Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 28 de maio de 1999 Páx. 6.466

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 20 de maio de 1999 pola que se establecen axudas financeiras para a mellora da calidade do leite.

O cumprimento da normativa nacional e europea e a esixencia polos consumidores dunha maior calidade e salubridade nos alimentos, maniféstase en tódolos productos agrícolas e gandeiros pero, dunha maneira especial, no leite. Este feito deu lugar á publicación da Directiva 92/46 CEE do Consello, do 16 de xuño, pola que se establecen as condicións hixiénicas para a producción e comercialización do leite na Unión Europea, definindo, entre outras circunstancias, as características que deben reunir tanto as explotacións gandeiras coma os elementos de transporte e os establecementos para a transformación do leite.

Estas condicións concretáronse, para o Estado español, no R.D. 1679/1994, do 22 de xullo, modificado polo R.D. 402/1996, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización do leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos, e as condicións que deben reuni-las explotacións e centros de transformación para a producción e comercialización do leite.

En Galicia o reducido tamaño das explotacións e a súa dispersión dá lugar a que o cumprimento destas condicións mínimas para obter leite de calidade presente un maior grao de dificultade nesta Comunidade Autónoma para os titulares das explotacións e para os primeiros compradores. Por iso, a concesión de axudas ós investimentos realizados polos productores e polos primeiros compradores que sexan cooperativas ou S.A.T. e que fagan a recolla deste producto nas explotacións gandeiras constitúe unha medida axeitada para o mantemento de agrupacións e unións de productores, co obxecto de estimular unha concentración da oferta e adapta-la calidade da producción ás esixencias do mercado de xeito que non condicionen a súa viabilidade.

Os resultados acadados na xestión desta liña en 1998 aconsellan a súa adaptación e continuidade en 1999.

Por outra banda, o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, prevé como mecanismo de axuda, entre outros, a concesión de subsidiacións ó tipo de xuro das operacións crediticias destinadas ós devanditos fíns, subscritas polos beneficiarios coas entidades de crédito, sendo incentivables ó abeiro deste a actividade de producción, transformación e comercialización das produccións gandeiras.

No artigo 13 do citado decreto establécese que a convocatoria das correspondentes axudas realizaraas cada consellería, organismo ou ente público da Xunta de Galicia, dentro do ámbito das súas competencias e conforme as disponibilidades orzamentarias, mediante a aprobación das disposicións necesarias para a súa execución e desenvolvemento.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1993, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto desta orde a regulación, dentro do marco establecido no Decreto 309/1995, do 23 de novembro,

de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial en Galicia, do réxime específico das axudas financeiras ós titulares de explotacións leiteiras e cooperativas ou sociedades agrarias de transformación recolledoras de leite, para a mellora da calidade deste producto.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións leiteiras e cooperativas ou sociedades agrarias de transformación recolledoras de leite que reúnan os seguintes requisitos:

1. Titulares de explotacións leiteiras:

a) Ter situada a explotación no territorio da Comunidade Autónoma.

b) Ter asignada cantidade de referencia para a producción de leite ó seu nome.

c) Estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

d) Comprometerse a realiza-la actividade de producción de leite na explotación un mínimo de cinco anos desde a data da concesión da axuda.

e) Comprometerse a que, ó remate dos investimentos, a explotación e o leite producido cumpran a normativa sobre calidade do leite, establecida no R.D. 1679/1994.

2. Cooperativas ou sociedades agrarias de transformación recolledoras de leite que:

a) Recollan leite en explotacións leiteiras establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estean recoñecidas como primeiros compradores de leite polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), no momento de presenta-la solicitude.

d) Estean ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

e) Se comprometan a que, ó remate dos investimentos, o centro de recolla cumpra o disposto no R.D. 1679/1994 para este tipo de establecementos.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

Para os efectos desta orde serán incentivables os investimentos realizados por:

1. Explotacións leiteiras para:

a) Construcción de salas de muxidura e de salas de espera da muxidura.

b) Construcción de leiterías nas explotacións.

c) Adquisición de equipos para a muxidura e refrixeración do leite na explotación.

d) Outros investimentos para a mellora da eficiencia, a calidade e as condicións hixiénico-sanitarias das explotacións leiteiras.

2. Cooperativas e S.A.T. recolledoras de leite para:

a) Modernización das instalacións de carga, descarga, refrixeración e almacenamento do leite.

b) Adquisición de cisternas de recolla, preferentemente na mostraxe automática.

c) Outros investimentos para a mellora da eficiencia, a calidade e as condicións hixiénico-sanitarias das intalacións leiteiras.

Artigo 4º.-Instrumentación.

As axudas a que se refire o artigo 1º instrumentaranse mediante os convenios subscritos ou que subscriba o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia coas entidades financeiras, nos que se incluirán aquelas disposicións relativas á xestión, administración e delimitación do ámbito de aplicación, beneficiarios, actividades, importe e condicións destas.

Artigo 5º.-Contido da axuda.

A axuda consistirá na subsidiación do tipo de xuro das operacións destinadas ó financiamento dos investimentos indicados no artigo 3º, concertadas coas entidades financeiras colaboradoras.

O préstamo non poderá supera-lo 95% do importe do investimento incentivable aprobado, nin superar, en ningún caso, os 20 millóns de pesetas.

No caso das explotacións de leite, os investimentos incentivables non poderán supera-los límites seguintes:

-Explotación de entre 1 e 10 vacas: 120.000 pesetas por vaca.

-Explotacións de entre 11 e 20 vacas: 110.000 pesetas por vaca.

-Explotacións de 21 vacas en diante: 100.000 pesetas por vaca.

Artigo 6º.-Axuda financeira.

O tipo de xuro fixarase nos convenios citados no artigo cuarto. Os préstamos terán un prazo máximo de cinco anos, con un de carencia, e a subsidiación será a necesaria para que o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario sexa o dun punto anual.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, as solicitudes destas axudas presentaranse, preferentemente, nas axencias de extensión agraria, con orixinal e tres copias, no modelo oficial normalizado que figura como anexo a esta orde, xunto coa documentación que se fixa no punto 2.

As axencias de extensión agraria rexistrarán as solicitudes, entregándolle unha copia ó solicitante e dúas á entidade financeira.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

A. Axudas ó investimento en explotacións leiteiras:

a) Fotocopia do DNI do titular da explotación ou CIF, no caso de titular persoa xurídica.

b) Xustificante da cantidade de referencia asignada para a producción de leite.

c) Xustificante de estar ó día no pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Copia da declaración do IRPF do último exercicio ou declaración do imposto de sociedades no caso de titular persoa xurídica.

e) Poder notarial ou autorización específica do órgano rector da entidade para a solicitude da axuda no caso de titular persoa xurídica.

f) Copia da folla de saneamento gandeiro.

g) Plan do investimento que se vai realizar na explotación para a mellora da calidade do leite, incluíndo

unha memoria descritiva das melloras que se van executar con bosquexo e orzamento, xuntando facturas pro-forma da maquinaria e instalacións obxecto do investimento.

h) Compromiso escrito de mante-la mellora durante un mínimo de cinco anos.

B. Axudas ó investimento para cooperativas e S.A.T. recolledoras de leite:

a) Fotocopia do CIF do solicitante.

b) Copia cotexada do resumo da declaración de compras de leite efectuadas a productores, realizada ó FEGA, correspondente á campaña 1997-98.

c) Xustificante de estar ó día no pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Copia da declaración do imposto de sociedades.

e) Poder notarial ou autorización específica do órgano rector da entidade para a solicitude de axuda.

f) Plan dos investimentos que realizará a empresa para a mellora da calidade do leite, incluíndo unha memoria descritiva das melloras que vaia executar, con bosquexo e orzamento, xuntando facturas pro-forma da maquinaria e instalacións que vaia adquirir.

g) Compromiso escrito de mante-la mellora durante un mínimo de cinco anos.

Artigo 8º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 1999.

Artigo 9º.-Tramitación e aprobación das axudas.

1. A entidade financeira, no prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude, resolverá a petición de préstamo e remitiralle ó servicio provincial correspondente do ILGG xunto coa solicitude, o xustificante da aprobación do préstamo.

2. A axencia de extensión agraria comprobará que a documentación achegada é a indicada na solicitude e informará sobre a idoneidade dos investimentos propostos, cota láctea e outros medios de producción, no caso de explotacións, e a cantidade de leite recollida, no caso de primeiros compradores. Posteriormente, e no prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude, remitirá esta, a documentación que a acompaña e o informe correspondente ó servicio provincial do ILGG.

3. O servicio provincial do Ilgga emitirá, no prazo máximo de dez días desde a recepción da documentación completa, un informe sobre as solicitudes que elevará ó seu delegado provincial do ILGG para efectua-la proposta de resolución perante o director do devandito organismo.

4. O director do instituto resolverá as solicitudes de axuda financeira, resolucións que se notificarán á entidade financeira e ós interesados para a súa aceptación.

5. O prazo máximo para a formalización do préstamo será de tres meses a partir da data de aprobación , considerándose ineficaz a resolución se nese prazo non se formalizara aquel, salvo autorización expresa da Dirección do ILGG, logo de solicitude razoada do beneficiario do préstamo, coa conformidade da entidade financeira.

6. Nunha cláusula do instrumento de formalización do préstamo recollerase que este está acollido ó convenio e establecerá, claramente, o tipo de xuro total da ope

ración, os puntos obxecto de subsidiación e o tipo resultante para o beneficiario.

7. Cando se formalice o préstamo, a entidade bancaria comunicarallo ó servicio provincial do ILGG e aboará na conta designada polo beneficiario o 70% do importe da operación crediticia, cantidade da que se poderá dispoñer inmediatamente.

8. Unha vez realizados os investimentos, o solicitante presentará as facturas e os xustificantes correspondentes na axencia de extensión agraria, para a súa remisión ó servicio provincial do citado organismo autónomo.

9. As axencias de extensión agraria comprobarán a realización das melloras, emitindo o correspondente informe, que remitirán ó servicio provincial do devandito instituto.

10. Este servicio, coa conformidade do seu delegado provincial, autorizará a entidade financeira para que proceda ó aboamento ó solicitante do 30% restante do préstamo.

11. O prazo para a realización das melloras será dun ano a partir da data da formalización do préstamo.

Artigo 10º.-Liquidación e pagamento das axudas.

A liquidación da subsidiación será practicada pola entidade de crédito, anualmente, nos quince primeiros días do mes de decembro de cada ano durante a vixencia do préstamo e presentarase na Subdirección Xeral do ILGG. O instituto efectuará o seu pagamento á entidade de crédito, sen prexuízo das comprobacións oportunas.

Non obstante o anterior, unha vez verificada a realización íntegra do investimento e librado o importe total do préstamo, o importe da subsidiación poderá aboarse dunha soa vez.

Artigo 11º.-Modificación da concesión.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia incoará procedemento de modificación da subvención inicial para adaptala ás novas circunstancias, logo da solicitude dos beneficiarios, nos casos que se produza incumprimento parcial, se se acredita que o devandito incumprimento non resulta de grande entidade, non desvirtúa a finalidade da subvención ou non é imputable ó beneficiario. A resolución da modificación establecerá as novas condicións da subvención e ordenará o reintegro do indebidamente percibido ata ese momento, calculado segundo o establecido no artigo seguinte.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Procederase á reclamación total ou parcial das cantidades recibidas e dos xuros de demora desde a percepción de calquera pagamento con cargo á subvención, nos seguintes casos:

a) Incumpri-la obriga de xustificación.

b) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

c) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

d) Amortización ou cancelación anticipada polo titular do préstamo.

Tratándose de condicións referentes á contía do investimento, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó non efectuado ou feito indebidamente.

Se o incumprimento supera o 50 % do investimento que corresponda, entenderase que o devandito incumprimento é total, debéndose reintegrar tódalas cantidades percibidas.

Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto, o seu alcance determimarase en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagarda da súa finalidade.

A concorrencia das distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

1. A concesión das axudas desta orde queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nos devanditos termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites establecidos pola Unión Europea.

Non obstante o anterior, nos convenios ou instruccións que se dicten para a tramitación destas axudas poderá establecerse a súa incompatibilade con outras axudas da mesma natureza ou finalidade.

2. Os investimentos realizados nas explotacións leiteiras obxecto da axuda axustaranse ó establecido nos puntos 3º do artigo 6, e 4.c) do artigo 12 do Regulamento (CE) 950/1997 do Consello, do 20 de maio.

Artigo 14º.-Dotación orzamentaria.

O financiamento das axudas que recolle esta orde efectuarase con cargo ó programa 09.50.712A.773, dotado para o efecto con 40.000.000 de pesetas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, aprobados pola Lei 6/1998, do 29 de decembro.

Disposición adicional

A concesión desta subvención axustarase ó disposto na antedita Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para este exercicio e na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición transitoria

As solicitudes recibidas durante o exercicio anterior, ó abeiro da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 26 de marzo de 1998, ás que non lles foi concedida a axuda solicitada, teranse en conta nesta convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario, e terán preferencia en relación coas presentadas en 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do ILGG para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria