Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 14 de xuño de 1999 Páx. 7.425

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 26 de maio de 1999 pola que se convocan 10 bolsas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para a contratación de doutorados nas empresas galegas.

É obxecto destas bolsas a incorporación ás empresas galegas de persoal altamente cualificado, en especialidades concretas derivadas do feito de posúi-lo título de doutor, todo isto coa finalidade de incorporar ás empresas persoas con coñecementos técnicos e científicos de alto nivel para acadar un maior grao de competitividade nas empresas galegas a través da realización de proxectos de investigación e desenvolvemento.

A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse ata 10 bolsas destinadas a minora-los custos laborais de titulados universitarios doutores contratados por empresas que teñan o seu enderezo ou centro principal de actividade en Galicia e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria que se incluen como anexo I a presente orde.

O Igape xestionará a tramitación das bolsas. De conformidade coa delegación de facultades efectuada polo seu Consello de Dirección con data do 29 de marzo de 1996, será competente o director xeral do Igape para resolve-la súa concesión ou denegación, así como para declara-los incumprimentos que se produzan.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo ás partidas 0332 37000 481 dos orzamentos do Igape.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o prazo

máximo para notifica-la resolución do procedemento regulado na presente orde será de 6 meses a partir da publicación desta. Transcorrido o referido prazo máximo sen que se notificara resolución expresa, poderán entenderse polos interesados desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 4º

Durante a súa vixencia, estas bolsas son compatibles con outras axudas para o mesmo obxecto que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros, salvo as bonificacións nas cotas á Seguridade Social que poidan derivarse do tipo de contrato, e deberá o beneficiario notificarlle ó Igape calquera solicitude ou concesión obtida.

Artigo 5º

A Dirección Xeral do Igape, logo da audiencia do interesado, interpretará as bases anexas e resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na súa aplicación; contra as súas resolucións, que non esgotarán a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes desde a súa notificación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Económica e Facenda

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

1.1. Empresas.

Poderán solicitar esta axuda aquelas empresas que teñan o seu enderezo ou centro principal de actividade na Comunidade Autónoma galega e que conten cun mínimo de tres traballadores fixos, que desenvolve ou teña previsto desenvolver un proxecto de investigación e desenvolvemento.

1.2. Doutorados.

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles doutores que cumpran os seguintes requisitos:

A) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

B) Cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo de emigrantes galegos.

C) Estar en posesión do título de doutor outorgado por unha institución docente oficialmente recoñecida dalgún país membro da Unión Europea.

En caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia.

D) Non ter sido seleccionado en convocatorias anteriores de calquera programa de bolsas do Igape.

2. Número.

2.1. Establécese un número máximo de 10 bolsas.

2.2. A cada unha das empresas seleccionadas só se lles adxudicará un doutor, podendo o Igape declarar deserta total ou parcialmente a adxudicación das bolsas.

3. Duración e contía.

3.1. O contrato laboral deberá ter unha duración mínima de doce meses e terá que revesti-la modalidade de indefinido, por obra ou servicio determinado, en prácticas ou aquelas outras que eventualmente as substitúan a xuizo do Igape.

3.2. A contía máxima das bolsas polo período total de 12 meses será de 2.200.000 ptas.

3.3. A retribución bruta anual do contratado non poderá ser inferior a 2.200.000 ptas., sen prexuizo da obriga por parte da empresa de aboarlle ó doutor, como mínimo, a retribución que fixe o convenio colectivo aplicable a un traballador coa mesma categoría e modalidade de contratación.

3.4. No contrato laboral deberá pactarse a xornada completa.

4. Solicitude e documentación.

4.1. Empresas: as solicitudes deberán presentarse no modelo oficial do anexo III, xunto coa documentación descrita no anexo II.

4.2. Doutores: as solicitudes deberán presentarse no modelo oficial do anexo IV acompañadas da documentación descrita no anexo V.

5. Presentación de solicitudes e prazos.

5.1. As solicitudes presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas:

A) Santiago de Compostela: Rúa Frei Rosendo Salvado 16, baixo. C.P. 15701.

B) Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590.

C) Vigo: Rúa Príncipe 43, 2º E. C.P. 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co artigo 38.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación presentada polo solicitante non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.

5.2. Tanto para as empresas como para os doutores, o prazo de presentación de solicitudes será de 2 meses a partir da publicación no DOG das presentes bases.

6. Criterios de selección.

6.1. Selección de empresas.

A selección das empresas farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Nivel de innovación do proxecto que se vai realiza-lo titulado: 20 puntos.

b) Complexos de actividade: 20 puntos.

-Mar-industria.

-Rochas ornamentais.

-Agro-industria.

-Téxtil.

-Autómobil.

-Telecomunicacións-Audiovisual.

-Turismo.

-Silvícola-forestal.

-Madeireiro.

-Medio ambiente.

c) Situación da empresa nas dúas provincias de menor renda per cápita de Galicia (Lugo e Ourense): 10 puntos.

d) Retribución que vaia percibi-lo doutor: 30 puntos.

e) Antecedentes da empresa no cumprimento en anteriores programas de bolsas: 20 puntos.

Para os efectos establecidos na base 7, as empresas serán ordenadas pola puntuación acadada na avaliación dos anteriores criterios. En caso de igualdade na puntuación serán ordeadas por orde de rexistro de entrada das súas solicitudes completas no Igape.

6.2. Criterios de selección de doutores.

O Igape ordenará ós doutores segundo as súas titulacións universitarias de segundo ciclo e a puntuación obtida no seguinte baremo de autoavaliación.

-Expediente académico de primeiro e segundo ciclo:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias:

Puntuación obtida x 10.

Nº de materias.

-Tese doutoral con calificación cum laude: 2 puntos.

-Por cada ano de estandía en universidades ou centros de investigación públicos estranxeiros despois da obtención do título universitario de segundo ciclo: 1 punto.

7. Procedemento.

7.1. Unha vez finalizado o prazo de solicitude, o Igape exporá nas súas oficinas as listas provisionais das empresas e doutores admitidos e excluídos xunto coas titulacións de segundo ciclo solicitadas polas primeiras, por orde de preferencia, e o baremo obtido polos segundos, especificando, se é o caso, as causas da exclusión, abríndose un prazo de dez días para que os interesados poidan emenda-la solicitude, e achegar, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen producirse a emenda, a Dirección Xeral do Igape dictará resolución, tendo

o interesado por desistido da solicitude e ordenando o arquivo do expediente.

7.2. Finalizado o prazo de emenda, o Igape publicará nas súas sedes a lista definitiva de doutores admitidos, sinalando a súa titulación de segundo ciclo, e baremo. Así mesmo publicará a lista definitiva de empresas, sinalando titulacións de segundo ciclo solicitadas por cada unha por orde de preferencia e puntuacións obtidas na valoración dos criterios establecidos na base 6.1.

7.3. O Igape remitirá ás empresas seleccionadas seguindo a orde correlativa de puntuación acadada no punto 6.1. unha terna coa máxima puntuación dentro da titulación de segundo ciclo preferentemente requiridas por aquelas, xunto cos seus currículums, co obxecto de que estas os entrevisten, para avalia-lo perfil dos candidados e a súa adecuación ó traballo ofertado. As empresas deberán devolver esta relación ó Igape no prazo de dez días, ordeada segundo a súa preferencia. En caso de que non se remita a dita relación no prazo establecido, terase a empresa por desistida da súa solicitude, tras resolución dictada pola Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia.

En caso de que non houbese doutores dispoñibles nas titulacións preferentemente requiridas, na relación referida no parágrafo anterior incluiranse os doutores coa máxima puntuación nas titulacións requiridas en segundo lugar pola empresa e que estean dispoñibles, e así sucesivamente.

7.4. En caso de que renuncie o doutorado asignado segundo a base 8, este será excluído de tódalas listas de candidatos a bolsas abertas no dito momento no Igape, quen adxudicará á empresa o doutorado seguinte a orde de preferencia sinalada por aquela que estea dispoñible. No suposto de que conste a renuncia por escrito de tódolos doutorados entrevistados ou de que ningún estea dispoñible, reiniciarase o procedemento establecido no punto 7.3 para adxudicación doutro doutor.

8. Adxudicación.

O director xeral do Igape resolverá a adxudicación da bolsa á empresa, asignándolle o doutorado que estivese dispoñible de entre os elixidos, de acordo coa base 7.

9. Aceptación da bolsa.

O Igape notificaralle ó beneficiario a concesión da bolsa, quen, nun prazo de 15 días hábiles, terá que aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

En caso contrario, considerarase que o beneficiario renunciou ós nos seus dereitos, arquivándose o expediente, tras resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia.

10. Formalización dos contratos.

10.1. Unha vez aceptada a bolsa, o beneficiario disporá de 15 días hábiles para formaliza-lo contrato de traballo co doutor asignado, onde terá que consta-la retribución salarial expresamente cuantificada en número.

A empresa remitiralle ó Igape copia compulsada dos contratos e da alta na Seguridade Social, dentro dos dez días seguintes ó da formalización do contrato.

Transcorridos os ditos prazos sen que a empresa acredite a formalización do contrato no tempo establecido, entenderase que renuncia ós seus dereitos e procederase a arquiva-lo expediente, tras resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia.

10.2. No caso de que o contrato non chegue a formalizarse por causas imputables ó doutor, este perderá os seus dereitos, e a empresa ou entidade poderá comunicarlle por escrito ó Igape tal situación, solicitando que lle sexa asignado outro doutor, de acordo do establecido na base 7.4.

11. Obrigas das empresas ou entidades.

A) Formalizar co doutor asignado un contrato de traballo baixo algunha das modalidades previstas na base 3.1 e mantelo vixente polo menos 12 meses ininterrompidos. En caso de cesamento da relación contractual por causa non imputable á empresa a bolsa reducirase proporcionalmente ó período contractual efectivamente realizado, de acordo co establecido na base 14.

B) Aboarlle ó doutor asignado, como mínimo, unha retribución de 2.200.000 ptas. brutas salvo que o salario mínimo do convenio para a súa categoría sexa superior, neste caso aboarase o importe que marque o convenio.

C) Dar de alta o doutor no grupo de cotización que legalmente lle corresponda segundo a súa titulación e aboa-la cota empresarial da Seguridade Social; a dita cota será pola súa conta e entenderase non incluída no importe da bolsa.

D) Estar ó día nos pagamentos á Seguridade Social e Facenda, así como carecer de débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

E) Entregarlle ó Igape a seguinte documentación:

-Copia compulsada do contrato e alta na Seguridade Social.

-Datos bancarios da empresa.

-Copia das nóminas aboadas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social.

-Memoria de actividades do doutor.

F) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente.

12. Réxime de pagamentos.

12.1. Unha vez vencido o primeiro cuadrimestre, a empresa remitiralle ó Igape certificados actualizados acreditativos de estar ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de que non teñen débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia xunto con copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondentes ó traballador que desfrute da bolsa de traballo e unha vez comprobados será aboado o trinta por cento da bolsa na conta bancaria ó efecto designada polo beneficiario.

12.2. Transcorrido o segundo cuadrimestre, a empresa remitiralle ó Igape certificados actualizados acreditativos de estar ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de que non teñen débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia xunto

con copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social do doutor correspondente e, unha vez comprobados, será aboado o trinta por cento da bolsa.

12.3. Ó finaliza-lo período da bolsa, a empresa ou entidade terá que entregarlle ó Igape copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondentes ó último cuadrimestre, certificados actualizados acreditativos de que está ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de que non ten débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, así como unha memoria das actividades realizadas durante o período da bolsa e asinada polo representante da empresa e polo doutor. Unha vez recibidos e comprobados será aboado o corenta por cento da bolsa.

13. Incumprimento.

13.1. Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de incumprimento. En calquera momento a dirección do Igape poderá reclamar da empresa de destino un informe sobre o traballo realizado polo doutor.

13.2. Procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e nos supostos de incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable.

13.3. Nos casos nos que os incumprimentos non sexan de grande entidade, non sexan imputables ó beneficiario ou concorran outras circunstancias xustificativas a xuízo do Igape, poderá apreciarse un incumprimento parcial.

13.4. O prazo máximo no que deberá notificarse a resolución expresa do procedemento de incumprimento será de 6 meses desde o seu inicio. En caso contrario, producirase a caducidade do procedemento, mediante a resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia, que ordenará o arquivo das actuacións, cos efectos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

14. Incidencias.

14.1. Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación polo Igape da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio.

14.2. As renuncias dos titulados que se produzan durante os dous primeiros meses desde a formalización do contrato, poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape, logo da solicitude do beneficiario e segundo o procedemento establecido na base 7.

14.3. No novo contrato, a empresa beneficiaria só recibirá bolsa do Igape polo tempo que, unha vez deducido o tempo de vixencia do contrato laboral

substituído, reste para cumpri-los 12 meses de contrato, aínda que o novo contrato deberá ter unha duración mínima de 12 meses e cumpri-lo resto das condicións establecidas nas presentes bases.

15. Réxime administrativo.

15.1. A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidesen xurdir na aplicación da presente convocatoria.

15.2. A concesión e desfrute dunha bolsa non supón vinculación laboral, estatutaria ou administrativa entre o Igape e os doutores que concorran a esta convocatoria, non derivarán para eles outros dereitos que os que resulten do procedemento administrativo.

16. Resolucións denegatorias.

As resolucións denegatorias das bolsas, tanto ás empresas coma ós doutores, serán notificadas mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios do Igape, de acordo co establecido no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO II

Documentación empresas

1. Instancia de solicitude. Anexo III.

2. Copia do DNI do soliciante ou do seu representante.

3. Copia do CIF.

4. Copia da escritura de constitución, e se é o caso, das súas modificacións, debidamente inscritas no Rexistro Mercantil, xunto coa copia do poder de representación do asinante da solicitude.

5. Copia do último recibo do IAE ou certificado de estar exento do imposto.

6. Acreditación dun mínimo de tres traballadores fixos. Copia do último TC2.

7. Certificado actualizado de estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social.

8. Certificado actualizado de estar ó día nas obrigas tributarias.

9. Certificado actualizado de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

10. Memoria descritiva do proxecto que se vai realizar, achegando toda a información precisa para avalia-lo nivel de cumprimento dos criterios de selección de empresas descritos na base 6.1.

11. Copia do convenio aplicable ó doutor que se pretende contratar.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co artigo 38.5º da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, da documentación presentada polo solicitante, a que non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.

ANEXO V

Documentación titulados

1. Instancia de solicitude. Anexo IV.

2. Copia do DNI ou pasaporte do solicitante.

3. Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia: acreditarase mediante un certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia: copia do DNI ou pasaporte.

-Ser fillo de emigrantes galegos: copia do DNI do proxenitor que sexa galego.

4. Copia do título de segundo ciclo.

5. Copia do título de doutor ou de certificación supletoria del.

6. Copia do expediente académico.

7. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia da homologación, ademais da copia compulsada do expediente académico, que no caso de estar nun idioma diferente ó galego e castelán terá que ir traducido por un intérprete xurado.

8. En caso de estadía en universidades ou centros de investigación públicos no estranxeiro despois da obtención do título da carreira, será preciso entregar un certificado oficial onde deberán consta-las datas da dita estadía.

9. Currículum vitae.

10. Declaración responsable de que non foi adxudicatario dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co artigo 38.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, da documentación presentada polo solicitante, a que non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.