Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 28 de maio de 1999 Páx. 6.480

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 11 de maio de 1999 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora de campamentos públicos de turismo.

No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa demandan os mercados. Os cámpings, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Galicia ademais ten unha moi boa demanda dos servicios turísticos dos cámpings feito que determina a necesidade de que as súas instalacións estean en consonancia coas esixencias actuais para a relación calidade/prezo, de aí, entendemos, existe a necesidade de incentiva-los empresarios do sector para que melloren, amplíen ou reformen as súas instalacións para os efectos de que a oferta galega en materia de campamentos públicos de turismo sexa cada día dun máis alto nivel de servicio e calidade.

En consecuencia, e con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, convócanse unha serie de axudas destinadas á mellora de campamentos públicos de turismo e polo que,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Turismo, poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 10.05.751A.771.0, dos seus créditos orzamentarios para 1999, ás persoas físicas e xurídicas titulares de campamentos públicos de turismo, en calquera das formas de posesión que determina o Código civil, sempre e cando desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispón, nos seus puntos 1, 2 e 3, o arti

go 35.Dous.B) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1999.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á mellora dos cámpings.

Serán subvencionables os proxectos dirixidos á modernización e remodelación das instalacións, a creación ou mellora da oferta complementaria así como a substitución dos equipamentos obsoletos das instalacións existentes.

Non formará parte do investimento subvencionable a adquisición de terreos, os honorarios técnicos, nin ningún tipo de taxa ou imposto.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos que se presenten na procura de subvención terán que cumpri-los requisitos esixidos pola normativa turística vixente.

2. Os cámpings para os que se solicita subvención deberán de estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

3. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a dous millóns de pesetas.

4. Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

5. Os investimentos que se subvencionen terán que:

a) Comezarse durante o ano 1999 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

b) Publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Os beneficiarios das subvencións adquiren o compromiso de crea-los postos de traballo a que se comprometen na declaración xurada recollida no anexo II nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de reapertura expedida pola administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade ou se teña xustificado correctamente o investimento subvencionado.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 20% sobre o investimento subvencionable. Á dita cantidade engadiráselle 1.000.000 de ptas. por posto de traballo que se creará con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde. En todo caso, a porcentaxe máxima de axuda non poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó delegado provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, correspondente á provincia de localización do investimento, e a documentación que a continuación se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo da respectiva delegación provincial, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Memoria explicativa, asinada por técnico competente do investimento proxectado. Á dita memoria achegaráselle orzamento pormenorizado por conceptos do investimento e planos a escala 1:50 cando este afecte á distribución ou uso das instalacións existentes.

d) Informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique especificamente, que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio.

e) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

f) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita subvención.

g) Anexo II asinado e debidamente cuberto.

h) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regula a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado, se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, así como se cumpre os demais requisitos administrativos esixibles para seren obxecto de subvención, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os xefes de servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de

servicio de fomento e promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

* As melloras que se van realizar na instalación co investimento proxectado.

* A creación de postos de traballo.

* A creación ou mellora da oferta complementaria.

* O aumento da categoría, segundo a normativa turística, que a realización do proxecto supón para o establecemento.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará proposta de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. No ámbito territorial da súa competencia e vistos os acordos adoptados pola referida comisión técnica, os delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictarán, ó abeiro das competencias que lles atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provincias ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 e o 2000, en función das disposicións económicas e das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

5. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a aceptación ou renuncia a elas segundo o modelo do anexo III. Se transcorridos os sinalados dez días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o seu importe se atribuíu en dúas anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1999: 1 de novembro de 1999.

Fase de 2000: 15 de outubro do 2000.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 1999, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 1999.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificaloo antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado. No caso de que o investimento xustificado fose menor do investimento mínimo subvencionable (2.000.000 de ptas.) a correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo valorará as circunstancias que motivaron esta minoración e non fosen previsibles coa solicitude, e poderá, se é o caso, logo de audiencia do interesado, revoga-la subvención concedida.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitiranlle á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas orixinais, ou copia compulsada destas, relativas ó investimento executado. Nestas facturas o interesado deberá especificar a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificación bancaria actualizada onde se debe aboa-la subvención.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coa Facenda do Estado e da Comunidade Autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 3º.6 e no anexo II da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demais casos.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida supere a cifra de 5.000.000 de ptas. e ademais tivese carácter plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1999, ademais da documentación indicada no punto 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 35.Dous.B).2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requisitos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 10 millóns de pesetas

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

* Autoemprego.

* Indefinidos.

* Fixos-discontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas tra

balladas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación á que fai referencia o artigo 7º desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño do 2000. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado na disposición adicional sexta desta orde.

Sexta.-Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vista a proposta que lle formule a comisión técnica os delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, poderán conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-O director xeral de Turismo dictará, de ser preciso, as resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo