Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 05 de xullo de 1999 Páx. 8.614

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se somete a información pública o proxecto de autorización de instalacións Eixe Barbanza, promovido pola empresa Gas Directo, S.A.

De acordo co disposto na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, artigos 17 da Lei de expropiación forzosa e 56 do seu regulamento, Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia e demais normativa específica de aplicación, e para os efectos previstos no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano competente por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento, sométese a información pública o proxecto Eixe Barbanza declarado de utilidade pública polo artigo 103 da citada Lei 34/1998.

Peticionario: Gas Directo, S.A., con enderezo en Capitán Haya, 53 (C.P. 28020), Madrid, titular da concesión administrativa otorgada por orde do conselleiro de Industria e Comercio do 8 de setembro de 1998 para conducción e subministración de gas natural para usos doméstico, comercial e industrial en distintos termos municipais da provincia da Coruña e Pontevedra.

Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de instalacións Eixe Barbanza.

A autorización de instalacións que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para o efecto de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados necesarios para o establecemento destas instalacións e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.

Características das instalacións: as variantes realizadas afectan os termos municipais de Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, e son as que se expoñen a continuación:

Termo municipal de Dodro:

A orixe do trazado sitúase no cap que Enagás instalará no termo municipal de Dodro e que conectará co gasoducto Vilalba-Tui, na zona norte da citada poboación.

A partir deste punto, a conducción diríxese a Outeiro de Corvos, cruza a vía rápida (en construcción) e pasa polo norte de Susavila cara á zona denominada A Corga. Posteriormente cruzará o Rego Tarrío e de Manselle ó dirixirse cara á poboación de San Xoán de Laíño, para máis tarde, tomando dirección sur-oeste, subir ó Alto de Bouzabadín. Pasa polo Alto de Bouzabadín e Monte Carboeiro para adentrarse no termo municipal de Rianxo pola zona comprendida entre o Castro de Bexo e a Eira dos Muros as Murallas de Bexo.

Desde dentro da posición que construirá Enagás, e concretamente, do ramal principal, sae unha derivación, de 2'' de diámetro e 700 m de lonxitude, que remata na poboación de Lestrove.

Termo municipal de Rianxo:

Ó entrar no concello de Rianxo, toma dirección suroeste para discorrer entre as poboacións de Burés e Foxacos e, atravesando a estrada de acceso a esta última poboación, cruza-la C-550 e o Rego de Burés dirixíndose á aba do Monte Loiro. Posteriormente, atravesa a estrada C.P.-7202 e diríxese, entre as poboacións da Devesa e A Marquesa, unha vez cruzada a súa estrada de unión, cara á Revolta paralelamente ó río do Té.

Tomando dirección suroeste pasa pola área urbana de Castriño e O Cruceiro ata chegar á ponte da ría de Arousa por onde transcorre a vía rápida, despois de cruzar por dúas veces a C-550. A conducción cruzará dita ría apoiándose no taboleiro da ponte para entrar no termo municipal de Boiro.

Desde a poboación de Vilanustre, sae unha derivación do ramal principal para a subministración á poboación de Rianxo.

Termo municipal de Boiro:

Entra aproximadamente na metade da ponte, e unha vez que chega á altura da poboación de Comba, diríxese á poboación de Pazos para subir ó lugar da Cachopal. Desde aquí atravesa o Rego de Breiro para baixar á poboación de Fontevoca, volver a cruza-la vía rápida polo paso inferior existente e subir ó Agro das Almas, onde nas súas inmediacións se vai situa-lo futuro polígono industrial de Boiro.

Neste punto, do ramal principal sae unha derivación de 450 m para a subministración do posible polígono.

A continuación, o ramal principal baixa desde o futuro polígono á poboación de Bermo, cruza a súa estrada de acceso para discorrer paralelamente á vía rápida e atravesa-lo río Coroño, deixando á súa esquerda as poboacións de Teaño e Ruñes.

Entón, diríxese cara ó monte Meda, atravesando a estrada de acceso a montaña e o rego existente, para chegar ó monte Suasagras onde abandona o termo municipal de Boiro.

Termo municipal da Pobra do Caramiñal:

Ó entrar no concello diríxese cara á poboación de Ouxo, atravesa a estrada de acceso a Vilariño, o río Lérez e a outra vez a vía rápida para coller en dirección á poboación de Sanguilexo.

Posteriormente, tamén cruzará a estrada de acceso a Sampaio, o rego Pedras á altura de Ponte Barbanza, o rego Trilleiro, a estrada LC-302 e o rego Manle. Desde aquí tomando dirección suroeste, cruzará o rego Morto para dirixirse á poboación de Carrouxas e chegar

ás inmediacións do rego Esteirón onde remata o concello.

Á altura de Gonderande, do ramal principal parte unha derivación que subministrará gas natural á poboación da Pobra do Caramiñal.

Termo municipal de Ribeira:

Unha vez que entra neste concello diríxese cara ó suroeste deixando á súa dereita a poboación de Chacín e a Ventín cruzando a estrada de acceso a Palmeira.

Neste punto, parte unha derivación para a subministración a Palmeira, apóiase na estrada de acceso a esta poboación, cruza a estrada de acceso a San Pedro e remata nas aforas da citada poboación.

O ramal principal continúa o seu trazado atravesando o rego de Chaniza, diríxese a Carballal, atravesando o rego das Saíñas, para aproximarse a Deán Grande e cruza-la estrada de acceso ó Curral de Arriba discorrendo paralelamente á estrada C-550. Remata ás aforas de Ribeira.

Do ramal principal, á altura de Deán Grande, sae unha nova derivación, de 640 m, cara ó polígono industrial de Xaras.

A lonxitude total do trazado é de 44.005 m.

Termos municipais afectados: Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Orzamento: o orzamento ascende a oitocentos cincuenta e sete millóns duascentas trinta e catro mil oitocentas setenta e unha pesetas (857.234.871 ptas.).

Afección a predios particulares: a afección a predios de propiedade privada derivada da construcción do gasoducto concrétase na seguinte forma:

Un.-Expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se construirán os elementos de instalación fixa en superficie.

Dous.-Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terreo de dous (2) metros de largo, un (1) a cada lado do eixe, por onde discorrerá soterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas. Esta servidume que se establece estará suxeita ás seguintes limitacións de dominio.

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así coma de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros, contados desde o eixe da tubería.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construcción, edificación ou efectuar algún acto que puidera danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así coma de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da franxa que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer, temporalmente, todo obstáculo e realizaranse as obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres.-Para o paso de liñas, equipos de telecomunicación e elementos dispersores de protección catódica:

A) .Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores de protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largo, o correspondente ó da instalación máis un (1) metro a cada lado.

Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, plantar árbores ou arbustos e realizar todo tipo de obras, construcción ou edificación a unha distancia inferior a un metro e medio (1,5), a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, podendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbera a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

B) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación, e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

O proxecto inclúe planos parcelarios e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados.

O que se fai público para coñecemento xeral e especialmente dos propietarios de terreos e demais titulares afectados polo dito proxecto, a relación do cales se insire ó final deste anuncio, para que poidan examinala nesta Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, e na Delegación Provincial da Coruña, praza Luis Seoane, 2, edificio administrativo Monelos, e presentar por triplicado nos ditos centros as alegacións que consideren oportunas no prazo de vinte días a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 1999.

Joaquín do Moral Crespo

Director xeral de Industria

6621