Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 18 de xuño de 1999 Páx. 7.733

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 177/1999, do 20 de maio, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun inmoble situado na rúa do Vilar, número 7-9, de Santiago de Compostela (A Coruña), para destinalo á sede da Fundación Torrente Ballester.

A Administración do Estado pola Orde do 26 de febreiro de 1999, do Ministerio de Economía e Facenda, cedeu gratuitamente á Comunidade Autónoma de Galicia, Xunta de Galicia, o inmoble situado na rúa do Vilar, nº 7-9, de Santiago de Compostela (A Coruña), para destinalo á sede da Fundación Torrente Ballester.

Conforme ós artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco, aínda que non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos que a Administración do Estado acordou para esta cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta do inmoble situado na rúa do Vilar, de Santiago de Compostela (A Coruña), que, segundo o artigo primeiro da Orde do 26 de febreiro de 1999, do Ministerio de Economía e Facenda, se describe como segue:

Predio urbano consistente nun edificio con xardín na súa parte posterior, planta baixa e alta, con outra de faiado, situado na rúa do Vilar, nº 7-9, de Santiago

de Compostela (A Coruña). Ten unha superficie de 1.187 m segundo o rexistro. Estrema: fronte, rúa do Vilar; fondo, parcelas de Esperanza e Teresa García Buado e Consuelo Barreiro Iglesias; dereita, parcela de Eugenio Girón Rodríguez; esquerda, parcela de Alfonso Ponte Varela. Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela, no tomo 1.143, libro 185, folio 219, predio nº 7452.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á sede da Fundación Torrente Ballester.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda