Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 09 de xullo de 1999 Páx. 8.933

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 6 de xullo de 1999 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 170 millóns de euros.

Con base no artigo 25.1º da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 20/1999, do 5 de febreiro, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións das ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Obtida a autorización, establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, mediante acordo do Consello de Ministros con data do 14 de maio de 1999, disponse a emisión de débeda pública por un importe de 170 millóns de euros.

Artigo 2º

Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ó abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, coas modificacións establecidas pola Lei 37/1998, do 16 de novembro, de reforma da anterior.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde terá as características que se detallan a continuación:

-Importe: 170 millóns de euros.

-Data da emisión: 14 de xullo de 1999.

-Data de desembolso: 14 de xullo de 1999.

-Prezo da emisión: 100,20%.

-Nominal das obrigacións: 1.000 euros.

-Subscrición: realizarana directamente as entidades aseguradoras, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 13 de xullo de 1999.

-Cupón: os cupóns anuais vencerán o 14 de xullo de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe bruto.

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Amortización: dunha soa vez á par, ós dez (10) anos desde a data da emisión.

-Tipo de xuro: 4,85 %.

-Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión, a liquidez das obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda