Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 19 de xullo de 1999 Páx. 9.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de limpeza de institucións hospitalarias da Seguridade Social de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo de limpeza de institucións hospitalarias da Seguridade Social de Ourense (código convenio nº 3200395), con entrada nesta delegación provincial o día 8-6-1999, subscrito en representación da parte económica, Asociación de Empresarios de Limpeza das Institucións Hospitalarias do Insalud de Ourense, e da parte social, centrais sindicais: CIG e Comisións Obreiras, o día 3-5-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación (UMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 14 de xuño de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de limpeza de institucións

hospitalarias da Seguridade Social da provincia

de Ourense

Artigo 1º

O presente convenio colectivo afecta ás empresas dedicadas á limpeza de institucións hospitalarias pechadas da Seguridade Social en Ourense e a tódolos traballadores dependentes destas empresas que presten os seus servicios nas institucións hospitalarias pechadas de Seguridade Social da provincia de Ourense.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio empezará a rexer desde a súa aplicación no BOP de Ourense; non obstante, os seus efectos económicos serán desde o 1 de xaneiro de 1999 e rematarán o 31 de decembro de 1999. Ó remate da vixencia do presente convenio colectivo manterán a súa vixencia todas e cada unha das súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte. O convenio prorrogarase pola tácita de ano en ano, se calquera das partes non o denunciase, polo menos con tres meses

de antelación ó termo da súa vixencia. A fórmula de denuncia será mediante comunicación da parte denunciante á outra parte na que expresará o desexo de denunciar e negociar un novo convenio.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas e situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas con respecto ó presente convenio subsistirán para aqueles que as veñen desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas terá que computarse o melloramento económico que supón o presente convenio.

Artigo 4º.-Salario base, complemento de destino, complemento de productividade fixo e C. específico.

O importe que se aboará nestes conceptos especificarase nos anexos I e II deste convenio. Serán os mesmos que por este concepto cobren os limpadoras e os pinches da Seguridade Social durante o ano 1999 e para o resto das categorías aumentarán en proporción correspondente ás táboas salariais de 1998.

No caso de que se produza revisión dos salarios do persoal do Sergas, procederase a unha revisión salarial que será aplicada as táboas de salarios na mesma contía.

Artigo 5º.-Complemento quenda fixa.

Todos aqueles traballadores que estean en quenda fixa, é dicir, en réxime de prestación de servicios que non comporte rotación, percibirán un complemento mensual de 2.690 ptas.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os traballadores fixos comprendidos/as no ámbito de aplicación deste convenio desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico por cada tres anos de servicios prestados no mesmo centro de traballo, na contía do 5% do salario base por cada trienio.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá dúas gratificacións extraordinarias, unha en xullo e outra no Nadal, cada unha delas de 30 días de salario base máis antigüidade, máis o complemento de destino. As pagas extras serán aboadas respectivamente antes do 30 de xullo e 24 de decembro.

Artigo 8º.-Gratificación domingos, festivos e nocturnos.

O persoal que preste os seus servicios en domingos, festivos e traballos nocturnos, percibirá a mesma cantidade que por este concepto se lle aboe ó persoal de pinches do Sergas. O compelento de traballo en domingos e festivos será de 2.950 ptas./día de traballo. Por noites fixas percibiranse 10.683 ptas. durante a primeira e segunda semana e 8.845 en caso de tratarse da terceira ou cuarta.

Artigo 9º.-De toxicidade, perigosidade e penosidade.

Estas gratificacións aboaranse na contía que en cada momento estableza a lexislación vixente nestas materias.

Artigo 10º.-Xornada de traballo e descansos.

A xornada laboral para 1999 será a mesma do persoal do Sergas. As libranzas a que terán dereito os traballadores serán as mesmas que desfruta o persoal do Sergas, que nestes momentos son as seguintes:

-Os correspondentes ó terceiro sábado.

-Descanso quincenal (dous ó mes).

-Os días 29, 30 e 31 de marzo.

-Os días 20, 21, 22, 23, 24 e 27 de decembro.

Destes 9 días de descanso 5 son de libre disposición do traballador, dos cales 3 se desfrutarán no primeiro semestre e 2 no segundo. Farase a petición por escrito con 10 días de antelación ás datas solicitadas. No caso de acumulación de solicitudes para u mesmo día, de tal maneira que supoña un quebranto na organización do servicio, procederase de común acordo co comité a un sorteo para determina-las persoas que desfrutarán eses días. Non se poderán acumular a períodos de vacacións de cada traballador.

Se durante este ano aumentan os días de libranza do persoal do Sergas, reunirase a comisión paritaria para estudia-la posible aplicación neste convenio.

Se durante a vixencia do presente convenio se producise algún cambio de adxudicatario na prestación do servicio de limpeza dos centros ós que é de aplicación, serán conta de cada un dos adxudicatarios o aboamento das cantidades correspondentes ós descansos quincenal e de terceiro sábado non desfrutados polos traballadores durante a vixencia das súas respectivas adxudicacións, ou ben o desfrute acumulado deles sempre que se produza durante a vixencia das adxudicacións baixo as cales estes non foron desfrutados.

No que ós restantes descansos non desfrutados fai referencia, será de conta dos adxudicatarios o aboamento ou desfrute acumulado deles, sempre en estricta proporción ós períodos de vixencia das respectivas contratas, de tal maneira que cada unha delas se faga cargo dos días non descansados en proporción ó tempo de duración da adxudicación.

No suposto de que fosen os domingos ou festivos os non desfrutados, procederase para que actúen os mecanismos de compensación previstos no presente convenio, pero sempre considerando os períodos en que estes non foron desfrutados, procedendo entón de igual forma cá prescrita no parágrafo primeiro da presente disposición.

Artigo 11º.-Festivos.

O traballador que desenvolva a súa xornada laboral en domingo ou festivo, de mutuo acordo coa empresa poderá:

a) Desfrutar en compensación dun día de descanso semanal.

b) Percibir aboamento correspondente segundo a normativa vixente.

c) Acumula-lo descanso ós días de vacacións regulamentarias.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio non se realizarán horas extraordinarias de carácter normal; non obstante poderán realizarse as horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural. Consideraranse horas extraordinarias motivadas pola forza maior, as traballadas e empregadas na reparación de sinistros ou as que realicen para prevelos. E as horas estructurais, as que con carácter extraordinario e esporádico se efectúen no seo dunha empresa para cubri-la realización dun traballo que non foi posible prever nin substituír por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei. Enviarase á delegación de Traballo informe mensual da realización e motivos destas horas e será realizado conxuntamente polo comité de empresa e a direccion e, se é o caso, polos delegados ou delegado de persoal.

O incumprimento do pactado neste artigo, así como o referente ó artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, e RDL 1985, do 20 de agosto, considerarase falta grave para efectos do disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Licencias.

Logo de solicitude dos traballadores afectados, concederase licencia retribuída e polo tempo que se indica, nos casos seguintes:

-Polo matrimonio do traballador: 15 días naturais.

-Polo matrimonio de fillos/as: 1 día natural.

-Polo parto da esposa ou convivente: 3 días naturais se é na provincia e 5 días se é fora dela. Se fora por cesárea, os días por parto poden desfrutarse ó saír do centro hospitalario.

-Polo falecemento de cónxuxe, convivente ou familiares en primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade, é dicir: pais, nais, fillos, avós, netos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos, fillos políticos, avós políticos e netos políticos: 3 días naturais se é na provincia e, se é fora dela, 5 días naturais.

-Polo falecemento de parentes no terceiro grao, é dicir, tíos, bisavós políticos, biznetos políticos e sobriños políticos: 1 día natural.

-Nos demais casos aterémonos ó disposto na lexislación vixente.

-No caso de asistencia ó médico, o tempo necesario con xustificación e cun máximo de 3 horas. No caso de desprazamento ó especialista terase en conta a distancia e en consecuencia o tempo indispensable.

Artigo 14º.-Excedencias.

Todo traballador cunha antigüidade de, polo menos, un ano na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza a súa situación de excedencia voluntaria por un período máximo de 5 anos, non perdendo en ningún caso a antigüidade que tiña no momento de solicitala e sendo obrigatorio para a empresa a concesión da excedencia. En caso de excedencia por maternidade será ata 3 anos, con reserva de posto de traballo o primeiro ano.

Artigo 15º.-Cambio de posto de traballo por embarazo.

As mulleres terán dereito a cambiar de posto de traballo, co fin de que en nignún caso estean obrigadas a desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos e infecciosos que supoñan perigo para o seu estado.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

Concederáselle a todo o persoal axeitada e regulamentaria roupa de traballo, funda para o persoal masculino e bata para o persoal feminino cada seis meses, zapatillas cada tres meses, luvas cada vinte días e zocos cada nove meses. O persoal terá que devolve-la roupa e utensilios utilizados no momento que se produza a substitución.

Artigo 17º.-Incapacidade laboral transitoria.

O traballador que cause baixa por accidente laboral, non laboral, maternidade ou enfermidade común, percibirá o cen por cento do salario convenio desde o primeiro día da baixa, incluídas as pagas extras.

Artigo 18º.-Extinción do traballo na contrata correspondente.

O persoal de limpeza que realice a súa xornada nun centro de traballo durante un período mínimo de dous meses, no caso de cesamento da contrata, terá dereito a continuar coa nova empresa adxudicataria cos servicios de limpeza do centro. Esta nova empresa adxudicataria terá a obriga de absorber a este persoal respectándolle a antigüidade e demais dereitos adquiridos.

Artigo 19º.-Garantías dos cargos sindicais.

Por mor de situacións concretas, como son a confección do cadro de horarios, calendario de vacacións, e acordo para a negociación colectiva, o empresario facultará o reunirse nos locais da empresa ós traballadores e ós representantes sindicais durante a xornada de traballo, sen que poida excederse dunha hora en tales casos e de común acordo para a desiganción do día e hora, sen menoscabo da realización de traballos urxentes que puideran xurdir.

Artigo 20º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará dun mes natural de vacacións anuais retribuídas.

As vacacións tomaranse entre o 1 de xuño e o 30 de setembro; non obstante, o persoal que desexe toma-las vacacións no resto dos meses do ano e sempre de acordo coa empresa, recibirá unha bolsa estrasalarial de 7.000 ptas. durante o período de vacacións.

Non obstante o réxime xeral de desfrute entre xuño e setembro, para o presente ano 1999 desfrutaranse entre xullo e setembro.

Os traballadores que, no momento de desfrutaren as vacacións, atópense de baixa por enfermidade ou accidente, terán dereito a desfrutalas inmediatamente despois de producirse a alta e dentro do ano natural.

Elaborarase un calendario de vacacións en cada empresa de acordo entre empresa, traballador e comité, de tal xeito que os traballadores desfruten das súas vacacións rotativamente respectando a lexislación vixente. O persoal da quenda de noite percibirá tamén a gratificación de nocturnidade na retribución de vacacións.

Artigo 21º.-Control médico.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a efectuar unha revisión médica anual.

A revisión será por conta da empresa, farase en horas de traballo e os resultados do recoñecemento médico entregaránselles ós traballadores.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio e, en xeral, para cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria que estará integrada polos seguintes membros:

Parte económica: Asociación de Empresarios de Limpieza de Instituciones Sanitarias del Insalud de Ourense.

Parte social: centrais sindicais asinantes do presente convenio: (Confederación Intersindical Galega e Comisións Obreiras).

Artigo 23º.-Xubilacións.

Todo traballador afectado polo presente convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos ó amparo do previsto no RDL 15/1981, do 28 de agosto, suposto no cal a empresa se verá obrigada a contratar outro traballador perceptor de desemprego ou mozo demandante do primeiro emprego, a través dun contrato de idéntica natureza.

Artigo 24º.-Contratación.

As empresas adxudicatarias do servicio de limpeza de hospitais non poderán contratar persoal a través das empresas de traballo temporal (ETT) tanto para substitucións de vacacións, IT, etc. ou para calquera posto de traballo (ampliación de cadro de persoal, postos de nova creación, etc.).

Artigo 25º.-Copia básica do contrato.

As empresas entregaranlles ós representantes legais dos traballadores unha copia básica de tódolos contratos de traballo que deban realizarse por escrito, de acordo coa Lei 2/1991, do 7 de xaneiro.

Disposicións xerais

Primeira.-Todo o que non se preveu no presente convenio estará disposto na ordenanza laboral de traballo para as empresas dedicadas á limpeza de edificios e locais, aprobada o 15 de febreiro de 1975, así como nas demais disposicións legais vixentes.

Segunda.-As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste, así como a copia dos boletíns de cotización da Seguridade Social no taboleiro de anuncios da empresa para coñecemento de tódolos traballadores, co fin de que constaten a súa situación laboral.

Terceira.-As partes asinantes do presente convenio son a Asociación de Empresarios de Limpieza de Instituciones Sanitarias del Insalud de Ourense e as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega e Comisións Obreiras, ambas con capacidade suficiente e lexitimación, de conformidade co disposto na Lei 8/1980, do Estatuto dos traballadores.

Cuarta.-Se se producisen nalgunha das empresas afectadas polo presente convenio, baixas de traba

lladores fixos do cadro de persoal dos centros sanitarios afectados, estes serán cubertos polos traballadores que teñan carácter de fixos.

Quinta.-Si se produce a revisión salarial, os atrasos devengados serán aboados ós traballadores antes de transcorridos os 30 días seguintes a aquel en que as empresas cobren do Sergas.

ANEXO I

Categorías. Salario base.

Administrativos/as:

Xefe/a de 1ª: 100.007.

Xefe/a de 2ª: 79.350.

Caixeiro/a: 79.350.

Oficial de 1ª: 78.283.

Oficial de 2ª: 77.323.

Auxiliar: 75.988.

Cobrador/a: 75.616.

Mandos intermedios:

Encargado/a xeral: 93.461.

Supervisor/a encargado/a zona: 81.298.

Supervisor/a encargado/a sector: 78.283.

Encargado/a grupo ou edificio: 76.511.

Responsable de equipo: 75.602.

Persoal obreiro:

Especialista: 75.602.

Peón especializado: 75.602.

Limpador/a: 74.630.

Conductora-limpador/a: 75.602.

Persoal oficios varios:

Oficial: 75.602.

Axudante: 74.630.

Peón: 74.630.

Traballadores/as menores de 18 anos: S.M.I.

ANEXO II

Complementos:

-O complemento de destino será de 31.925 ptas./mes para tódalas categorías.

-O complemento de productividade será de 12.209 ptas./mes.

-O complemento específico será de 5.673 ptas./mes.