Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 14 de xuño de 1999 Páx. 7.431

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 26 de maio de 1999 pola que se convocan bolsas contratos en prácticas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Dentro da política económica da Xunta de Galicia e en concreto do Igape e co obxectivo de atende-la necesidade de fomenta-lo emprego mediante a concesión de bolsas e outras axudas a postgraduados con escasa ou nula experiencia profesional, facilitándolle-lo perfeccionamento dos seus coñecementos e o seu axuste ás necesidades reais da empresa de cara á súa definitiva incorporación ó mundo laboral e, así mesmo, a crecente necesidade das empresas, asociacións, e fundacións galegas de dotarse de recursos humanos con cualificación técnica ade

cuada a un custo razoable xustifica a concesión de bolsas-contratos en prácticas.

A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse ata 80 bolsas contratos en prácticas destinadas a minora-los custos laborais de titulados universitarios contratados por empresas ou por outras entidades sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio ou centro principal de actividade en Galicia e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria que se inclúen como anexo I á presente orde.

O Igape xestionará a tramitación das bolsas. De conformidade coa delegación de facultades efectuada polo seu Consello de Dirección con data do 29 de marzo de 1996, será competente o director xeral do Igape para resolve-la súa concesión ou denegación, así como para declara-los incumprimentos que se produzan.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo á partida 0332 37000 481 dos orzamentos do Igape.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o prazo máximo para notifica-la resolución do procedemento regulado na presente orde será de 6 meses a partir da publicación desta. Transcorrido o referido prazo máximo sen que se notificara resolución expresa, poderán entenderse polos interesados desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 4º

Durante a súa vixencia, estas bolsas son incompatibles con outras axudas para o mesmo obxecto que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros, salvo as bonificacións nas cotas á Seguridade Social derivadas do tipo de contrato, e deberá o beneficiario notificarlle ó Igape calquera solicitude ou concesión obtida.

Artigo 5º

A Dirección Xeral do Igape, logo da audiencia do interesado, interpretará as bases anexas e resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na súa aplicación; contra as súas resolucións, que non esgotarán a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes desde a súa notificación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

BASES DA CONVOCATORIA

1. Requistos dos solicitantes.

1.1. Empresas ou entidades.

Poderán solicitar esta axuda aquelas empresas ou entidades que cumpran os seguintes requisitos:

A) Empresas (excluídas U.T.Es) que teñan o seu domicilio ou centro principal de actividades na Comunidade Autónoma galega e que conten cun mínimo de tres traballadores fixos. O requisito do emprego non será necesario nas empresas de nova creación, entendéndose por estas as que non teñan máis dun ano de antigüidade desde a data de constitución.

B) Entidades sen ánimo de lucro representativas de sectores ou subsectores empresariais, que teñan personalidade xurídica propia e o seu domicilio ou centro principal de actividade en Galicia (federacións, asociacións, fundacións).

1.2. Titulados.

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

A) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

B) Cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo de emigrantes galegos.

A) Estar en posesión dunha titulación universitaria (superior ou media) outorgada por unha institución docente oficialmente recoñecida dalgún país membro da Unión Europea na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e, ter obtido o título con posterioridade ó 30 de xuño de 1996. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia, previamente ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

B) Non ter sido seleccionado en convocatorias anteriores de calquera programa de bolsas do Igape.

C) Non ter 30 anos cumpridos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

D) Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación esixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a doce meses.

2. Número.

2.1. Establécese un número máximo de 80 bolsas, das que ata 70 poderán ser adxudicadas a favor das empresas sinaladas na base 1.1.A) e ata 10 poderán ser adxudicadas a favor das entidades sinaladas na base 1.1.B).

2.2. A cada unha das empresas ou entidades seleccionadas só se lles adxudicará un titulado, podendo o Igape declarar deserta total ou parcialmente a adxudicación das bolsas.

3. Duración e contía.

3.1. A duración da bolsa será de 12 meses desde a data de formalización do contrato en prácticas do titulado.

3.2. A contía máxima das bolsas polo período total de 12 meses será de 1.500.000 ptas. Esta cifra será a contía máxima que o Igape lle aboará á empresa ou entidade beneficiaria, sen prexuízo da obriga por

parte da empresa ou entidade de aboarlle ó titulado, como mínimo, a retribución que fixe o convenio colectivo aplicable para os traballadores en prácticas.

3.3. Cando o convenio laboral non regule a retribución do contrato en prácticas este non poderá ser inferior ó 60% do salario fixado no convenio colectivo aplicable para un traballador que desempeñe o mesmo ou equivalente posto de traballo, sempre que isto non resulte inferior ó Salario Mínimo Interprofesional. Se se dá este caso, aplicarase a contía deste e minorarase proporcionalmente a contía da bolsa.

3.4. No caso de que o salario bruto do convenio, unha vez efectuada a reducción legal, fora inferior a 1.500.000 ptas., o beneficiario poderá optar por acollerse a el, minorándose en tal caso o importe da bolsa na contía proporcional que resulte da diferencia entre o salario bruto aboado e 1.500.000 ptas.

3.5. No contrato laboral deberá pactarse a xornada completa, salvo casos excepcionais de empresas que, con carácter xeral, teñan establecida unha reducción de xornada para a maioría dos traballadores da empresa. Neste último caso, o importe da bolsa reducirase na mesma proporción que a reducción da xornada.

4. Solicitude e documentación.

4.1. Empresas ou entidades: as solicitudes deberán presentarse no modelo oficial do anexo II, xunto da documentación descrita no anexo III.

4.2. Titulados: as solicitudes deberán presentarse no modelo oficial do anexo IV acompañadas da documentación descrita no anexo V.

5. Presentación de solicitudes e prazos.

5.1. As solicitudes presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A) Santiago de Compostela: rúa Frei Rosendo Salvado 16, baixo. C.P. 15701.

B) Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590.

C) Vigo: Rúa Príncipe 43, 2º E. C.P. 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co Art. 38.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, da documentación presentada polo solicitante, ó que non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.

5.2. Tanto para as empresas e entidades como para os titulados, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da publicación no DOG das presentes bases.

6. Criterios de selección.

6.1. Selección de empresas e entidades.

A selección de empresas e entidades farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Dificultades de acceso ó mercado laboral da titulación solicitada: 20 Ptos.

b) Complexos de actividade: 20 Ptos.

-Mar-industria.

-Rochas ornamentais.

-Agro-industria.

-Téxtil.

-Automóbil.

-Telecomunicacións-Audiovisual.

-Turismo.

-Silvícola-forestal.

-Madeireiro.

-Medio ambiente.

a) Situación da empresa nas dúas provincias de menor renta per cápita de Galicia (Lugo e Ourense): 10 Ptos.

b) Retribución que vai percibi-lo titulado: 30 Ptos.

c) Antecedentes da empresa no cumprimento en anteriores programas de bolsas: 20 Ptos.

Para os efectos do disposto na base 7, as solicitudes de empresas ou entidades, serán ordenadas pola puntuación acadada na avaliación dos anteriores criterios. En caso de igualdade na puntuación serán ordenadas por orde de rexistro de entrada das súas solicitudes completas no Igape.

6.2. Criterios de selección de titulados.

O Igape ordenará os titulados segundo a súa titulación, especialidade e puntuación obtida no seguinte baremo de autoavaliación:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias:

Puntuación obtidax10

nº de materias

Proxecto fin de carreira, grao ou tese de licenciatura: 2 puntos.

7. Procedemento.

7.1. Unha vez rematado o prazo de solicitude, o Igape expoñerá nas súas oficinas as listas provisionais das empresas e entidades e dos titulados admitidos e excluídos xunto coas titulacións e especialidades solicitadas polas primeiras, por orde de preferencia, e o baremo obtido polos segundos, especificando, se é o caso, as causas da exclusión, abríndose un prazo de dez días para que os interesados poidan emenda-la solicitude, e achegar, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen producirse a emenda, a Dirección Xeral do Igape dictará resolución, tendo o interesado por desistido da solicitude e ordenando o arquivo do expediente.

7.2. Finalizado o prazo de emenda, o Igape publicará nas súas sedes a lista definitiva de titulados admitidos, sinalando a titulación, especialidade e baremo. Así mesmo publicará a lista definitiva de empresas e entidades admitidas, sinalando titulacións e especialidades solicitadas por cada unha por orde de preferencia e puntuación obtida na valoración dos criterios establecidos na base 6.1.

7.3. O Igape adxudicará as bolsas ás empresas ou entidades seleccionadas, seguindo a orde correlativa de puntuación acadada no punto 6.1., asignándolle o titulado que dentro da titulación e espe

cialidade que preferentemente requiriu esta, teña a máxima puntuación e estea dispoñible. No caso de que non houbese titulados dispoñibles na titulación e especialidade preferentemente requiridas, procederá a asignárselle ó titulado que dentro da titulación e especialidade requirida en segundo lugar teña a máxima puntuación e estea dispoñible, e así sucesivamente.

7.4. No caso de que renuncie o titulado asignado segundo a base 8, este será excluído de tódalas listas de candidatos a bolsas abertas no dito momento no Igape, quen volverá a adxudicar outro titulado de acordo co punto 7.3.

8. Adxudicación e resolución.

O director xeral do Igape resolverá a adxudicación da bolsa á empresa ou entidade, asignándolle o titulado que estivese dispoñible, de acordo co punto 7.3 destas bases.

9. Aceptación da bolsa.

O Igape notificaralle ó beneficiario a concesión da bolsa, quen, nun prazo de 15 días hábiles, terá que aceptala expresamente nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

En caso contrario, considerarase que o beneficiario renunciou ós seus dereitos, arquivándose o expediente tras resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia.

10. Resolucións denegatorias.

As resolucións denegatorias das bolsas, que xa foran solicitadas por empresas ou por titulados, serán notificadas mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios do Igape, de acordo co establecido no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Formalización dos contratos.

11.1. Unha vez aceptada a bolsa, o beneficiario disporá de 15 días hábiles para formaliza-lo contrato de traballo co titulado asignado, segundo o modelo oficial vixente, onde terá que consta-la retribución salarial expresamente cuantificada en número.

A empresa ou entidade remitiralle ó Igape copia compulsada dos contratos e da alta na Seguridade Social dentro dos 10 días seguintes ó da formalización do contrato.

11.2. Transcorridos os ditos prazos sen que a empresa ou entidade acredite a formalización do contrato no tempo establecido, entenderase que renuncia ós seus dereitos e procederase a arquiva-lo expediente, tras resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia.

No caso de que o contrato non chegue a formalizarse por causas imputables ó titulado, este perderá os seus dereitos, e a empresa ou entidade, poderá comunicarlle por escrito ó Igape tal situación, solicitando que lle sexa asignado un novo titulado segundo o procedemento do punto 7.3 das bases da convocatoria.

12. Obrigas das empresas ou entidades.

A) Formalizar co titulado asignado un contrato de traballo en prácticas e mantelo vixente polo menos 12 meses ininterrompidos. No caso de cesamento da relación contractual por causas non imputables á empresa ou entidade a bolsa reducirase propor

cionalmente ó período contractual efectivamente realizado, de acordo co establecido no punto 15 destas bases.

B) Aboarlle ó titulado asignado, como mínimo, a retribución de convenio que lle corresponda atendendo á súa categoría profesional e modalidade de contratación. Sen prexuízo do anterior, deberán aboarlle ó titulado, en concepto de salario, un mínimo de 1.500.000 ptas. brutas anuais, salvo en caso de pactarse contractualmente unha xornada reducida ou que o convenio aplicable estableza un salario inferior, minorándose en ámbolos casos a contía da bolsa en proporción á reducción.

C) Dar de alta o titulado no grupo de cotización que legalmente lle corresponda segundo a súa titulación e aboa-la cota empresarial da Seguridade Social; a dita cota será pola súa conta e entenderase non incluída no importe da bolsa.

D) Estar ó día nos pagamentos á Seguridade Social e Facenda, así como carecer de débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

E) Entregarlle ó Igape a seguinte documentación:

-Copia compulsada do contrato e alta na Seguridade Social.

-Datos bancarios da empresa.

-Copia das nóminas aboadas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social.

-Memoria de actividades do titulado.

A) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente en materia de contratos en prácticas.

13. Réxime de pagamentos.

13.1. Unha vez vencido o primeiro cuadrimestre, a empresa ou entidade remitiralle ó Igape certificados actualizados acreditativos de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, xunto con copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondentes ó traballador que desfrute da bolsa de traballo en prácticas, e unha vez comprobados será aboado o trinta por cento da bolsa na conta bancaria para o efecto designada polo beneficiario.

13.2. Transcorrido o segundo cuadrimestre, a empresa remitiralle ó Igape certificados actualizados acreditativos de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia xunto con copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social do titulado correspondente e unha vez comprobados será aboado o trinta por cento da bolsa.

13.3. Ó finaliza-lo período da bolsa, a empresa ou entidade terá que entregarlle ó Igape copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondentes ó último cuadrimestre, así como certificados actualizados acreditativos de que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, deberán entregar unha memoria das actividades realizadas durante o período da bolsa e asinada polo representante da empresa e polo titulado. Unha vez reci

bidos e comprobados será aboado o corenta por cento da bolsa.

14. Incumprimento.

14.1. Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de incumprimento. En calquera momento a Dirección do Igape poderá reclamar da empresa ou entidade de destino un informe sobre o traballo realizado polo titulado.

14.2. Procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e nos supostos de incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable.

14.3. Nos casos nos que os incumprimentos non sexan de gran entidade, non sexan imputables ó beneficiario ou concorran outras circunstancias xustificativas ó xuízo do Igape, poderá apreciarse un incumprimento parcial.

14.4. O prazo máximo no que deberá notificarse a resolución expresa do procedemento de incumprimento será de 6 meses desde o seu inicio. En caso contrario, producirase a caducidade do procedemento, mediante resolución da Dirección Xeral do Igape declarativa de tal circunstancia, que ordenará o arquivo das actuacións, cos efectos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

15. Incidencias.

15.1. Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación polo Igape da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio.

15.2. As renuncias dos titulados que se produzan durante os dous primeiros meses desde a formalización do contrato poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape, logo da solicitude do beneficiario e seguindo o procedemento establecido no punto 7.

15.3. No novo contrato en prácticas, o beneficiario, é dicir, a empresa ou entidade, só recibirá bolsa do Igape polo tempo que, unha vez deducido o tempo de vixencia do contrato laboral substituído, reste para cumpri-los 12 meses de contrato, aínda que o novo contrato deberá ter unha duración mínima de 12 meses e cumpri-lo resto das condicións establecidas nas presentes bases.

16. Réxime administrativo.

16.1. A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na aplicación da presente convocatoria.

16.2. A concesión e desfrute dunha bolsa non supón vinculación laboral, estatutaria ou administrativa entre o Igape e os titulados que concorran a esta convocatoria, e non derivarán para eles outros dereitos que os que resulten do procedemento administrativo.

ANEXO III

DOCUMENTACIÓN EMPRESAS E ENTIDADES

1. Instancia de solicitude. Anexo II.

2. Copia do DNI do solicitante ou do seu representante.

3. Copia do CIF.

4. No caso das empresas: copia da escritura de constitución, e se é o caso das súas modificacións, debidamente inscritas no Rexistro Mercantil, xunto con copia do poder de representación do asinante da solicitude.

5. No caso de entidades: copia da acta de constitución e estatutos debidamente inscritos no Rexistro Oficial que corresponda, xunto coa copia do poder de representación do asinante da solicitude.

6. No caso de empresas:

-Copia da alta no IAE, no caso de empresas de nova creación.

-Copia do último recibo do IAE.

-Se é o caso, certificado de estar exento do imposto.

7. Acreditación dun mínimo de tres traballadores fixos. Copia do último TC2, salvo no caso de empresas de nova creación e entidades representativas de sectores ou subsectores empresariais.

8. Certificado actualizado de estar ó día nos pagamentos á Seguridade Social.

9. Certificado actualizado de estar ó día nas obrigas tributarias.

10. Certificado actualizado de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Memoria asinada polo representante da empresa onde se indiquen as funcións e actividades que vai desempeñar na empresa o titulado, e toda a información precisa para avalia-los criterios de selección de empresas ou entidades descritos na base 6.1.

12. Copia do convenio aplicable ó titulado que se pretende contratar.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co Art. 38.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, da documentación presentada polo solicitante, a que non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.

ANEXO V

DOCUMENTACIÓN TITULADOS

1. Instancia de solicitude. Anexo IV.

2. Copia do DNI ou pasaporte do solicitante.

3. Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia: acreditarase mediante un certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia: copia do DNI ou pasaporte.

-Ser fillo de emigrantes galegos: copia do DNI do proxenitor que sexa galego.

4. Copia do título ou copia do xustificante de ter pagadas as taxas para a súa obtención.

5. Copia do expediente académico.

6. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia compulsada da homologación, ademais da copia do expediente académico, que no caso de estar nun idioma diferente ó galego e castelán terá que ir traducido por un intérprete xurado.

7. Currículum vitae.

8. Declaración responsable de que non foi adxudicatario dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

9. Para xustificar puntuación sinalada no baremo de autoavaliación: copia do certificado que acredite especificamente a realización do proxecto fin de carreira, grao ou tese de licenciatura.

Deberá presentarse copia compulsada ou cotexada cos orixinais polos rexistros administrativos, de acordo co Art. 38.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, da documentación presentada polo solicitante, á que non lle será devolta. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.