Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 15 de xuño de 1999 Páx. 7.513

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 1999 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia, financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras.

Con esta mesma data, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e 33 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de axudas de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas, ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, do Decreto 95/1999, do 8 de abril, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos económicos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, da orde da Consellería de Economía

e Facenda do 18 de abril de 1996 e da orde da Consellería de Economía e Facenda do 21 de abril de 1999, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

En virtude do exposto, de conformidade coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape e o seu regulamento, aprobado por Decreto 317/1992, do 12 de novembro, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

En cumprimento do disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e co obxecto de darlle unha adecuada difusión, faise público o texto do convenio coas entidades financeiras, que figura como anexo I e a relación de entidades que o subscribiron, que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Intituto Galego de Promoción

Económica

ANEXO I

CONVENIO DE APOIO FINANCEIRO ÓS INVESTIMENTOS DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS DE GALICIA FINANCIADO POLO INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA (IGAPE), O INSTITUTO DE CRÉDITO OFICIAL (ICO) E A ENTIDADE FINANCEIRA ...

Antecedentes.

O presente convenio, asinado por unha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Antonio Orza Fernández e, por outra parte, por ..., representado por D. ... con poder suficiente, inscríbese dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia ó abeiro do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, e do Decreto 95/1999, do 8 de abril, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia desenvolvido mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e da orde da Consellería de Economía e Facenda do 21 de abril de 1999 que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

Conscientes do importante papel que as Pemes desenvolven na actividade económica, ponse en marcha un programa de financiamento dos investimentos que estas empresas promovan. A axuda consiste na subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos que se concerten coas entidades financeiras acollidos ó presente convenio. Os fondos para a formalización destas operacións serán facilitados ás entidades financeiras polo Instituto de Crédito Oficial, nos termos

e condicións establecidas no contrato de financiamento subscrito o 15-12-1998 entre o devandito Instituto e as entidades financeiras.

Para este fin, ..., na súa condición de prestamista, comprométese a mobilizar en préstamos ás pequenas e medianas empresas, en calidade de beneficiarias do presente convenio, unha cantidade non superior a ... millóns de pesetas (ou o seu contravalor en euros). Esta cantidade destinarase a financiar operacións acollidas tanto ó presente convenio como ó subscrito entre o Igape e as entidades financeiras nesta mesma data.

A cantidade comprometida poderase incrementar ou diminuír no mes de setembro de 1999, proporcionalmente ó seu grao de utilización efectivo de acordo co tempo transcorrido do convenio. A diminución segundo o anterior é unha facultade potestativa do Igape; os incrementos efectuaranse de mutuo acordo.

Os citados préstamos poderán ser subsidiados con suxeición ás seguintes cláusulas:

Cláusula 1ª.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre ... e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de establecer liñas de financiamento subsidiado para as pequenas e medianas empresas, someténdose as partes na totalidade ó establecido no mencionado decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, no Decreto 95/1999, do 8 de abril, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 21 de abril de 1999 que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas, ás normas específicas contidas no presente convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas no presente convenio aquelas empresas que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas (Pemes) conforme á definición adoptada pola Comisión da Unión Europea do 3 de abril de 1996. Para estes efectos, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade física o xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores,

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual, activo total, non superior a 27 millóns de euros, e

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación:

Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25% ou máis do seu capital

ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa, ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME. Este limiar poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa;

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quen o posúe e se a empresa declara que pode presumir que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME.

Para os efectos de aplicación dos límites establecidos neste punto, o valor do euro é de 166,386 ptas.

2. Aquelas empresas que cumpran os requisitos establecidos no número 1 desta cláusula e que presenten solicitudes de axuda financeira para proxectos de investimento por importe de préstamo superior a 82 millóns de pesetas (ou o seu contravalor en euros) deberán cumprir, ademais, as condicións establecidas no anexo I deste convenio.

Cláusula 3ª.-Ámbito territorial.

As empresas beneficiarias das axudas obxecto deste convenio deberán ter situado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante o anterior, nos casos de axudas para investimentos que se vaian realizar no resto de España en actividades de comercialización, distribución, acordos tecnolóxicos e cooperación empresarial, non será necesario que o proxecto incentivado se desenvolva en Galicia sempre que, a xuízo do Igape, teña individual ou sectorialmente un interese estratéxico e exista unha vinculación directa ou complementariedade coa empresa ou centro de traballo situado na devandita Comunidade Autónoma.

Cláusula 4ª.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a súa vixencia para a presentación de novas solicitudes de préstamo e subsidiación na entidade financeira será ata o 15 de outubro de 1999.

Cláusula 5ª.-Modalidade, destino e cofinanciamento das axudas.

5.1. Modalidade.

A axuda consistirá na subsidiación dos tipos de xuro dos préstamos concertados ó abeiro do presente convenio no marco xeral do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, no Decreto 95/1999, do 8 de abril, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de

Galicia, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 21 de abril de 1999 que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

5.2. Destino.

Os préstamos subsidiados destinaranse ó financiamento de proxectos de investimento, consistentes na instalación, ampliación ou renovación de activos adquiridos a terceiros que repercutan directamente na capacidade de producción ou na productividade da empresa.

5.3. Cofinanciamento.

A axuda financeira concedida ó abeiro do presente convenio está cofinanciada con fondos Feder.

Cláusula 6ª.-Actividades subvencionables.

Considéranse incentivables, de acordo có establecido no artigo 4 do Decreto 309/1995, do 23 de novembre e no artigo 7 da Orde do 18 de abril de 1996, as actividades económicas relacionadas no anexo II de actividades subvencionables e preferentes.

Cláusula 7ª.-Conceptos de investimento subvencionables e materialización dos investimentos.

a) Os conceptos de investimento subvencionable serán, exclusivamente, os que se materialicen en:

* Inmobilizado material novo:

-Adquisición de terreos para a implantación do proxecto.

-Traídas e acometidas de servicios.

-Urbanización e obras exteriores necesarias para o proxecto.

-Obra civil.

-Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente. (No caso de elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais).

-Traballos e estudios de planificación, enxeñería de proxecto e dirección facultativa dos traballos.

-Outros investimentos en activos fixos materiais.

* Bens usados: unicamente en inmobles, sempre e cando o investimento neste concepto non supere o 50% do total do investimento subvencionable en inmobilizado material.

* Inmobilizado inmaterial: unicamente en aplicacións informáticas, propiedade industrial e propiedade intelectual, incluíndo os gastos de investigación e desenvolvemento (I+D).

Respecto ós activos anteriores, aplicarán as seguintes limitacións:

-Se o proxecto presentado inclúe investimento inmobiliario, este non será superior ó 80% do importe do investimento total subvencionable.

-Se o proxecto presentado inclúe investimento inmaterial, este non será superior ó 20% do importe do investimento total subvencionable.

O total do investimento subvencionable determinarase excluíndo o IVE e outros tributos do custo de adquisición.

Serán investimentos subvencionables os que se realicen ou realizasen con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1999, que cumpran co disposto neste convenio.

b) De entre os investimentos anteriores, poderán considerarse preferentes os destinados ás seguintes finalidades:

-A creación de novas empresas.

-A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

-A investigación técnica aplicada e a innovación e desenvolvemento.

-A adquisición de patentes e licencias de fabricación.

-Os investimentos en maquinaria e bens de equipo sempre que no subsector ó que pertenza o beneficiario non exista sobrecapacidade instalada.

c) Materialización dos investimentos: o beneficiario deberá mante-los investimentos obxecto de financiamento, acollidos ás axudas establecidas neste convenio, durante a vixencia do préstamo subsidiado e destinalos á finalidade declarada na solicitude, agás no caso de que os bens nos que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.

Cláusula 8ª.-Características das operacións de préstamo.

8.1. Importe dos préstamos e porcentaxe de financiamento.

O importe máximo conxunto de préstamo ou préstamos subsidiables ó abeiro deste convenio para cada beneficiario será de 250 millóns de pesetas (ou o seu contravalor en euros).

O importe mínimo do préstamo será de 5 millóns de pesetas (ou o seu contravalor en euros), en tanto que o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 10 millóns de pesetas (ou o seu contravalor en euros). Exceptúanse os proxectos de creación de empresas que obteñan o certificado de proxecto Lanza do programa Lanza do Igape, así como os proxectos de investimento promovidos por empresas artesanais sempre que a actividade que desenvolvan estea comprendida no anexo I á orde da Consellería de Industria e Comercio do 5-5-1997 (DOG do 26 de mayo), que poderán ser subvencionables aínda que o investimento e o préstamo non acaden os ditos mínimos, sempre que reúnan os restantes requisitos esixidos no presente convenio.

O importe do préstamo con dereito a subsidiación non poderá exceder do 70% do investimento subvencionable.

En ningún caso o importe do préstamo subsidiado superará o importe do investimento subvencionable pendente de pagamento á data da presentación da solicitude no Igape. Se a partir desta data fora necesario efectuar novos pagamentos por importe superior á parte non financiada co préstamo que se vaia subsidiar, estes deberán facerse seguindo a operativa establecida na cláusula 9.4 deste convenio.

Cando o proxecto investidor pola súa contía, características e prazo de execución e pagamento se dilatase no tempo, poderase admitir a formalización de varios préstamos sucesivos. Neste caso, a documentación que se esixirá en cada expediente coa excepción do primeiro deles será, ademais do impreso de solicitude e a comunicación de concesión da entidade financeira, a certificación acreditativa do cumprimento das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Xunta de Galicia.

8.2. Prazos de amortización e subsidiación.

Establécense as dúas seguintes modalidades de amortización do préstamo, que elixirá o beneficiario:

a) 5 anos, sen carencia ou incluído 1 ano de carencia do principal.

b) 7 anos, sen carencia ou incluídos 2 anos de carencia do principal.

A subsidiación devengarase durante a vixencia da operación financeira, non podendo exceder en ningún caso dos 7 primeiros anos de vixencia desta.

Os períodos de amortización sinalados anteriormente comezarán a computarse a partir do primeiro día 15 do calendario inmediato á data de formalización do préstamo, polo que a vixencia de cada préstamo será superior polos días que se engaden no período irregular inicial e que se incluirán no período de carencia, non afectando isto ó prazo máximo de subsidiación que se establece no parágrafo precedente.

A amortización para o beneficiario será semestral, coincidindo coas datas de liquidación de xuros, unha vez finalizado o período de carencia.

-Nas operacións a tipo fixo, o beneficiario poderá optar por unha das dúas seguintes modalidades de amortización:

-Sistema francés, é dicir, que finalizado o período de carencia, os pagamentos serán de igual contía incluíndo amortización máis xuros.

-Sistema lineal, é dicir, a amortización será lineal en cotas de amortización constantes.

-Nas operacións a tipo variable, a amortización será lineal en cotas de amortización constantes.

A póliza ou escritura de préstamo recollerá as datas e importes das cotas de amortización e, se é o caso, o cadro de amortización.

Non obstante, á vontade do prestatario, o préstamo poderá ser amortizado de forma anticipada, total ou parcialmente. As amortizacións parciais deberán aplicarse proporcionalmente sobre cada unha das cotas de amortización restantes, sen que se produzan variacións no prazo de amortización do préstamo.

A entidade financeira deberá comunicar puntualmente as ditas amortizacións anticipadas e o novo cadro de amortización ó Igape e, en calquera caso, antes de presenta-la solicitude de cobro da liquidación semestral da subsidiación.

A penalización por amortización anticipada regulada polo ICO é a seguinte:

-Nos préstamos a tipo fixo: un máximo do 1% sobre os importes reembolsados por anticipado. O reembolso anticipado non poderá ter lugar máis que nas datas de pagamento coincidentes co período semestral de xuros en curso.

-Nos préstamos a tipo variable: un 1% anual sobre os importes reembolsados por anticipado por tódolos días que falten ata o remate do período semestral de xuros en curso. Se a amortización anticipada coincide coa data de revisión do tipo, non haberá penalización ningunha.

Se o préstamo fose obxecto de subvención de xuros, coa condición da súa aplicación a amortización anticipada do principal do préstamo, non se aplicará a penalización por amortización anticipada.

8.3. Tipos de xuro, axuda financeira, comisións, intervención das SGR.

8.3.1. Tipos de xuro expresados en taxa anual equivalente (TAE).

O tipo de xuro da operación, en función da modalidade de cesión de fondos ICO elixida poderá ser:

-Tipo de xuro fixo durante toda a vida do préstamo (en termos TAE): será o que se obteña de sumarlle ó tipo de cesión do ICO, a marxe de intermediación da entidade financeira prestamista de ata 0,75 puntos porcentuais de xuro, como máximo.

-Tipo de xuro variable (en termos TAE): inicialmente será o que se obteña de sumarlle ó tipo de cesión do ICO, a marxe de intermediación da entidade financeira prestamista de ata 0,75 puntos porcentuais de xuro. O tipo de xuro anterior revisarase cada semestre de acordo co sistema elixido, ben o tipo de cesión do ICO ó que se aplicará a marxe de intermediación da entidade financeira de ata 0,75 puntos porcentuais de xuro, ben os tipos de xuro establecidos pola entidade financeira prestamista nos contratos de préstamo de acordo exclusivamente co euribor a 6 meses (TAE) na correspondente pantalla Reuter, máis ata 0,25 puntos porcentuais.

O tipo resultante final será para ambos casos fixo ou variable referenciado a ICO en termos TAE, o de cesión do ICO máis ata 0,75 puntos porcentuais, como máximo.

O ICO comunicará para cada quincena, ás entidades financeiras, o tipo de partida ICO, que, diminuído en 0,50 puntos porcentuais, determinará o tipo de cesión a que se fai referencia nos parágrafos

anteriores que, incrementado na marxe da entidade financeira, será o que se lles deba aplicar ós préstamos que se formalicen nesa quincena.

Enténdese por euribor, ben a definición sinalada na cuarta cláusula do contrato de financiamento asinado entre o ICO e as entidades financeiras o 15-12-1998, ben a recollida no segundo parágrafo da cláusula sexta do dito contrato.

8.3.2. Axuda financeira do Igape.

A subsidiación non superará por tódolos conceptos os 4 puntos, agás para aqueles préstamos que acheguen aval de Sociedade de Garantía Recíproca (SGR); neste caso poderanse acada-los 5 puntos.

Os criterios utilizados para a determinación dos puntos de subsidiación serán:

-Por actividade cualificada como subvencionable, tendo en conta ademais, se se trata de empresas de nova creación, a creación de emprego por conta allea que o proxecto supoña, a incorporación de tecnoloxía avanzada, a utilización de materias primas autóctonas, o valor engadido que se xere, a orientación da producción cara á exportación, a adaptación ou mellora medioambiental: ata 2 puntos.

-Por actividade cualificada como preferente, tendo en conta ademais, se se trata de empresas de nova creación, a creación de emprego por conta allea que o proxecto supoña, a incorporación de tecnoloxía avanzada, a utilización de materias primas autóctonas, o valor engadido que se xere, a orientación da producción cara á exportación, a adaptación ou mellora medioambiental: ata 3 puntos.

-Por localización preferente do proxecto investidor, de acordo co artigo 8 da Orde do 18 de abril: ata 1 punto.

Para os efectos deste convenio, consideraranse zonas especialmente desfavorecidas, de acordo co disposto no artigo 8. b) da Orde do 18 de abril, aqueles concellos nos que existe un abandono de poboación superior ó 15%, e que se incorporan ó presente convenio como anexo III.

-Por investimentos preferentes, de acordo co artigo 9.3º da Orde do 18 de abril: ata 1 punto.

-Por asociación empresarial, de acordo co disposto no artigo 9.4ºl) da Orde do 18 de abril: ata 2 puntos.

-Por aval dunha Sociedade de Garantía Recíproca (SGR): ata 1 punto.

No caso de que a un proxecto lle correspondese polos devanditos conceptos unha puntuación superior a 4 puntos ou, no caso de ter aval de SGR, a 5 puntos, reducirase proporcionalmente a puntuación por cada un dos conceptos anteriores que computen ata acada-la puntuación máxima arriba sinalada.

8.3.3. Comisións.

O tipo de xuro é TAE e as entidades financeiras non poden cobrar cantidade ningunha en concepto de comisión de apertura, gastos de estudio e comisión de dispoñibilidade.

8.3.4. Intervención das SGR.

No caso de que a operación de préstamo estea avalada por unha SGR que subscriba este convenio, o tipo de xuro indicado no punto 8.3.1. rebaixarase en 0,55 puntos. Estas sociedades poderán percibir polo importe do aval que presten unha comisión máxima anual do 1% sobre os saldos máximos garantidos cada ano; a dita comisión será integramente subvencionada polo Igape.

8.3.5. Tipo de xuro resultante para o beneficiario.

Para efectos da aplicación da subsidiación, o tipo de xuro resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ó 2%, agás para aqueles proxectos que sexan preferentes por localización ou actividade e que creen emprego neto por conta allea na Comunidade Autónoma de Galicia, nos que o citado tipo non poderá ser inferior ó 1%. No caso de que o tipo resultante sexa inferior ós ditos límites, reducirase ou suspenderase a subsidiación durante o período correspondente.

As variacións á alza do tipo de xuro para o caso de que o tipo resultante sexa superior ós ditos límites, serán por conta exclusivamente dos beneficiarios, non provocando ningunha variación nos puntos de subsidiación.

Cláusula 9ª.-Tramitación.

9.1. Modelo de solicitude e documentación.

A solicitude que se vaia presentar deberase corresponder co modelo normalizado que para o efecto se distribuirá e do que se dará publicidade a través das entidades financeiras e do Diario Oficial de Galicia.

Ademais desta solicitude, incluirase a seguinte documentación por duplicado:

1. Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante:

Persoas físicas:

-Fotocopia do DNI.

Persoas xurídicas:

-Fotocopia do CIF.

-Certificación dos administradores ou do secretario do Consello de Administración, co visto e prace do presidente, na que figure: a data de constitución da sociedade e os datos de inscrición no Rexistro Mercantil (folla, folio, sección, libro, rexistro), a composición actual do Consello, o detalle de accionistas con participación superior ó 10%, con indicación do nome ou razón social e da porcentaxe de participación; o número de traballadores, o volume de negocios anual e o importe do balance xeral anual, activo total, correspondentes á data do último exercicio pechado.

-No caso de solicitudes que sexan de empresas participadas directa ou indirectamente por socie

dades en porcentaxe igual ou superior ó 25%, deberán presentar certificación das sociedades accionistas, emitida por representante con poder bastante, na que figure o seu número de traballadores, o volume de negocios anual e o importe do balance xeral anual, activo total, correspondentes á data do último exercicio pechado.

-A documentación relativa á copia da escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil e a acreditación do poder de representación do asinante da solicitude estará ó dispor do Igape na entidade financeira durante o prazo legalmente establecido, non sendo, por tanto, necesario xuntala ó expediente de solicitude.

2. Fotocopia do último recibo pagado polo imposto de actividades económicas. No caso de empresas de nova constitución ou de empresas en funcionamento que vaian iniciar unha actividade distinta da que veñen desenvolvendo, deberán presentar fotocopia da alta no IAE ou compromiso firme de remitirlle a este instituto fotocopia da alta no imposto, indicando o epígrafe deste.

3. Memoria descritiva do investimento proxectado, que deberá conter:

-Indicación expresa de que se trata de investimentos adquiridos a terceiros e realizados ou para realizar a partir do 1 de xaneiro de 1999.

-Localización dos investimentos.

-Orzamento detallado e valorado (excluído o IVE), partida a partida, dos investimentos en inmobilizado material novo, bens usados e en inmobilizado inmaterial, na orde establecida no impreso de solicitude.

-No caso de que parte do investimento estea pagado, deberán indicar no detalle anterior qué partidas están pagadas ou cál é a parte pagada de cada unha das partidas (excluído o IVE). Se non estivese pagada ninguna delas, deberá indicarse expresamente que está na súa totalidade pendente de pagamento.

-Esta memoria deberá estar datada e asinada polo solicitante, debendo quedar unha copia dela no expediente da entidade colaboradora.

3.1. Para aqueles proxectos nos que estea prevista a realización de obras e construccións, deberán xuntar fotocopia da solicitude de licencia de obra ou da licencia definitiva expedida polo concello. Así mesmo, para o caso de pequenas reformas deberanse presenta-los seus planos e, se se trata de novas construccións, presentarase o anteproxecto asinado por técnico competente.

3.2. Cando a adquisición se produza entre persoas ou entidades vinculadas segundo a definición contida na normativa do imposto sobre sociedades, será preciso presentar unha valoración subscrita por firma de taxación independente.

4. Nas solicitudes de axuda dun proxecto que implique a creación de emprego neto por conta allea: declaración xurada do número de postos de traballo

que se van crear e fotocopia do último TC1 e TC2; e no caso de que o número de traballadores que figuran neles non coincida co número actual de traballadores no momento da solicitude e que figuran nela, certificación emitida polo solicitante do número de traballadores dados de baixa/alta e aclaración á diferencia sinalada. Para aquelas solicitudes de axuda financeira para préstamos superiores a 82 millóns de pesetas deberán presentar, ademais, compromiso de acada-los niveis de estabilidade laboral requiridos no punto 2 da cláusula 2ª.

Nas solicitudes de axuda financeira para préstamos superiores a 82 millóns de pesetas nas que o proxecto non implique a creación de emprego neto por conta allea, declaración xurada do número de traballadores no momento da solicitude, diferenciando entre fixos e temporais.

5. Declaración xurada de outras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, especificando o organismo ó que lla solicitou, normativa legal que a ampara, data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido. Unha mesma declaración actualizada remitirase ó Igape no momento no que o beneficiario xustifique a total realización do proxecto de investimento subvencionado, xunto coa documentación estipulada no último parágrafo da cláusula 9.5.

6. Certificado de estar ó día nas obrigas fiscais e da Seguridade Social, emitidos polos organismos competentes.

7. Certificación acreditativa de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

8. As empresas que se acollan á excepción establecida no parágrafo segundo da cláusula 8.1 deste convenio deberán presentar, segundo o caso:

-Certificación de proxecto Lanza do programa Lanza do Igape.

-Documento acreditativo de estar inscritas no rexistro xeral de Artesanía de Galicia.

En cualquera caso, cantos outros documentos e información adicional que se considere oportuna, a xuízo do Igape, para os efectos dunha correcta análise da solicitude.

9.2. Presentación das solicitudes.

As solicitudes presentaranse nas entidades financeiras segundo o modelo oficial xa citado, acompañadas pola documentación, por duplicado, que se sinala no epígrafe anterior.

Coa presentación da instancia de solicitude, as empresas que se acollan ás axudas recollidas no presente convenio apoderan a entidade financeira para a realización ante o Igape de todos aqueles trámites en que así se prevexa. A este respecto, o Igape considerará a actuación da entidade financeira como se fose propia da empresa solicitante.

A entidade financeira datará e selará os cinco exemplares do impreso de solicitude, entregándolle

ó solicitante a cuarta copia, quedándose coa 3ª copia e remitíndolle ó Igape o orixinal e a 1ª copia e á Consellería Sectorial por razón da actividade, segundo o establecido no anexo II de actividades subvencionables e preferentes, a 2ª copia. Así mesmo, deberá centraliza-la recepción das solicitudes unha vez seladas polas súas distintas sucursais, tendo un prazo de 30 días para resolve-la petición de préstamo, sendo o prazo límite para a aceptación de solicitudes na dita entidade o 15 de outubro de 1999.

As entidades financeiras deberán presentar no rexistro xeral do Igape os expedientes coa documentación completa, coa excepción sinalada no último parágrafo do punto 1 da cláusula 9.1., acompañada da concesión do préstamo segundo modelo que se xunta (anexo IV) e do aval da SGR, se é o caso. O último día hábil para a súa presentación será o 15 de novembro de 1999, debendo presentar, ademais, un exemplar dos expedientes na Consellería Sectorial por razón da actividade, segundo o establecido no anexo II de actividades subvencionables e preferentes. Aquelas solicitudes que se presenten fóra deste prazo serán obxecto de resolución de arquivo, asumindo a entidade financeira tódala responsabilidade polos prexuízos que iso poida supoñerlle á empresa solicitante.

A presentación dos expedientes no Igape deberá realizarse mediante escrito no que se relacionen os expedientes que se xuntan (número, nome e importe), indicando a qué consellería sectorial remitiron a segunda copia.

No caso de operacións avaladas por unha SGR, estas poderán tramitar directamente as solicitudes e a documentación, tanto ó Igape como á consellería sectorial, sempre que veñan acompañadas da comunicación de concesión do préstamo pola entidade financeira e pola certificación de concesión do aval.

As solicitudes presentadas por sociedades civís ou comunidades de bens deberán tramitarse a nome dos titulares que formalizarán o préstamo, seguido da denominación da sociedade civil ou comunidade de bens.

Dentro dos dez días seguintes á recepción das solicitudes, o Igape comunicaralle ós solicitantes a data na que as solicitudes foron recibidas polo Igape, co prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e os efectos do silencio administrativo.

No caso de non terse presentado coa solicitude, o Igape reclamará por fax á entidade financeira e ó interesado por correo certificado con xustificante de recepción, aqueles documentos que foran preceptivos, debendo presentarse estes no prazo de 15 días hábiles a partir do día seguinte á recepción da notificación. Rematado o prazo de emenda sen terse presentado a documentación preceptiva, dictarase resolución tendo o solicitante por renunciado ós seus dereitos e ordenando o arquivo do expediente.

9.3. Concesión.

Segundo o artigo 14 da Orde do 18 de abril de 1996, o Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de catro meses desde a recepción da solicitude. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo poderanse considerar desestimadas.

O Igape notificaralle ó solicitante e comunicaralle á entidade financeira e á SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da subsidiación. O beneficiario deberá aceptar expresamente a resolución de concesión. A aceptación formalizarase na copia da resolución que para tal efecto se remitirá xunto coa resolución de concesión e que deberá ser devolta ó Igape debidamente formalizada.

Contra a resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes desde o día seguinte á notificación.

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do presente convenio con proxectos que superen os 50 millóns de pesetas de investimento subvencionable (ou o seu contravalor en euros), serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

9.4. Formalización.

A entidade financeira e o solicitante deberán formaliza-lo préstamo mediante escritura pública ou póliza intervida por corredor de comercio colexiado, de acordo coas seguintes condicións:

A partir da entrada en vigor deste convenio e respectando as condicións e requisitos establecidos nel, a entidade financeira, unha vez presentado o expediente de solicitude no Igape, poderá formaliza-los préstamos cos seus clientes. Para isto, deberá remitir escrito, segundo modelo que se xunta (anexo V), manifestando a intención de acollerse a esta opción co obxecto de que, con anterioridade á data de formalización prevista, este instituto analice e cuantifique o investimento subvencionable e o importe do préstamo que se vai subsidiar. O Igape comunicará mediante fax á entidade financeira a autorización, se é o caso, a dita formalización. A empresa solicitante requirirá á entidade financeira copia da autorización do Igape antes de proceder á formalización do préstamo.

A autorización á formalización do préstamo antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión da subsidiación solicitada.

No contrato de préstamo así formalizado deberase facer mención, alomenos, dos seguintes extremos: que se presentou solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste instituto; que o Igape autorizou a formalización da operación, indicando a data e as condicións establecidas nela; e que unha vez dictada a resolución de concesión do Igape, o préstamo se acollerá ás axudas establecidas no presente convenio nos termos e condicións sinalados na resolución de concesión.

No caso de que a resolución de concesión considere condicións diferentes ás que se indicaban na autorización de formalización, deberán incluír un anexo á póliza de préstamo, intervido por fedatario público, no que se fagan consta-las características establecidas na dita resolución.

Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recolle-la característica de estar acollido a este convenio e a este programa (clave I-1/99), e nel estableceranse claramente o tipo de xuro da operación e, se é o caso, o sistema de variación para os próximos exercicios, así como os puntos de subsidiación concedidos e o límite que corresponda para os efectos de aplicación da subsidiación establecida na cláusula 8.3.5.

O prazo máximo para a formalización do préstamo ou, se é o caso, a adaptación da póliza ás condicións da resolución del Igape será de cinco meses, contados a partir do día seguinte á data de notificación da concesión ó interesado. Transcorrido o dito prazo dictarase resolución, tendo ó solicitante por renunciado e ordenado o arquivo do expediente, agás que, logo da solicitude razoada de prórroga de este presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape teña autorizado a dita prórroga.

A entidade financeira enviaralle ó Igape, coa maior brevidade, unha fotocopia da póliza ou escritura de préstamo e, se é o caso, do correspondente anexo, antes de presenta-la primeira certificación de xustificación de investimentos.

9.5. Disposición.

Os beneficiarios das axudas deberán xustificar á entidade financeira a disposición dos fondos da operación financeira subsidiada, a súa aplicación ás finalidades para as que foi concedida.

O período de disposición do préstamo e de realización dos investimentos deberá suxeitarse ós seguintes límites:

1. Non poderá supera-la data pactada no préstamo para o aboamento da primeira amortización do principal, naqueles préstamos sen carencia.

2. Non poderá superar un ano desde a formalización do préstamo, naqueles préstamos con carencia. Excepcionalmente, logo da autorización do Igape por instancia do beneficiario, poderá ampliarse o prazo de disposición do préstamo como máximo ata o límite da data pactada para o aboamento da primeira amortización do principal.

No momento da formalización do préstamo, ou en todo caso previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira requirirá ós beneficiarios a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento subvencionable pagado e pendente de pagamento. A disposición de fondos irá destinada ós pagamentos pendentes do investimento. Non se establece restricción en canto ó número de disposicións, así como á contía correspondente a cada unha delas, sempre que o importe no seu conxunto non exceda da por

centaxe -préstamo subvencionado/investimento subvencionado- segundo a resolución de concesión.

Unha vez formalizado o préstamo, as disposicións realizaranse a través dunha conta específica na que se reflectirán única e exclusivamente os movementos habidos neste.

A entidade financeira deberá conservar copias cotexadas dos documentos que xustifiquen o investimento total subvencionado, así como os medios utilizados para o seu pagamento, enviando esta documentación acompañada do extracto da conta específica ó Igape, cando practiquen a primeira e, se é o caso, a segunda xustificación do investimento. Por outra banda, e no momento no que o beneficiario xustifique a total realización do proxecto investidor subvencionado, a entidade financeira deberá remitir xunto coa documentación anterior, unha declaración de axudas actualizada para o mesmo proxecto nos termos establecidos na cláusula 9.1.5).

9.6. Incidencias.

a) Cambio de titularidade da axuda financeira: poderase solicitar cambio de titularidade da axuda financeira naquelas operacións xa formalizadas, nos casos de transformación de empresas individuais en sociedades e nos de modificación da forma da sociedade, sempre que se recolla documentalmente o traspaso ou a achega da totalidade dos dereitos e obrigas comprometidos no proxecto subvencionado e a subrogación nas obrigas financeiras do préstamo; nos casos de fusión e absorción de sociedades procederase de xeito análogo. A citada documentación deberá ser enviada a través da entidade financeira ó Igape, para que se proceda, se é o caso, á autorización do cambio de titularidade da axuda.

b) Cambio de entidade financeira: naquelas axudas concedidas nas que o titular solicite a formalización do préstamo noutra entidade financeira colaboradora distinta da que tramitase a solicitude, deberá solicita-lo cambio de entidade financeira a través da nova entidade prestamista, xuntando nova comunicación de concesión de préstamo e declaración xurada de que non existe variación na documentación do expediente, enviando toda esa documentación ó Igape, para que se proceda, se é o caso, á autorización do cambio solicitado.

c) Modificación dos plans de investimentos: nos casos nos que a modificación no plan de investimento implique unha reducción na súa contía, acompañada ou non dun cambio nas partidas do proxecto, deberá solicitarse ante o Igape, a través da entidade financeira, previamente á formalización do préstamo ou antes da plena utilización dos fondos, acompañada dunha memoria explicativa, podendo o Igape, no caso de autoriza-la modificación solicitada, acomoda-la contía do préstamo subvencionable á porcentaxe máxima de financiamento sinalada na cláusula 8ª. Nos casos de préstamos xa formalizados e dispostos na súa totalidade acomodarase o importe do préstamo subvencionable rebaixándoo proporcionalmente á reducción do investimento subvencionable, procedéndose ó igual que nos casos de incumprimento parcial.

Se a modificación consiste no cambio das partidas do proxecto manténdose ou incrementándose o importe do investimento subvencionable, procederase de forma análoga, co obxecto de adaptar, se é o caso, a resolución de concesión ás novas condicións, sen que iso supoña modificación na contía do préstamo subvencionable.

d) Prórrogas para a ampliación dos prazos establecidos no convenio: a Lei 4/1999 de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 12, do 14 de xaneiro de 1999), no seu artigo 1, punto 14, modifica a redacción do artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, establecendo no seu punto 3. que, «tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberá producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de que se trate. En ningún caso poderá ser obxecto de ampliación un prazo xa vencido. Os acordos sobre a ampliación de prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recursos».

Conforme o anterior, a solicitude de prórroga de ampliación dos prazos establecidos neste convenio presentarase no rexistro xeral do Igape cunha antelación mínima de 10 días hábiles antes do vencemento do prazo a que se vai ampliar, co obxecto de que o Igape poida acorda-la súa aprobación ou denegación antes do vencemento do prazo de que se trate.

O resto das incidencias que se producisen poderán admitirse despois da solicitude do interesado, coa conformidade da entidade financeira, sempre que estean xustificadas e non desvirtúen a finalidade da subsidiación.

Cláusula 10ª.-Liquidación e xustificación.

a) Liquidación de xuros.

A liquidación da cota de xuro por parte da entidade financeira ó beneficiario efectuarase, ó igual que as amortizacións, semestralmente.

Para préstamos a xuro fixo, o devengo de xuros será por días comerciais, base 360, con liquidacións semestrais que comezarán a computarse desde o primeiro día 15 inmediato posterior á data de formalización. Non obstante, o primeiro período de liquidación de xuros será irregular e igual ou superior a 6 meses polos días que transcorran desde a data de formalización ata o primeiro día 15.

Para préstamos a tipo de xuro variable, o devengo de xuros será por días naturais, base 365, e a súa liquidación será por períodos semestrais que comezarán a computarse a partir do primeiro día 15 inmediato posterior á data de formalización. Non obstante, o primero período de liquidación de xuros será irregular e igual ou superior a 6 meses polos días que transcorran desde a data de formalización ata o primeiro día 15.

b) Liquidación da subsidiación e xustificación do proxecto.

O cálculo da subsidiación realizarase por parte da entidade financeira por períodos semestrais que

remitirán ó Igape segundo o procedemento establecido na cláusula 11ª.

Mentres tanto non estean presentadas as certificacións de xustificación de investimentos, pola totalidade do investimento, as liquidacións calcularanse sobre o importe do préstamo que corresponda ó investimento xustificado coa matización do parágrafo seguinte. A partir da xustificación total do investimento, as posteriores liquidacións da subsidiación realizaranse sobre o saldo vivo teórico do préstamo.

A xustificación do investimento realizarase a través de certificacións de xustificación de investimentos emitidas pola entidade financeira, podéndose realizar como máximo dúas certificacións. A primeira deberá acadar como mínimo o 50% do investimento subvencionable. Se se realiza unha segunda, esta debe ser complementaria da primeira ata a xustificación total do investimento.

A entidade financeira esixiralles ós beneficiarios copias cotexadas dos documentos que xustifiquen a realización do investimento subvencionable así como os documentos xustificativos do pagamento, que remitirán ó Igape acompañando as citadas certificacións de xustificación de investimentos.

As certificacións de xustificación de investimentos que deberá formaliza-la entidade financeira deberán conter polo menos, os datos do importe do investimento subvencionable xustificado e a porcentaxe que representa respecto da totalidade do investimento aprobado; a parte do préstamo disposto utilizado para o pagamento do investimento xustificado; a data valor da xustificación do investimento, que se define como a última data de pagamento do investimento xustificado na certificación; indicación de se se trata de primeira, única ou segunda e complementaria. Neste último caso deberán reflectirse os datos sinalados anteriormente, correspondentes á primeira certificación e a data en que esta foi presentada, así como o resumo total do investimento xustificado e o importe disposto do préstamo e as porcentaxes correspondentes entre investimento xustificado e préstamo disposto.

No caso de que na única ou a última certificación de xustificación de investimentos non se acade o 100% do investimento subvencionable aprobado na resolución, deberá xuntar, a entidade financeira, unha solicitude de modificación da resolución, asinada polo empresario, para adaptala ó proxecto realizado e xustificado.

Para o cálculo da subsidiación tomarase como data inicial a data valor de xustificación de investimentos que figura na certificación de xustificación de investimentos emitida pola entidade financeira e os puntos subsidiados aplicaranse ó importe do préstamo disposto que corresponda ó investimento xustificado, de acordo coa ratio -préstamo subsidiado/investimento aprobado- determinado na resolución de concesión; unha vez xustificado a totalidade do investimento, as posteriores liquidacións de subsidiación realizaranse sobre o saldo vivo teórico do préstamo.

No caso de que o préstamo fose formalizado con anterioridade á concesión, conforme o disposto no primeiro parágrafo da cláusula 9.4 anterior, a data valor da xustificación do investimento non poderá ser anterior á data de resolución.

O devengo da subsidiación será por días comerciais para préstamos a tipo de xuro fixo e por días naturais para préstamos a tipo de xuro variable. O primeiro período de liquidación da subsidiación será irregular e computarase polos días transcorridos desde a data de inicio da subsidiación ata o vencemento do semestre que se liquida.

O prazo máximo para remitir ás entidades financeiras as certificacións de xustificación de investimentos, será de 4 meses, contados a partir da data de terminación do período de disposición, podendo o Igape conceder prórroga por solicitude razoada do empresario, tramitada a través da entidade financeira.

Para aqueles proxectos de investimento que impliquen a creación de emprego neto por conta allea, e unha vez xustificada a realización do investimento, o Igape reclamará ó beneficiario a documentación acreditativa do cumprimento da condición de creación de emprego. Naqueles expedientes suxeitos ó cumprimento da condición á que se refire o punto 2 da cláusula 2ª o Igape, igualmente, reclamará a documentación acreditativa de que se teñen acadado os niveis de estabilidade laboral esixidos. Non obstante, naqueles expedientes que teñan concedida axuda para o mesmo proxecto ó abeiro da orde da Consellería de Economía e Facenda do 7 xullo de 1997, o cumprimento da anterior esixencia poderase comprobar a través do expediente tramitado ó abeiro da devandita orde.

Cláusula 11ª.-Pagamento da subsidiación.

O pagamento da subsidiación ós beneficiarios realizarase semestralmente a través da entidade financeira prestamista.

As entidades financeiras solicitarán ó Igape o pagamento da subsidiación dentro dos 5 primeiros días do trimestre natural seguinte ó que corresponda liquidación. Xuntaranlle á a dita solicitude as liquidacións semestrais en formato de listaxes ou relacións individualizadas dos préstamos ordenados alfabeticamente, onde figurarán os seguintes datos:

O capital vivo teórico á data de inicio do semestre que se liquida; as variacións no capital vivo que se teñan producido durante o semestre e a data na que se produciron e, naqueles préstamos nos que se teña presentado nese semestre certificación de xustificación de investimentos, o importe do préstamo disposto con dereito a subvención e a data valor; o tipo de xuro; os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención que corresponde, certificando a autenticidade deses datos.

O beneficiario do préstamo subsidiado pagará ó seu vencemento o tipo de xuro total da operación, segundo o establecido na cláusula 8.3.1. deste convenio, debendo a entidade financeira aboa-la subsidiación ó beneficiario na mesma data valor na que o Igape a ingrese na dita entidade.

As liquidacións practicadas serán á conta e provisionais, mentres o Igape non realice a oportuna comprobación, que poderá efectuarse durante o período de vixencia do préstamo. Nos casos de erros nas liquidacións de subsidiación, o Igape procederá á súa corrección, podendo compensa-las cantidades indebidamente aboadas coas posteriores liquidacións de subsidiación.

Con independencia do sistema de pagamento da subsidiación establecido con anterioridade, e unha vez verificado por este instituto o cumprimento das finalidades para as que se concedeu a subsidiación, o Igape resérvase a facultade de pagar anticipadamente a subsidiación. O importe da liquidación anticipada destinarase á amortización do principal do préstamo. A entidade financeira aboaralle a subsidiación ó beneficiario na mesma data valor na que o Igape lle ingrese a cantidade, non podendo cobrar comisión por amortización anticipada. A entidade financeira deberá remitir ó Igape no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó aboamento da subsidiación o extracto da conta do préstamo onde figure o capital amortizado.

O importe da subvención anticipada será o valor actualizado ó tipo de xuro legal do diñeiro das cantidades que se devengarían en concepto de subvención durante o período non vencido, aplicando os puntos de subsidiación de acordo co establecido na cláusula 8.3.5 para o momento do cálculo.

Cláusula 12ª.-Proxectos e operacións especiais.

Dentro dos programas e fins recollidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, na Orde do 18 de abril de 1996 e neste convenio, nos casos de proxectos e operacións que pola súa natureza e contía requiran prazos de realización, disposicións financeiras, sindicación de créditos e outros que superen os límites establecidos neste convenio, poderá establecerse un tratamento individualizado, no referente ó condicionado xeral.

Cláusula 13ª.-Perda da subvención.

1. No caso de reclamación xudicial por instancia da entidade financeira, por incumprimento do contrato de préstamo, e nos de suspensión de pagamentos ou quebra do beneficiario, perderase o dereito á subsidiación ó tipo de xuro desde a data de presentación da reclamación ou da aceptación das anteriores declaracións no xulgado. Igualmente perderase o dereito á subsidiación no caso de cesamento da actividade subvencionable desde a data da baixa.

2. Procederase ó reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e á esixencia de xuros de demora desde o devengo de calquera pagamento con cargo á subvención concedida, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos requiridos para iso.

c) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

Tratándose de condicións referentes á contía do investimento, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó investimento non practicado ou practicado indebidamente. Se o incumprimento superara o 50 por 100 do investimento a que se obrigase o beneficiario, poderá entenderse que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse tódalas cantidades percibidas.

Se o incumprimento derivara da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagardado o plan de viabilidade que se é o caso se presentara.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas.

As cantidades para reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, sendo, se é o caso, de aplicación para o seu recobro a vía de constrinximento.

3. Así mesmo, o Igape poderá esixi-las correspondentes responsabilidades ás partes implicadas nos convenios de colaboración, no caso de actuación con neglixencia grave ou dolo, en detrimento do cumprimento das finalidades destas subvencións.

A entidade financeira queda obrigada a comunicarlle ó Igape a relación detallada das operacións obxecto de reclamación xudicial e as que incorran en quebra ou suspensión de pagamentos con indicación da data de presentación ou aceptación no xulgado.

Cláusula 14ª.-Compatibilidade.

Non poderán acollerse ás axudas establecidas neste convenio aqueles proxectos que se vaian financiar, en todo ou en parte, mediante créditos, préstamos ou contratos de leasing que teñan calquera tipo de subvención dirixida a mellora-las condicións financeiras respecto ás normais do mercado.

A concesión das axudas deste convenio queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nos ditos termos serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites establecidos pola Unión Europea. A axuda financeira que o Igape conceda a través deste convenio non computa para os efectos de determina-lo importe máximo total da axuda de mínimis, de acordo coas directrices comunitarias sobre axudas estatais a Pemes (Comunicación da Comisión nº 96/C 68/06, do 6 de marzo de 1996).

En todo caso serán de aplicación os límites de axudas previstos no artigo 7.2ºa) do Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

Para o cálculo da intensidade da axuda de subvención ó tipo de xuro procederase do seguinte xeito:

-Calcularanse en pesetas correntes (ou o seu contravalor en euros) os valores absolutos das subvencións que se vaian percibir.

-Actualizaranse, ó ano da concesión das axudas, os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro.

Cláusula 15ª.-Responsabilidade subsidiaria.

A entidade financeira que asina o presente convenio comprométese a responder subsidiariamente co beneficiario a devolución e pagamento do importe das subvencións indebidamente percibidas, cando se cumpran os seguintes supostos:

a) Cuando por neglixencia grave ou dolo da entidade financeira que asina este convenio se permitise dispor indebidamente dos fondos da conta restrinxida do préstamo, sen presentación por parte dos beneficiarios dos correspondentes xustificantes, ou ben estes se refiran de xeito claro e manifesto a bens substancialmente distintos ós incluídos no proxecto de investimento.

b) Que do uso indebido da conta se derivase un emprego de fondos distinto das finalidades previstas nestas axudas ás pequenas e medianas empresas, e iso dese lugar a unha resolución administrativa firme de obriga de devolución das subvencións indebidamente percibidas.

Non se considerarán nos supostos anteriores, os simples erros materiais ou aritméticos, nos que non interveña culpa nin dolo.

Cláusula 16ª.-Normas operativas.

As entidades financeiras asinantes comprométense a acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo dicte o Igape para a mellor administración e control das operacións incluídas no convenio.

Cláusula 17ª.-Información e inspección.

O Igape, por medio dos seus propios órganos, poderá solicitar das entidades financeiras aclaracións á documentación que deberán enviar unha vez realizada a disposición total do préstamo e que se sinala na cláusula 9.5. e durante toda a vixencia do préstamo.

Igualmente poderá solicitar das SGR a remisión da documentación que acredite a execución do investimento, correspondente ós beneficiarios ós que prestase o seu aval.

O Igape poderá proceder á inspección directa dos investimentos que realicen os beneficiarios destas axudas.

Cláusula 18ª.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a denuncia do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas.

A denuncia, que deberá facerse con 30 días de aviso previo, suporá en todo caso deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas legalmente contraídas polas dúas partes.

Cláusula 19ª.-Compromiso das entidades financeiras.

1. A entidade financeira que subscribe o presente convenio comprométese a concede-los préstamos nos termos e condicións establecidas neste convenio, no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, e Decreto 95/1999, do 8 de abril, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, na orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 21 de abril de 1999, que modifica a do 18 de abril de 1996.

A entidade financeira, antes do 15 de setembro de 1999, enviará por escrito ó Igape, referido á data do último día hábil do mes de agosto, a relación de peticionarios ós que lles foron concedidos préstamos, engadindo, se é o caso, unha relación das solicitudes que estean en trámite. Na comunicación, para o caso das solicitudes aprobadas, deberá facerse consta-lo número de expediente e importe concedido. Unha relación similar deberá enviarse ó Igape antes do 20 de outubro de 1999 referida ó 15-10-1999.

2. A entidade asinante comprométese igualmente a non conceder sen a autorización do Igape préstamos acollidos ó presente convenio por unha contía superior a ... millóns de pesetas (ou o seu contravalor en euros).

Así mesmo, a entidade financeira asinante comprométese a respectar, segundo o establecido no artigo 11 da Orde do 18 de abril de 1996, as proporcións fixadas no citado artigo do 40% (... millóns de pesetas, ou o seu contravalor en euros) para actividades subvencionables e do 60% (... millóns de pesetas, ou o seu contravalor en euros) para actividades, localización ou investimentos preferentes sobre a cota asignada de ... millóns de pesetas (ou o seu contravalor en euros), conxuntamente para este convenio e para o convenio Igape-entidades financeiras.

3. Por outra parte, a entidade asinante comprométese a cumpri-los prazos e as formalidades establecidas neste convenio respecto á tramitación dos expedientes de subsidiación e a mante-la disposición do Igape, durante o prazo legalmente establecido, a documentación sinalada no último parágrafo do punto 1 da cláusula 9.1.

Cláusula 20ª.-Seguimento do convenio.

O seguimento do convenio realizarase a través dunha comisión de vixilancia e seguimento, integrada polas entidades financeiras, SGR e representantes do Igape que terán reunións con periodicidade trimestral, ou ben convocando separadamente a cada unha delas.

O Igape fará públicos os resultados do convenio de forma periódica.

Cláusula 21ª.-Publicidade.

As entidades financeiras asinantes comprométense a amosar, nas súas distintas sucursais, a publicidade facilitada polo Igape e a colaborar na correcta difusión desta liña de axudas.

Co obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, se é o caso, realicen as entidades financeiras sobre este convenio, deberán contar co visto e prace previo do Igape.

Cláusula 22ª.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa, e correspóndelle ó Igape a interpretación do seu contido.

Claúsula adicional.

Se durante a vixencia deste convenio se esgotasen os fondos da liña PEME 99 do ICO, as solicitudes de préstamo subsidiado presentadas ó abeiro do presente convenio que se atopen pendentes de resolución ou que, estando xa resoltas, non se teña formalizado o préstamo, poderán ser atendidas a través do programa de investimentos do convenio de apoio financeiro ás Pemes subscrito entre o Igape e as entidades financeiras, sempre que exista dotación orzamentaria en dito programa.

Para isto, o interesado deberá solicitalo a través da entidade financeira, que remitirá a súa solicitude ó Igape acompañada dunha nova comunicación de concesión de préstamo adecuada ás condicións financeiras do convenio Igape-entidades financeiras.

O Igape resolverá as solicitudes así presentadas de acordo co convenio Igape-entidades financeiras e, se é o caso, adaptará a resolución de concesión xa dictada ás novas condicións do dito convenio.

Non obstante o anterior e sempre e cando o ICO renove a liña PEME para o ano 2000, aquelas solicitudes de préstamo subsidiado presentadas ó abeiro do presente convenio que estando xa resoltas, non se formalizasen por esgotarse os fondos da liña PEME 99 do ICO e que non fosen reconducidas ó convenio Igape-entidades financeiras, poderán formalizarse con fondos da nova liña PEME, no caso de que as condicións financeiras desta nova liña non sufrisen variación. No caso de que sufrisen variación, o interesado deberá solicitarlle ó Igape, a través da entidade financeira, modificación da resolución de concesión ó obxecto de adaptala ás novas condicións que se establezan.

Cláusula de aplicación transitoria.

Aquelas empresas que formalizasen operacións de préstamo con fondos da liña PEME 99 do ICO durante o período comprendido entre o 1-1-1999 ata a entrada en vigor do presente convenio, poderán solicita-la subsidiación establecida neste convenio durante o primeiro mes da súa vixencia. A tramitación da axuda financeira deberá facerse mediante solicitude específica xuntando ó modelo normalizado de solicitude e á documentación establecida, fotocopia da póliza de préstamo e unha relación na que se sinalen os investimentos realizados a partir do 1-1-99 con indicación dos pagamentos efectuados a través do citado préstamo, os pagamentos efectuados con outros fondos, así como os investimentos pendentes de realización e/ou pagamento, se é o caso, na data da presentación da solicitude no Igape.

Unha vez comunicada a resolución de concesión do Igape, deberá incluírse un anexo á póliza de préstamo, intervido por fedatario público, no que se fagan consta-las características establecidas na dita resolución, adaptando, se é o caso, o cadro de amortización á periodicidade semestral, de acordo co establecido na cláusula 8.2.

A data de inicio da subsidiación, de acordo co establecido na cláusula 10ª.b), será a data valor da xustificación do investimento e, en ningún caso, esta poderá ser anterior á data da resolución de concesión.

Agás as condicións específicas recollidas nesta cláusula transitoria, as solicitudes de axuda someteranse en todo o demais á normativa xeral recollida no presente convenio.

En Santiago de Compostela, 18 de maio de 1999.

Pola entidade financeira,Polo Igape,

Asdo.:.....José Antonio Orza Fernández

DNI:......Presidente do Igape

ANEXO I (Continuación)

CONDICIÓNS QUE DEBEN CUMPRI-LOS SOLICITANTES

DE AXUDA FINANCEIRA PARA PROXECTOS DE INVESTIMENTO POR

IMPORTE DE PRÉSTAMO SUPERIOR A 82 MILLÓNS DE PESETAS

A) A condición de beneficiario destas axudas só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante da axuda teña contratos por tempo indefinido.

Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto.

As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, se deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

B) O cumprimento do requisito sinalado no punto anterior para ser beneficiario das axudas públicas non se esixirá en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comundidade Autónoma de Galicia.

O citado requisito tampouco se lles esixirá ás empresas con menos de dez traballadores. Neste caso, a porcentaxe de estabilidade mínima laboral esixida reducirase ó 33%.

De xeito excepcional e coa debida motivación, nos casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos, poderá autoriza-la non esixencia da porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda, o que se porá en coñecemento da Comisión de Seguimento dos Acordos dos Apoios á Promoción Económica e Fomento Empresarial.

ANEXO III

CONCELLOS DAS PROVINCIAS DA CORUÑA E PONTEVEDRA NOS QUE

EXISTE UN ABANDONO DE POBOACIÓN SUPERIOR A UN 15%

-Provincia da Coruña.

Concellos:

Moeche.

Somozas (As).

Monfero.

Mesía.

Sobrado.

Val do Dubra.

Toques.

Cesuras.

Paderne.

Boqueixón.

Mañón.

Vilarmaior.

Vilasantar.

Baña (A).

Laxe.

Ortigueira.

Capela (A).

-Provincia de Pontevedra.

Concellos:

Cotobade.

Lama (A).

Vila de Cruces.

Estrada (A).

Forcarei.

Covelo.

ANEXO IV

MODELO DE COMUNICACIÓN DE CONCESIÓN DE PRÉSTAMO

Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Rfa: Convenio Igape-ICO-EE FF-99

r/ Frei Rosendo Salvado, 16 baixo

Santiago de Compostela

Estimados señores:

Estudiada a solicitude de préstamo presentada nesta entidade financeira, acollida ós beneficios regulados polo decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, o Decreto 95/1999, do 8 de abril, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 21

de abril de 1999, que modifica a do 18 de abril de 1996, e acollida ó convenio de colaboración arriba referenciado, comunicámolles a vostedes que foi concedido o préstamo coas características que se detallan:

Beneficiario:

Código do programa: (I-1/99)

Nº expediente:

Data da solicitude na entidade financeira:

Oficiña:

Importe:

Prazo de vixencia:

Período de carencia:

Tipo de xuro: r Fixo: amortización semestral-modalidade de

amortización.

r Sistema lineal

r Sistema francés

r Variable: amortización semestral-modalidade

de amortización lineal.

Garantías (só se ten aval de SGR)

Xuntamos orixinal e 1ª copia do impreso de solicitude e a documentación completa esixida para o efecto. Así mesmo, comunicamos que con esa mesma data remitímo-la 2ª copia da solicitude e unha copia da documentación esixida ós servicios centrais da Consellería de ..., Dirección Xeral de...

Data e sinatura

ANEXO V

MODELO DE SOLICITUDE DE FORMALIZACIÓN PREVIA Á RESOLUCIÓN

En relación á solicitude de axuda financeira formulada pola empresa, nº Exp.

* Presentada no Igape con data do.../.../..., rexistro de entrada nº......

ou

* Que se presenta na data de hoxe,

De acordo co estipulado na cláusula 9.4 do convenio Igape-ICO-entidades financeiras 99, comunícase a intención de formaliza-la dita operación previamente á resolución de concesión de subsidiación por parte dese instituto e respectando, en todo caso, as condicións e os requisitos establecidos no convenio, tanto á hora da formalización, como na posterior disposición do préstmao e xustificacióndos investimentos.

Así mesmo comunícase que, de acordo co establecido na mencionada cláusula, a operación non se formalizará mentres non se reciba a preceptiva autorización do Igape.

Data, sinatura e selo da entidade financeira.

Instituto Galego de Promoción Económica

Relación de entidades de crédito colaboradoras

Caixa Galicia

Caixa Ourense

Caixa Pontevedra

Caixa Rural de Lugo

Caixa Vigo

Caja Madrid

La Caixa

Caixa Catalunya

Caja España

Banco Asturias

Banco Atlántico

Banco Bilbao Vizcaya

Banco Santander Central Hispano

Banco Comercio

Banco Español de Crédito

Banco Espirito Santo

Argentaria, C. Postal, B. Hipotecario

Banco de Galicia

Banco Gallego

Banco Herrero

Banco Mapfre

Banco Pastor

Banco Popular

Banco Sabadell

Banco Simeón

Banco Urquijo

Banco Zaragozano

Bankinter

Deutsche Bank

B.N.P. España, S.A.

Barclays Bank, S.A.

Afigal

Sogarpo