Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 07 de xullo de 1999 Páx. 8.723

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 5 de xullo de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a concesión dunha axuda para a realización dun proxecto de investigación sobre acumulación de biodepósitos nas rías e se procede á súa convocatoria.

O Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento PGIDT 1999-2001, aprobado polo Consello da Xunta

de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998, prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, considéranse outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden ós obxectivos concretos de cada programa. Neste punto encádrase a presente convocatoria, dentro do programa de investigación mariña, e con ela preténdese a realización dun proxecto de investigación específico, de interese para esta consellería, por parte dun equipo de investigación integrado en institucións públicas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A) Convócase unha axuda destinada á realización dun proxecto de investigación sobre acumulación de biodepósitos nas rías, que ten por obxectivo diagnostica-lo estado dos biodepósitos derivados do cultivo de mexillón e a súa incidencia nas rías galegas, predici-la súa evolución no futuro próximo (horizonte 10 anos) e suxeri-las mellores solucións de xestión para tratar este problema.

O proxecto ha de desenvolverse da seguinte forma:

1. Realización dunha revisión bibliográfica de tódolos datos existentes sobre este problema, incluíndo, pola súa vez, unha discusión deles desde o punto de vista multidisciplinar, unha interpretación con referencia especial ós seus efectos potenciais sobre a explotación sostible das rías e a salubridade dos productos para o consumo humano obtidos delas, e, por último, unha exposición clara e concisa da revisión, indicando as conclusións que poden obterse da bibliografía existente sobre o estado actual dos biodepósitos das rías e sobre a súa evolución no futuro próximo.

2. Determinación do estado actual dos fondos das áreas que aloxan polígonos de bateas.

3. Predicción da evolución dos aspectos máis importantes do estado dos biodepósitos e dos seus efectos, no futuro próximo e en, alomenos, dous conxuntos de dúas zonas, o primeiro grupo con zonas de alta e baixa incidencia das acheas de materia orgánica e o segundo, con zonas de alta e baixa incidencia de metais pesados. A predicción debe incluír alomenos a materia orgánica, os sete principais metais pesados e a súa especiación e os compostos organoclorados.

4. Identificación dos factores máis importantes para a evolución dos aspectos recollidos no punto anterior. Haberán de identificarse os factores que teñan o maior efecto ou resulten de especial rele

vancia nas prediccións da evolución dos biodepósitos e dos seus efectos realizadas no punto anterior.

5. Emiti-las recomendacions para a xestión das zonas afectadas polos biodepósitos. Tendo en conta tódolos puntos precedentes, procederase a realizar unha análise crítica das posibilidades existentes para minimiza-lo impacto dos biodepósitos, emitindo finalmente recomendacións sobre o interese e a vía ou vías de actuación sobre o global das zonas afectadas e/ou sobre áreas determinadas que presenten unha problemática específica. Estas recomendacións deberán estar centradas nas posibilidades tecnolóxicas de actuacion dispoñibles no presente, dictaminando as áreas sobre as que se debe actuar, as accións que se deben abordar e finalmente as técnicas que hai que empregar na actuación.

B) Para a concesión da axuda obxecto desta convocatoria destinaranse ata un máximo de 50 millóns de pesetas que se imputarán á aplicación orzamentaria 012.04.721.A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1999 e 2000, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 1999: 40.000.000 de ptas.

Ano 2000: 10.000.000 de ptas.

e en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2º

A axuda poderá ser solicitada por equipos de investigación integrados en institucións públicas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes no modelo oficial que se publica como anexo á presente orde, co visto e prace do representante legal do correspondente organismo, asinadas por investigadores de centros públicos radicados na Comunidade Autónoma, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 4/99, de modificación da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

-Composición do equipo que levaría a cabo o correspondente estudio.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-Horas semanais que cada un dos membros do grupo se compromete a dedicar á realización do traballo.

-Metodoloxía que se vai utilizar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan de traballo.

-Prazo de execución do traballo.

No caso de que o proxecto presentado prevexa a participación de investigadores pertencentes a diferentes organismos públicos radicados na Comunidade Autónoma (proxecto coordinado), deberá designarse un investigador principal responsable da totalidade do proxecto así como un director por cada un dos diferentes subproxectos, especificándose por cada subproxecto os estudios que se van a desenvolver, o importe específico de cada un deles e o compromiso do director de cada subproxecto que vai ser coordinado polo investigador responsable da totalidade do proxecto e co visto e prace do responsable legal de cada organismo.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Artigo 3º

A selección do beneficiario da axuda será realizada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A comisión elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para que resolva.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

-A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que formen o equipo, en proxectos realizados anteriormente.

-Os medios de que dispón o equipo.

-O plan de traballo.

-A idoneidade do equipo para o proxecto que se vai desenvolver.

A comisión poderá solicitar un informe técnico sobre as solicitudes presentadas.

Artigo 4º

O libramento da axuda realizarase a través do correspondente organismo ou organismos (no caso de subproxectos coordinados), logo da presentación das correspondentes certificacións expresivas da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o compromiso del. Poderán efectuarse anticipos ou pagamentos parciais conforme as normas e limitacions establecidas no artigo 35 da Lei 6/98, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 5º

-Prazo de execución do proxecto:

O proxecto deberá estar rematado antes do 30 de novembro do ano 2000. Considerarase rematado mediante a entrega, a través do rexistro xeral da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, dunha memoria final de resultados (5 exemplares). Non obstante, antes do día 15 de decembro do ano 1999 deberá presentarse a través do rexistro xeral da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, a revisión bibliográfica a que fai referencia o artigo 1º.A.1.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha do proxecto financiado.

Os traballos e mailos resultados obtidos do proxecto de investigación serán propiedade da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e non poderán ser publicados sen a previa autorización escrita da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 7º

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria, dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artígo 78.6º da Lei 11/92, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 8º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/99, de modificación da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º

Para os efectos establecidos no artigo 42 da Lei 4/99, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura