Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Martes, 01 de xuño de 1999 Páx. 6.717

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 1999, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola que se outorgan destinos correspondentes ó concurso de traslados do 15 de febreiro de 1999, polo que se ofertaban prazas vacantes de nova creación dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza.

Visto o expediente instruído como consecuencia de concurso de traslados convocado por Resolución do 15 de febreiro de 1999 (BOE do 24 de febreiro), para cubri-las prazas vacantes en órganos de nova creación entre oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza.

Esta dirección xeral, de conformidade co disposto nos artigos 455 e 494 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e os artigos 54, 55 e 57 do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza,

DISPÓN:

Primeiro.-Facer públicos os destinos que con carácter definitivo se adxudicaron ós funcionarios que participaron no concurso de traslados convocado por resolución da data mencionada anteriormente, que se corresponden cos relacionados no anexo I da resolución da convocatoria.

Segundo.-Excluír do concurso de traslados os funcionarios que no anexo II se relacionan.

Terceiro.-Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes neste concurso que non obtiveron destino, polo que non se terán en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto.-Os funcionarios deberán tomar posesión do seu destino o día 10 de xuño de 1999, data na que iniciarán a súa actividade a maioría dos órganos xudiciais a que se refiren os postos de traballo que son obxecto desta resolución, cesando nos seus destinos de orixe tres días antes da indicada data no caso de tratarse da mesma localidade, e a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado cando supoña cambio de localidade.

Se a resolución comporta o reingreso no servicio activo á Administración de xustiza nos corpos de oficiais, auxiliares ou axentes, o prazo posesorio deberá contarse desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, mais neste caso o dito prazo non resulta retribuído, xa que se produce antes de formalizarse o reingreso nos corpos de oficiais, auxiliares ou axentes, e por tanto, non pode computarse como de servicios efectivos.

No caso do que os funcionarios reingresados por medio deste concurso se atopen en activo noutro corpo e non desexasen que se lles interrompese a súa relación de servicio coa Administración, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectua-la toma de posesión, poderán solicitar ó presidente, xuíz, fiscal ou xefe do organismo do seu actual destino un permiso retribuído dun día cando teña lugar dentro da mesma poboación ou de dous en caso contrario, agás aqueles casos que teñan que desprazarse a Canarias, Illes Balears, Ceuta ou Melilla, en que o permiso poderá ser de ata tres días (artigo 66.1º g) do Regulamento orgánico), tendo o cesamento no seu anterior destino data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso.

Esta Comunidade Autónoma ou aquela Administración competente que corresponda, concederálle-la excedencia de oficio no corpo de procedencia se esta se produce nun corpo ó servicio da Administración de xustiza, e o cesamento neste destino terá data anterior á da súa posesión nos corpos de oficiais, auxiliares ou axentes, co obxecto de evita-la interrupción na percepción dos seus haberes.

Os funcionarios interinos que actualmente ocupen as prazas que foron adxudicadas cesarán como consecuencia da posesión do seu titular.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da provincia da Coruña no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 1999.

José Antonio Álvarez Vidal

Director xeral de Xustiza e Administración Local