Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 18 de xuño de 1999 Páx. 7.797

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución do parque eólico denominado Sotavento.

Vistos os escritos e a documentación presentada por Sotavento Galicia, S.A., con domicilio a efectos de notificacións en r/ Hórreo 94, entreplanta, 15702, Santiago de Compostela, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito

Primeiro.-Con data do 30 de xuño de 1998, a citada empresa solicita autorización administrativa, declaración de utilidade pública das instalacións, en concreto, e aprobación do proxecto de execución do parque eólico denominado Sotavento, aportando a documentación legal e regulamentariamente establecida para o efecto, sendo as características básicas das instalacións as seguintes:

-Os terreos afectados polas instalacións proxectadas atópanse nas zonas denominadas Serra do Candieiro e Serrón do Lobo, nos térmos municipais de Monfero e Xermade.

-Nº de aeroxeradores: 28.

-Potencia que se vai instalar: 24 MW.

-Xeradores: asíncronos.

-Instalacións de protección, telemando, control, sinalización e medida.

-Producción neta anual estimada: 62.832 MWH/ano.

-Orzamento total: tres mil setecentos dezanove millóns (3.719.000.000) de pesetas.

Segundo.-Con data do 27 de novembro de 1998, a Dirección Xeral de Industria dicta resolución pola que se someten a información pública as citadas instalacións, para os efectos previstos no artigo 25

da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; artigo 5.2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia; artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 10 do Decreto 2619/1966, e artigo 9 do Decreto 2617/1966, ámbolos dous do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e para os efectos previstos no artigo 13 do Decreto 295/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento de enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A citada resolución foi publicada, con data do 15 de decembro de 1998, no Diario Oficial de Galicia, BOP de Lugo e nos xornais La Voz de Galicia e O Progreso, de Lugo, así coma no BOP da Coruña do 16-12-1998 e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Xermade e Monfero. Así mesmo, remitíuse a correspondente separata técnica a tódolos organismos afectados.

Terceiro.-Durante o trámite de información pública recibieron escritos de alegacións presentados por Modesto Graña Eimil, representante da Comunidade de Veciños Marco da Curra; Evangelina Criado Barro, no seu propio nome e no da Comunidade de Veciños Herdeiros Insua Abelleira; María Ramos Fernández e Serafín Romero Acción, manifestando a existencia de erros nos datos da relación de bens e dereitos publicada, referentes á superficie afectada polas instalacións do parque eólico proxectado e cuestións de propiedade.

As citadas alegacións foron remitidas á empresa Sotavento Galicia, S.A. e contestadas por esta dentro do prazo regulamentariamente establecido.

Cuarto.-Por Resolución do 6 de maio de 1999, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formula declaración de impacto ambiental do citado parque eólico, referida a 24 aeroxeradores, con potencia total a instalar de 18 MW.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas e do informe emitido por Sotavento Galicia S.A, logo das comprobacións oportunas modificaranse os erros

tanto á superficie afectada polas instalacións proxectadas coma ás aludidas cuestións de propiedade.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, logo do informe da delegación desta consellería na Coruña e en Lugo, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autorizar a Sotavento Galicia, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Sotavento, que se situará nos concellos de Monfero e Xermade e aproba-lo proxecto de execución da dita instalación, de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Sotavento Galicia, S.A., para ós efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 74.380.000 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, punto 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan haberán de realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización da Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio que corresponda poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación de dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio que corresponda inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas.

Quinta.-A empresa, como requisito necesario para a aplicación ás instalacións que se autorizan do réxime especial deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (D0G do 14 de xullo). O parque interconectarase co sistema cen

tralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 6 de maio de 1999.

Sétima.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1175/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes a contado desde a súa publicación da mesma.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria e Comercio