Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 15 de xullo de 1999 Páx. 9.183

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 28 de maio de 1999 pola que se regula a convocatoria e o réxime de concesión de axudas correspondentes ó programa «Apoio á I+D industrial. Tecnoloxías industriais» do Plan Galego de IDT para 1999, en réxime de concorrencia competitiva.

Dentro do contexto xeral no que desenvolven as súas actividades as empresas, caracterizado pola globalización dos mercados e a constante e crecente velocidade de cambio de tódolos factores que inciden no seu contorno, resulta fundamental a flexibilidade e capacidade de adaptación da empresa, que se converte nun activo de primeira orde.

Así, no fortalecemento da dita capacidade xoga un papel destacado, entre outros, a permeabilidade á incorporación e a xestión do valor engadido baseado no coñecemento que ten a súa expresión na acumulación do intanxible asociado ó capital humano, tecnolóxico e organizativo.

Por outra banda, o desenvolvemento do potencial empresarial e da economía productiva sobre criterios de competitividade sostible son piares fundamentais sobre os que se asenta a consecución de avances socio-económicos.

Desta maneira, o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico comprende entre os seus programas tecnolóxicos horizontais, dentro dos seus mecanismos para o fomento da articulación do sistema ciencia-tecnoloxía-empresa, o de apoio a I+D industrial/tecnoloxía industrial dirixido a auspiciar e fomenta-la aplicación de proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico empresarial que é obxectivo da presente orde.

Por outra banda, esta orde desenvolve, en determinados ámbitos, o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é desenvolve-lo marco que regule, para o exercicio de 1999, a incentivación de proxectos e actuacións de investigación e desenvolvemento tecnolóxico (IDT) en empresas, agrupacións ou asociacións de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de impulsar e reforza-lo potencial da súa aplicación específica ó tecido empresarial.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Convócanse axudas para a investigación e desenvolvemento tecnolóxico dentro dos límites dos créditos autorizados da partida orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999, 08.03.432-A.770.0 «Apoio á I+D industrial. Tecnoloxías industriais».

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas á IDT industrial, as empresas, asociacións ou agrupacións de empresas que teñan o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento das seguintes actuacións:

1. Creación e dotación específica de departamentos de IDT en empresas, agrupacións ou asociacións

de empresas. Poderán ser subvencionables as seguintes actuacións:

a) Custo vinculado ó desenvolvemento externo do estudio e proxecto para a creación do departamento.

b) Custo de adquisición de bens de equipo específicos e elementos técnicos e instrumentos na medida en que se destinen con carácter exclusivo a investigación e desenvolvemento.

2. Execución de proxectos de IDT nas áreas de tecnoloxías dos materiais, tecnoloxías de proceso e tecnoloxías de producto. Enténdense subvencionables, con carácter xeral, os seguintes gastos:

a) Custo do persoal técnico necesario para a realización do proxecto. Para tal obxecto, o dito persoal debe quedar definido no proxecto.

b) Gastos xerais suplementarios da empresa imputables con cargo directo ó proxecto ou programa que se vaia realizar.

c) Custo de colaboracións externas puntuais coa universidade, centros públicos de investigación, centros tecnolóxicos e/ou laboratorios.

d) Gastos para a protección dos resultados da investigación sempre que esta fora realizada en Galicia, ou se vaia implantar un proceso productivo relacionado con ela.

e) No caso de proxectos referidos a tecnoloxías dos materiais, gastos derivados da aplicación de materiais funxibles no desenvolvemento do proxecto, así como daqueles gastos inherentes á verificación experimental da aplicación dos novos materiais no proceso productivo.

f) No caso de proxectos referidos a tecnoloxía de proceso, gastos derivados da elaboración e desenvolvemento do proxecto de investigación técnica do proceso e/ou procedemento productivo e da súa implantación a escala non industrial, así como de verificación e validación dos seus resultados entidades independentes.

g) No caso de proxectos referidos a tecnoloxías de producto, gastos derivados da aplicación de materiais base e funxibles; gastos inherentes á adquisición de compoñentes necesarios para a elaboración e desenvolvemento do prototipo e gastos vinculados á validación do producto por entidades independentes.

Artigo 5º.-Compromisos adquiridos polo beneficiario.

Os beneficiarios das axudas adquiren o compromiso de facer consta-la o cofinanciamento da Consellería de Industria e Comercio e do FEDER nas referencias que se fagan ás actuacións subvencionadas, así como da súa incardinación no Plan Galego de IDT.

Artigo 6º.-Contía das subvencións.

O total das axudas poderá acadar unha contía máxima do 70% do investimento subvencionable do proxecto ou programa no caso de investigación industrial básica e do 45% no caso de investigación aplicada e desenvolvemento. Para tal efecto aplicarase ó disposto no punto 1. do artigo 9 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO III

Tramitación administrativa

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, ou a través dalgunha das formas recollidas no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto disponse de modelo de instancia de solicitude nas páxinas Internet http://www.cesga.es/sxid e en http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid.

O prazo para a súa presentación será de 25 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura nos anexos I e II desta orde, acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto que conteña os seguintes puntos:

-Historial da empresa ou entidade e das súas actividades de IDT.

-Obxectivo do proxecto presentado, no que se reflicta detalladamente a súa achega cualitativa.

-Recursos financeiros, humanos e técnicos implicados na súa realización.

-Programación temporal das actividades por cada unidade de actuación.

-Orzamento desagregado do investimento ou gastos por cada unidade de actuación.

-Resultados esperados e explotación dos resultados, así como a posible continuidade do proxecto.

b) Certificado expedido pola Delegación Provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, nos casos en que proceda a ins

crición, certificación emitida pola delegación provincial en que conste tal circunstancia.

c) Copia compulsada do CIF da empresa solicitante, ou NIF no caso de empresario individual, así como xustificante de alta no imposto de actividades económicas (IAE) e de estar ó día no seu pagamento.

d) Copia compulsada do documento nacional de identidade e do poder bastante de representación con que actúe o solicitante.

e) Declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo proxecto ou actuación en calquera outra Administración, entes públicos ou privados nacionais ou internacionais; declaración expresa de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

f) No caso de empresas, agrupacións ou asociacións de empresas acollidas o réxime de exención do IVE, documentación acreditativa desta.

g) No caso de asociacións ou agrupacións de empresas, copia compulsada do estatuto da dita entidade ou documento acreditativo da natureza e réxime xurídico do solicitante, incluíndose a xustificación da inscrición no rexistro correspondente.

Artigo 8º.-Corrección de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, corrixa a falla ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, se considerará desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Valoración dos proxectos.

A valoración do proxecto de IDT levarase a cabo mediante o disposto, neste ámbito de aplicación, pola Resolución do 28 de decembro de 1998 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta do 18 de decembro de 1998, polo que se aproban as instruccións relativas ós créditos afectados ás actuacións relacionadas coa investigación e desenvolvemento.

Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

a) Contido e calidade técnica do proxecto.

b) Incidencia directa da tipoloxía do proxecto no desenvolvemento empresarial.

c) Vinculación do proxecto ás potencialidades do tecido productivo galego.

d) Con carácter xeral, a incidencia do proxecto no desenvolvemento do sistema ciencia-tecnoloxía-industria e, en particular, a imbricación que

supón o desenvolvemento do proxecto con centros tecnolóxicos ou laboratorios, horizontais ou sectoriais, que constitúen a infraestructura pública de apoio á investigación e desenvolvemento.

e) Relación cos conglomerados industriais de empresas promovidas pola Xunta de Galicia e peche do ciclo productivo.

f) Localización.

Artigo 10º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión técnica de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou os delegados provinciais correspondentes, ó abeiro das competencias que lles atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, dictarán a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de tres meses contados desde o día seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións, expresas ou presuntas, que se dicten ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpor, se é o caso, recurso potestativo de reposición, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, nos termos que establecen os artigos 116 e 177 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o 46.1º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

A resolución de concesión determinará, alomenos, o importe do orzamento subvencionable, de acordo co establecido no artigo 4º desta orde, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos polo artigo 6º e o importe da subvención concedida. No caso de subvención plurianual, determinaranse tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 día hábiles contados a partir do día seguinte á súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. En caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que detemina o artigo 42.1º da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

A presente orde aplicarase ás actuacións subvencionables establecidas no artigo 4º, sempre que se iniciaran ou realizaran durante o ano natural de 1999.

No caso de actuacións plurianuais, que superen o exercicio 1999, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, do réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

No caso de proxectos plurianuais, nos que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de pesetas, poderán realizarse anticipos ou pagamentos parciais, a conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determina o artigo 35.dos.B) e) da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento ou actuación.

Para o libramento de cada anualidade da subvención, o beneficairio deberá xustifica-las actuacións que constitúan o investimento subvencionable para o que deberá ter presentado antes do 15 de novembro do ano que corresponda, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio por cuadruplicado, a seguinte documentación:

-Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias habidos na súa execución.

-Documentación acreditativa de realización do investimento ou gasto, que incluirá copia das facturas correspondentes ou documento equivalente. Será necesario presenta-las facturas orixinais para comproba-la veracidade das copias presentadas.

-Certificación de axudas obtidas ou declaración das que se prevé obter para o mesmo investimento en calqueraoutra institución, organismo ou Administración pública, achegando os datos necesarios para que se poida identificar e, se é o caso, cuantificarse.

-Certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, que deberá consigna-lo código bancario completo, é dicir, ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e número de conta.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no pagamento de impostos sobre actividades económicas.

-No caso de que se trate dunha subvención plurianual, xustificante acreditativo da constitución por tempo indefinido de aval bancario (ou entidade aseguradora) que garanta o importe da anualidade do pagamento que se esten a tramitar, así como dos seus correspondentes xuros de demora (xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado

que estea nese momento vixente) por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última anualidade.

-Calqueraoutro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Artigo 13º.-Pago da subvención.

O pagamento da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certificasen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou a actuación que foi obxecto de subvención. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estos servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Artigo 14º.-Modificación do proxecto subvencionado.

No caso de que por circunstancias técnicas, dada a complexidade do proxecto ou a súa conexión con outros procesos ou procedementos implantados ou que se van implantar, varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidos no proxecto inicial e que incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunica-los correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio. Para tal efecto, facúltase a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte ou, de se-lo caso, propoña a resolución que proceda, se as ditas modifcacións non alteran significativamente o obxecto inicial do proxecto.

Artigo 15º.-Concorrencia de axudas.

Cando, por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 16º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as previstas na lexislación do Consello de Contas así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades

Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos.

Artigo 17º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución, convenio ou contrato-programa, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e os seus xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 18º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior e ó que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Excepcionalmente, se por calquera motivo ou circunstancia, debidamente xustificados, durante o actual exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario do inicialmente comprometido, ou non chegara á fase de disposición o inicialmente autorizado, facúltase a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que propoña a concesión de subvención ás solicitudes que, presentadas dentro do prazo fixado no artigo 7º e reunindo os requisitos establecidos na orde, foran desestimadas.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio