Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 28 de xuño de 1999 Páx. 8.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Concello de Ponteareas e Organismo Autónomo.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Concello de Ponteareas e Organismo Autónomo, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-5-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos representantes do comité de empresa, en data 3-5-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 12 de maio de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Os acordos que se recollen no presente convenio serán de aplicación a todo o persoal laboral do Concello de Ponteareas e dos organismos autónomos dependentes deste.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá efectos económicos desde o día 1 de xaneiro de 1999, sen prexuízo da súa posterior publicación no boletín oficial correspondente, ata o 31 de decembro de 1999.

Artigo 3º.-Denuncia do convenio.

O presente convenio entenderase prorrogado tacitamente por anos naturais, se non mediara denuncia expresa por unha das partes cun prazo de aviso previo

de 4 meses respecto da data de finalización del, e continuará en vigor ata que se logre un novo acordo entre as partes.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e vixilancia das condicións pactadas neste convenio, crearase unha comisión paritaria formada por catro persoas, dúas nomeadas pola Comisión de Goberno e dúas polo comité de empresa.

Das dúas persoas nomeadas pola Comisión de Goberno, unha será necesariamente o concelleiro delegado de Traballo ou concelleiro designado para tal efecto, que actuará como presidente, e un representante do comité de empresa actuará como vicepresidente e secretario.

A comisión paritaria constituirase dentro do mes seguinte ó da publicación do acordo no boletín oficial correspondente.

Deberá reunirse, logo de convocatoria realizada por escrito na que figure a orde do día, por solicitude de cualquera das partes, ou como mínimo semestralmente.

Os acordos tomados pola dita comisión na interpretación do pactado no convenio colectivo serán vinculantes para as partes.

Poderanse nomear asesores cando as partes o consideren oportuno debido á natureza dos temas que se vaian tratar.

As reunións da comisión paritaria non computarán para efectos do crédito das horas sindicais.

Artigo 5º.-Natureza do acordo.

O presente convenio ten un carácter mínimo e indivisible para tódolos efectos.

As condicións pactadas serán consideradas global e conxuntamente para efectos da súa aplicación.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

A) Compensación:

As condicións establecidas neste convenio colectivo poderán ser absorbidas e compensadas polos superiores que veñan desfrutando os traballadores individualmente.

Nestes casos a diferencia existente incluirase nun concepto denominado diferencias convenio. O dito concepto, unha vez fixado, permanecerá inalterable na súa contía durante o resto da vixencia do seu contrato, non estando por tanto suxeito ás posteriores modificacións de revalorización que sufran os demais conceptos retributivos.

B) Absorción:

No caso que durante a vixencia deste acordo se modifiquen por disposición legal de xeral aplicación as contías dos conceptos económicos que o integran, estas só serán de aplicación cando, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, sexan superiores ás aquí establecidas, subsistindo, en caso contrario, nos seus propios termos ó pactado.

Artigo 7º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as situacións persoais que en concepto de percepcións de calquera clase e no seu conxunto

sexan máis beneficiosas cás fixadas no presente convenio colectivo, entendéndose estrictamente ad personam.

Capítulo II

Organización do traballo, mobilidade e clasificación do persoal

Artigo 8º.-Distribución de competencias.

Conforme a lexislación vixente, a organización do traballo será facultade da Administración local a través do órgano de Goberno competente.

A súa aplicación práctica corresponderalle ó alcalde, con suxeición á lexislación vixente.

Na organización do traballo, deberán terse en conta os dereitos recoñecidos no Real decreto lei 1/1995, do 24 de marzo, e na Lei 9/1987, do 12 de xuño.

Artigo 9º.-Dirección e control da actividade laboral.

O persoal suxeito a este convenio estará obrigado a realiza-la prestación laboral baixo a dirección das persoas que designe a corporación local.

Artigo 10º.-Traballos de superior e inferior categoría.

A realización de traballos de inferior categoría responderá a necesidades excepcionais, imprevisibles e perentorias e durará o mínimo tempo imprescindible.

A adscrición será realizada a través de decreto da alcaldía e deberalles ser comunicado ós representantes legais dos traballadores.

O prazo máximo que un traballador pode estar en esta situación será de 3 meses durante un ano. Mentres dure a prestación, conservará as súas retribucións de orixe.

A realización de traballos de superior categoría realizarase para substitucións temporais de traballadores ou por necesidades técnicas, organizativas ou productivas.

A adscrición e o prazo máximo rexeranse polo establecido para os traballadores de inferior categoría.

Durante o tempo en que preste os seus servicios na categoría superior, terá dereito ás retribucións establecidas para o dito posto.

Artigo 11º.-Mobilidade por diminución da capacidade física do traballador.

O persoal que por merma da súa capacidade física, por idade ou outras circunstancias teña diminuída a súa capacidade para desenvolve-lo seu traballo habitual, poderá ser destinado, polo órgano de Goberno competente, logo de informe médico e con acordo positivo dos representantes dos traballadores, se reúne as condicións exigidas, a outro posto de traballo acorde coas circunstancias sobrevidas, respectándose as retribucións que percibía na súa categoría profesional na súa totalidade.

Cando pola diminución física, o traballador tiver dereito ó percibo dunha pensión compatible coa actividade, terase que sinala-la nova clasificación que lle corresponda de acordo coas súas aptitudes e novas funcións.

A suma de haberes polo novo posto de traballo e maila pensión non poderá ser inferior ós emolumentos que recibía con anterioridade.

Artigo 12º.-Mobilidade da traballadora embarazada.

A empregada pública embarazada que desempeñe un posto de traballo prexudicial para o seu estado terá dereito a que se lle encomenden funcións de acordo coas súas circunstancias, logo de informe médico.

Artigo 13º.-Clasificación profesional.

A clasificación profesional ten por obxecto a determinación, ordenación e definición das diferentes categorías que poidan ser asignadas ós empregados públicos.

Capítulo III

Xornada e descansos

Artigo 14º.-Xornada.

Establécese con carácter xeral unha xornada semanal de traballo efectivo de 37,5 horas para todo o persoal incluído no ámbito de aplicación do presente convenio.

Todo o persoal en réxime de xornada continuada gozará dunha pausa de 30 minutos durante a xornada, computable como de traballo efectivo, e de 15 minutos en caso de xornada partida.

A xornada ordinaria máxima anual será de 1.695 horas.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas horas de traballo que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo, fixada de acordo co artigo anterior, non tendo natureza de tales aquelas que excedendo das 37,5 horas semanais non superen as 1.695 horas anuais.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 80 ó ano. Para os traballadores contratados a tempo parcial, o número máximo anual de horas extraordinarias reducirase na mesma proporción que exista entre tales xornadas.

Non se terá en conta, para efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias autorizadas, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, sen prexuízo da súa compensación como horas extraordinarias.

As horas extraordinarias compensaranse con descansos, a razón de 1,75 horas de descanso por hora extra realizada normal e a razón de 2,5 horas de descanso por hora extra realizada en domingo, festivo ou día no que lle corresponda descanso.

As ditas horas extras acumularanse para o seu desfrute ata completar xornadas enteiras de traballo.

Artigo 16º.-Traballo en período nocturno.

Considerarase traballo nocturno o realizado entre as dez da noite e as seis da mañá e sempre que polo menos 3 horas da xornada sexan dentro dese horario.

Capítulo IV

Vacacións, permisos, licencias e excedencias

Artigo 17º.-Vacacións.

As vacacións anuais retribuídas serán dun mes natural e desfrutaranse preferentemente durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, salvo que por nece

sidades do servicio non se poidan desfrutar durante ese período.

Non obstante, o traballador poderá solicitar da alcaldía o desfrute delas en período diferente ó estipulado con carácter xeral.

As vacacións anuais poderán fraccionarse en dous períodos de 15 días cada un, ou en máis fraccións, pero neste último caso teranse dereito a 21 días laborais que se repartirán no total dos períodos.

No suposto de traballadores que non levasen un ano de servicio activo, o período de vacacións será proporcional ó tempo traballado.

O fraccionamento en máis de dous períodos terá carácter excepcional e será autorizado só se o permiten as necesidades do servicio e non prexudica as vacacións do resto do persoal do centro de traballo.

A enfermidade sobrevida logo das vacacións e debidamente acreditada, así como o permiso de desfrute por maternidade poderá ser alegados para solicitar un cambio no período de desfrute das vacacións, salvo que a alta pola incapacidade temporal ou maternidade se producise con posterioridade ó 31 de decembro deste ano.

Cando a enfermidade, ou o período de descanso por maternidade, sobreveña durante as vacacións, o desfrute delas non se interromperá.

Os traballadores a tempo parcial que non presten os seus servicios tódolos días laborables terán dereito a 1 día laborable de vacacións por cada 11 días de traballo efectivo.

Para determina-lo número de días laborables de vacacións que correspondan, dividirase o total dos días efectivamente traballados por 11, e a fracción de días laborables de vacacións, se existise, asimilarase a un día laboral completo de vacacións, calquera que fose a dita fracción restante.

Artigo 18º.-Permisos e licencias.

A) Por matrimonio: 15 días ininterrompidos.

B) Por nacemento ou adopción dun fillo: 4 días laborables seguintes.

Por falecemento do cónxuxe, fillos, pais, irmáns, xenros e noras: 5 días laborables seguintes.

Por enfermidade grave deles: 3 días se é na mesma localidade ou 4 días cando sexa en distinta.

Por morte ou enfermidade grave de familiares non incluídas no punto anterior e ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade:

-Cando o suceso se produza na mesma localidade: 2 días.

-Cando o suceso e produza en distinta localidade: 4 días.

C) Por traslado de domicilio: 1 día.

D) Polo tempo necesario para concorrer a exames.

E) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

F) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal nos termos legalmente establecidos.

G) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto.

H) Polo tempo necesario para efectuar unha doazón de sangue.

I) Por desempeño da función de xurado.

J) Por asuntos propios sen xustificación: 9 días ó ano, que só se poderán denegar por necesidades do servicio. Estes días non poderán ser acumulativos a períodos de vacacións.

K) Por maternidade ou adopción nos termos previstos na lexislación xeral.

Tódolos traballadores que estivesen desfrutando do seu día de descanso e sexan convocados a asistir a declarar a un xulgado, por motivos relacionados coas súas funcións de traballo, logo de xustificación do tempo investido, serán compensados en tempo a desfrutar a razón de 1,5 horas por cada hora investida. Este permiso será concedido polo seu superior en canto a dispoñibilidade e a organización do traballo o permita.

Para os efectos establecidos neste artigo, entenderase por distinta localidade aquela que diste máis de 50 km do termo municipal de Ponteareas.

Artigo 19º.-Excedencias.

-Voluntaria.

Os traballadores fixos con polo menos unha antigüidade de dous anos poderán solicitar, cunha antelación mínima de 2 meses, excedencia voluntaria por un tempo non inferior a un ano nin superior a 5.

Unha vez solicitada, resolverase a concesión ou non dela ó interesado con 10 días de antelación á data de inicio proposta pola persoa interesada.

Se o interesado non solicita o seu reingreso ou un novo período de excedencia que non supere o tope dos 5 anos polo menos un mes antes de finaliza-lo prazo sinalado para a excedencia que desfrute, perderá o seu dereito ó seu posto de traballo ó considerarse como renuncia voluntaria a el.

-Outras.

No non establecido neste artigo respecto da excedencia voluntaria así como das restantes excedencias, seguirase o regulado pola lexislación xeral vixente, principalmente o establecido no Art. 46 do Estatuto dos traballadores

Capítulo V

Cadro de persoal, ingreso, provisión de postos e contratación.

Artigo 20º.-Cadro de persoal.

O cadro de persoal será aprobada pola corporación local, logo de consulta cos representantes dos traballadores.

Artigo 21º.-Ingreso.

O ingreso de persoal farase de acordo coas necesidades que haxa que cubrir, unha vez aprobado o cadro de persoal, e realizarase segundo o artigo 249 da Lei de Administración local de Galicia.

Artigo 22º.-Provisión de postos.

Para a provisión de postos de traballo, designarase un representante dos traballadores, que participará nos tribunais de selección con voz e voto; o dito repre

sentante deberá ser polo menos de igual ou superior categoría á da praza convocada.

Artigo 23º.-Promoción interna.

A promoción interna consiste no ascenso desde a categoría profesional de clasificación á inmediatamente superior.

A corporación local reservará a máxima porcentaxe de prazas posibles para a promoción interna (45% segundo lei).

Para participar neste proceso, o persoal deberá ter polo menos unha antigüidade de 2 anos na praza que ocupe no momento do acceso á promoción, así como posuí-la titulación e demais requisitos que con carácter xeral se requira para o acceso da categoría á que se aspira.

Os representantes dos traballadores participarán na forma establecida no Art. 22.

A selección para o ascenso farase a través de concurso de méritos valorando a formación, méritos e a antigüidade.

Artigo 24º.-Contratacións temporais.

Para as contratacións de carácter temporal que poidan vir determinadas por subscrición de convenios ou calquera outra causa, e se poida preve-la dita contratación, poderase utiliza-lo sistema de listaxes, logo de determinación das bases de contratación e de acordo co establecido nas disposicións de carácter xeral.

Unha vez confeccionadas as ditas listaxes, procederase a chamar por orde segundo a puntuación obtida de acordo co establecido nas bases antes sinaladas.

Unha vez finalizada a contratación temporal, a persoa que fose seleccionada volverá para ocupa-lo mesmo posto en canto á preferencia para posteriores contratacións, ata completar un prazo de 12 meses.

No proceso recollido neste artigo participará un representante dos traballadores nos termos establecidos no Art. 22.

Artigo 25º.-Contratos de duración determinada.

Cando se realicen contratacións derivadas de subvencións, convenios e en xeral calquera que teña que facerse como consecuencia de acordos con outras administracións, ó seren traballos con substantividade e autonomía dentro da propia actividade da empresa, estes poderanse facer a través do tipo de contrato regulado no Art. 15.1º do Estatuto dos traballadores, e a súa duración virá fixada polo prazo que establezan os acordos coas outras administracións ou ben en caso de ser unha cantidade económica, sen límite en período de tempo, ata que se finalice a súa aplicación.

No suposto de que a subvención, convenio ou acordo se prorrogue, isto levará ligado a automática prórroga do contrato ata o novo fin dela.

Cando se establezan novos acordos que supoñan a continuación dos mesmos servicios que se viñan prestando con anterioridade, e estes novos acordos se desenvolvan sen solución de continuidade dos anteriores, isto levará a que se realice nova contratación, pero non será necesario acudir neste caso a novo procedemento de selección, senón que se realizará novo contrato coa persoa que xa viña desenvolvendo a prestación laboral con anterioridade, independentemente da duración dos

contratos anteriores, e aínda que superase o prazo dos 12 meses establecidos para as listas de substitucións.

Capítulo VI

Réxime retributivo

Artigo 26º.-Retribucións.

As retribucións do persoal acollido ó presente convenio son as reflectidas no anexo I, II e III, e están constituídas polo salario base e os complementos que a continuación se indican:

1) Salario base (anexo I): é o que corresponde a cada traballador en función do grupo ó que pertenza.

2) Complemento de categoría (anexo II): é o asignado para cada categoría dentro das que pertenza ó mesmo grupo, retribuíndo a especial dificultade técnica, dedicación e responsabilidade de determinadas categorías respecto a outras.

3) Complemento de posto de traballo (anexo III): é o que diferencia, se é necesario, as especiais dificultades de diferentes postos de traballo dentro da mesma categoría.

Serve entre outras para diferencia-la especial dificultade técnica, dedicación e responsabilidade entre os diferentes postos. Así mesmo, o complemento recollerá as gratificacións, indemnizacións e calquera concepto, con carácter temporal que estivese percibindo un traballador con anterioridade á entrada en vigor deste convenio, e mentres se manteñan as circunstancias polas que foi concedido, como poden ser gratificacións de conducción, por dirección, etc.

4) O complemento de antigüidade será de 4.087 ptas. mensuais para tódolos traballadores, calquera que sexa a súa categoría profesional, que perfeccionen trienios a partir da entrada en vigor do presente convenio, e teñan a condición de persoal laboral fijo. O trienio cumprido terá efectos económicos desde o mesmo mes en que se perfeccionen.

Para o cómputo dos trienios recoñeceranse tódolos servicios prestados en calquera Administración pública con anterioridade á adquisición da condición de persoal laboral fixo do concello.

Respecto do cómputo nos períodos de excedencia haberá que aterse ó disposto no Art. 46 do Estatuto dos traballadores

A remuneración da antigüidade para os traballadores a tempo parcial será proporcional á establecida para os traballadores fixos a xornada completa, se ben o cómputo do tempo para a consolidación dos trienios se determinará como se fose contratado a tempo completo.

Artigo 27º.-Fondo social.

Contía.

Os créditos existentes destinaranse á atención das situacións que referidas ó ano 1999 se relacionan a continuación nas porcentaxes e contías que, así mesmo, se indican.

FinalidadePorcentaxeContía

Axuda por defunción25%250.000

Axuda para gardería25%250.000

Ayuda para estudios50%500.000

Total1.000.000

Distribución.

O montante total repartirase nas proporcións sinaladas, e no caso de que non se cubrise toda a dispoñibilidade da dotación existente, procédese a acumulala a outra que puidese ser deficitaria.

Establécese unha axuda por defunción do traballador en servicio activo nunha contía máxima de 100.000 pesetas. Se ademais o traballador falecese en accidente de traballo, poderase conceder unha axuda máxima de 50.000 pesetas máis, como gastos de enterro.

Establécese unha axuda para gardería de tódolos fillos de traballadores deste concello, consistente nunha bolsa de 250.000 pesetas que se repartirá entre tódalas solicitudes presentadas durante o mes de xaneio. Esta axuda por fillo para gardería en ningún caso poderá supera-la cantidade de 35.000 pesetas ano. Se por algunha razón non se asignase todo o diñeiro da bolsa un ano procederase á acumulación para futuros anos e necesidades.

Establécese unha bolsa de axuda para estudios de EXB, ESO, FP, ou outros de carácter oficial que dea lugar á obtención de títulos académicos expedidos pola administración pública, durante o ano anterior, dos fillos dos traballadores deste concello, consistente en 500.000 pesetas, a repartir entre tódolos solicitantes beneficiarios.

A ámbito universitario queda excluído desta axuda o persoal que teña a matrícula subvencionada.

Tope máximo por solicitante beneficiario: 10.000 ptas. por axuda e fillo.

Documentación:

a) Solicitude normalizada.

b) Copia compulsada da/s matrícula/s referente/s ó ano anterior. (Non se precisa en estudios de EXB).

c) Copia compulsada da totalidade das follas do libro de familia en que figuren anotacións.

As solicitudes presentaranse no mes de xaneiro do ano 2000, para os feitos causantes producidos durante o ano 1999. Establécese como prazo máximo para a resolución das solicitudes presentadas ata o 31 de marzo.

No caso de non permanecer como traballador todo o ano natural anterior, a contía concederase en proporción ó tempo traballado.

Artigo 28º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito a percibir dúas pagas extraordinarias de salario base máis antigüidade, que se aboarán co salario mensual de xuño e novembro.

Artigo 29º.-Incapacidade temporal.

En caso de baixa por incapacidade temporal derivada de continxencias profesionais ou accidente non laboral, o concello complementará o subsidio por incapacidade temporal da Seguridade Social, ata o 100% do salario bruto do traballador. En caso de baixas por incapacidade temporal derivadas de enfermidade común, o dito complemento efectuarase a partir do 3º día da baixa.

Artigo 30º.-Retribucións outro persoal.

O persoal temporal contratado ó amparo de convenios, subvencións, etc., tal como recolle o Art. 25º, cuns salarios que veñan fixados por outras administracións, terán como retribucións as establecidas polas ditas administracións. Se esta axuda é por cantidade global,

repartirase entre tódolos traballadores contratados, sempre segundo criterios obxectivos de distribución.

Capítulo VII

Réxime disciplinario

Artigo 31º.-Procedemento sancionador.

Previamente á imposición dunha sanción deberase dar trámite de audiencia ó interesado por un período de 10 días hábiles, facilitándolle copia do expediente sancionador, para que este poida realiza-las alegacións que considere convenientes no dito prazo. Tamén se lle entregará copia do expediente ó comite de empresa.

O órgano competente para a imposición das sancións disciplinarias será a Comisión de Goberno.

Artigo 32º.-Faltas leves.

A) A incorrección cos superiores xerárquicos, cos compañeiros e co público en xeral.

B) A neglixencia e o descoido no cumprimento do traballo.

C) A presentación extemporánea de partes de baixa ou de confirmación, en tempo superior a dous días, desde a data de su expedición regular, a non ser que por causa de forza maior se probe a imposibilidade de facelo.

D) De tres a cinco faltas de puntualidade ó mes, respectándose o réxime existente para efectos de cómputo en cada centro de traballo. Non obstante, as faltas de puntualidade poderán supo-la deducción proporcional de retribucións.

E) A neglixencia no coidado e na conservación dos materiais e utensilios do traballo, do mobiliario e dos locais en que se presten os servicios.

F) A falta de asistencia inxustificada durante un día nun mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

G) O incumprimento dos deberes e obrigas do traballador, sempre que non deban ser cualificados como falta moi grave ou grave.

Artigo 33º.-Faltas graves.

A) A indisciplina ou a desobediencia relacionada co seu traballo, e o incumprimento dos deberes previstos nas alíneas a), b) e c) do artigo 5 do Estatuto dos traballadores.

B) A desconsideración co público, compañeiros e subordinados no desempeño das tarefas encomendadas, sempre que non sexa falta leve, así como a grave falta de consideración cos administrados ou o abuso da autoridade no exercicio do cargo.

C) A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada durante dous ou tres días ó mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

D) A presentación extemporánea dos partes de confirmación de baixa, en tempo superior a sete días, desde a data da súa expedición regular, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

E) O abandono do traballo sen causa xustificada por tempo superior a dous días nun mes.

F) A simulación de enfermidade ou accidente que supoña a incapacidade laboral transitoria por tempo inferior a tres días. Entenderase, en todo caso, que existe falta cando o traballador declarado de baixa por un dos motivos indicados realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, enténdese incluída neste punto toda acción ou omisión do traballador realizada para prolonga-la baixa por enfermidade ou accidente.

G) A colaboración ou o encubrimento de faltas doutros traballadores, en relación cos seus deberes de puntualidade, asistencia e utilización dos mecanismos de control.

H) Máis de cinco faltas de puntualidade nun mes, respectándose o réxime existente para efectos de cómputo en cada centro de traballo.

I) A reiteración na comisión de faltas leves, excepto as de puntualidade inferiores a cinco faltas leves, nun prazo de seis meses, aínda que sexan de distinta natureza, todo iso dentro dun mesmo trimestre e aínda que fosen sancionadas.

J) As conductas constitutivas do delicto doloso relacionadas co servicio ou que lles causen dano á Administración ou ós administrados.

K) Causar danos graves nos locais, en material ou nos documentos dos servicios.

L) O incumprimento dos prazos ou doutras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades, cando non supoñan mantemento dalgunha situación de incompatibilidade.

M) A grave perturbación do servicio.

N) Actos que atenten contra a dignidade dos traballadores ou da Administración.

Ñ) As accións ou omisións dirixidas a evadi-los sistemas de control de horarios ou a impedir que sexan detectados os incumprimentos inxustificados das xornadas de traballo.

Artigo 34º.-Faltas moi graves.

A) O incumprimento de deber de fidelidade á Constitución e ó Estatuto de autonomía no exercicio da función pública.

B)Toda actuación que supoña discriminación por razón de raza, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento, veciñanza, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

C) O abandono do servicio.

D) Adopción de acordos manifestamente ilegais que lle causen un prexuízo grave á Administración ou ós cidadáns.

E) A publicación ou utilización indebida de segredos oficiais así declarados por lei ou clasificados como tales.

F) A obstaculización do exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

G) A participación en folgas ilegais.

H) Os incumprimentos das obrigas de atende-los servicios esenciais en caso de folga.

I) Os actos limitativos da libre expresión de pensamento, ideas e opinións.

J) Ter sido sancionado pola comisión de tres faltas graves nun período dun ano.

K) A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza na xestión e no desempeño das funcións encomendadas.

L) Máis de tres faltas ó mes de asistencia non xustificadas, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

M) A indisciplina e a desobediencia de carácter grave.

N) Os malos tratos de palabra ou obra con traballadores de superior ou inferior categoría, compañeiros e público.

Ñ) O acoso sexual, máxime cando se acompañe de abuso de autoridade ó ser efectuado por un superior contra un subordinado.

O) O incumprimento ou abandono das normas e medidas de seguridade e hixiene no traballo, cando delas se deriven graves riscos ou danos para o propio traballador e/ou terceiros.

P) A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan unha incapacidade ou baixa por un tempo de tres ou máis días. Entenderase, en todo caso, que existe falta moi grave cando o traballador declarado en baixa por un dos motivos indicados realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, entenderase incluída neste punto toda acción ou omisión do traballador realizada para prolonga-la baixa por enfermidade ou accidente.

Q) A reiteración na comisión de faltas grave, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre, excepto as de puntualidade.

R) O exercicio de actividades privadas ou públicas sen solicitar e obter autorización de compatibilidade do órgano competente para iso.

S) A diminución continuada e voluntaria no rendemento do traballo normal ou pactado.

Artigo 35º.-Cualificación das faltas.

As sancións que poderán impoñerse, en función da cualificación das faltas, serán as seguintes:

A) Por faltas leves:

-Amoestación verbal ou escrita.

-Suspensión de emprego e soldo ata por dous días.

B) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dous a quince días.

-Suspensión do dereito de concorrer ás probas selectivas ou concursos de ascensos por período dun ano

C) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis días a tres meses.

-Inhabilitación para o ascenso por período de ata un máximo de dous anos.

-Traslado forzoso.

-Despedimento.

Capítulo VIII

Dereitos sindicais

Artigo 36º.-Seccións e delegados sindicais.

Tódalas organizacións sindicais que conten con afiliación dentro do concello poderán constituír seccións sindicais de empresa.

Artigo 37º.-Horas sindicais.

Non se computarán como horas sindicais as que se utilicen para a negociación do convenio e para as reunións cos órganos da Administración, así como as asistencias ós tribunais como membros deles.

Tódolos delegados de persoal terán acceso libre a tódalas dependencias, oficinas e servicios municipais, e terán dereito, logo de solicitude por escrito do comité de empresa, a seren informados dos asuntos que deban coñecer pola representación que teñan, de acordo co Art. 64 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 38º.-Reunións.

Con carácter xeral aplicaranse as previsións contidas no Estatuto dos traballadores.

Están lexitimadas para convocar reunións de persoal no centro de traballo:

-As seccións sindicais con representación no Concello de Ponteareas.

-O comité de empresa.

-Os traballadores de acordo co establecido no Estatuto dos traballadores.

Con carácter xeral as reunións no centro de traballo autorizaranse fóra das horas de traballo, salvo acordo entre o alcalde e as persoas que estean lexitimadas para convocalas. Se existe acordo, o alcalde poderá autorizalas dentro do horario de traballo, ata un máximo de 40 horas anuais, das que 20 horas lles corresponderán ás seccións sindicais proporcionalmente á súa representación no comité de empresa e as outras 20 horas ó comité de empresa.

En calquera caso a realización da reunión en xornada de traballo non prexudicará a prestación do servicio.

Será requisito para convocar unha reunión a comunicación por escrito da súa realización cunha antelación de 5 días hábiles. A solicitude deberá de conte-los seguintes datos: hora e lugar, orde do día e os datos dos asinantes por medio dos que acrediten que están lexitimados para convocala.

Se antes das 24 horas anteriores da data da reunión o alcalde non formulase obxeccións a esta mediante resolución motivada, entenderase autorizada sen máis requisitos.

Artigo 39º.-Taboleiro de anuncios.

Naqueles centros de traballo en que exista taboleiro de anuncios, instalarase un taboleiro de anuncios para a utilización polo comité de empresa e seccións sindicais con representación sindical.

Artigo 40º.-Local dos representantes dos traballadores.

A corporación local facilitará, no horario que se estableza, un local no centro multiusos do concello para os representantes dos traballadores, e para as seccións sindicais con representación no comité de empresa, que reúna as condicións idóneas para a celebración de reunións, así como o material de oficina que precisen.

Capítulo IX

Seguridade e hixiene

Artigo 41º.-Saúde laboral.

Todo traballador ten dereito a participar, por medio de sus representantes, en materia de seguridade e saúde laboral no traballo.

Para estes efectos, no prazo dun mes desde a aprobación do presente acordo, constituirase un Comité de Seguridade e Saúde Laboral no traballo, formado por delegados de prevención e representantes municipais nomeados pola Comisión de Goberno, co obxecto de velar pola adopción, mantemento e perfeccionamento dunhas medidas axustadas de seguridade e saúde laboral nos centros de traballo dependentes do concello.

O Comité de Seguridade e Saúde Laboral elaborará o seu propio regulamento de funcionamento. As decisións adoptadas polo comité proporánselle á autoridade ou órgano competente, que dictará as normas necesarias e velará polo estricto cumprimento delas. Tales decisións terán carácter de urxente se se refiren de forma perentoria á prevención e conservación da saúde ou integridade física dos traballadores do concello; neste suposto, a autoridade ou órganos competentes dictarán as normas precisas para que o cumprimento sexa puntual e inmediato.

Artigo 42º.-Caixas de urxencias.

En tódalas dependencias de traballo, e independentemente dos servicios que poden presta-las institucións sanitarias, existirán caixas de urxencias con todo o preciso para o urxente tratamento de accidentes.

Artigo 43º.-Vestiario.

Dotarase o persoal de servicios da roupa de traballo que precise e de todos aqueles elementos que o Comité de Seguridade e Saúde Laboral estableza. Nos orzamentos de cada departamento habilitarase a cantidade suficiente para vestiario, que se adquirirá a medida que sexa necesario.

O Comité de Seguridade e Saúde Laboral reunirase especificamente antes da aprobación dos correspondentes orzamentos de cada departamento, co fin de avalia-las necesidades de vestiario, determina-los traballadores que teñen que usalo, e as medidas de seguridade e hixiene que correspondan.

Artigo 44º.-Cursos de capacitación e formación.

A corporación local, directamente ou en réxime de concerto cos organismos oficiais competentes para impartilos, organizará cursos de capacitación profesional cando as novas técnicas que se vaian aplicar o requiran, considerándose o tempo de asistencia a estes cursos como de traballo efectivo.

Así mesmo, o persoal terá dereito a asistir a cursos de formación impartidos pola corporación local a través dos oportunos concertos, ou por calquera outro organismo oficial con competencia para impartilos.

A corporación local concederá para isto e como permiso retribuído o número de horas ó ano que en cada momento se considere nos acordos administrativos FEMP-sindicatos con representación.

Ó anterior crédito horario tamén se lle poderá aplica-la reducción de xornada do persoal que asista fóra da xornada normal de traballo a cursos de formación específicos.

Terminados os cursos entregaráselles ós participantes un diploma acreditativo da súa asistencia, no que constará a duración do curso e considerarase como mérito para traslados e promocións a postos nos que se realicen funcións relacionadas co seu contido.

Disposicións adicionais

Primeira.-Postos de libre designación.

Proverase por este sistema aqueles postos de traballo que en atención á súa natureza así se determine na correspondente relación de postos de traballo. En todo caso só poderán ser de libre designación postos de carácter directivo.

A convocatoria de postos de libre designación farase mediante publicación no taboleiro de anuncios do concello, e conterá polo menos a seguinte información:

a) Número de postos convocados.

b) Prazo de presentación.

c) Requisitos.

Só poderán acceder a postos de libre designación aqueles traballadores que teñan a condición de persoal laboral fixo do concello.

Segunda.-Grupos profesionais (anexo II).

Os grupos profesionais recollen aquelas categorías que posúen a titulación académica especificada no anexo I, e tamén aquelas categorías que en función das súas peculiares características deban ser asimiladas dentro deles.

Tercera.-Indemnizacións e axudas de custo.

Establécese unha indemnización por quilómetro percorrido de 24 ptas., sempre que se conte coa debida autorización e xustificación. As axudas de custo de acordo co establecido no R.D. 236/1988, do 4 de marzo, asimilándose todo o persoal laboral ó grupo 3º de funcionarios.

Cuarta.-Gratificacións (anexo III).

Con carácter xeral, as gratificacións aboaránselles a aqueles traballadores que sen se-la propia natureza do seu traballo a especificada na dita gratificación, así o realicen de forma habitual.

-Gratificación de conducción de vehículos especiais: aboaránselles a aquellos traballadores que conduzan vehículos especiais de titularidade municipal de forma habitual, sempre que para conducir estes vehículos se precise dun carné de conducir específico distinto do B-1.

-Gratificación de servicio de pronto auxilio: aboaráselles a aqueles traballadores que pertencendo a ese servicio realicen saídas de emerxencia.

-Gratificación de especial dirección: terase en conta para a súa valoración, o mando sobre persoal, a xestión económica, a independencia na toma de decisións, a iniciativa necesaria e os efectos na toma de decisións. Para a concesión desta gratificación deberanse reunir como mínimo dúas características das sinaladas anteriormente.

-Gratificación de desgaste de útiles e ferramentas: aboarase por cantidade fixa independentemente da xornada realizada e indemnizará a achega dos seguintes bens materiais para a súa actividade profesional.

* Vehículo propio.

* Maquinaria de obras.

* Instrumentos musicais varios.

-Gratificación de nocturnidade: aboaráselles a aqueles traballadores que de acordo co Art. 36 do Estatuto dos traballadores realicen normalmente en período nocturno unha parte non inferior a 1/3 da súa xornada de traballo anual.

-Gratificación de dirección e subdirección de banda e orquestra: aboaráselles a aqueles traballadores que teñan encomendada a dirección ou subdirección das bandas e orquestras municipais, independentemente da xornada realizada.

-Gratificacións complementarias: englóbanse neste punto as de dedicación exclusiva, incompatibilidade, traballo a quendas e dispoñibilidade. O importe de cada unha destas estudiarase de cara á negociación do próximo convenio, ó non ter sido orzada cantidade ningunha neste exercicio de 1999.

Quinta.-Responsabilidade civil e defensa xurídica.

O concello formalizará un seguro de cobertura para as posibles responsabilidades civís e para a defensa xurídica de tódolos traballadores afectados por este convenio, para os actos que realicen por razón do seu traballo. Este seguro será concertado cunha casa especializada.

O concello asumirá ó seu cargo a defensa do traballador que como consecuencia do exercicio das súas funcións, sexa obxecto de actuacións xudiciais, asumindo os gastos que se deriven, incluídas as fianzas, salvo no caso en que se recoñezan na sentencia dolo, culpa, neglixencia grave ou mala fe do traballador. O tempo que o traballador precise por causa de actuacións xudiciais derivadas das súas funcións será considerado para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

ANEXO I

Retribucións anuais por grupo

GrupoTitulaciónsSalario base

ITitulado superior2.226.961

IITitulado medio2.037.181

IIIBacharel superior, FP 2º1.264.413

IVGraduado escolar, FP 1º1.071.233

VCertificado escolaridade1.039.370

ANEXO II

Categorías profesionais e complemento por categorías

Grupo ICoordinador de servicios sociais1.055.011
Director conservatorio1.723.366
Director do parque do castelo0
Director de R.T.M.P.1.934.204
Director administrador do C.D.L.1.538.189
Director da residencia da 3ª idade879.610
Directora pedagóxica1.286.199
Licenciada filoloxía0
Logopeda0
Pedagogo0
Preparador físico (licenciado INEF)0

Profesor auxiliar música161.393
Profesor titular música354.835
Psicólogo0
Responsable de arquivo179.919
Responsable de O.M.I.C.0

Grupo IIA.T.S.151.634
Asistente social151.634
Educador infantil0
Enxeñeiro técnico0
Responsable departamento laboral1.727.969
Técnico informático1.649.256
Técnico medio ambiente0

Grupo IIIAdministrativo588.033
Axudante de biblioteca e museo615.230
Cociñeiro (sen titulación)0
Contable-entrevistador588.033
Coordinador de servicios2.009.629
Delineante922.276
Director estación de autobuses763.362
Director técnico escola de ciclismo1.410.630
Oficial 1ª cociña602.041
Oficial 1ª oficios602.041
Redactor de R.T.M.P.1.808.795
Responsable Departamento Cultura650.721
Secretario conservatorio588.049

Grupo IVAuxiliar administrativo730.625
Auxiliar administrativo comercial871.956
Auxiliar biblioteca655.126
Auxiliar clínica199.817
Auxiliar museo655.126
Auxiliar policía402.752
Auxiliar puericultor239.652
Auxiliar vocalía muller239.652
Axudante de redactor0
Conductor342.012
Control de emisión213.442
Control de radio0
Encargado conservación biblioteca-museo944.912
Guía auxiliar administrativo544.915
Locutor-presentador continuidade0
Locutor-presentador infantil270.792
Locutor-presentador magacíns725.374
Maquillador0
Mecánico bicicletas353.967
Mecánico monitor de ciclismo353.967
Oficial 2ª cociña514.123
Oficial 2ª oficios514.123
Realizador114.444
Técnico de son742.833

Grupo VAcomodador expendedor de billetes357.750
Auxiliar axuda domicilio10.255
Axudante cámara0
Axudante cociña86.210
Axudante realizador31.863
Axudante técnico de son0
Camareiro limpador80.766
Conserxe274.337
Coidador vixilante de instalacións deportivas106.035
Coidador67.476
Coidador instalacións deportivas-limpador608.988
Guía146.307
Limpador208.507
Limpador ordenanza274.337
Notificador89.065
Oficial 3ª oficios384.311
Oficial 3ª oficios varios539.511
Ordenanza-oficial 3ª535.437
Peón encargado castelo629.743
Peón encargado limpeza441.388
Peón encargado praias760.961
Peón xardineiro146.307
Peón limpeza146.307
Peón servicios múltiples539.511
Peón vías e obras146.307
Vixilante552.053
Vixilante recolledor de lixo696.000
Vixilante conserxe429.897

ANEXO III

Gratificacións

-Gratificacións de conducción de vehículos especiais 183.240 ptas./ano-Gratificación de servicio de pronto auxilio 436.536 ptas./ano-Gratificación de especial dirección 337.540 ptas./ano-Gratificación de desgaste de útiles e ferramentas:

* Vehículo propio 420.000 ptas./ano

* Escavadora 366.480 ptas./ano

* Instrumentos musicais varios652.766 ptas./ano-Gratificación de nocturnidade 206.880 ptas./ano-Gratificación de dirección banda 283.202 ptas./ano-Gratificación de dirección orquestra 254.592 ptas./ano-Gratificación de subdirección orquestra 192.229 ptas./ano