Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 08 de xuño de 1999 Páx. 7.065

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 169/1999, do 14 de maio, polo que se regulan as medidas de protección de menores e a adopción.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios

sociais (DOG nº 76, do 23 de abril), que ordena e regula os aspectos básicos dun sistema integrado de protección social, establecendo no seu artigo 26.8º como competencia propia da Comunidade Autónoma a protección e tutela dos menores que se atopen en situación de desamparo.

A necesidade de regulamentar máis explicitamente as distintas formas de exercicio das funcións protectoras e a mellor resposta ás situacións que levan consigo a atención dos menores determinou a aprobación do Decreto 112/1995, do 31 de marzo, sobre medidas de protección de menores a adopción (DOG nº 82, do 28 de abril).

En resposta ás novas necesidades e á demanda na sociedade de cambios substanciais no ámbito da protección do menor, abórdase unha reforma en profundidade das tradicionais institucións reguladas no Código Civil como núcleo central, recollendo o espírito dos tratados internacionais ratificados por España, especialmente a Convención dos Dereitos do Neno das Nacións Unidas do 20 de novembro de 1989, ratificado o 30 de novembro de 1990 e o convenio relativo á protección do neno e a cooperación en materia de adopción internacional feito na Haia, do 29 de maio de 1993, ratificado por España mediante instrumento o 30 de xuño de 1995. Así promúlgase a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de axuizamento civil (BOE nº 15, do 17 de xaneiro).

De acordo coa Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de axuizamento civil, díctase a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia (DOG nº 118, do 20 de xuño) que establece un marco normativo xeral no que se inscriben e teñen referencia o conxunto de actuacións públicas en materia de protección e asistencia á familia, á infancia e á adolescencia, así como a protección e asistencia dos menores que se atopen nunha situación de posible desprotección, desamparo ou conflicto social, sen prexuízo da competencia estatal naqueles aspectos institucionais que sexan da súa exclusiva competencia.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril (DOG nº 86, do 6 de maio), atribúelle a esta consellería a través da Dirección Xeral de Familia a xestión da política autonómica en materia de acción social nos sectores de familia, infancia e menores, e en concreto a xestión da política autonómica familiar en desenvolvemento do previsto na Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, así como a protección e tutela dos menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas dictadas polos xulgados de menores nos termos establecidos na lexislación específica.

A aprobación da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor e de modi

ficación parcial do Código Civil e da Lei de axuizamento civil e da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, determinan a necesidade de elaborar unha nova disposición que se adecue ás novidades introducidas na materia.

É por todo o anterior polo que oído o Consello Consultivo de Galicia, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, exercerá a protección integral dos menores que residan ou se atopen transitoriamente en Galicia e asumirá a tutela dos que estivesen desamparados nos casos e termos establecidos pola lexislación vixente, e sen prexuízo das competencias que sobre eles lles poidan corresponder a outras administracións públicas.

Promoverá, así mesmo, actuacións tendentes a garanti-los dereitos do menor e a diminuí-las situacións de risco, desamparo ou marxinación en que poidan atoparse.

Artigo 2º

Son principios rectores no exercicio das funcións públicas de protección de menores os establecidos no artigo 3 da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia.

Artigo 3º

1. Correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Familia, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma Galega, a realización dunha política social a prol do menor tanto na orde preventiva como de protección propiamente dita.

2. No desenvolvemento desta política poderanse adoptar, entre outras, as seguintes medidas: apoio ás familias, garda, tutela administrativa, acollemento familiar, acollemento residencial e proposta de adopción.

Artigo 4º

1. As competencias establecidas no presente decreto serán exercidas polas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos seus respectivos ámbitos territoriais.

2. As delegacións provinciais, para o exercicio destas competencias, terán baixo a súa dependencia os equipos técnicos do menor, que serán de carácter pluridisciplinar e desenvolverán, entre outras, as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento dos programas preventivos e de intervención que elabore e poña en marcha a Dirección Xeral de Familia.

b) A recepción dos casos de menores que se poidan atopar nunha situación de desprotección e a investigación e avaliación da súa situación persoal, familiar, educativa e social.

c) A elaboración do plan de actuación e elevación ó delegado provincial da proposta de actuación máis axeitada para cada menor.

d) A execución do plan de actuación e seguimento das medidas que fosen adoptadas.

e) A valoración técnica da idoneidade dos solicitantes de acollemento familiar e de adopción, e a elevación ó delegado provincial das correspondentes propostas.

f) A supervisión do bo funcionamento e o asesoramento técnico ás institucións de atención a menores no seu ámbito de actuación.

g) A coordinación das actuacións que se van desenvolver coas persoas e institucións implicadas na problemática dos menores atendidos.

3. As delegacións provinciais solicitarán os informes sociais, médicos, psicolóxicos, pedagóxicos ou policiais oportunos, así como calquera outro que fose necesario no exercicio das competencias na materia; así mesmo poderán recadar información doutras persoas ou institucións sobre a situación do menor ou da súa familia ou gardadores.

Artigo 5º

Correspóndenlle ós municipios, sen prexuízo do disposto na lexislación de réxime local e na Lei galega de servicios sociais, as seguintes funcións:

a) A prevención, apreciación e intervención nas situacións de risco nas que poidan atoparse os menores.

Enténdese por situación de risco, aquela en que poida atoparse o menor cando, a causa das súas circunstancias persoais, familiares ou por influencias do seu contorno, se estea prexudicando o seu desenvolvemento persoal ou social, sen acada-la gravidade suficiente para xustifica-la declaración de desamparo e a separación do menor da súa familia.

Nas situacións de risco, a actuación administrativa dirixirase a procura-las necesidades básicas do menor, mellorando o seu medio familiar e eliminando os factores de risco.

b) A comunicación á delegación provincial competente dunha posible situación de desamparo e a colaboración no seguimento das medidas de protección adoptadas pola Xunta de Galicia.

Artigo 6º

Na súa intervención no eido da protección de menores as administracións públicas deberán actuar coa debida reserva e confidencialidade, e procurarán evitar que as decisións ou medidas que se adopten poidan repercutir innecesariamente na vida do menor, co fin de garantir adecuadamente os seus dereitos, fundamentalmente, o dereito á intimidade.

Artigo 7º

1. Toda persoa ou autoridade, e en especial quen por razón da súa profesión, ou función teña coñecemento dunha situación de grave risco ou posible desamparo dun menor, e sen prexuízo de prestarlle o auxilio inmediato que precise, poñerao en coñecemento do Ministerio fiscal, da autoridade xudicial ou do organismo administrativo competente, que garantirá a reserva absoluta e anonimato.

2. Asimesmo, quen teña coñecemento de que un menor non está escolarizado ou non asiste ó centro escolar de forma habitual e sen xustificación, durante o período obrigatorio, deberá poñelo en coñecemento das autoridades públicas competentes, que adoptarán as medidas necesarias para a súa escolarización.

3. As autoridades e as persoas que pola súa profesión ou función coñezan o caso actuarán coa debida reserva.

Capítulo II

Da prevención e apoio á familia

Artigo 8º

1. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en colaboración coas corporacións locais e os axentes sociais, desenvolverá con carácter prioritario unha política de prevención de posibles situacións de risco ou desprotección infantil a través das medidas que con carácter xeral se establecen no artigo 15 da Lei 3/1997, galega da familia, a infancia e a adolescencia.

2. En todo caso, o apoio á familia será o principal recurso de carácter preventivo e dirixirase a cubri-las necesidades básicas do menor e mellora-lo seu ambiente familiar, co obxecto de garanti-lo seu dereito a permanecer nel en condicións que permitan o seu desenvolvemento integral.

Artigo 9º

O apoio á familia poderá ser:

a) De tipo económico, a través das prestacións que se habiliten, cando a causa determinante do risco para o desenvolvemento integral do menor proceda de situacións de carencia ou insuficiencia de recursos.

b) Psicosocial, educativo ou asistencial de carácter voluntario, cando sexa necesario facilitar ou restablece-lo exercicio responsable das funcións parentais, mellora-las relacións sociofamiliares e promove-lo desenvolvemento e benestar do menor, a través de programas e medidas tales como: educadores familiares, escolas infantís, gabinetes de orientación familiar e demais que se poidan establecer.

Capítulo III

Da protección do menor

Sección primeira

Da tutela administrativa dos menores desamparados

Artigo 10º

1. A tutela administrativa dos menores desamparados prevista no artigo 172.1º do Código Civil será

asumida e exercida pola delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que corresponda ó domicilio do menor.

2. As delegacións provinciais asumirán provisionalmente a tutela dun menor en situación de desamparo que se atope transitoriamente no seu territorio, e notificaranlle á Administración pública competente na que tivese o seu domicilio o menor para que ésta adopte as medidas protectoras que considere convenientes. Co obxecto de garanti-la protección do menor, a tutela asumida nestes casos subsistirá ata que desaparezan as causas que a motivaron ou o caso sexa asumido pola administración competente.

3. No caso de menores estranxeiros en situación de desamparo, que se atopen na Comunidade Autónoma de Galicia, a delegación provincial competente adoptará as medidas protectoras que correspondan, de conformidade co disposto no artigo 13 do R.D. 155/1996, do 2 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de execución da Lei orgánica 7/1985, do 1 de xuño, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España (BOE nº 47, do 23 de febreiro de 1996).

4. No exercicio da tutela administrativa, logo do informe preceptivo dos equipos técnicos, poderanse adopta-las medidas previstas no artigo 21 da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia.

Artigo 11º

1. Os delegados provinciais cando tivesen constancia por calquera medio da existencia dun menor que puidese estar en situación de desamparo, ordenarán a incoación do oportuno expediente.

2. Consideraranse situacións de desamparo:

a) Ó abandono do menor.

b) A existencia de malos tratos físicos ou psíquicos ou de abusos sexuais por parte das persoas da unidade familiar ou de terceiros con consentimento destas.

c) A inducción á mendicidade, delincuencia ou prostitución.

d) A drogadicción ou o alcoholismo habitual do menor co consentimento ou coa tolerancia dos pais ou gardadores.

e) O trastorno mental grave dos pais ou gardadores que impida o normal exercicio da patria potestade ou da garda.

f) A convivencia nun medio sociofamiliar que deteriore gravemente a integridade moral do menor ou prexudique o desenvolvemento da súa personalidade.

g) A falta das persoas ás cales lles corresponde exerce-las funcións de garda ou cando estas persoas estean imposibilitadas para exercelas ou en situación de exercelas con perigo grave para o menor.

h) Calquera outra situación de desprotección que se produza de feito a causa do incumprimento ou

do imposible ou inadecuado exercicio dos deberes de protección establecidos polas leis para a garda de menores e que xeren que estes queden privados da necesaria asistencia moral ou material.

Artigo 12º

1. Os equipos técnicos do menor iniciarán e desenvolverán o proceso de investigación e avaliación da situación e, se é o caso, proporán a declaración de desamparo.

2. Na súa intervención durante o proceso de avaliación deberán escoitar ó menor de máis de 12 anos, ó de menos de 12 se ten a suficiente madurez, e ós pais, titores ou gardadores, logo de citalos, na que se fará constar expresamente que de non comparecer adoptaranse as medidas oportunas para a protección do menor. En supostos da patria potestade compartida deberán ser escoitadas ámbalas dúas partes.

Artigo 13º

En calquera caso, en cumprimento do preceptivo trámite de audiencia, os pais ou gardadores do menor poderán comparecer ante os equipos técnicos e achegar cantos informes e documentos coiden convenientes para unha mellor defensa dos seus dereitos e coñecemento dos feitos e circunstancias relevantes para o expediente. Neste caso, faranse constar documentalmente as manifestacións dos pais ou gardadores.

Artigo 14º

Unha vez completada a información necesaria á que se refiren os artigos anteriores, os equipos técnicos do menor elaborarán a proposta de actuación, que será elevada ó delegado provincial.

Artigo 15º

1. Os delegados provinciais dictarán resolución declarando o desamparo e asumindo a tutela administrativa, que subsistirá en tanto non desaparezan as causas que a motivaron ou se proceda á constitución da tutela ordinaria, o menor sexa adoptado, se emancipe ou acade á maioría de idade.

A resolución será motivada, indicando as causas que a orixinaron, os plans de actuación que se efectuaron, as medidas que se adopten, así como o dereito a presentar recurso contra ela perante a autoridade xudicial competente sen necesidade de reclamación administrativa previa.

2. A resolución seralle comunicada ó Ministerio Fiscal e notificada, no prazo de 48 horas, ós pais, ó titor, ó gardador ou ós familiares que ultimamente convivisen co menor, e sempre que sexa posible, serán informados de forma presencial e de modo claro e comprensible das causas que deron lugar á intervención da administración e dos efectos da decisión adoptada.

Os pais ou gardadores disporán dun prazo de 2 días, contados desde o día seguinte á notificación, para facer entrega voluntaria do menor, ben no centro de acollida residencial ou ben nos servicios de atención a menores.

3. Non obstante, en caso de urxencia con grave risco para o menor, a delegación provincial competente poderá, de modo inmediato, declara-lo desamparo e asumi-la tutela, adoptando as medidas de protección que considere adecuadas, cumprindo en todo caso o preceptivo trámite de audiencia dos interesados.

Artigo 16º

Cando os pais, titores ou gardadores dun menor impedisen a execución da medida de protección acordada na resolución de tutela ou non fixesen entrega do menor tutelado no prazo sinalado na resolución, a delegación provincial competente presentará ante o xulgado de garda correspondente, solicitude de auxilio xudicial para facer efectiva a medida acordada, sen prexuízo das intervencións inmediatas que poidan realizarse se están ante unha situación que implique a vulneración de dereitos fundamentais das persoas ou se están en perigo a vida ou a integridade física do menor.

Artigo 17º

1. O menor separado dos seus pais terá dereito a relacionarse con estes, agás se fose adoptado por outros ou cando así se acorde por resolución xudicial. No caso dun menor tutelado pola delegación provincial, esta poderá regula-las condicións do exercicio dese dereito atendendo ó interese do menor, e se houbese oposición dos pais, resolverá o xuíz, oído o Ministerio Fiscal.

2. Se a gravidade da situación o require e o interese do menor o aconsella, a delegación provincial poderá suspender cautelarmente o dereito de relacionarse cos seus pais comunicándolle a resolución inmediatamente ó Ministerio Fiscal, para os efectos correspondentes.

3. Respecto dos demais parentes e achegados, non poderán impedirse, sen xusta causa, as relacións persoais entre estes e o menor, de acordo co disposto no artigo 160 do Código Civil.

Artigo 18º

A asunción da tutela administrativa implicará a suspensión do exercicio da patria potestade ou tutela ordinaria durante o tempo de aplicación da medida, sen prexuízo do que dispoña a autoridade xudicial competente. Non obstante, serán válidos os actos de contido patrimonial que realicen os pais ou titores en representación do menor e que sexan beneficiosos para el.

Artigo 19º

A delegación provincial procederá a dar cumprimento a tódalas obrigas que como titor lle corresponden de acordo co establecido no Código Civil e adoptará as medidas que considere necesarias para a conservación dos dereitos do menor tutelado, debendo proceder a comunicárllelo ás persoas que se indican no artigo 15º, parágrafo 2º do presente decreto.

Artigo 20º

Cando se trate de menores nos que concorra calquera das causas de incapacitación, de conformidade

co disposto nos artigos 200 e seguintes do Código Civil, o delegado provincial, a través dos gabinetes xurídicos territoriais, promoverá perante a autoridade xudicial o oportuno proceso declarativo de incapacidade.

Sección segunda

Da garda

Artigo 21º

1. Cando os pais ou titores, por circunstancias graves, non poidan coida-lo menor poderán solicitar da delegación provincial competente que asuma a garda polo tempo necesario. Así mesmo, a delegación provincial asumirá a garda cando así o acorde o xuíz nos casos nos que legalmente proceda.

2. Nos supostos de garda de feito ós que se refiren os artigos 303 e seguintes do Código Civil a actuación da delegación provincial orientarase á súa regularización mediante algunha das medidas de protección previstas na Lei 3/1997, e no presente decreto.

Artigo 22º

A solicitude de garda formulada polos pais, titores ou gardadores, deberá presentarse perante a delegación provincial que lle corresponda segundo o seu domicilio ou ante os servicios sociais de atención primaria, quen a remitiran á delegación competente.

Artigo 23º

1. Unha vez formulada a solicitude de garda, iniciarase o expediente correspondente, onde constará a información acreditativa das circunstancias graves concorrentes, que se escoitou ó menor de máis de 12 e ó de menos de 12 anos se ten suficiente madurez, e o plan de traballo que se levará a cabo para procura-la permanencia ou retorno do menor a súa familia.

2. Os equipos técnicos valorarán a solicitude e a documentación que consta no expediente, e formularán as propostas de actuación que elevarán ó delegado provincial para a súa resolución, que se dictará no prazo de seis meses desde a solicitude.

3. Cando da valoración da solicitude da garda se deduza que esta non é a medida máis axeitada, o equipo técnico proporá ós solicitantes outras medidas de apoio e, de aceptalas, o delegado provincial dictará a oportuna resolución.

Artigo 24º

1. A garda asumida pola delegación provincial competente exercerase mediante o acollemento familiar ou residencial do menor, para o que se solicitarán os pertinentes consentimentos. Na resolución, que se lles notificará ós interesados, deixarase constancia de que os pais ou titores foron informados das responsabilidades que seguen mantendo respecto do menor, así como da maneira na que se vai exerce-la medida.

2. En todo caso, coa asunción da garda, buscarase sempre o interese do menor e procurarase, cando non sexa contrario a ese interese, a súa reinserción

na propia familia e que a garda dos irmáns se lle confíe á mesma institución ou persoa.

3. Calquera variación no exercicio da garda será fundamentada e deberá ser notificada ós responsables do menor e comunicada ó Ministerio Fiscal.

Artigo 25º

A garda poderá exercerse, baixo a vixilancia da delegación provincial, pola persoa ou persoas que reciban en acollemento ó menor ou polo director do centro residencial no que se interne, debendo facilitarlle a aquela información periódica sobre a situación e atención do menor, sen prexuízo do seguimento que efectúen os servicios correspondentes.

Artigo 26º

Cando a garda solicitada polos pais se exerza nunha institución ou centro, procurarase fomentar ó máximo a relación do menor con eles mediante as saídas ó seu domicilio, e favorecendo as visitas daqueles ó centro, respectando o horario que ó respecto este tivese establecido.

Artigo 27º

A garda temporal do menor cesará a petición dos pais ou titores cando estean en situación de facerse responsables del, ou por decisión da delegación provincial competente cando, en interese do menor, considere non xustificado o mantemento desta medida, o que dará lugar ás actuacións oportunas.

De xurdiren problemas graves de convivencia entre o menor e a persoa ou persoas ás que fose confiado en garda, aquel ou a persoa interesada poderá solicita-la remoción da garda.

Sección terceira

Do acollemento familiar

Artigo 28º

1. O acollemento familiar produce a plena participación do menor na vida da familia, outorgándolle polo tempo necesario a súa garda a unha persoa ou grupo familiar coa obriga de velar por el, telo na súa compañía, alimentalo, educalo e procurarlle una formación integral.

2. Para a adopción desta medida teranse en conta os seguintes criterios orientadores:

a) Darlle prioridade á súa utilización sobre o acollemento residencial.

b) Evitar, na medida do posible, a separación de irmáns e procura-lo seu acollemento por unha mesma familia.

c) Favorece-la permanencia do menor no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa, agás que non fose aconsellable para o interese do menor ou dos menores do grupo familiar acolledor.

3. O acollemento familiar, atendendo a súa finalidade, poderá adoptar algunha das seguintes modalidades: acollemento familiar simple, permanente ou

preadoptivo nos termos previstos no artigo 26 da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia.

Artigo 29º

1. O acollemento formalizarase por escrito, co consentimento da delegación provincial competente, teña ou non a tutela ou a garda do menor, das persoas que reciban ó menor e deste se tivese 12 anos cumpridos. Poderá ser oído o de menos de 12 anos se tivese a suficiente madurez. Os pais se son coñecidos e se non están privados da patria potestade ou os titores, se é o caso, deberán presta-lo seu consentimento por escrito, agás que se trate dun acollemento familiar provisional.

2. Se os pais ou titores non consenten ou se opoñen ó acollemento, este só poderá ser acordado polo xuíz, en interese do menor, conforme os trámites da Lei de axuizamento civil. Non obstante, a delegación provincial competente poderá acordar en interese do menor un acollemento familiar provisional, que subsistirá ata que se produza resolución xudicial. Unha vez realizadas as dilixencias oportunas, a delegación provincial competente deberalle presenta-la proposta ó xuíz de maneira inmediata e, en todo caso, no prazo máximo de 15 días.

Artigo 30º

O acollemento familiar poderá ser compensado economicamente cando existan circunstancias que aconsellen facilitar este apoio á persoa ou persoas acolledoras polo mantemento do menor.

Artigo 31º

As persoas que desexen acoller a un menor sen finalidade preadoptiva presentarán a correspondente solicitude ante a delegación provincial do seu domicilio, acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Informe ou certificado médico de saúde física e psíquica conforme poden prestar unha adecuada atención ó menor.

c) Certificado de convivencia no que consten tódalas persoas que viven no domicilio.

d) Certificado literal de nacemento dos solicitantes.

e) Se é o caso, fotocopia do libro de familia.

f) Fotocopia da última declaración da renda, ou no seu defecto certificación negativa expedida pola Axencia Tributaria.

g) Calquera outro documento que se considere conveniente.

Artigo 32º

1. As solicitudes das persoas que desexen acoller a menores sen finalidade adoptiva inscribiranse no rexistro de solicitudes de acollemento familiar.

2. O rexistro consta de catro seccións, adscritas a cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. O encargado do rexistro de acollementos inscribirá a solicitude abrindo ficha rexistral na que fará consta-la súa data e asignaralle un número de rexistro. Na ficha rexistral constará:

a) Número de rexistro.

b) Data de inscrición.

c) Datos identificativos dos solicitantes.

d) Estado da solicitude.

4. A orde de inscrición neste rexistro en ningún caso suporá prioridade para optar ó acollemento familiar dun menor.

Artigo 33º

1. Os equipos do menor efectuarán a valoración da idoneidade dos solicitantes e elevarán, se é o caso, a correspondente proposta de acollemento familiar ó respectivo delegado provincial. Nesta proposta deberán constar tódolos extremos necesarios para formaliza-lo acollemento, así como o plan de traballo que se vai desenvolver co menor.

2. Vista a proposta do equipo, o delegado provincial proporalle ó xulgado a constitución do acollemento nos casos nos que legalmente proceda ou asinará, se é o caso, o correspondente contrato de acollemento xunto cos acolledores, os pais ou titores do menor e este, se tivese máis de 12 anos cumpridos.

Artigo 34º

O documento de formalización do acollemento deberá conter, como mínimo, os seguintes extremos:

1. Os consentimentos necesarios.

2. A modalidade de acollemento.

3. A duración prevista.

4. Os dereitos e deberes de cada unha das partes, e en particular:

a) Réxime de visitas por parte da familia do menor acollido, concretando a súa periodicidade e os lugares en que se levarán a cabo.

b) O sistema de cobertura por parte da entidade pública ou doutros responsables civís dos danos que sufra o menor ou dos que poida causarlle a terceiros.

c) A asunción dos gastos de manutención, educación e atención sanitaria.

5. A compensación económica que, se é o caso, vaian recibi-los acolledores.

6. Se os acolledores actúan con carácter profesionalizado.

7. O informe do equipo técnico no que conste o contido do seguimento que vaian realizar e o compromiso de colaboración dos acolledores, e os servicios sociais de atención primaria.

O documento de formalización do acollemento familiar remitiráselle ó Ministerio Fiscal.

Artigo 35º

Os equipos técnicos do menor no seguimento dos acollementos realizarán as seguintes actuacións:

a) Seguimento do plan de traballo proposto.

b) Prestarlle o apoio necesario á familia biolóxica co obxecto de facilita-la reintegración do menor nela, se é o caso.

c) Prestarlle apoio e orientación necesarios á familia acolledora e mais ó menor para favorece-la efectividade da medida.

Artigo 36º

1. O acollemento familiar do menor cesará:

a) Por decisión xudicial.

b) Por decisión das persoas que o teñen acollido, logo de comunicación destas á entidade pública.

c) Por petición do titor ou dos pais que teñan a patria potestade e reclamen a súa compañía.

d) Por decisión da delegación provincial que teña a tutela ou a garda do menor, cando o considere necesario para salvagarda-lo interese deste, oídos os acolledores.

2. Será precisa resolución xudicial de cesación cando o acollemento sexa disposto polo xuíz de conformidade co disposto no artigo 173.3 do Código Civil.

3. Tódalas actuacións de formalización e cesación de acollemento practicaranse coa debida reserva.

Sección cuarta

Do acollemento residencial

Artigo 37º

1. O acollemento dun menor nun centro ou institución efectuarase cando se esgoten tódalas posibilidades de mantemento na súa familia a través da utilización de tódolos recursos preventivos, e o acollemento familiar ou a adopción non sexan posibles ou se consideren inadecuados.

2. Esta medida manterase polo tempo estrictamente necesario e promoverase a integración do menor no contorno social e a accesibilidade ós sistemas ordinarios educativos, sanitarios e laborais, entre outros, procurándose, sempre que redunde en interese do menor, a convivencia e a relación entre irmáns, agás que esta resulte prexudicial para o menor.

Artigo 38º

Os menores acollidos en centros serán obxecto dun tratamento educativo individualizado que terá en conta as súas circunstancias persoais e sociofamiliares e que se reflectirá nun proxecto educativo para cada menor.

Artigo 39º

Tódolos centros de atención a menores contarán cun proxecto educativo xeral e un regulamento de réxime interno. En canto ós seus contidos mínimos aplicarase o establecido na normativa pola que se regulen estes, debendo respecta-los dereitos dos menores.

Capítulo IV

Da adopción

Sección primeira

Da instrucción do procedemento e dos requisitos para a adopción

Artigo 40º

Correspóndelle á Dirección Xeral de Familia, a través da Comisión de Adopcións e das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a xestión dos procedementos de adopción no ámbito territorial de Galicia, agás nos casos nos que non se requira a proposta previa da delegación provincial competente de acordo co disposto no artigo 176.2º do Código Civil.

Artigo 41º

Requisitos dos adoptantes:

a) Ter como mínimo vintecinco anos cumpridos. En caso de solicitude conxunta por cónxuxes ou parellas con relación estable análoga á conxugal, abondará con que un deles teña a dita idade. En todo caso, o adoptante deberá ter polo menos catorce anos máis que o adoptando.

b) Ter residencia habitual na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estar inscrito no Rexistro de Adopcións da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Ser considerados os solicitantes persoas idóneas para a adopción tralo correspondente procedemento de valoración.

Artigo 42º

Cando se considere conveniente que un menor sexa adoptado fóra de Galicia, solicitaranse candidatos valorados idóneos ós servicios competentes doutras comunidades autónomas. De haber posibles candidatos que aínda non fosen declarados idóneos pola súa Comunidade Autónoma, a valoración da idoneidade poderá realizala o equipo técnico da delegación provincial que teña a tutela do menor. Nestes casos non se esixirá o requisito de residencia.

Artigo 43º

Unicamente poderán ser adoptados os menores non emancipados. Por excepción, será posible a adopción dun maior de idade ou dun menor emancipado cando, inmediatamente antes da emancipación existise unha situación non interrumpida de acollemento ou convivencia, iniciada antes de que o adoptando cumprise os 14 anos.

Sección segunda

A Comisión de Adopcións

Artigo 44º

1. A Comisión de Adopcións é o órgano colexiado de apoio á Dirección Xeral de Familia na xestión do procedemento de adopción de acordo co establecido no presente decreto. Son funcións desta comisión:

a) O seguimento dos procedementos de adopción.

b) Dictar instruccións para o mellor desenvolvemento do dito procedemento.

c) Emitir informes e formular propostas de actuación en materia de adopción.

2. Para o desenvolvemento destas funcións poderá solicita-la colaboración de profesionais e institucións que actúen no ámbito da integración familiar.

Artigo 45º

A Comisión de Adopcións terá a seguinte composición:

Presidente: director xeral de Familia.

Vocais: os delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou persoas que estes designen.

-Dous funcionarios ou técnicos designados polo director xeral de Familia.

Actuará como secretario, con voz pero sen voto, o responsable do Rexistro de Adopcións.

Artigo 46º

1. Para o exercicio das súas funcións a Comisión de Adopcións reunirase semestralmente, e con carácter extraordinario sempre que se considere conveniente por convocatoria do seu presidente.

2. A Comisión de Adopcións axustarase no seu funcionamento e, no non previsto na presente sección, ó disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección terceira

O Rexistro de Adopcións

Artigo 47º

1. Na Dirección Xeral de Familia constituirase o Rexistro de Adopcións da Comunidade Autónoma de Galicia. O Rexistro de Adopcións constará de cinco seccións:

Sección 1ª. Solicitudes de adopción.

Sección 2ª. Solicitantes idóneos para a adopción.

Sección 3ª. Acollementos preadoptivos formalizados.

Sección 4ª. Adopcións constituídas.

Sección 5ª. Adopcións internacionais.

2. Os datos consignados no Rexistro de Adopcións, que recollerán as circunstancias e variacións xurdidas no proceso, inscribiránse no mesmo coa debida reserva.

Artigo 48º

Na sección primeira o encargado do rexistro efectuara a inscrición das solicitudes recibidas e expedirá certificación, que remitira á delegación provincial respectiva, na que constará a data de inscrición e o número de rexistro asignado.

A delegación provincial comunicará o certificado ós interesados e procedera á apertura dun expediente individualizado.

Artigo 49º

Na sección segunda constará a relación dos solicitantes declarados idóneos, figurando unha lista dos solicitantes idóneos menores de 40 anos para a adopción de nenos menores dun ano. A orde de antigüidade destes virá determinada pola data de presentación das súas solicitudes.

Artigo 50º

Na sección terceira anotaranse as resolucións de formalización dos acollementos preadoptivos, remitíndose a cada delegación provincial a certificación expedida. Así mesmo, anotarase a data de presentación das propostas de adopción.

Artigo 51º

Na sección cuarta anotarase a data da resolución xudicial firme de constitución de adopción e farase consta-lo arquivo do expediente administrativo, que será notificado ós interesados.

Sección cuarta

Solicitudes de adopción

Artigo 52º

1. As persoas que desexen adoptar un neno deberán presentar solicitude normalizada na delegación provincial correspondente ó seu domicilio.

2. No caso de emigrantes galegos con previsión de retorno, estes poderán dirixi-la súa solicitude ó delegado provincial da consellería na provincia na que vaian fixa-la súa residencia. Se no prazo dun ano desde a data de presentación da solicitude non se xustificase a residencia efectiva na Comunidade Autónoma galega, a antedita solicitude arquivarase para tódolos efectos.

3. Nos supostos previstos no artigo 42 os interesados deberán presenta-la correspondente solicitude que se inscribirá no rexistro facendo constar esta circunstancia especial.

Artigo 53º

1. Coa solicitude deberán achegarse os seguintes documentos por parte de cada solicitante:

a) Certificación literal de nacemento.

b) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

c) Certificado de empadroamento e residencia.

d) Certificado médico ordinario.

e) Fotocopia da última declaración da renda ou, en defecto, certificación negativa expedida pola Axencia Tributaria e, se é o caso, declaración de bens patrimoniais.

f) Documento acreditativo da cobertura sanitaria.

g) Libro de familia ou certificado de convivencia, se é o caso.

h) Sentencia de separación ou divorcio, se é o caso.

i) Dúas fotografías tamaño carné de cada solicitante.

j) Certificado de antecedentes penais ou, no seu defecto, certificación negativa, expedida polo Ministerio de Xustiza.

2. A delegación provincial remitirá á Dirección Xeral de Familia, para a súa inscrición no rexistro de adopcións, as solicitudes presentadas, así como certificación de que a documentación presentada é correcta.

Sección quinta

O procedemento de valoración de idoneidade

Artigo 54º

Correspóndelle ás delegacións provinciais da consellería, a través dos seus equipos técnicos, a valoración da idoneidade dos solicitantes de adopción domiciliados na súa provincia e dos emigrantes galegos con previsión de retorno a esta.

Artigo 55º

Presentada a solicitude, valoraranse, con carácter xeral, os solicitantes segundo a orde cronolóxica de presentación das solicitudes. Excepcionalmente, poderá alterarse esta orde, cando haxa carencia de solicitantes adecuados para algún menor con especiais dificultades.

Artigo 56º

1. No proceso de valoración teranse en conta, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Que entre o solicitante e o menor haxa unha diferencia de idade axeitada que non sexa superior ós corenta anos, agás que os solicitantes estean en dispoñibilidade de aceptar grupos de irmáns ou menores con especiais dificultades, caso en que a diferencia de idade poderá ser superior.

b) Que o medio familiar dos solicitantes reúna condicións adecuadas para a atención integral do menor no referente á vivenda, medios de subsistencia, capacidade educativa, integración social, e relación estable e positiva entre os seus membros.

c) Existencia de motivacións e aptitudes adecuadas para a adopción. No caso de cónxuxes ou parellas con relación estable análoga á conxugal esas motivacións e aptitudes deberán ser compartidas.

d) Condicións de saúde física e psíquica dos solicitantes que permitan atender correctamente ó menor.

2. En ningún caso se aceptarán condicionamentos á adopción referidos a trazos físicos, sexo ou antecedentes sociofamiliares dos adoptandos.

Artigo 57º

Finalizada a valoración o Equipo Técnico do Menor elevaralle ó delegado provincial unha proposta razoada sobre a idoneidade dos solicitantes. Reci

bida a proposta, o delegado provincial emitirá resolución no prazo máximo de 6 meses desde a data da solicitude.

Artigo 58º

A resolución sobre a idoneidade será motivada e notificaráselles ós interesados. A dita resolución non implica a finalización do proceso de valoración, senón que este poderá continuar co obxecto de flexibiliza-la demanda e as motivacións dos solicitantes.

Artigo 59º

Transcorridos tres anos desde a declaración de idoneidade dun solicitante sen que se formalizase un acollemento preadoptivo, deberá ratificarse a valoración inicial ou realizarse unha nova en caso de variar significativamente as circunstancias que a motivaron.

Artigo 60º

Cando unha persoa sexa declarada non idónea para a adopción, poderá presentar nova solicitude transcorridos tres anos desde a resolución, procedéndose nestes casos a realizar unha nova valoración, seguindo o procedemento ordinario.

Sección sexta

O procedemento de selección para asignación do menor

Artigo 61º

1. Correspóndelles ás delegacións provinciais a selección dos adoptantes idóneos para cada menor, de acordo co procedemento seguinte:

a) Cando se trate dun neno ou nena menor de 1 ano en situación legal de ser adoptado e que non presente ningún problema de saúde, deficiencia significativa ou circunstancia especial que demande un tratamento diferenciado, a delegación provincial remitiralle ó responsable do Rexistro de Adopcións a ficha do menor, requirindo solicitante ou solicitantes idóneos para el.

O responsable do Rexistro de Adopcións remitiralle á delegación provincial os datos dos solicitantes que estean situados en primeiro lugar na lista que figura na sección 20 do Rexistro de Adopcións.

b) No caso dun neno ou nena de máis dun ano ou que presente algún tipo de dificultade especial, a delegación provincial, por proposta do equipo técnico, seleccionará, de entre os solicitantes da súa provincia declarados idóneos que lle remita o encargado do rexistro, os que máis se adecúen ás características ou circunstancias do menor. A selección farase de acordo cos criterios de preferencia seguintes: 1º orde cronolóxica da solicitude e 2º idade dos solicitantes.

2. No procedemento de selección do parágrafo primeiro, alínea b) deste artigo, cando entre os solicitantes declarados idóneos da provincia non haxa ningún que se adecúe ás características do menor, a delegación provincial remitirá o seu expediente ó responsable do Rexistro de Adopcións, requiríndolle solicitante ou solicitantes idóneos. O respon

sable do Rexistro de Adopcións reclamará das demais provincias que propoñan os solicitantes que ofrezan maiores condicións de aptitude en función das características do menor. Recibidas as propostas, o responsable do rexistro remitiralles á delegación provincial demandante para que esta seleccione a máis axeitada, seguindo os criterios establecidos no punto anterior.

Artigo 62º

De non haber solicitantes idóneos para un menor na Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Familia solicitará candidatos a outras comunidades autónomas.

Sección sétima

O acollemento preadoptivo e proposta de adopción

Artigo 63º

1. O delegado provincial competente emitirá a proposta de adopción que elevará ó xuíz competente, xunto co informe dos servicios de atención do menor, e formalizará o acollemento familiar preadoptivo, sempre que se reúnan as seguintes circunstancias:

a) Que os acolledores reúnan os requisitos necesarios para adoptar, fosen seleccionados, e presten ante a delegación provincial competente o seu consentimento á adopción.

b) Que o menor se atope en situación xurídica adecuada para a súa adopción.

2. Con anterioridade á presentación da proposta de adopción ante a autoridade xudicial, a delegación provincial poderá formalizar un acollemento familiar preadoptivo, cando fose necesario establecer un período de adaptación do menor á familia. Este período, que será o máis breve posible, non poderá exceder do prazo dun ano.

3. No caso de emigrantes galegos, só se poderá formaliza-lo acollemento preadoptivo unha vez fixada a súa residencia efectiva en Galicia.

Artigo 64º

Cando se trate de menores con especiais dificultades, a formalización do acollemento preadoptivo non terá que ser inmediata, debendo establecerse un plan de integración familiar progresivo en función das necesidades do menor e a familia.

Artigo 65º

1. Correspóndelle ó equipo técnico do menor da delegación provincial competente o seguimento dos acollementos preadoptivos que non poderán ter unha duración superior a un ano.

2. Unha vez verificado o acoplamento positivo entre o menor e a familia acolledora a delegación provincial emitirá a proposta da adopción que presentará coa maior brevidade posible perante o xuíz competente.

Artigo 66º

Coa proposta de adopción achegaranse os consentimentos dos adoptantes e do adoptando maior de doce anos, así como os asentimentos recollidos e, no seu defecto, expresaranse os motivos polos que

non foi posible obtelos. Así mesmo, especificaranse os criterios seguidos para a selección deses adoptantes e incorporaranse os informes de valoración de idoneidade e as correspondentes propostas e resolución de idoneidade e selección destes.

Capítulo V

Da adopción internacional

Artigo 67º

A Dirección Xeral de Familia é a autoridade central da Comunidade Autónoma de Galicia encargada de dar cumprimento ás obrigas que impón o convenio relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional feito na Haia o 29 de maio de 1993, ratificado por España o 30 de xuño de 1995.

Artigo 68º

1. A Dirección Xeral de Familia, as delegacións provinciais ou as entidades colaboradoras de adopción internacional (Ecais) debidamente habilitadas, de acordo co Decreto 34/1996, do 12 de xaneiro, polo que se regula a habilitación de entidades colaboradoras de adopción internacional, informarán sobre a tramitación necesaria para proceder á adopción internacional e sobre os requisitos específicos que se esixen nos diferentes países.

2. As solicitudes de adopción internacional tramitaranse:

a) Pola Dirección Xeral de Familia.

b) Polas entidades colaboradoras de adopción internacional debidamente habilitadas e, en todo caso, polas ditas entidades cando así o esixa o país de orixe do menor.

3. A solicitude formularase para un país concreto. Iniciados os trámites dunha solicitude, será necesario finalizar ou cancela-lo proceso de adopción para poder iniciar unha nova tramitación neste ou noutro país.

Artigo 69º

1. As persoas interesadas en adoptar un menor estranxeiro e residente nun país estranxeiro deberán formular solicitude de valoración de idoneidade ante a delegación provincial correspondente o seu domicilio.

2. O estudio e valoración para a declaración de idoneidade axustarase, en todo caso, ó procedemento establecido no capítulo IV do presente decreto para a adopción, e nel teranse en conta os requisitos e circunstancias que concorran no país ó que se formulará a petición de adopción. Entre outros aspectos valorarase especialmente a aceptación das diferencias raciais, étnicas e culturais.

3. Correspóndelle á Dirección Xeral de Familia a expedición dos certificados de idoneidade, e cando o esixa o país de orixe do menor, a expedición do compromiso de seguimento previamente aceptado polos solicitantes.

4. O certificado de idoneidade e os informes de valoración dos solicitantes serán enviados pola Dirección Xeral de Familia ó organismo competente do país de orixe do menor, ou á súa representación diplomática, directamente ou mediante a ECAI habilitada para actuar no país correspondente, sen prexuízo do dereito das persoas interesadas a obter copias.

En todo caso o certificado de idoneidade só será válido para o país para o que se solicitase.

Artigo 70º

A tramitación do expediente de adopción axustarase ó procedemento establecido polo Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional.

Artigo 71º

1. No suposto de que o país no que se pretenda solicita-la adopción dun menor non tivera asinado protocolo de colaboración ou ratificado o Convenio da Haia, facilitaráselles ós interesados o enderezo e información sobre o organismo oficial ó que deben dirixi-la súa solicitude, ben directamente, ben a través dunha ECAI debidamente acreditada. En calquera caso orientarase ós solicitantes que se dirixan ós países que teñan ratificado o Convenio da Haia ou asinado un protocolo de colaboración nesta materia.

2. Nestes casos o certificado de idoneidade e os informes psicosociais dos solicitantes serán remitidos pola Dirección Xeral de Familia ó organismo competente do país de orixe do menor, ou á súa representación diplomática, directamente ou a través da ECAI.

Artigo 72º

De conformidade co Convenio da Haia, a preasignación dun menor será estudiada pola delegación provincial competente, elevando informe á Dirección Xeral de Familia, que resolverá motivadamente. A resolución favorable deberá ser aceptada polos solicitantes. Estes comunicarán á delegación provincial a constitución da adopción e a chegada do menor á Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto e, en particular, o Decreto 112/1995, do 31 de marzo, sobre medidas de protección de menores e a adopción.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude