Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 08 de xuño de 1999 Páx. 7.075

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xuño de 1999 pola que se convoca o Premio Galicia á Innovación Empresarial correspondente ós Premios Galicia de Investigación 1999.

O Decreto 202/1998, do 25 de xuño, modificado polo Decreto 138/1999, crea ademais dos Premios Galicia de Investigación o Premio Galicia á Innovación Empresarial, destinado a recoñecer e estimula-lo esforzo innovador por parte das pequenas e medianas empresas (Pemes). A innovación tecnolóxica é un elemento clave para aumenta-la productividade das empresas e sobre todo a súa competitividade, converténdose así nun instrumento de primeira orde para logra-lo desenvolvemento económico de Galicia. Por esta razón, e tendo en conta as súas competencias, tanto a Consellería de Industria e Comercio como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) decidiron apoiar economicamente a convocatoria do Premio á Innovación Empresarial 1999, creado polos devanditos decretos, achegando cada un deles tres millóns de pesetas. Por outra banda, o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT) aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de decembro de 1998, defínese como un Plan

para a innovación, polo que a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, acordou tamén participar no financiamento do Premio á Innovación Empresarial 1999, achegando dous millóns de pesetas, considerando que constitúe un elemento de apoio á innovación a través do estímulo e que tamén pode contribuír á mentalización social.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase o Premio Galicia de Innovación Empresarial destinado ó recoñecemento das pequenas e medianas empresas que teñan feito un notable esforzo innovador contribuíndo á transferencia e á explotación dos resultados da investigación, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 8.000.000 de ptas. que se aboarán con cargo á partida orzamentaria 04.07.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999. Esta partida dotouse con fondos procedentes

da Consellería de Industria e Comercio (3.000.000 de ptas.) o Igape (3.000.000 de ptas.) e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (2.000.000 de ptas.). O premio vai acompañado dun diploma acreditativo e dunha placa conmemorativa.

Segunda.-Poderán concorrer ó premio as Pemes galegas situadas ou non en Galicia, que fixeran un notable esforzo innovador nos últimos catro anos e non recibisen o premio no dito período. Poderán ser obxecto de premio outras Pemes non galegas con algún tipo de vinculación acreditada con Galicia, que teñan realizado unha innovación tecnolóxica salientable nos últimos catro anos.

Terceira.-As candidaturas serán presentadas polas propias empresas ou pola confederación de empresarios de Galicia utilizando o modelo oficial que se publica como anexo á presente orde e dispoñible en Internet nos enderezos:

-http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm.

-http://www.cesga.es/sxid.

As solicitudes irán acompañadas dos seguintes documentos:

1) Copia cotexada da tarxeta de persoas xurídicas ou tarxeta de identificación fiscal.

2) Poderes suficientes do solicitante e copia compulsada da escritura de constitución e modificación, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no rexistro mercantil ou industrial.

3) Certificación acreditativa de encontrarse ó día das obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente así como certificación de encontrarse ó día nos pagamentos das cotas de Seguridade Social.

4) Fotocopia compulsada do imposto sobre sociedades correspondentes ó último ano.

5) Memoria descritiva na que se expoñan as razóns polas que a actividade realizada pola empresa a fan merecedora do premio.

6) Documentación que acredite á innovación realizada pola empresa e descrita na memoria do punto anterior.

7) Outra documentación adicional que poida contribuír a mellor avaliación da proposta.

8) No caso de que a empresa recibise, nos últimos catro anos, algunha subvención para realizar innovación deberá achegar copia do proxecto subvencionado e o importe da subvención recibida.

Os documentos 5, 6 e 7 presentaranse por sextuplicado.

Cuarta.-As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde ata o 3 de setembro de 1999 na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Xunta de Galicia, situada na rúa dos Feáns, 7, local C. 15706 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-A selección será realizada por un xurado constituído por:

Presidente: o secretario xeral de I+D ou persoa en quen delegue.

Vocais: unha persoa proposta por cada unha das seguintes entidades:

-Consellería de Industria e Comercio.

-Instituto Galego de Promoción Económica.

-Confederación de Empresarios de Galicia.

-Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento que actuará con voz pero sen voto.

Sexta.-O premio poderá ser declarado deserto. O xurado adoptará os seus acordos por maioría simple, dirimindo o voto de calidade do presidente en caso de empate. O xurado trasladará a súa proposta á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que a elevará ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública para que resolva. A resolución, que porá fin á vía administrativa, publicarase no DOG.

Sétima.-Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 2º

O premio obxecto desta convocatoria, unha vez resolto, será obxecto de entrega en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública