Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 06 de xullo de 1999 Páx. 8.703

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto denominado planta de coxeración e planta de recuperación de aceites lubricantes usados e residuos oleosos, promovido pola empresa PMA, S.L.

Antecedentes.

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental, con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización, ou se é o caso a autorización da obra, instalación ou actividade, das abranguidas no anexo da devandita disposición.

Considerando que segundo o indicado na Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos, son residuos tóxicos e perigosos os aceites usados minerais ou sintéticos, incluíndo as mesturas auga-aceite e as emulsións. E de acordo co punto 9 do anexo ó Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, deberán someterse a declaración de impacto ambiental os proxectos de instalacións de

eliminación de residuos tóxicos e perigosos por incineración, tratamento químico ou almacenamento en terra. Procede somete-lo proxecto denominado planta de coxeración e planta de recuperación de aceites lubricantes e residuos oleosos a avaliación de impacto ambiental.

O resumo do proxecto obxecto de avaliación de impacto ambiental e das medidas protectoras e correctoras previstas nel, recóllese no anexo I.

En virtude do establecido no artigo 5.2º do mencionado Decreto 442/1990, someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, o estudio de impacto ambiental mediante Resolución do 4 de xaneiro de 1999, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 13, do 21 de xaneiro de 1999, presentándose as alegacións que se recollen no anexo II desta declaración.

Así mesmo, solicítase informe sobre o proxecto á Dirección Xeral Industria, Dirección Xeral de Saúde Pública e ó Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental. No anexo III inclúese o resumo dos informes das direccións xerais consultadas.

Sobre o contido do estudio de impacto ambiental presentado, a emenda de documentación, os resultados de información pública e os informes recibidos sobre as consultas efectuadas, este órgano ambiental impón no condicionado da presente DIA as medidas e condicións que se citan, encamiñadas a defini-los motivos polos que se resolveu a viabilidade do proxecto.

Examinado o proxecto, e a petición desta dirección xeral, o promotor presenta documentación de emenda na que se recolle o destino dos aceites segundo a súa composición inicial; a porcentaxe deles destinados á rexeneración; tratamento, control e destino das augas residuais; sistema de captación, canalización, detección de fugas e destino delas; xustificación por cálculo da altura da cheminea da planta de coxeración para o cumprimento da lexislación vixente; destino dos residuos alquitranosos e plan de vixilancia ambiental.

Unha vez avaliado o estudio de impacto ambiental e a documentación relacionada co proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto denominado planta de coxeración e planta de recuperación de aceites lubricantes e residuos oleosos, promovido pola empresa PMA, S.L.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e oórgano Ambiental é así mesmo, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia.

O anexo I comprende o resumo do proxecto.

O anexo II inclúe as alegacións presentadas no trámite de información pública.

O anexo III inclúe o resumo do informe das direccións xerais consultadas.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente declaración de impacto ambiental, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable, as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minorización dos posibles efectos negativos:

1. Consideracións preliminares.

O proxecto consta dunha planta de coxeración de 7,35 MW de xeración de enerxía bruta, para a subministración de enerxía eléctrica e térmica á planta de recuperación de aceites lubricantes e residuos oleosos. A planta de coxeración traballará 3.956 h/ano, utilizará 1 MVA para autoconsumo e 1 MVA para a planta de recuperación. A planta de coxeración é automática e consta de dous motores diesel que empregan como combustible un símil de gasóleo procedente da planta anexa de recuperación. O proceso na planta de recuperación de aceites consta dun tratamento integral do aceite que prima a rexeneración fronte á combustión. Estímase que se tratará un volume de 10.000 t/ano de aceites usados.

1.1. A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva á planta de coxeración e planta de recuperación de aceites lubricantes y residuos oleosos, promovido pola empresa PMA, S.L., a instalar nunha parcela de 5.700 m no lugar de Lendo, no Concello Laracha (A Coruña).

Para o desenvolvemento desta actividade en calquera outra localización ou para o tratamento de residuos diferentes dos aceites lubricantes ou residuos oleosos indicados no proxecto, será necesaria unha nova declaración.

1.2. O promotor, para proceder ó desenvolvemento do proxecto, deberá te-la autorización de xestor de residuos perigosos de acordo co indicado no Decreto 263/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización e se crea o Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos, así como utilizar vehículos autorizados para o transporte de tales residuos segundo o Regulamento de transporte de mercadorías perigosas por estrada (TPC).

1.3. A identificación dos residuos realizarase do xeito indicado no Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 20/1986, básica de residuos tóxicos e perigosos, o Real decreto 952/1997, do 20 de xuño, polo que se modifica o anterior e pola Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

1.4. No que se refire á xestión de aceites usados atenderase á Orde do 28 de febreiro de 1989 pola que se regula a xestión de aceites usados e o disposto

na Orde do 13 de xuño de 1990, pola que se modifica o punto décimo sexto, 2, e o anexo II da que se regula a xestión de aceites usados.

1.5. A clasificación dos residuos como perigosos ou non perigosos, realizarase con base no disposto no Decreto 154/1998, do 28 de maio, polo que se publica o catálogo de residuos de Galicia.

2. Condicións xerais e específicas.

2.1. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Tanto na fase de realización das obras como na de funcionamento, rexerá o disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica da Xunta de Galicia (DOG do 28 de agosto de 1997). Así mesmo rexerá o disposto nas ordenanzas municipais ó respecto.

Durante a fase de obras realizarase un control da contaminación acústica mediante sonómetros integradores, con periodicidade mensual. E durante a fase de explotación, para asegura-lo cumprimento da norma, elaborarase un mapa sonoro semestralmente.

2.2. Sobre a calidade do aire (emisión de olores, po e gases).

a) Na fase de obras:

Adoptaranse as medidas necesarias durante a fase de obras co fin de que, nos núcleos habitados próximos á explotación, non se superen os límites para partículas sedimentables indicados na lexislación vixente, realizándose un control da calidade do aire no referente a contaminación por dióxido de xofre e partículas, segundo o R.D. 1321/1992 cunha periodicidade mensual de acordo co indicado no programa de vixilancia ambiental presentado na documentación de emenda.

Un mes antes da posta en funcionamento da instalación deberá presentarse perante esta dirección xeral unha caracterización dos niveis de concentración dos contaminantes presentes nese momento na atmosfera para a zona na que se vai instala-la planta. Así mesmo presentarase un mapa de ruídos tomando como referencia as vivendas máis próximas á zona de localización da planta.

b) Na fase de funcionamento:

En canto ós olores que se poden producir, manterase sempre un nivel axeitado que non poida ser percibido pola poboación das inmediacións.

A altura mínima da cheminea da planta de coxeración será de 20 m de acordo co cálculo xustificativo presentado, na emenda de documentación.

A instalación obxecto da presente DIA deberá realizar comprobación por unha organismo colaborador da Administración (OCA), do cumprimento dos parámetros de emisión impostos nesta declaración. Os programas de autocontrol das emisións realizaranse

con periodicidade trimestral o primeiro ano de funcionamento da instalación e cada seis meses a partir do segundo ano de funcionamento. Os parámetros de emisión que se vai medir e os seus valores máximos (segundo a lexislación vixente) son os que seguen:

Táboa 1: niveis de concentración máxima admisible.

ParámetrosValores máximos

Partículas sólidas150 mg/mN

Opacidade2 (escala de Bacharach)

1 (escala Rigelmann)

Monóxido de carbono500 ppm

Dióxido de xofre850 mg/mN

Óxidos de nitróxeno300 ppm

Compostos inorgánicos de cloro (como HC1)100 mg/mN

Compostos inorgánicos de fluor (como HF)5 mg/mN

Metais pesados *

Cd0,5 mg/mN
Ni1 mg/mN
Cr, Cu, V (como grupo)1,5 mg/mN
Pb5,0 mg/mN

* Referido á concentración en masa das emisións dos gases residuais, tomando como referencia un volume de gases residuais en condicións normais de temperatura e presión (273 K, 1013 mbar), tras reducción do contido de humidade en vapor de auga, e tomando como referencia un contido volumétrico de osíxeno do 3 por 100 nos gases residuos.

En relación ós valores límite de concentración máxima admisible indicados nas táboas anteriores, terán que facerse as pertinentes modificacións nestes valores unha vez sexan aprobadas as novas directivas, e dentro dos prazos marcados nestas, co fin de adapta-los valores sinalados anteriormente ós novos valores que se reflictan nelas.

Paralelamente á realización destas mostraxes, realizarase unha analítica do combustible empregado nese momento, así como un rexistro das condicións de funcionamento, co fin de valora-la súa incidencia nos niveis de emisión.

2.3. Sobre as augas e o solo.

a) Na fase de obras:

Non se poderá depositar nin acumular no lugar en cuestión nin en terreos adxacentes ningún tipo de residuos sólidos diferentes dos entullos xerados nas obras. E en calquera caso os materiais sobrantes das escavacións, excedentes de terra e outros residuos, serán recollidos, levados e depositados en vertedoiros autorizados e axeitados para tal fin.

Durante esta fase, realizarase un control semanal de verquidos líquidos ós leitos do dominio público hidráulico. Os valores límite de vertido, para os parámetros que se indican a continuación, serán, segundo o establecido na táboa 3 do anexo ó titulo IV do Real

decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, os seguintes:

pHSólidos en supensión (mg/1)Materiais sedimentables (ml/l)Sólidos grosos

5,5-9,5800,5Ausentes

As tarefas de mantemento de equipos e maquinaria faranse fóra da zona de obras, en instalacións axeitadas para tal fin. A xestión dos aceites provenientes destes equipos e maquinaria ó longo da fase de obras deberá cumpri-los requisitos da normativa vixente.

b) Na fase de funcionamento:

As augas de proceso xeradas non serán verquidas áa rede pública en ningún momento, sendo unha parte recirculada ó propio proceso e outra trasladada ás instalacións de tratamento de augas que posúe PMA, nas que despois dun tratamento se incorporará ó proceso de producción de arxilas, segundo consta na documentación de subsanación.

As augas pluviais evacuaranse independentemente das residuais, diferenciándose a rede de augas fecais da rede de augas industriais, tal e como consta na emenda de documentación presentada.

Os diferentes tanques e depósitos de almacenamento de gasóleo e aceites deberán cumpri-la normativa de seguridade industrial que lle sexa de aplicación. Estes tanques e depósitos disporanse sobre cubeto estanco, provisto dun depósito separador de graxas e convenientemente dimensionado, para a recollida das posibles fugas ou derrames e instalarase un sistema de captación e canalización para as posibles fugas das conduccións de efluentes líquidos, segundo o indicado na emenda do estudio de impacto ambiental. Periodicamente supervisarase o estado dos cubetos dos depósitos.

As augas aceitosas e pluviais contaminadas serán enviadas a un separador de graxas, á saída do cal deberá garantirse o estipulado na táboa 3 do anexo o título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico. O cumprimento deste límite deberá garantirse mediante a realización de análises periódicas.

2.4. Características dos aceites que hai que tratar.

Os aceites usados como combustible non conterán policlorobifenilos nin policloroterfenilos en concentracións superiores a 50 ppm e non se poderán mestura-los aceites usados cos policlorofenilos nin con outros residuos perigosos. Deberase realizar unha análise que garanta o cumprimento do indicado anteriormente.

Os aceites desmetalizados cunha composición que se atope dentro dos límites indicados a continuación deberanse tratar en proceso descontinuo e destinarse á súa rexeneración, e os que superen os ditos límites trataranse en proceso continuo cumprindo co indicado no punto 2.4 da presente declaración.

Táboa de composición de aceites usados

que se tratan no proceso discontinuo.

Parámetro% en peso

Auga<10

Cinzas<1.5

Xofre<1

Residuo carbonoso<2.5

Hidrocarburos:

Parafínicos

Naftalénicos

Aromáticos

<58

<33

<6

2.5. Sobre a producción de residuos.

Os lodos procedentes de tódalas etapas de transformación e/ou manipulación dos aceites deberán ser recollidos en contedores axeitados e enviados a xestor autorizado de residuos perigosos, para o seu uso incorporándoos en arxila para a elaboración de ladrillos.

3. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio de impacto ambiental e do condicionado xeral e específico da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

O programa de vixilancia que se expón ten carácter troncal respecto ó proposto, se é o caso, no estudio de impacto ambiental. O seu obxectivo é procurar incorporar na maior medida os procedementos de autocontrol por parte do promotor.

As condicións e informes que se deberán presentar son as que seguen:

3.1. Previamente á posta en funcionamento da instalación presentarase un informe co seguinte contido:

Polo menos un mes antes da posta en funcionamento da instalación, e comprenderá:

a) Caracterización dos niveis de concentración dos contaminantes presentes nese momento na atmosfera para a zona na que se vai instala-la planta, segundo o indicado no punto 2.2. da presente declaración.

b) Plan de control no que figure un rexistro de datos e documentos sobre os seguintes puntos:

-Entradas e saídas no almacenamento do aceite usado.

-Cantidades, características e destino final de cada un dos productos obtidos tralo proceso de recuperación (aceite rexenerado, combustible e fracción pesada), deberase contar con documentación acreditativa da venda ou, no seu defecto, da súa entrega a un xestor autorizado.

-Analítica realizada por unha OCA (tal como se recolle no punto 2.2 b) desta declaración) para o control periódico dos parámetros de emisión á atmosfera e, se é o caso, as medidas correctoras tomadas e a eficacia delas. Ademais, co fin de valora-la súa incidencia nos niveis de emisión, presentaranse conxuntamente os resultados da analítica do combustible empregado nese momento, así como un informe das condicións de funcionamento.

-Documentación acreditativa da entrega das augas de proceso para o seu tratamento nas instalacións de PMA, segundo o indicado no punto 2.3 b).

-Analíticas das augas a saída do pozo de separación de graxas, indicando o volume tratado e a periodicidade das análises, segundo o punto 2.3 b).

-Documentación acreditativa da entrega dos residuos perigosos a xestor autorizado.

-Resultado da supervisión periódica do estado dos cubetos dos depósitos.

c) Analítica prevista para realizar sobre os aceites ó saír do tratamento, establecéndose un intervalo para cada un dos parámetros analizados, segundo o destino final deles (rexeneración ou combustión), durante a fase de explotación os resultados desta analítica presentaranse no Plan de Control.

d) Cronograma das obras con incorporación das medidas protectoras ou correctoras de carácter ambiental.

e) Cartografía a escala 1:1.000 ou maior detalle onde aparezan tódolos elementos que se van construír e as medidas correctoras e protectoras previstas.

f) Programas de autocontrol de emisións á atmosfera e vertido a leitos, nos que se indiquen os puntos de control durante a fase de obras, de acordo co punto 2.2 a) e 2.3 a).

g) No caso de realizar algún vertido fóra da rede de saneamento, deberá indicarse o punto onde se realizaría e presentar copia da autorización de vertido emitida polo organismo de conca.

Xunto con este informe indicarase a data exacta do inicio de obra.

Será necesaria a conformidade e a aprobación dos estudios e informes incluídos neste punto por parte da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen consultará os organismos competentes sobre a adecuación do seu contido. Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó promotor o resultado dela, e non poderá proceder ó inicio da actividade ata que non conte co informe de notificación de aprobación.

3.2. Na fase de obras presentarase:

Con periodicidade mensual que se contará desde a data de inicio de obra e durante a duración delas:

a) Resultados dos controis da contaminación acústica mediante sonómetros integradores, segundo o indicado no punto 2.1.

b) Resultados do control da calidade do aire no referente a contaminación por dióxido de xofre e partículas, segundo o R.D. 1321/1992 e de acordo co punto 2.2 a) da presente declaración.

c) Resultados do control semanal de vertidos líquidos ós leitos do dominio público hidráulico, de acordo co indicado no punto 2.3 a) desta DIA.

Xunto con este informe indicarase a data exacta do inicio da explotación.

3.3. Informe de seguimento ambiental (tipo A) presentarase:

Ós tres meses da posta en funcionamento da planta, un mapa de ruídos, en plena actividade, tomando como referencia as vivendas máis próximas ó emprazamento.

Con periodicidade trimestral contado desde o inicio da explotación, durante o primeiro ano, presentarase informe que conteña:

a) Resumo do rexistro actualizado do plan de control desenvolvido segundo o indicado no punto 3.1 a) da presente declaración.

Con periocidade semestral, tamén durante o primeiro ano, presentarase:

b) Resultados dos controis periódicos do nivel equivalente de ruído nas inmediacións das instalacións, indicando os puntos de toma de mostras, e, se é o caso, as medidas correctoras a adoptar no caso de que se superen os niveis establecidos.

c) Incidencias ou problemas detectados durante a explotación, como son fugas ou derrames.

3.4. Seguimento ambiental (tipo B) presentarase:

Con periodicidade anual, a partir do primeiro ano de explotación, presentarase o informe ambiental (tipo B), cos mesmos contidos que o informe tipo A (puntos 3.3 a), b) e c)).

3.5. Informe ambiental previo ó abandono, presentarase:

Nun prazo de seis meses previos á finalización da vida útil de calquera das instalacións da planta procederase a enviar este informe, no que se indique as actuacións programadas ó respecto e as accións previstas con carácter de corrección ambiental.

3.6. Informe posterior ó abandono:

Nun prazo máximo de dous meses contados desde a fin das accións para o desmantelamento da instalación, enviarase informe que conteña a descrición detallada das accións que teñan carácter ambiental.

4. Condicións adicionais.

-As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de cumprimento obrigatorio para o promotor. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan alcanza-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitaralle á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, e comunicaralle o acordo adoptado ó promotor.

-A realización de actividades de xestión de residuos perigosos deberá cumpri-lo estipulado no Decreto 263/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización e se crea o Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos.

-O proxecto de referencia terase que someter á autorización do órgano urbanístico competente desta Administración Autonómica, de acordo co artigo 77.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá dictar, en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado actualmente.

-Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que se corrixan estas.

-O importe da fianza para facer fronte ós posibles danos ós diversos elementos do ambiente durante a realización das obras ascenderá ó cinco por cento (5%) do investimento total previsto no proxecto, segundo o indicado no artigo 4.1º do Decreto 263/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización e se crea o Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos.

-O presente acordo, adoptado por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela.

-O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 1999.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto e das medidas correctoras

A planta de coxeración e a planta de recuperación de aceites, lubricantes e residuos vanse situar nunha parcela de 5.700 m no lugar de Lendo, concello de Laracha (A Coruña).

O proxecto consta dunha planta de coxeración de 7,35 MW de xeración de enerxía bruta, para a subministración de enerxía eléctrica e térmica á planta de recuperación de aceites lubricantes e residuos oleosos. A planta de coxeración traballará 3.956 h/ano, utilizará 1 MVA para autoconsumo e 1 MVA para a planta de recuperación. A planta de coxeración é automática e consta de dous motores diesel que empregan como combustible un símil de gasóleo procedente da planta anexa de recuperación.

O proceso da planta de recuperación de aceites obtén un tratamento integral do aceite que prima a rexeneración fronte a combustión. Estímase un volume de 10.000 t/ano de aceites usados que hai que tratar. As etapas do tratamento nesta planta son: clasificación dos aceites recollidos, desmetalización do aceite con lavado ácido, proceso descontinuo para aceites de alta calidade que se rexeneran e un proceso continuo para aceites de calidade media ou baixa, que poderán recuperarse como combustible o como aceite lubricante. Ó final do tratamento obtéñense tres fraccións: unha de aceite base estándar que pode ser comercializado, outra fracción combustible que pode ser consumida nos motores diesel da instalación de coxeración e unha última fracción pesada que deberá ser inertizada.

Propóñense medidas que minimicen os efectos derivados da realización do proxecto:

-Na fase de explotación, controlaranse as emisións atmosféricas.

-Na fase de obra e na de explotación realizaranse determinacións periódicas dos niveis sonoros.

-Na fase de construcción controlarase que a obra civil non afecte o solo, vexetación e medio hídrico.

-As augas xeradas durante a explotación serán tratadas na planta de tratamento que PMA posúe no proceso de producción de ladrillos.

-Recoméndase que as edificacións adopten criterios de integración cromática na zona e que se constrúa unha pantalla vexetal no peche das instalacións.

-Recoméndase potenciar, durante as fases de construcción e explotación, que a man de obra sexa cuberta con traballadores da zona.

-Na fase de abandono rexenerarase a zona con repoboacións de vexetación autóctona.

ANEXO III

Resumo das alegacións presentadas durante a información pública

Esther Rodríguez Muñoz en representación de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza); María Rey Vilas, en nome propio, Xosé A. de la Fuente Subiela en representación do BNG de Laracha e Pablo Rodríguez López, en nome propio, presentan escrito no que alegan o seguinte:

O documento contén escasa información sobre o proceso de tratamento do aceite, destacando os seguintes puntos:

-Non se indican os parámetros do aceite usado que determinan se o dito aceite se destina a recuperación ou á rexeneración.

-Non se detallan as cantidades de residuos e aceite pretratado que se obtén.

-Non se indica o tratamento ó que se someten os volátiles obtidos no primeiro depósito encamisado, nin a caracterización destas emisións.

-Sobre o proceso descontinuo de rexeneración, indican a falta de datos técnicos e o obsoleto do proceso que se vai empregar.

-Sobre os lodos e residuos sólidos xerados na planta de tratamento non se indican as cantidades obtidas ou engadidas a cada producto, nin a caracterización destes lodos.

-Falta información sobre o proceso de empaste en cerámicas e ladrillos, quedando por soluciona-lo negativo impacto ambiental dos lodos que se xeran.

Por todo o anteriormente exposto solicitan que sexa formulada declaración de impacto ambiental negativa.

Abelardo López Fonticova, en nome propio presenta as seguintes alegacións:

-O proxecto oriéntase á producción de electricidade, xerándose importantes cantidades de contaminantes.

-O procedemento para a desclasificación do aceite está en desuso polo obsoleto da súa tecnoloxía.

-No proxecto non se dá solución para evita-lo impacto ambiental que causan os lodos con hidrocarburos e metais pesados, as augas contaminadas e os hidrocarburos volátiles.

-Os motores que especifica o proxecto son diesel e non se alcanza a temperatura de craqueo neles, xerándose unha importante contaminación nos fumes de escape debido á combustión dos aceites desclasificados, non detallándose ningunha medida para trata-los ditos fumes.

Por todo o anteriormente exposto solicita que sexa formulada declaración de impacto ambiental negativa.

Francisco Rey Rodríguez, en nome propio presenta as seguintes alegacións:

-A maior parte da producción destínase ó uso como combustible.

-A utilización de aceite nos motores xerará unhas importantes emisións á atmosfera moi superiores ás obtidas nun motor queimando gasóleo, sen que no proxecto se recolla ningunha medida para o tratamento e depuración delas.

-Non se xustifica a validez da tecnoloxía presentada para rexenerar aceites usados, nin se presentan datos sobre a calidade do aceite que se vai obter nos procesos de recuperación e rexeneración.

-A técnica de empastado en ladrillos non está desenvolvida.

-Non se considera correcta a posibilidade de emprega-la auga evaporada como fertilizante.

-Non se detalla a aplicación ou tratamento dos hidrocarburos volátiles xerados.

Por todo o anteriormente exposto solicita que sexa formulada declaración de impacto ambiental negativa.

O Concello de Laracha presenta as seguintes alegacións:

-Non se asegura que na planta non se procesen aceites cun contido en PCB's o PCT's superior ó establecido na lexislación.

-Non se ten en conta a instalación de sistemas que eviten o minimicen as emisións de compostos volátiles obtidos no proceso continuo de recuperación de aceites.

-Non se ten en conta un sistema para o tratamento e control da auga residual e residuos xerados na etapa de eliminación de auga (decantación a 70-80ºC do proceso) descontinuo de recuperación.

-Non se ten en conta xestión alternativa para as augas residuais da planta de recuperación de aceites despois de evaporadas ata un contido en sólidos en suspensión do 20%, para o caso en que non poida ser empregada como fertilizante.

-Non se ten en conta a xestión dos residuos que se xeren na planta de recuperación (purgas con metais pesados de lavado ácido, fracción pesada non combustible de proceso continuo, lodo de floculación, resinas e asfaltenos de coagulación, restos de aditivos, restos de desparafinado, etc.), previo á implantación do Programa de desenvolvemento tecnolóxico. Non se ten en conta xestión alternativa para o caso no que non fora posible a incoporación total dos residuos á cerámica.

-Non se inclúe un plan de actuación (plan de emerxencia) para o caso de fugas, derrames, rotura de tanques de: aceite usado, gasóleo, aceite procesado, reactivos, residuos, etc.

-Non se indica a altura das chemineas da planta de coxeración, nin se xustifica que a dispersión de contaminantes sexa tal que os niveis de inmisión cumpran co establecido na lexislación ó respecto.

-Non se especifica a procedencia das augas aceitosas que se recollen no pozo de recollida de augas aceitosas, nin se indican as dimensións do dito pozo, así como tampouco o sistema de tratamento e control, e se é o caso punto de vertido.

-Deberase asegurar que tódalas augas pluviais contaminadas son recollidas e tratadas adecuadamente antes do seu vertido, para o que se deberá indicar sistema de recollida, tratamento e control.

-En relación ó programa de Vixilancia Ambiental:

* Control de calidade de aire en fase de construcción. Non se ten en conta plan de mostraxe: número de captadores, situación dos captadores e duración da mostraxe.

* Control de vertidos a leitos en fase de construcción. Non se ten en conta o plan de mostraxe: punto de control, parámetros que hai que controlar.

* Control da calidade do aire en fase de explotación (SO2 y partículas). Non se ten en conta plan de mostraxe: número de captadores, localización da mostraxe.

* Control de emisións atmosféricas. Para asegura-la eliminación de metais no aceite procesado e a súa incorporación á cerámica, así como que non se están procesando PCB's e PCT's, nos controis que se efectúen nas chemineas da planta de coxeración e forno de cerámica deberiase determina-las concentracións de metais pesados (Cd, Ni, Cr, Cu, V, Pb), Cl (compostos inorgánicos gasosos do cloro) e F (compostos inorgánicos de fluor).

* Mapa sonoro. Non se especifica o plan de mostraxe.

* Augas residuais. Non se especifica o plan de mostraxe: mostras representativas do vertido e parámetros que hai que controlar.

Xosé A. de la Fuente Subiela en representación do BNG de Laracha, presentan escrito alegando o seguinte:

-O goberno municipal limitouse a ser depositario do estudio presentado pola empresa Protección Medioambiental, sen difundilo entre a poboación nin abrir un debate sobre el.

-No EIA non hai medidas correctoras e as garantías sobre os controis das emisións son nulas, posto que as efectúa a propia empresa.

-A xestión dos residuos, o coidado da saúde e do ambiente nunca pode supeditarse a intereses económicos particulares, senón ó ben común.

-Os residuos deben ser xestionados onde se producen.

-Non hai garantías de que na planta de recuperación se vaia a rexenerar aceite, podendo adicarse simplemente a preparalo para logo queimarlo na denominada planta de coxeración.

Por todo iso solicita:

1. Que se difunda o estudio de impacto ambiental destas plantas, e se abra un debate na poboación sobre o futuro que se quere para Laracha.

2. Que se denegue a instalación das ditas plantas por ter un alto custo ambiental e para a saúde da poboación, ademais de carecer da garantía de control posterior.

ANEXO III

Resumo dos informes dos organismos consultados

A Dirección Xeral de Industria emite informe no que tras destaca-los elementos máis significativos da instalación indica que o estudio correspondente ó proxecto analiza alternativas de tratamento e xustifica a solución proposta; describe o medio no que se vai situa-la instalación; identifica e avalía as posibles alteracións como consecuencia das obras e seguimento e vixilancia ambiental para minimaza-los posibles efectos negativos sobre o medio e carece de orzamento relativo a actuacións de restauración para os efectos de constitución de garantía.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable á avaliación de impacto ambiental.

O Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental emite informe no que indica:

-O proxecto concorda basicamente coas directrices da Unión Europea que priman a rexeneración e reutilización de residuos.

-Considera a alternativa como a máis adecuada desde o punto de vista ambiental.

-A planta de coxeración está sobredimensioada con respecto á enerxía necesaria para a operación da planta, o que pode dar lugar a utilización do residuo rexenerable como combustible.

-Non se achegan datos sobre a calidade media dos residuos e porcentaxe dos residuos que se vaian tratar que son rexenerables, nin sobre a composición da emisións do proceso de coxeración, aínda que se indica que se cumprirá con normativa vixente.

-Non se presentan actuacións concretas no referente ás medidas correctoras, que deben ser formuladas con maior detalle e cos orzamentos consignados en cada caso.

-No plan de vixilancia ambiental non se indica qué equipos, parámetros e localización se empregarán, tanto para as plantas de tratamento e coxeración como para a planta de tratamento de augas.