Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 28 de xuño de 1999 Páx. 8.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 184/1999, do 17 de xuño, polo que se adscriben as instalacións dos hospitais da Barbanza e Virxe da Xunqueira ás fundacións públicas Hospital da Barbanza e Hospital Virxe da Xunqueira respectivamente.

O Decreto 229/1997, do 25 de agosto (DOG nº 165, do 28 de agosto, c. e. DOG nº 167, do 1 de setembro e nº 170, do 4 de setembro), dispón, no seu artigo 1, que a xestión e administración dos hospitais Virxe da Xunqueira e da Barbanza se realizará, respectivamente, a través das fundacións públicas denominadas Fundación Pública Virxe da Xunqueira e Fundación Pública Hospital da Barbanza.

Para tal fin, é preciso formalizar unha vinculación xurídica entre as instalacións dos hospitais, propiedade do Servicio Galego de Saúde e as fundacións, considerando que o máis idóneo é acudir á figura da adscrición.

Á vista do disposto nos artigos 13 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 20 e seguintes do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985 e de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Adscríbense as instalacións dos hospitais Virxe da Xunqueira e da Barbanza a favor das fundacións públicas Virxe da Xunqueira e da Barbanza, respectivamente, para a súa xestión e administración de conformidade co previsto no Decreto 229/1997, do 25 de agosto.

Artigo 2º

A adscrición confírelles ás fundacións públicas as facultades de administración, xestión e conservación dos bens de dominio público adscritos, sen que supoña cambio na titularidade ou cualificación xurídica dos bens.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais