Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 28 de maio de 1999 Páx. 6.471

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 11 de maio de 1999 pola que se anuncian subvencións para a reforma, adaptación e mellora de establecementos de turismo rural.

Tendo en conta a situación da actividade primaria existente no noso espacio rural que xeraba unhas grandes fluctuacións económicas e provocaba o éxodo da poboación, a Xunta de Galicia decidiu desde os últimos anos incentivar e fomentar alternativas de investimento co fin de corrixir esta circunstancia. A liña de actuación, desde o plano turístico, pasou por fomentar que os cidadáns do medio rural dedicaran as súas vivendas á nova modalidade de turismo rural.

Este novo concepto de turismo enmarcábase en catro liñas básicas. Por unha parte, creaba para os cidadáns unha nova alternativa de ocio. Outra liña era a potenciación e comercialización, mediante restauración e rehabilitación, do noso patrimonio arquitectónico rural. En terceiro lugar, esto levaba consigo unha dinamización económica da zona na que estaban. Finalmente, e desde a perspectiva turística, pretendíase, con esta actuación, incidir nunha desestacionalización e diversificación do noso turismo, xerando con isto un turismo sostible.

Desde a Xunta de Galicia, e a pesar da valoración positiva do conseguido ata o momento, entendemos que debemos mellorar esta oferta de turismo rural incidindo, fundamentalmente, na calidade.

A presente orde busca esta finalidade para os establecementos xa abertos, que se concreta nunha adaptación das instalacións dos establecementos á Orde do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural. Polo tanto, coa presente orde preténdense pequenos investimentos que leven a adapta-las casas á referida normativa do 1995.

Por todo isto e con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, convócanse axudas destinadas á reforma, adaptación e mellora de establecementos de turismo rural e, polo tanto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención, de conformidade co sinalado na presente orde, as persoas

físicas e xurídicas propietarias de inmobles dedicados a turismo rural ou as persoas que, sen seren propietarias, xestionen o establecemento coa debida autorización da Administración turística.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

As subvencións obxecto da presente orde concederanse con cargo á aplicación 10.05.751A.770.0 dos orzamentos para 1999. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispón, nos seus puntos 1, 2 e 3, o artigo 35 dous B) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1999, se é o caso, a do 2000.

Artigo 3º.-Finalidade.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos a:

1. A adaptación e reforma das instalacións e servicios dos establecementos de turismo rural, abertos con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, coa finalidade de que estes establecementos axusten as súas instalacións e servicios ás esixencias que para estes se sinalan nos artigos 10 e 11 da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996.

2. Mellora-la oferta turística que están dando os establecementos de turismo rural abertos con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, no caso de que non precisasen axusta-las súas instalacións e servicios ás esixencias da antedita orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995.

En todo caso, e para os efectos de valoración das solicitudes, a prioridade para a concesión de subvencións, sempre e cando o expediente cumpla tódolos requisitos que se determinen nesta orde, será a seguinte:

1. Obras de adaptación.

2. Obras de reforma.

3. Obras de mellora.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material do investimento como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o equipamento, coa excepción do telefónico, nin as taxas e impostos legalmente esixibles.

Artigo 4º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita orde de ordenación, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos, cando impliquen a realización de calquera tipo de obra, serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble

e o seu contorno. Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas súas relacións co lugar, e, así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais e a sectorización segundo as plantas. Manteranse os volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabamentos propios da zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como no tratamento de fachadas. O proxecto deberá conter solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) A superficie pechada destinada a dormitorios (e os seus baños), non poderá ser maior que a destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación, salvo que un informe técnico determine que o investimento que posibilite o esixido neste apartado sexa de tal magnitude que resulte antieconómico.

c) Os investimentos que sexan obxecto de subvención terán que empezar durante o ano 1999 e estar rematados con tempo abondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada das obras realizadas, que non computarán para os efectos de investimento subvencionable, asinada por técnico facultativo.

d) Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos:

1. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data que lle concedeu por vez primeira a Administración turística a autorización provisional para o funcionamiento do establecemento.

2. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

3. Mante-lo establecemento aberto e en funcionamento durante 11 meses ó ano e adscribirse á central de reservas de Turgalicia.

4. Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada contida no anexo III nun prazo de 3 anos contados desde a data de xustificación final do investimento.

No caso de non cumprirse, en tempo e forma, estes compromisos e, consonte o sinalado no artigo 78.5º c) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime finane presupostario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención recibida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de orzamentos xerais do Estado do exercicio correspondente.

e) Os proxectos que se subvencionen terán que publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo -Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá

en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes a dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

f) Se é o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda de ata o 35% do orzamento do investimento subvencionable cando este se refira á execución dun dos investimentos previstos no artigo 6.1º e).1º desta orde ou de ata o 25% cando o investimento sexa un dos previstos no artigo 6.1º e).2º desta orde, máis, en ámbolos casos, 1.000.000 de ptas. por posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde; a porcentaxe da subvención concedida, con respecto ó investimento subvencionable, incrementarase en 5 puntos porcentuais se o proxecto implica a creación de comedor para o establecemento. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó delegado provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, correspondente á provincia de localización do investimento, e a documentación que a continuación se especifica presentarase, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo da respectiva delegación provincial, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente.

e).1. Proxecto básico asinado por técnico facultativo competente, no que se faga consta-lo seu número de colexiado, cando o investimento se refira á realización das obras. Así mesmo será preceptivo remiti-lo dito proxecto, coas condicións sinaladas neste parágrafo, cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vencelladas coa seguridade deste ou da dos seus usuarios.

e).2. Memoria explicativa, asinada, así mesmo, por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento telefónico, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de reforma e pequenas reparacións, sempre e cando estes investimentos non se atopen vencellados coa seguridade do establecemento ou da dos seus usuarios. A dita memoria achegarase ós correspondentes certificados de idoneidade técnica.

En calquera de ámbolos casos, é dicir, tanto co proxecto como coa memoria explicativa, farase constar no expediente, obrigatoriamente, o seguinte:

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariación cando a edificación para a que se solicita a subvención non a percibira con anterioridade da Administración Turística da Xunta de Galicia.

-Fotografías actuais do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do investimento e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, segundo corresponda, e especificándose o importe detallado de cada un deles, os elementos ou os capítulos que conforman o investimento, así como, se é o caso, o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Planos do estado actual e do proxectado, a escala mínima 1:50, cando o investimento afecta a distribución ou uso das instalacións existentes.

-Indicación dos materiais e acabamentos propostos.

-Características técnicas do investimento.

-Prazo previsto para a execución.

f) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita a subvención.

g) Documentos acreditativos, se é o caso, de asistencia a cursos de formación en materia de servicios turísticos do titular ou do persoal ó servicio do establecemento. Neste caso deberá achegarse o TC1 correspondente.

h) Declaración xurada, se é o caso, na que se determine que, despois de remata-las obras que se subvencionen ó abeiro desta orde, o interesado solicitará o cambio da clasificación do establecemento da modalidade de residencia á de hospedaxe.

i) Anexo III asinado e debidamente cuberto.

k) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán, por petición da correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subven

ción que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 7º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo e no que se deberá indica-las faltas de adaptación do establecemento para o que se solicita subvención á normativa de ordenación, a súa data de autorización, así como un informe de valoración da prestación do servicio de turismo rural, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de turismo, os xefes de servicio de fomento e promoción, de investimentos e supervisión técnico-turística e de ordenación do turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da área de turismo rural de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio de fomento e promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1º.-Reconversión do establecemento da modalidade de residencia á de hospedaxe.

2º.-A zona onde está o establecemento, en función da súa oferta, servicios, recursos e calidade ambiental.

3º.-A creación de postos de traballo.

4º.-As características do investimento, en función das necesidades do establecemento, para o que se solicita subvención.

5º.-O informe do xefe do servicio provincial de Turismo.

6º.-O estado actual das instalacións e oferta de servicios.

7º.-As sancións firmes impostas ó establecemento por un funcionamento defectuoso na calidade dos servicios ofertados.

8º.-A ocupación dos 2 últimos anos ou, se é o caso, desde a súa apertura.

9º.-A asistencia a cursos de formación en materia de servicios turísticos do titular ou do persoal ó servicio do establecemento.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará proposta de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. No ámbito territorial da súa competencia e vistos os acordos adoptados pola referida comisión técnica, os delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictarán, ó abeiro das competencias que lles atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, 2000 e 2001, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose o caso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 8º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a aceptación ou renuncia a elas segundo o modelo do anexo IV. Se, transcorridos os sinalados dez días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

2. No prazo dun mes, contado desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitirán á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a seguinte documentación:

a) Certificación bancaria actualizada da conta onde se debe aboa-la subvención.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Cando o investimento fose un dos determinados no artigo 6.1º e).1º desta orde, achegarase proxecto definitivo da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberá ser informado

favorablemente polo xefe do servicio de investimentos e supervisión técnico-turística da Dirección Xeral de Turismo.

Se, transcorrido o sinalado prazo dun mes, e tralo oportuno requirimento, non se achegase algunha da documentación anteriormente referida, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

3. Se, por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, vista a proposta que lle formule a comisión técnica, os delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderán conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1999: 1 de novembro de 1999.

Fase de 2000: 30 de xuño do 2000, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de outubro do 2000.

Fase de 2001: 30 de xuño do 2001.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 1999, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 1999.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. A xustificación do investimento executado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización dos investimentos previstos no artigo 6º.1 e).1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións contempladas no artigo 6º.1 e).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas o investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o interesado deberá especificar a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social.

3.4. Licencia urbanística de obras, no caso de que non se achegara con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 4º d) e, se fose o caso, no anexo III da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demáis casos.

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida supere a cifra de 5.000.000 de ptas. e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1999, se é o caso, do 2000, ademais da documentación indicada no punto 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 35 dous B).2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3º e 4º desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requisitos de estabilidade laboral, se é o caso, de que a subvención solicitada ou, no seu caso, concedida sexa inferior a 10 millóns de pesetas.

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo establecidos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos.

-Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira,-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-No caso de concesión de subvención previa resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 8º.2 desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 9º.1, terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño do 2001. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 8.3º desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro, así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo