Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 25 de xuño de 1999 Páx. 8.145

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 181/1999, do 17 de xuño, polo que se modifica o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio.

O Decreto 223/1998, do 24 de xullo, polo que se crea a unidade de Oficina de Tramitación Única de Industrias e se regula a posta en funcionamento de establecementos industriais (DOG nº 147, do 31 de xullo) encoméndalle á dita unidade funcións de información e asesoramento dos particulares interesados na posta en funcionamento de calquera establecemento industrial, así como a coordinación e impulso dos expedientes relativos ás autorizacións administrativas que sobre esta materia se soliciten na Xunta de Galicia, con independencia de cal sexa o órgano competente para a súa resolución, quedando adscrita a dita oficina á Consellería de Industria e Comercio.

É indubidable que o correcto funcionamento dunha unidade destas características require unha dedicación específica baseada en actividades de asesoramento e de coordinación administrativa, o que engade unha maior complexidade ó desenvolvemento da actividade das unidades administrativas máis infradotadas, polo que se fai preciso reforza-la estructura administrativa da oficina da Delegación Provincial de Pontevedra en Vigo.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 14 do Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, queda redactado como segue:

1. As delegacións provinciais, para o exercicio das súas funcións, contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

-Secretaría.-Servicio de Xestión.-Servicio de Industria.

2. A Delegación Provincial de Pontevedra terá unha oficina en Vigo, á fronte da cal existirá unha unidade con nivel orgánico de servicio.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio