Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 19 de xullo de 1999 Páx. 9.339

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se lle dá publicidade ó laudo arbitral dictado ó abeiro do previsto no capítulo III do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo -AGA-, para a solución da controversia xurdida na negociación do convenio colectivo da empresa Parador Hostal de los Reyes Católicos de Santiago de Compostela.

Visto o texto do laudo arbitral do 30 de marzo de 1999 dictado ó abeiro do establecido no capítulo III do acordo interprofesional galego sobre proce

dementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo -AGA-, para soluciona-lo conflicto xurdido entre a representación social e a empresarial do Parador Hostal de los Reyes Católicos na negociación do convenio colectivo, presentado nesta delegación provincial con data do 11-6-1999, e en cumprimiento do artigo 2 f) e 6 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo en relación co artigo 90.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado laudo arbitral no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 18 de xuño de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Laudo arbitral.

Carlos Domenech de Aspe, designado árbitro no procedemento de arbitraxe promovido por escrito do 1 de febreiro de 1999, con data de entrada no Consello Galego de Relacións Laborais do 4 de febreiro, acordado polas representacións da empresa e dos traballadores do Parador Hostal de los Reyes Católicos, de acordo co establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dicta este laudo.

Antecedentes.

A falta de acordo na negociación do convenio colectivo da empresa Parador Hostal de los Reyes Católicos, de Santiago de Compostela, deriva nunha situación de conflicto coa convocatoria de folga por parte dos traballadores, para os días 31 de decembro de 1998 e 1 de xaneiro de 1999.

Como consecuencia da reunión que tivo lugar na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o 28 de decembro de 1998, levántase acta na que, entre outros, se chega ós seguintes puntos de acordo:

«1º Iniciación da mesa negociadora a partir do 1 de xaneiro de 1999, que fixará o calendario de reunións, establecéndose como data tope para o efecto de acadar acordo nos puntos controvertidos, o 30 de xaneiro de 1999.

2º As reunións de negociación abordarán os puntos pendentes obxecto de controversia, entre os que figuran como prioritarios os temas económicos.

3º No suposto de non chegarse a un acordo no prazo máximo establecido, que permita asina-lo convenio colectivo da empresa Parador Hostal de los Reyes Católicos, as partes someterán obrigatoriamente os puntos nos que non se chegou a acordo a unha arbitraxe de equidade, que levará a cabo Carlos Domenech de Aspe, no marco do Acordo Galego de Solución Extraxudicial de Conflictos (AGA)».

Mantida unha nova reunión na mesma sede, o 30 de decembro de 1998, chégase a un acordo, complementario do anterior, co único punto:

«Incremento do incentivo de ocupación a partir de 4 días anuais, que se distribuirán segundo os criterios que fixe a comisión negociadora do convenio colectivo en función da porcentaxe de ocupación, de acordo cos tramos xa establecidos no actual convenio».

Efectuadas varias reunións entre as partes e non chegando a acordo en tódolos puntos do convenio, promóvese o procedemento arbitral para que o árbitro, con criterio de equidade, resolva a controversia.

O árbitro convoca as partes, que comparecen o 19 de febreiro de 1999, coa asistencia de Pilar Cancela Rodríguez, do Consello Galego de Relacións Laborais, as representacións de empresa e traballadores, que lle expuxeron ó árbitro os puntos de desacordo e lle formularon as alegacións que consideraron convenientes. Nesta reunión requírese a presentación, por parte dos traballadores, dun informe coas consideracións sobre o obxecto da discrepancia, complementario do que xa constaba incorporado ó expediente pola representación da empresa.

Unha vez presentado o informe pola representación dos traballadores, o árbitro convoca, o 23 de marzo de 1999, unha representación das partes, concretando nesta reunión os puntos sometidos á arbitraxe e as posibilidades de converxencia nas posturas de cada unha delas.

Consideracións previas.

A cuestión previa por determinar é a concreción dos puntos do convenio nos que as partes non chegaron a acordo. Dos informes das partes e a fixación das posturas manifestadas nas comparecencias, chégase á conclusión de que a controversia se reduce ós seguintes puntos: vixencia do convenio, aplicación da reclasificación a unha parte dos traballadores, e condicións económicas para aqueles traballadores ós que non afecta a reclasificación.

Polo que se refire ó primeiro punto, a vixencia temporal do convenio, aínda que nun principio estivo acordada nos tres anos, a parte social por proposta da empresa, abriu a posibilidade da aceptación da ampliación a catro anos de vixencia, no caso de aproximación das posturas económicas.

A reclasificación dunha parte do cadro de persoal, acordada nas negociacións a relación dos traballadores os que afecta e o nivel para aplicarlle a cada un deles, mantivo o punto de controversia no seu

condicionamento a que se acaden determinados índices de ocupación. Aceptada pola parte social a efectividade da reclasificación en tres prazos, ese condicionamento a chegar a unhas porcentaxes, segundo se fixo patente nas reunións mantidas, atenúase se as cifras que se deben fixar se establecesen con criterios que as fixesen máis razoablemente acadables, barallándose nas manifestacións as que poderían facer posible o achegamento.

No que se refire ós traballadores non afectados pola reclasificación, para os que as partes enfocaron a vía do incremento de ocupación como a máis viable para acadar un achegamento das súas posturas, a solución de aumentar para eles os días de haber en función dos cuartos ocupados e cun condicionamento porcentual similar ó que se formula para os reclasificados, poderá se-lo camiño máis acorde coa vontade manifestada polas partes.

Cómpre, por último, precisa-lo punto reflectido polas representacións empresarial e social, referente a cómo, incrementado agora o número de días na escala do incentivo de ocupación, debería considerarse establecida a dita escala, unha vez rematada a vixencia do convenio colectivo para futuras negociacións.

Por tódalas consideracións apuntadas, dicta a seguinte:

Resolución.

Procedéndose a redacta-lo convenio colectivo nos termos acordados polas partes nas negociacións, deberán terse en conta as seguintes consideracións en relación cos puntos sometidos a decisión arbitral:

1º A vixencia temporal do convenio colectivo deberá ser establecida nun prazo de catro anos. En consecuencia, abrangue os anos 1998, 1999, 2000 e 2001.

2º Procederase á reclasificación, afectando os traballadores e niveis nos que se chegou a acordo previo e este procedemento, e farase efectiva economicamente en tres partes. A aplicación destes tercios realizarase nos anos e cos condicionamentos seguintes: o primeiro tercio farase efectivo a partir do 1 de xaneiro do ano 1999, sempre e cando o nivel de ocupación do ano 1998 acadase a porcentaxe do 78 %. O segundo tercio farase efectivo a partir do 1 de xaneiro do ano 2000, sempre e cando o nivel de ocupación do ano 1999 acadase a porcentaxe do 82 %. O terceiro tercio farase efectivo a partir do 1 de xaneiro do ano 2001, sempre e cando o nivel de ocupación do ano 2000 acadase a porcentaxe do 78 %.

3º Para aqueles traballadores non afectados pola reclasificación incrementarase a actual táboa de incentivos no número de días e en relación coas porcentaxes seguintes: catro días no ano 1999, acadado no ano 1998 o 78 % de ocupación, catro días no ano 2000, acadado no ano 1999 o 82 % de ocupación, e catro días no ano 2001, acadado no ano 2000 o 78 % de ocupación.

4º Na redacción do convenio incorporarase unha cláusula que garanta que a escala de remuneración en función dos cuartos ocupados, unha vez rematada a vixencia temporal que determina o seu articulado, se entenderá que consolidou, para os traballadores non reclasificados, un incremento de catro días no tramo superior ó 70 %, e un día máis se supera o 75 % sobre a establecida antes da entrada en vigor deste convenio.

Este laudo poderá ser impugnado perante a xurisdicción social, de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

A Coruña, 30 de marzo de 1999.

Carlos Domenech de Aspe

Árbitro