Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 25 de xuño de 1999 Páx. 8.145

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de xuño de 1999, conxunta das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se convocan axudas para a realización de proxectos de investigación.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ten atribuídas, entre outras competencias, a elaboración e, se é o caso, execución, de plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal investigador. Pola súa parte o Servicio Galego de Saúde ten encomendado entre as súas funcións o fomento e desenvolvemento de estudios e investigacións científicas na área da saúde. En consecuencia e co fin de potencia-la investigación no ámbito sanitario e como punto de partida cara á futura incorporación ó Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico dun programa de investigación en ciencias da saúde, a Consellería da Presidencia e Administración Pública a través da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Presidencia do Servicio Galego de Saúde destinan unha contía de 5.000.000 de ptas. e 10.000.000 de ptas. respectivamente a unha convocatoria conxunta para a realización de proxectos de investigación.

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por todo isto, conforme o establecido no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, regu

ladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas para a realización de traballos de investigación en Galicia dentro dos centros, servicios e establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos xerais.

1. Os traballos e proxectos ós que se refire a presente orde deberán finalizarse no presente exercicio.

2. Poderán acollerse ós beneficios desta convocatoria os grupos de investigación ou persoas con acreditada capacidade investigadora que pertenzan a centros, servicios e establecementos sanitarios públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas serán incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo traballo. En ningún momento se subvencionarán traballos xa finalizados con anterioridade á data de publicación desta convocatoria.

4. Poderán aparecer como investigadores principais os profesionais do sector público sanitario que teñan un posto de traballo dependente do Sergas ou da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que realicen labores clínico-asistenciais e/ou de investigación nos centros asistenciais.

5. Os facultativos que estean en período de formación sanitaria posgraduado non aparecerán como investigadores principais, aínda que si o poderán facer no equipo investigador.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes das axudas dirixiranse á División de Asistencia Sanitaria do Sergas ou á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento conforme o modelo recollido no anexo I, dispoñible tamén en Internet nos enderezos: http://www.cesga.es/sxid ou http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm e presentaranse no Rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos rexistros das delegacións desta ou nas direccións provinciais do Sergas, no Rexistro da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

2. Xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) Currículum vitae do ou dos solicitantes, coa correspondente xustificación orixinal ou copia compulsada dos méritos alegados. Utilizarase o modelo oficial de currículum vitae da Secretaría Xeral de

Investigación e Desenvolvemento, dispoñible en Internet nos enderezos indicados no punto 3.1 ou ben na División de Asistencia Sanitaria.

b) Fotocopia cotexada do NIF.

c) Declaración xurada de non ter solicitado nin recibido ningún tipo de axuda para o traballo obxecto desta convocatoria.

d) Memoria explicativa por triplicado do traballo que se vai desenvolver, coa seguinte estructura: introducción e xustificación do traballo, obxectivos, material e métodos e datas de inicio e finalización.

e) Memoria económica segundo o anexo II, dispoñible tamén en Internet nos enderezos indicados no punto 3.1.

f) Certificación da dirección ou xerencia do centro de traballo pola que se acredite o posto que desenvolve o solicitante.

g) Certificación da dirección ou xerencia do centro de traballo pola que se acredite o coñecemento e aprobación do proxecto, así como o compromiso de facilitación por parte do centro da infraestructura necesaria para a súa realización.

h) Certificado bancario acreditativo de que o solicitante é o titular da conta a través da que se desexa percibi-la subvención e no que conste o código da entidade bancaria, sucursal e conta correspondente.

3. O prazo de presentación de instancias será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria.

4. Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días complete a documentación ou emende as deficiencias, coa advertencia de que de non o facer se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de valoración e materias preferentes.

a) Criterios de valoración:

-Interese e oportunidade do tema.

-Investigación clínica, epidemiolóxica ou proxectos que integran investigación clínica básica ou de desenvolvemento tecnolóxico.

-Considerarase positiva a experiencia previa na liña de investigación que se vaia desenvolver.

-Calidade metodolóxica do proxecto.

-Axuste da metodoloxía do proxecto ós seus obxectivos.

b) Materias preferentes:

-Os proxectos nos que se avalíen os procedementos diagnósticos e terapéuticos.

-Os proxectos dirixidos ó beneficio do cidadán, con repercusión medible e detectable.

-Os que se refiran a problemas de investigación recollidos no Plan Nacional de Investigación Científica e Técnica, no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e no Plan de Saúde de Galicia.

-Os relacionados directamente co contorno sociosanitario.

-Os que se refiran ós problemas sanitarios específicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Avaliación, selección e adxudicación.

1. A proposta de adxudicación das axudas correspóndelle a unha comisión formada por:

En representación do Sergas:

-O director xeral da División de Asistencia Sanitaria.

-O subdirector xeral de Programas Asistenciais.

-O xefe do Servicio de Programas de Calidade e Investigación.

-O xefe da Sección de Investigación.

En representación da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento serán designados dous expertos.

2. A comisión elevará a proposta de resolución ó presidente do Servicio Galego de Saúde e ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolvan conxuntamente. Esta resolución publicarase no DOG e nela especificarase a partida orzamentaria á que se imputa cada axuda e en consecuencia o centro directivo que se encargará dos correspondentes pagamentos (División de Asistencia Sanitaria e Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento).

3. Cada beneficiario deberá realizar un acto expreso de aceptación da axuda e das súas condicións, dirixido á División de Asistencia Sanitaria do Sergas (edificio administrativo de San Lázaro, s/n. 15703 Santiago de Compostela) ou á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (rúa dos Feans, 7. Local C. 15706 Santiago de Compostela), segundo os casos, no prazo máximo de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución. Transcorrido ese prazo sen efectua-la aceptación, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 6º.-Finalización dos traballos.

1. Unha vez finalizado o traballo e en todo caso antes do 15 de decembro, remitirase ó centro pagador (División de Asistencia Sanitaria ou Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento) unha memoria completa do labor desenvolvido indicando os seguintes puntos: introducción, xustificación e obxectivos,

material e métodos, resultados, discusión e conclusións.

2. Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores, pero no momento de facelos públicos deberá consta-la referencia específica da axuda recibida por parte da Xunta de Galicia; deberá enviar un exemplar das publicacións correspondentes, no caso de habelas.

3. A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de emprega-los resultados destes traballos para a realización dos seus propios estudios e planificacións.

Artigo 7º.-Orzamento.

1. O orzamento global previsto é de 15 millóns de pesetas (90.151,82 euros) achegados polo Sergas e a Secretaría de Investigación e Desenvolvemento da Consellería da Presidencia e Administración Pública con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, de acordo coa seguinte distribución:

-Sergas: aplicación 5001.2400.780.0. Importe: 10.000.000 de ptas.

-Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento: aplicación: 04.07.432A.780.0. Importe: 5.000.000 de ptas.

2. O importe máximo de cada axuda non superará o millón cincocentas mil pesetas.

Artigo 8º.-Pagamento.

O pagamento das axudas efectuarase unha vez acreditado-los correspondentes xustificantes de gasto antes do 15 de novembro de 1999.

Estas axudas estarán sometidas ó tratamento fiscal correspondente.

Artigo 9º.-Revogación.

1. A División de Asistencia Sanitaria do Sergas e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverán tódalas incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

2. O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida, de conformidade co disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 1999.

Jaime Pita VarelaJosé Mª Hernández Cochón

Conselleiro da PresidenciaConselleiro de Sanidade

e Administración Públicae Servicios Sociais