Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 13 de xullo de 1999 Páx. 9.075

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de xuño de 1999 pola que se autorizan determinados centros docentes públicos de educación secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para imparti-las ensinanzas de bacharelato para persoas adultas conducentes á obtención do título de bacharelato.

Segundo a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias, a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 53, prevé que as administracións educativas promovan medidas tendentes a ofertar a tódolos cidadáns a oportunidade de acceder ós niveis ou graos das ensinanzas non obrigatorias cursando ensinanzas de bacharelato nos centros ordinarios, dispoñendo dunha oferta e dunha organización adecuada ás súas características.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no artigo 5 que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá adapta-lo currículo do bacharelato adecuándoo ás características, condicións e necesidades da poboación adulta, de acordo coas esixencias de organización e metodoloxía da educación de persoas adultas.

Por outra parte, de acordo coa Orde do 14 de abril de 1999 (DOG do 29 de abril), pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia, e coa finalidade de facilita-la continuidade do proceso formativo daquelas persoas adultas que remataron as ensinanzas equivalentes á educación secundaria obrigatoria ou daqueloutras procedentes doutros itinerarios formativos que, reunindo os requisitos esixidos para continuar estudios de bacharelato, desexen cursalas, é necesario autoriza-los centros nos que se van impartir estas ensinanzas na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Autorízanse a imparti-las ensinanzas de bacharelato para persoas adultas, segundo o establecido na Orde do 14 de abril de 1999, os centros

docentes públicos de educación secundaria que se relacionan no anexo.

Segundo.-A oferta de ensinanzas de bacharelato para persoas adultas coincidirá coa modalidade ou modalidades, se é o caso, que xa estean autorizadas en cada centro para o ensino ordinario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas todas aquelas ordes e disposicións que se opoñan ó cumprimento desta orde.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e director xeral de Centros e Inspección Educativa.

ANEXO

Provincia da Coruña.

15005397IES Fernando Wirtz Suárez. A Coruña.

15006778IES Caranza. Ferrol.

15021767IES As Pontes. As Pontes de García Rodríguez.

15014568IES Nº 1 de Ribeira. Ribeira.

15015767IES Monte de Conxo. Santiago de Compostela.

Provincia de Lugo.

27006531IES Lucus Augusti. Lugo.

27013958IES Monte Castelo. Burela.

27013636IES María Sarmiento. Viveiro.

27010933IES Nº 1 de Ribadeo. Ribadeo.

27007259IES Río Cabe. Monforte de Lemos.

Provincia de Ourense.

32015037IES Manuel Chamoso Lamas. O Carballiño.

32008941IES Eduardo Blanco Amor. Ourense.

32008951IES Ramón Otero Pedrayo. Ourense.

Provincia de Pontevedra.

36006730IES Frei Martín Sarmiento. Pontevedra.

36017430IES Ricardo Mella. Vigo.

36011634IES Nº 1 de Vigo. Vigo.

36019669IES Armando Cotarelo Valledor. Vilagarcía de Arousa.