Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1999 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de verán sobre as recentes modificacións do réxime local, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos.
Mellora-los coñecementos e abrir un debate sobre as novidades e as modificacións máis importantes introducidas no réxime local polas leis orgánicas 7/99, 8/99, 9/99, 10/99 e 11/99, do 21 de abril.
2. Contido.
Trataranse estes temas:
-O pacto local e a modificación da lexislación do réxime local.
-A modificación da Lei electoral, moción de censura e cuestión de confianza.
-O control político dos entes locais Art. 46.2º.
-A garantía da autonomía. Defensa ante o Tribunal Constitucional.
-Os principios de organización: órganos e competencias.
-Os actos administrativos locais: réxime de recursos, suspensión e impugnación.
-O futuro da autonomía local.
3. Destinatarios.
Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.
4. Desenvolvemento.
-Horario: mañá e tarde.
-Lugar e datas: o curso convocado desenvolverase os días 12 e 13 de xullo de 1999, no salón Truel do Hotel Marina de Sada (A Coruña).
5. Inscrición.
-Prazo: remata o xoves, día 8 de xullo de 1999.
-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4-15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.
-Número de prazas: limitado á capacidade do local.
-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.
Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando o día 9 de xullo, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.
6. Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.
7. Certificación de asistencia.
Entregaráselles, ó remate deste curso, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 1999.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración
Pública