Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 25 de xuño de 1999 Páx. 8.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 17 de xuño de 1999 pola que se regula a concesión de axudas para a adquisición e a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

A Orde do 29 de marzo de 1996 pola que se regulaba a concesión de axudas para a adquisición e a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos estipulaba unha subvención con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma para a adquisición da vivenda dentro do programa de vivenda libre a prezo taxado definido no Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de financiamento do Plan de Vivenda e Solo 1996-1999.

Regulaba, así mesmo, as axudas para a rehabilitación de vivendas compatibles coas establecidas no devandito real decreto.

O 26 de xuño de 1998 publicouse o Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo do Plan 1998-2001, que derroga o anterior e modifica as anteriores figuras de protección así como as diversas liñas de financiamento.

O 18 de novembro de 1998 asinouse un convenio entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Fomento sobre actuacións de vivenda e solo do Plan de Vivenda 1998-2001.

O 4 de decembro de 1998 publicouse o Decreto 345/1998, do 20 de novembro, polo que se establecen axudas en materia de vivenda e se regula a xestión das previstas no R.D. 1186/1998 para o período 1998-2001.

No marco da devandita normativa continúase coa especial protección das actuacións en áreas de rehabilitación xa estipuladas na normativa anterior e que foron obxecto de especial aceptación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en que, por instancia dos concellos, nos últimos anos, se viñeron declarando diversas áreas de rehabilitación coincidentes coas delimitacións dos respectivos conxuntos históricos.

Confírmase polo tanto a necesidade e oportunidade da liña de axudas ás actuacións tendentes ó rescate, conservación e ordenación dos conxuntos históricos emprendida desde hai anos pola Xunta de Galicia.

Así pois, a presente orde ten por obxecto a regulación, actualización e coordenación co novo marco normativo do Plan de Vivenda 1998-2001 das axudas ós adquirentes de vivendas e ós promotores de actuacións de rehabilitación en vivendas e edificios con destino a vivenda situados nos conxuntos históricos galegos.

En virtude do anterior e logo dos informes preceptivos, segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e

Administración Pública do 9 de novembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A presente disposición aplicarase ó fomento e á protección da adquisición e da rehabilitación de vivendas situadas en zonas de rehabilitación de núcleos históricos por fomento da iniciativa privada.

2. As ditas zonas serán delimitadas por acordo municipal e terán que estar incluídas obrigatoriamente na delimitación de conxunto histórico-artístico oficialmente aprobada.

Adquisición de vivendas

Artigo 2º

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo concederá unha subvención de 250.000 ptas., dentro do programa de financiamento da adquisición protexida doutras vivendas xa construídas definido no capítulo IV do R.D. 1186/1998, do 12 de xuño, para a adquisición polos seus inquilinos das vivendas incluídas en zonas de rehabilitación de núcleos históricos por fomento da iniciativa privada.

2. Para a solicitude da axuda seguirase o procedemento establecido no Decreto 345/1998, do 20 de novembro, que regula a xestión das previstas no R.D. 1186/1998 para o período 1998-2001, xuntando ademais a solicitude segundo o modelo que figura no anexo II desta orde xunto coa seguinte documentación específica:

a) Certificado municipal de inclusión da vivenda na zona de rehabilitación do núcleo histórico por fomento da iniciativa privada, aprobada por aquél.

b) Contrato de arrendamento cunha antigüidade mínima dun ano.

3. As obrigas derivadas da aplicación do presente artigo atenderanse, durante o presente exercicio, con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.783 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Rehabilitación de vivendas e edificios

con destino a vivenda

Artigo 3º

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo concederalles igualmente axudas a promotores de actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios con destino a vivenda incluídos en zonas de rehabilitación do núcleo histórico, por fomento da iniciativa privada, definidas da forma establecida no artigo 1º.

2. As axudas consistirán nunha subvención do 30% do custo real das actuacións de rehabilitación determinado polo prezo total do contrato de execución, os honorarios facultativos e de xestión e os tributos satisfeitos por razón das actuacións. A devandita subvención terá un límite absoluto de 600.000 ptas. por vivenda.

Artigo 4º

1. As actuacións de rehabilitación que poderán acollerse á presente orde serán o conxunto de obras

necesarias para acada-lo necesario nivel de adecuación nos seguintes aspectos:

a) Condicións estructurais-seguridade.

1. Elementos estructurais e constructivos.

2. Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

3. Mellora das condicións de illamento en xeral.

4. Medidas de seguridade (incendios, sinistros, etc.).

5. Acabados de elementos comúns.

b) Habitabilidade.

1. Programa funcional das vivendas.

2. Dimensións da vivenda e as estancias.

3. Adecuación e funcionalidade das diferentes instalacións.

4. Condicións de ventilación, iluminación e aireación.

5. Mellora das condicións constructivas.

c) Condicións artísticas: protección patrimonial.

1. Melloras do volume externo.

2. Melloras de elementos singulares.

2. As condicións a que se refire o punto anterior serán as mínimas esixibles, sendo complementarias das determinacións derivadas do planeamento urbanístico, que, se é o caso, afecten ós núcleos históricos.

3. As obras relativas á adecuación estructural e de seguridade serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que non poderán solicitarse estas se o inmoble precisase a realización das primeiras.

O nivel mínimo de adecuación nos aspectos a que se refire o presente artigo é o establecido no anexo I desta disposición.

4. Establecense como prezos máximos os das distintas partidas da base de datos da construcción de Galicia publicadas, e para as partidas non definidas determinaranse os rendementos por asimilación doutras partidas.

Artigo 5º

1. Estas axudas son compatibles coas establecidas no Real decreto 1186/1998 e coas establecidas no Decreto 345/1998, do 20 de novembro.

No caso de solicitar ámbalas dúas, a solicitude das previstas nesta orde poderase presentar ó mesmo tempo.

2. O prazo de presentación de solicitudes durante o presente exercicio rematará o día 31 de decembro de 1999.

Artigo 6º

As solicitudes presentaranse nas oficinas da delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e formularanse en instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Xunto coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:

-DNI/NIF.

-Memoria que conterá polo menos:

a) Descrición do tipo de actuación que vai levar a cabo entre as recollidas no artigo 4º.

b) Documento acreditativo da titularidade, como propietario ou inquilino.

c) Superficie útil da vivenda ou inmoble.

d) Orzamento de execución, asinado polo contratista, promotor e polo técnico competente, se é o caso.

e) Se é o caso, proxecto de execución asinado por técnico competente.

f) Prazo máximo da execución das obras.

g) Fotografías do edificio no que se proxecta a rehabilitación.

-Licencia municipal das obras.

-Certificado municipal de inclusión da vivenda na zona de rehabilitación do núcleo histórico por fomento da iniciativa privada aprobada por aquél.

Artigo 7º

Á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo procederá a outorga-la declaración provisional de rehabilitación protexida, no caso de cumpri-los requisitos esixidos.

A declaración provisional comprenderá as actuacións que se van realizar, o prazo de execución das obras e o seu orzamento.

O prazo de execución non poderá exceder dun ano a partir da data de notificación da declaración provisional de rehabilitación protexida.

Excepcionalmente, por causa xustificada e por petición motivada do promotor, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido que non exceda da metade del.

O non cumprimento dalgún dos requisitos establecidos na presente disposición será motivo da denegación expresa e motivada da declaración provisional de rehabilitación protexida do expediente.

Artigo 8º

O beneficiario, unha vez executadas as obras declaradas dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para comunicar por escrito á delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo a súa finalización xuntando fotografías que mostren as obras realizadas.

O delegado provincial do IGVS á vista da documentación presentada, logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas procederá a outorgar ou denega-la declaración definitiva de rehabilitación protexida para o expediente con notificación ó interesado.

Será motivo de denegación da declaración definitiva non executa-las obras obxecto da declaración provisional dentro do prazo concedido para o efecto.

A concesión da subvención efectuarase por resolución do delegado provincial do IGVS unha vez obtida a cédula da declaración definitiva.

Non obstante, se non existise crédito orzamentario, resolverase a concesión no momento en que exista cobertura orzamentaria.

Artigo 9º

Sen prexuízo do determinado no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, en ningún caso o importe total das subvencións concorrentes, para as mesmas actuacións de rehabilitación, con cargo ós orzamentos do IGVS e con cargo ó Ministerio de Fomento, ó abeiro do R.D. 1186/1998, poderá ser de tal contía que supere o 75% do custo real das actuacións protexidas.

Artigo 10º

As obrigas derivadas da aplicación do artigo 3º da presente disposición atenderanse durante o presente exercicio e o exercicio seguinte con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.784 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 11º

Non poderán concederse os beneficios da presente disposición para aquelas vivendas que xa os obtiveron ó abeiro dos programas autonómicos de axudas específicas para a rehabilitación en inmobles situados en conxuntos históricos, se os seus promotores as solicitaron nos catro exercicios inmediatamente anteriores ó presente exercicio.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do IGVS para dictar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 1999.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

ANEXO I

A. Condicións estructurais-seguridade.

a) Elementos estructurais e constructivos.

Deberán presentar garantías suficientes da súa adecuación. Para isto necesitarase certificación dun técnico competente que avale a estabilidade do edificio. A sobrecarga mínima que se deberá soportar ó uso é de 200 kg/m.

b) Instalacións en xeral.

-A instalación eléctrica para iluminación e usos domésticos cumprirá co Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

-Instalación de auga.

Distínguense dous supostos: que no núcleo histórico exista rede de abastecemento público, caso

no que será obrigatoria a acometida de auga, que asegurará o nivel de servicio suficiente, considerando como tal un caudal de 15 litros por minuto.

Se non existe rede de abastecemento e o inmoble se servise por captación propia, deberá existir un depósito de reserva suficiente.

-Instalación de saneamento.

Distínguense, así mesmo, dous supostos.

A existencia de rede de saneamento xeral no núcleo histórico: neste caso as augas residuais deberán recollerse en tubos tecnicamente aceptables e conectarse á rede xeral de forma adecuada. Entenderase que existe rede xeral cando discorra, como máximo, a 200 m do inmoble.

Se non existise rede xeral, resolverase o saneamento mediante fosas sépticas tecnicamente aceptables, situadas no exterior do inmoble. O efluente deberá ser depurado antes de mesturalo con augas correntes, ou envialo ó terreo.

Todo tipo de aparello sanitario deberá contar cos sifóns correspondentes.

Outras instalacións.

Son susceptibles de axuda as obras encamiñadas a dota-la vivenda de instalacións tales como teléfono, calefacción, antenas colectivas de FM e TV, así como as de protección contra incendios.

c) Condicións de illamento en xeral.

Garantirase o illamento do inmoble en xeral e a través de medios técnicos normais.

O illamento refírese tanto á estanquidade de cubertas e fachadas á auga, como ó térmico e ó acústico.

d) Medidas de seguridade.

O inmoble contará coas mínimas condicións de seguridade fronte a incendios e sinistros.

Para isto deberán protexerse os elementos estructurais metálicos; as caldeiras e depósitos de combustible presentarán as medidas de aireación mínimas e a instalación eléctrica e antena colectiva presentarán as garantías técnicas necesarias.

Todo isto deberá ser certificado por técnico competente.

B. Condicións de habitabilidade.

Terase en conta neste aspecto a normativa vixente en materia de habitabilidade, especificamente as esixencias derivadas do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

C. Condicións artísticas: protección patrimonial.

Poderán acollerse ó réxime de axudas para a mellora e conservación de elementos artísticos as actuacións en inmobles do núcleo histórico que, pola existencia dun plan especial, catálogo de inmobles ou disposicións emanadas da Comisión de Patrimonio, tivesen que mante-los referidos elementos. Estes fan referencia ó volume xeral do inmoble, fachadas e cuberta, así como a elementos singulares que poida presentar (chemineas, gárgolas, saíntes, pináculos, etc.).