidade e toxicidade, asinado o 7-6-1999, aplicarase ós dous meses de vixencia do acordo, conforme o procedemento que se establece para a entrada en vigor deste mesmo acordo, no seu parágrafo antepenúltimo.

O presente laudo poderá ser recorrido diante da xurisdicción social nos termos establecidos no parágrafo 4 do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos estraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA).

Dado en Vigo, 16 de xuño de 1999.

O árbitro

Rubricado