Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 18 de xuño de 1999 Páx. 7.732

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 176/1999, do 20 de maio, polo que se cede a título gratuíto o inmoble coñecido como Complexo de Turismo Náutico/Club Fluvial de Castrelo de Miño, termo municipal de Castrelo de Miño (Ourense), a favor do Concello de Castrelo de Miño.

O Concello de Castrelo de Miño solicitou da Consellería de Economía e Facenda a cesión das instalacións do Complexo de Turismo Náutico ou Club Fluvial sito no seu termo municipal, para destinalas a actividades náutico-turísticas.

Mediante Decreto 210/1997, do 30 de xullo (DOG nº 152, do 8 de agosto), desafectouse do dominio público o antedito inmoble.

Por orde da Consellería de Economía e Facenda, do 9 de setembro de 1997 (DOG nº 182, do 22 de setembro) declarouse a alleabilidade do inmoble.

En virtude do Decreto 292/ 1997, do 9 de outubro, cedeuse o uso do antedito inmoble ó Concello de Castrelo de Miño, formalizándose en escritura pública o 4 de xuño de 1998.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión do inmoble de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión a título gratuíto da titularidade do inmoble coñecido como Complexo de Turismo Náutico/Club Fluvial de Castrelo de Miño, a favor

do Concello de Castrelo de Miño, e que se describe como segue:

Parcela de terreo denominada Regocha ou O Fontenlo, sita no termo municipal de Castrelo de Miño (Ourense), dunha extensión superficial de trinta e dous mil trescentos metros cadrados, que estrema ó norte, co encoro de Castrelo; ó sur, terreos do concello, de Carlos Alonso Montero, José Álvarez Castiñeiras, Antonio Rodríguez Villar, María Esther Viso González, Francisco Guitián González, Camilo Fernández Lafuente, Alfonso Bande González, Fernando Pérez Viso, Manuel Rodríguez Rodríguez, Carlos Alonso Montero, José González Bangueses, Florencio Regueiro Rey, Tomás Sobrino Trabazos e José González Bangueses; ó leste, camiño, e ó oeste, terreos municipais e Fenosa. Sobre a dita parcela construíuse un edificio de planta baixa e primeira planta, coas características constructivas reflectidas no proxecto de obra e que estrema por tódolos seus ventos coa parcela antes descrita. A planta baixa ten unha superficie construída de 730,02 m e unha superficie útil de 441,07 m e alberga as seguintes

dependencias: almacén, cociña, restaurante, cafetería, cuarto de instalacións, sala de xogos, caixa de urxencias e sala de estar. Na planta primeira, cunha superficie de 642,35 m e útil de 563,24 m, hai unha sala de estar, unha zona de comunicación e unha terraza cuberta.

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Ribadavia no tomo 471, libro 77 de Castrelo de Miño, folio 43, predio número 10104, inscrición 2ª.

Artigo 2º

A cesión do inmoble queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación das instalacións do inmoble a actividades náutico-turísticas.

b) Se o inmoble cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da escritura pública, se deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

c) Serán por conta do Concello de Castrelo de Miño os custos e impostos derivados da cesión.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os

trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda