Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 07 de xullo de 1999 Páx. 8.723

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 196/1999, do 17 de xuño, polo que se divide en sectores a zona de concentración parcelaria de Aguasantas-Valongo (Cotobade-Pontevedra).

Por Decreto 304/1995, do 16 de novembro (DOG nº 228, do 28 de novembro), foi declarada de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Aguasantas-Valongo (Cotobade-Pontevedra), resultando afectadas pola concentración parcelaria aproximadamente 1.226 hectáreas, susceptibles de modificacións ó abeiro dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

De conformidade co artigo 25 da Lei 10/1985, e con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, por Resolución do 24 de marzo de 1998, e previo pronunciamento da xunta local da zona, procedeu á exclusión de determinadas parcelas, por concorrer nelas circunstancias que económica e agrariamente non lles reportaban beneficios ós titulares da concentración.

Iniciados os traballos de investigación da propiedade xurdiron determinadas dificultades tales como o abandono de terreos, elevado índice de parcelas de descoñecidos e dificultade para logra-la aceptación dos proxectos do proceso de concentración, que van afectar distintos terreos e propietarios da zona de concentración parcelaria de Aguasantas-Valongo (Cotobade-Pontevedra), o que fai aconsellable a execución en distintas etapas da concentración parcelaria nesta zona, mediante a división en sectores dos terreos afectados, co que se acadaría a necesaria axilización do proceso de concentración co fin de proceder á nova reestructuración da propiedade.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, formulada conforme o establecido na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta

de Galicia na súa reunión do día dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Divídese en dous sectores a zona de concentración parcelaria de Aguasantas-Valongo (Cotobade-Pontevedra), que quedarán conformados do xeito seguinte:

Sector I.-Aguasantas, que comprenderá a totalidade dos terreos da parroquia de Aguasantas, con excepción dos excluídos pola Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural do 24 de marzo de 1998, cunha superficie de 717 hectáreas.

Sector II.-Valongo, que comprenderá a totalidade dos terreos da parroquia de Valongo, cunha superficie de 378 hectáreas.

Artigo 2º

A execución e publicación das distintas fases do proceso de concentración poderán realizarse en cada un dos sectores con independencia do outro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, para dicta-las disposicións complementarias que requira a execución do presente decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria