Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 24 de xuño de 1999 Páx. 8.081

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de xuño de 1999 pola que se delegan determinadas competencias nos delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Para axiliza-la tramitación burocrática, en beneficio dos administrados, sen mingua da necesaria garantía xurídica e sen esquece-lo debido respecto ós principios que forman a actividade administrativa e que a Constitución recolle no artigo 103.1º, faise preciso delegar nos delegados territoriais a resolución de expedientes en materia de transmisión da titularidade de establecementos de cultivos mariños e auxiliares, función legalmente atribuída ó conselleiro, dando deste modo solución ós problemas que presenta a concentración de competencias da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no seu titular.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, do disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse nos delegados territoriais as seguintes competencias:

a) A resolución dos expedientes en materia de transmisión da titularidade de concesións de bateas de cultivos mariños nas augas de Galicia, de acordo co artigo 59 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia (DOG nº 101) e artigo 10 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de bateas de cultivos mariños nas augas de Galicia (DOG nº 228).

b) A resolución dos expedientes en materia de transmisión de titularidade de concesións de establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona marítimo-terrestre, de acordo co artigo 56 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia.

c) A resolución dos expedientes en materia de transmisión de titularidade de permisos de actividade de establecementos de acuicultura e auxiliares na zona terrestre, de acordo co artigo 66 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, e o artigo 4 do Decreto 193/1997, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre (DOG nº 142).

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3º

O conselleiro poderá, en calquera momento, revogar ou avoca-lo exercicio das competencias delegadas por esta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría, que se opoñan ó disposto nesta orde, e en particular queda derrogada a Orde do 27 de xuño de 1990 pola que se delegan competencias nos delegados territoriais (DOG nº 134 do 10 de xullo de 1990).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 1999.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246 do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura