Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 14 de xuño de 1999 Páx. 7.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de xuño de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. María Otilia Martínez Couto, na súa calidade de presidenta da fundación, en escrito do 21 de maio de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 14 de maio de 1999, ante o notario José Antonio Somoza Sánchez, co número mil trescentos corenta e catro do seu protocolo por María Otilia Martínez Couto, Juan Manuel Álvarez Castro, José Manuel Fernández González, Ángel García Álvarez e Alberto Lagoa González.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é:

1º A formación integral na área sanitaria, ambiental, educativa, pedagóxica, económica, informática, marítimo-pesqueira, industrial, cultural, social, de servicios, científico-tecnolóxica e de prevención de riscos laborais.

2º A realización de cursos presenciais, a distancia, mixtos, xornadas, congresos, etc...; a edición de libros, folletos, trípticos, etc... como instrumentos para logra-los obxectivos desta fundación.

3º Establecer convenios, acordos ou pactos coas diversas administracións públicas, tanto estatais como locais e autonómicas, universidades, así como tamén con outras entidades privadas para levar a cabo todas aquelas actividades culturais e formativas pertinentes.

4º O achegamento a tódalas comunidades de galegos no exterior, facilitándolle-la súa integración, mediante a realización de programas formativos e actividades socioculturais en tódalas áreas mencionadas no punto 1.

5º O desenvolvemento de actividades formativas e de integración de colectivos de difícil inserción sociolaboral.

6º O desenvolvemento de actividades formativas para colectivos sen cualificación profesional ou académica, mediante programas de alfabetización ou de cursos conducentes á obtención dun título oficial.

7º A realización de cursos dentro do programa de formación e inspección profesional do Fondo Social Europeo e doutros programas análogos.

8º O desenvolvemento de actividades de orientación educativa.

9º A organización e incentivación de actividades de ocio e tempo libre, de educación e promoción en relación co ambiente.

10º O desenvolvemento de actividades educativas para traballadores en activo.

11º A promoción do galego mediante actividades formativas e culturais.

4. O padroado da fundación estará constituído por María Otilia Martínez Couto como presidenta, Juan Manuel Álvarez Castro como vicepresidente, José Manuel Fernández González como secretario e Ángel García Álvarez e Alberto Lagoa González como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 31 de maio de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior,

de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación para la Promoción de la Salud y la Cultura e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública