Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 13 de xullo de 1999 Páx. 9.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 204/1999, do 25 de xuño, polo que se acorda a mutación demanial do inmoble coñecido como Caseta de Legoeiro da ponte romana na estrada OU-420 km 0,1, termo municipal de Ourense.

A través do Real decreto 3317/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Esta-

do á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas (BOE nº 292, do 6 de decembro), foi transferido o inmoble denominado Caseta de Legoeiro da ponte romana.

Mediante o Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción e asignación de competencias (DOG nº 1, do 14 de xaneiro de 1983), adscríbese á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas o dito inmoble. Na actualidade, despois dos distintos cambios na estructura orgánica da Xunta de Galicia, atópase adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Posto de manifesto pola antedita consellería que o inmoble non resulta necesario na actualidade para o exercicio das súas competencias e constando a petición suscrita pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo na que solicita a súa adscrición para dependencias da Dirección Xeral de Turismo, procede, de conformidade co disposto no artigo 12 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, acorda-la mutación do destino do inmoble descrito no encabezamento.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a mutación de destino do inmoble coñecido como Caseta de Legoeiro da ponte romana, sito na estrada OU-420, km 0,1, termo municipal de Ourense, co fin de destinalo a dependencias administrativas da Dirección Xeral de Turismo.

Artigo 2º

Adscríbese o antedito inmoble á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que posuirá as facultades de administración, xestión e conservación deste.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para dar efectividade ó disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda