Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 13 de maio de 1999 Páx. 5.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de abril de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas para a realización de proxectos de investigación, de bolsas de predoutoramentos, e de prórrogas de bolsas para técnicos especialistas en especialidades agrarias, correspondentes ó Programa de Investigación Agraria do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e pola que se procede á súa convocatoria.

O Decreto 25/1998, do 30 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, atribúelle á primeira o exercicio das competencias xerais establecidas nos artigos 27.1º, 27.9º, e a competencia exclusiva na execución das establecidas no artigo 30.3º, do Estatuto de autonomía de Galicia,

e define a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria como o órgano da Administración autonómica encargado de propoñer e executa-la política agrícola e, en particular, os acordos derivados en materia de investigación agraria, levando a efecto o Real decreto 3424/1983, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de investigación agraria e, en concreto, a tramitación dos proxectos de investigación de interese para o seu territorio segundo o anexo I - Certificación B e), f) e h) del.

De acordo co Decreto 25/1998, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, a través do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria, compételle a investigación agraria e o desenvolvemento das accións que contribúan á aplicación da tecnoloxía agroalimentaria, en coordinación coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998, aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001).

O Plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas tecnolóxicos sectoriais figura o Programa de Investigación Agraria, que ten como obxectivo xeral mellora-la productividade do sector agropecuario ó longo de toda a súa cadea, tendo en conta as características do medio rural galego. A xestión deste programa está encomendada á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en coordinación coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvememento.

En consecuencia, e para pór en marcha os instrumentos previstos no Plan para a execución dos seus programas e, neste caso concreto, para a execución do Programa de Investigación Agraria,

DISPONSE:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria das axudas e bolsas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do Programa de Investigación Agraria e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e calidade competitiva

1. Axudas para a realización de proxectos de investigación aplicada no sector agrario (anexo I).

2. Axudas para a realización de proxectos de investigación empresarial (anexo II).

3. Bolsas de predoutoramento para a realización de teses de doutoramento en temas agrarios (anexo III)

4. Prórrogas das bolsas para técnicos especialistas das ensinanzas dos ciclos formativos de grao medio, superior ou equivalentes en especialidades agrarias (anexo IV)

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I desta orde, a Secretaría Xeral de I+D e a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria destinarán ata un máximo de 135.000.000 de ptas. que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 04.07.432A.740.0 e 09.02.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1999 a 2001, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 1999:

04.07.432A.740.0: 80.000.000 de ptas.

09.02.432A.740.0: 25.000.000 de ptas.

Ano 2000:

04.07.432A.740.0: 20.000.000 de ptas.

Ano 2001:

04.07.432A.740.0: 10.000.000 de ptas.

Para as axudas convocadas no anexo II destinarase ata un máximo de 80.000.000 de ptas. que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 04.07.432A.770.0 e 09.02.432A.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1999 e 2000, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 1999:

04.07.432A.770.0: 50.000.000 de ptas.

09.02.432A.770: 15.000.000 de ptas.

Ano 2000:

04.07.432A.770.0: 15.000.000 de ptas.

Para as bolsas convocadas no anexo III destinarase ata un máximo de 3.000.000 de ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Para a prórroga das bolsas do anexo IV no ano 1999 destinarase a cantidade de 2.000.000 de ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Sen embargo, tódalas cantidades antes citadas se poderán incrementar ata un máximo dun 20% en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Esta convocatoria axustarase ó disposto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecno-

lóxico para a Innovación (PGIDT), e nas leis, decretos e ordes supletorias de rango nacional.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses, contados a partir do día seguinte ó da data de peche da respectiva convocatoria. Se no dito prazo non se dictase resolución expresa, entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 1999.

Jaime Pita VarelaCástor Gago Álvarez

Conselleiro da PresidenciaConselleiro de Agricultura,

e Administración PúblicaGandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO I

Axudas para a realización de proxectos

de investigación agraria

Estas axudas teñen como obxectivo prestarlles apoio a aqueles equipos de investigación xa consolidados no desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada en agricultura, gandería e política agroalimentaria coa finalidade de mellora-lo sector agrario en Galicia, de acordo coas áreas establecidas no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa Tecnolóxico Sectorial de Investigación Agraria:

* Producción:

-Producción gandeira.

-Pastos e forraxes.

-Viticultura.

-Produccións alternativas.

* Enxeñería rural e agroindustria:

-Conservación e transformación.

-Parámetros de calidade.

-Instalación equipamentos e procesos.

* Comercialización e desenvolvemento:

-Estudios de mercado.

-Normalización de procedementos.

-Prospectiva.

-Desenvolvemento, procesos e servicios:

* Desenvolvemento rural:

-Agroecoloxía. Impacto ambiental.

-Xestión do medio rural.

-Solos agrícolas. Conservación e manexo.

-Xestión de explotacións.

-Planificación. Sistemas de información.

1. Duración e contía máxima da axuda.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto de investigación por un período máximo de 3 anualidades e, en todo caso, o proxecto deberá estar rematado antes do 31 de decembro do ano 2001. A contía das axudas durante o citado período, agás circunstancias excepcionais que o aconsellen, non superará os 16.000.000 de ptas.

2. Requisitos e solicitudes.

2.1. Requisitos xerais.

-As axudas serán solicitadas polos investigadores do cadro de persoal de centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma ou polo persoal docente e investigador das universidades de Galicia, sempre que se atopen en situación administrativa de servicio activo e prestando servicios nalgún dos centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma ou nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia e poidan acreditar unha vinculación laboral estable co correspondente organismo durante o período de execución do proxecto. Tamén poderán presentar solicitudes os investigadores pertencentes a centros públicos dependentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria; estas solicitudes, no caso de que no proceso de valoración obteñan unha avaliación positiva, serán trasladadas á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para que estudie o seu posible financiamento con cargo ós seus orzamentos de acordo coas

súas dispoñibilidades orzamentarias.

-Os investigadores que desexen participar nesta convocatoria deberán dispor de horas libres para investigación descontadas das que dedican a outros proxectos vixentes financiados pola Xunta de Galicia ou por outros organismos públicos ou privados (exceptúanse os proxectos financiados con fondos europeos), tendo en conta o seguinte:

a) O número máximo de horas que poden dedicarse a investigación, cando esta actividade se realiza de forma exclusiva, é de 40 semanais.

b) Os investigadores que sexan profesores de universidade poderán asignarse ata un máximo de 32 horas semanais para actividade investigadora. Aqueles profesores de universidade que se atopan en situación de dedicación a tempo parcial por estaren realizando outro tipo de actividade profesional non poderán figurar con máis de 16 horas semanais.

c) Cada investigador poderá participar só nun proxecto dos que se presenten a esta convocatoria.

d) Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal terán que acredita-la autorización do seu organismo para participar no proxecto.

e) Poderán presentarse proxectos coordinados entre diferentes grupos; neste caso actuará como coordinador do proxecto un dos investigadores principais dos subproxectos.

f) O equipo estará formado, polo menos, por dous doutores ou investigadores con experiencia mínima de 10 anos na investigación agraria. Os restantes investigadores deberán ter acadada a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios para a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de posgrao ou ser bolseiros de investigación. O equivalente xornada completa (EXC) do proxecto non poderá ter valor inferior a 2,5 (no caso de proxectos coordinados este EXC enténdese referido ó proxecto global e, en todo caso, cada un dos subproxectos deberá ter un EXC mínimo de 1,25). Poderanse incorporar tamén como colaboradores os licenciados, enxeñeiros ou arquitectos por unha facultade ou escola técnica superior que, como mínimo, estean matriculados, neste curso, nos estudios de terceiro ciclo, pero estes non computarán para os efectos de acada-lo requisito mínimo de EXC antes citado.

Xuntarase, ó modelo de solicitude, fotocopia do DNI de cada un dos investigadores.

g) Para os investigadores que sexan doutores requírese unha dedicación mínima de 16 horas semanais. Os restantes investigadores deberanlle dedicar un mínimo de 25 horas semanais ó proxecto.

Excepcionalmente, admitiranse tamén aquelas solicitudes nas que o investigador principal, por causas xustificadas que deberá expor nunha breve memoria explicativa, teña unha dedicación inferior a 16 horas pero superior a 12 horas.

h) Xuntarase declaración de todo o financiamento vixente de que dispón cada un dos membros do grupo investigador segundo o modelo que se inclúe na páxina 4 do documento número 1 do modelo de solicitude.

2.2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial número 20 (do que a carauta externa se publica como anexo V a esta orde), están á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, e en Internet no enderezo http://www.cesga.es/sxid, alternativamente no enderezo http://www.xunta.es/conse

lle/preside/sxid/index.htm ou no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ag/servicios/cgita

As solicitudes conterán os documentos e anexos íntegros requiridos e presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992. Para esta convocatoria utilizarase o modelo número 20, que consta de 3 documentos:

-Documento nº 1: datos xerais do proxecto e do equipo investigador. Na páxina 4 indicarase se algún membro do equipo foi investigador principal dalgún proxecto financiado no ano 1995 ou en convocatorias anteriores. En caso afirmativo relacionaranse as publicacións derivadas do dito proxecto; no caso de ter máis dun, indicaranse só os datos relativos ó último.

-Documento nº 2: memoria do proxecto de investigación.

-Documento nº 3: modelo oficial de currículum vitae.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Calquera solicitude terá que ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente.

2.3. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de xuño de 1999.

2.4. Clases de axudas.

As axudas solicitadas estarán directamente relacionadas coa acción que se proxecta e poderán referirse a algún dos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal relativos a persoal auxiliar de investigación (técnicos de FP-2), que poderá incorporarse ó proxecto, sempre que se xustifique a súa necesidade para a súa realización. Por este concepto poderán asignarse ata un máximo de 1.400.000 ptas./ano.

-Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificado. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas pasará a ser propiedade do organismo executor.

-Material funxible.

-Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

-Outros gastos de funcionamento, incluso os de man de obra eventual, sempre que estea debidamente xustificada a súa contratación (especificalos no modelo de solicitude).

Os máximos custos indirectos aplicables calcúlanse automaticamente no impreso de solicitude.

3. Tramitación.

Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

Cando a temática do proxecto o aconselle, e logo da audiencia ó investigador principal, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, conxuntamente co director xeral de Desenvolvemento Rural, poderán determina-lo pase de solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria a outras convocatorias do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento.

4. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados conxuntamente polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e polo director xeral de Desenvolvemento Rural. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección constituída por cinco membros dos que tres serán designados polo director xeral de Desenvolvemento Rural (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos.

b) A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que forman o equipo, en proxectos financiados anteriormente.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa Sectorial de Investigación Agraria.

d) O interese, relevancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto cara á resolución de problemas do sector agrario relevantes para a Comunidade Autónoma.

A Comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural para que resolvan conxuntamente, podendo financiarse total ou parcialmente o orzamento presentado. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e nela especificarase a partida orzamentaria

á que se imputa a axuda e, en consecuencia, o centro directivo que se encargará dos correspondentes pagamentos (Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural).

O solicitante deberá comunicarlle a súa aceptación da concesión e da contía dela, para a realización do proxecto aprobado.

5. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, segundo o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ó libramento dos fondos será necesario que o organismo correspondente expida a certificación expresiva da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o compromiso del, xunto cos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houber.

6. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural poderán utiliza-los procedementos que consideren necesarios de modo coordinado para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas.

Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. A non presentación dos informes solicitados poderá condiciona-los libramentos posteriores. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados.

O solicitante deberá declara-las axudas obtidas ou solicitadas para a mesma acción, tanto ó inicio como cada vez que se produza calquera variación que, se é o caso, poderán repercutir na oportuna minoración da axuda aprobada.

6.1. Informe final.

Ó finaliza-lo proxecto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural remitiranlles ós investigadores principais un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no desenvolvemento, quedando os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito informe, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou do rexistro xeral da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Os investigadores enviarán copia das publicacións máis relevantes, informes sobre as viaxes realizadas e certificacións das altas dos equipos adquiridos nos inventarios, cando os houber.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, non obstante o establecido na normativa legal respecto da titularidade e difusión dos resultados alcanzados, quedan obrigados a comunicarllos á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria; no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia e o código do proxecto e deberán enviar, a través do correspondente rexistro xeral, un exemplar das correspondentes publicacións.

7. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolverán tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria, e autorizarán cando proceda, os cambios ou modificacións nos proxectos aprobados, logo de solicitude dos interesados.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos e obxectivos do proxecto presentado (ocultación, cambios, desviación de aplicacións) así como as bases desta convocatoria, con suxeición ás obrigas da normativa vixente sobre axudas ou subvencións públicas, e o impedimento ou non facilitación das actuacións de seguimento, darán lugar á revogación ou modificación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

ANEXO II

Proxectos de investigación empresarial

no sector agrario

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería da Presidencia e Administración Pública, de acordo cos obxectivos xerais establecidos no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), dirixidos ó estímulo do sector empresarial co fin de incrementar tanto a súa competitividade coma as posibilidades de creación de emprego, consideran do maior interese incentiva-la capacidade de innovación das empresas galegas mediante a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de investigación empresarial no ámbito do sector agrario.

Desde o punto de vista estructural, esta acción non define modelos de actuación predeterminados. Con todo, debido á carencia de medios adecuados que se observa en gran número de empresas e á existencia de notables recursos científicos de carácter público, serán obxecto de apoio especial os proxectos nos que se conte coa colaboración de centros de investigación ou de ensino sen prexuízo da consideración favorable con que se teñan en conta os proxectos presentados por empresas que teñan

unha estructura e activos en I+D que lles permita abordar con solvencia a súa realización en solitario.

1. Obxecto.

Nestas bases regúlase o procedemento de concesión, en réxime de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, das axudas a empresas, asociacións ou agrupacións destas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, de acordo cos seguintes fins:

a) Fomenta-la realización de proxectos de iniciativa empresarial para favorece-la innovación nas empresas.

b) Incrementa-la colaboración dos centros de investigación e universidades da Comunidade Autónoma coas empresas de Galicia.

c) Estimular a medio prazo a participación das empresas de Galicia, sobre todo pequenas e medianas empresas, nos programas nacionais e europeos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

2. Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas e asociacións ou agrupacións destas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Exerce-la súa actividade e realiza-lo proxecto obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

d) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

e) As demais esixibles en virtude de normas de dereito necesario.

3. Modalidades.

Poderán presentarse proxectos nalgunha das seguintes modalidades:

a) Modalidade A: proxectos presentados por empresas que teñen unha estructura e activos de I+D que lles permite abordar por si mesmas a realización do proxecto.

b) Modalidade B: proxectos presentados por empresas que debido á carencia de medios adecuados encargan a totalidade ou parte da investigación que se vai realizar no proxecto a equipos dos centros públicos de investigación ou das universidades de Galicia.

4. Ámbito temporal.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto que, en todo caso, deberá estar rematado antes do 31 de decembro do ano 2000.

5. Contía das axudas.

A contía das axudas concedidas poderá acadar como máximo ata un 70% dos gastos necesarios para

a consecución dos resultados finalistas obxecto do proxecto. Para tal efecto poderanse incluí-los custos seguintes:

-Gastos de persoal adicional imprescindible para a realización do proxecto (técnicos e demais persoal auxiliar alleo ó cadro de persoal da empresa). Por este concepto poderán asignarse ata un máximo de 1.400.000 ptas./ano.

-Custos de adquisición e utilización de instalacións, equipos, instrumentos, aparellos e demais material inventariable, na medida en que os ditos bens se destinen con carácter exclusivo á actividade de investigación proposta.

-Outros gastos de funcionamento (materiais, subministracións e productos similares), directamente derivados da actividade de investigación.

6. Presentación de solicitudes.

As solicitudes segundo o modelo oficial número 21 (que se publica como anexo VI a esta orde) están á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e en Internet no enderezo http://www.cesga.es/sxid, alternativamente no enderezo http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ag/servicios/cgita.

As solicitudes presentaranse por triplicado no rexistro xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

Á solicitude xuntaránselle os seguintes documentos:

1) Memoria do proxecto que debe conter unha proposta técnica detallada así como o orzamento pormenorizado de custos e calquera outra información que poida contribuír á mellor avaliación científico-técnica e económica da proposta. No caso de proxectos da modalidade B, a memoria incluirá as características do equipo investigador. Realizarase seguindo o índice que se publica no anexo VI a esta orde.

2) No caso de proxectos da modalidade B, xuntarase compromiso de convenio asinado polo responsable da institución pública á que pertence o equipo de investigación que realizará o proxecto ou que colaborará na realización del.

3) Investimentos realizados en Galicia en I+D nos últimos tres anos, especificando se estes recibiron axudas ou subvencións dalgunha Administración pública.

4) Copia compulsada da tarxeta de persoas xurídicas e entidades en xeral ou tarxeta de identificación fiscal.

5) Poderes suficientes do solicitante e copia compulsada da escritura de constitución e modificacións, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

6) Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

7) Declaración expresa de estar ó día no pagamento das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

8) Fotocopia compulsada do imposto sobre sociedades correspondente ó último ano.

9) Declaración doutras axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade nacional ou estranxeira, relacionadas co proxecto. Utilizarase o modelo que se publica no anexo VI.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de xuño de 1999.

7. Tramitación.

Se a documentación achegada estivese incompleta, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

8. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados conxuntamente polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e polo director xeral de Desenvolvemento Rural. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección constituída por cinco membros, dos que tres serán designados polo director xeral de Desenvolvemento Rural (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

c) O impacto das actuacións e resultados do proxecto cara á resolución de problemas relevantes para a Comunidade Autónoma no sector agrario.

d) Capacidade da empresa para a execución do proxecto.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural para que resolvan conxuntamente. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e nela especificarase a partida orzamentaria á que se imputa a axuda e, en consecuencia, o centro directivo que se encargará dos correspondentes pagamentos (Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural).

9. Libramento da subvención.

Para poder percibi-las axudas correspondentes será necesario presentar, antes do 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os seguintes documentos:

-Certificación expedida pola entidade bancaria sinalando número de conta da empresa beneficiaria onde se debe realiza-lo pagamento.

-Memoria xustificativa das actividades realizadas e do custo dos traballos executados, así como os xustificantes debidamente acreditados do investimento solicitado.

-Certificación acreditativa de estar ó día nas obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de estar ó día no pagamento das cotas de Seguridade Social.

-Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

Poderán realizarse pagamentos parciais a conta da liquidación final nas condicións establecidas na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

10. Seguimento dos proxectos.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o 70% do custo total do proxecto. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural poderán utiliza-los procedementos que consideren necesarios de modo coordinado para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados.

Ó finaliza-lo proxecto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural remitiranlles ás empresas beneficiarias destas axudas un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos

no seu desenvolvemento, quedando a empresa obrigada a presenta-lo dito informe, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou do rexistro xeral da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

11. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolverán tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

ANEXO III

Bolsas de predoutoramento

O obxecto desta convocatoria é a concesión de dúas bolsas dun ano de duración, prorrogables por un máximo doutros dous anos, logo de solicitude, de acordo coa normativa que se elabore para o efecto, para a realización de teses de doutoramento en temas agrarios nos centros de investigación agraria dependentes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e noutros centros de investigación agraria radicados na Comunidade Autónoma galega. Deste xeito habilítase un instrumento de formación no ámbito do Programa de Investigación Agraria, do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Bases da convocatoria:

1. Requisitos dos solicitantes.

Para optar a unha destas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, de enxeñeiro ou de arquitecto por unha escola técnica superior, incluído o proxecto se o houber.

c) Ter rematados os estudios correspondentes ós dous cursos académicos do programa de doutoramento ó que está adscrito o solicitante con posterioridade a xaneiro de 1997, ou estar matriculado no segundo ano dos estudios de terceiro ciclo no curso académico 1998/99.

d) Ter admitido, por un departamento dunha universidade do sistema universitario de Galicia, o proxecto de tese, segundo o artigo 7 do Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de posgrao, antes do 1 de outubro de 1999.

e) Non ter desfrutado destas bolsas ou outras homologadas a elas en anteriores convocatorias.

2. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

2.1. Unha asignación mensual de 110.000 ptas. brutas. Esta cantidade poderá incrementarse para o ano 2000 no caso de existir crédito adecuado e suficiente co fin de consegui-la total homologación destas bolsas coas de formación de persoal investigador que convoque o Ministerio de Educación e Cultura para este ano.

2.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria cas bolsas.

3. Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 12 meses prorrogables por dous anos.

4. Centros de realización.

As dúas bolsas deberán realizarse en calquera centro de investigación agraria de Galicia.

5. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 5E (que se publica como anexo VII a esta orde) están á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e en Internet no enderezo http://www.cesga.es/sxid, alternativamente no enderezo http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ag/servicios/cgita.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no rexistro xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

5.1. Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudios validados, deberá presentarse, así mesmo, certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, ben por estaren en posesión dun título de diplomado ou ben por teren realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que lles permita o acceso, para os efectos de determina-la media do expediente académico,

deberán xuntar ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais terán que estar validados na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese de licenciatura e o seu título.

5.2. Proxecto do traballo de investigación que se vai realizar para a obtención do grao de doutor avalado polos director/es del (orixinal ou copia compulsada). No proxecto farase mención específica dos obxectivos, dos contidos básicos do traballo e das estratexias específicas de análise e indagación que se van utilizar. A bolsa realizarase nun proxecto de investigación referido a temas agrarios.

5.3. Certificación, segundo o modelo incluído no impreso de solicitude, expedida polo secretario do correspondente departamento universitario, no que conste a admisión do proxecto por parte do consello de departamento. No caso de que o interesado aínda non dispoña deste documento, presentará o compromiso de entregalo tan axiña como se produza a súa aprobación. En todo caso, o dito documento terá que presentarse antes do 1 de outubro de 1999.

5.4. Certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada na que conste a superación do primeiro ano dos estudios de terceiro ciclo así como as cualificacións correspondentes.

5.5. Declaración xurada do solicitante na que conste que cumpre o requisito establecido no punto 1.e).

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 12 de xuño de 1999.

6. Tramitación.

Revisadas as solicitudes presentadas exporase nos taboleiros da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e en Internet no enderezo http://www.cesga.es/sxid, alternativamente no enderezo http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ag/servicios/cgita, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formular reclamación para emenda-los erros ou a falta de documentos, ante a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, no prazo de dez días a partir da publicación da resolución, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase ó arquivo do expediente sen máis trámites.

7. Selección de candidatos.

7.1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados polo director xeral de Desenvolvemento Rural (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

7.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase fundamentalmente en función dos méritos acreditados nos puntos 5.1 e 5.4; en relación con este último, a comisión de selección establecerá previamente o número de créditos do primeiro ano dos estudios de terceiro ciclo que serán valorados.

8. Resolución do concurso.

A comisión de selección elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural para que resolvan conxuntamente. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e a partir dese momento encargarase a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento dos correspondentes pagamentos.

9. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación) así como cos contratos derivados da aplicación do artigo 11 da Lei de reforma universitaria (Lei 11/1983, do 25 de agosto), do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Excepcionalmente, poderanse conceder interrupcións no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de tese. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a seis meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións, e non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

No momento en que se produza a incompatibilidade no desfrute da bolsa dalgún dos beneficiarios, ou ben realicen estes a lectura da súa tese de doutoramento ou se produza algunha circunstancia que a determine, deberanllo comunicar á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, procedéndose á suspensión da bolsa correspondente e á adxudicación a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houber.

Para que o interesado poida ter dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período anterior á súa renuncia, deberá presenta-la memoria da actividade realizada ata ese momento, asinada por el e co visto e prace do director da tese.

10. Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases. Antes de inicia-los pagamentos, os bolseiros deberán acreditar ter obtido un mínimo de 32 créditos nos estudios de terceiro ciclo.

11. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con dedicación exclusiva á súa función.

Antes de finaliza-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, teranlle que remitir á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural un informe do labor realizado ata o momento. Nos 15 días seguintes ó da finalización da bolsa, remitirán un informe final (máximo 5 páxinas), que resuma a totalidade do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. Nos informes deberá figura-lo visto e prace do director do proxecto.

Os bolseiros adscritos á universidade poderán dedicar ata un máximo de 80 horas durante o curso académico á colaboración en actividades docentes con fins formativos, logo da conformidade entre o director do traballo e o departamento implicado. A concesión e o desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó seu cadro de persoal.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se lles autorice.

O bolseiro está obrigado a notificarlle á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese deberá notificalo igualmente, indicando as causas que motivaron a dita circunstancia.

12. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolverán tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.

ANEXO IV

Prórroga das bolsas para técnicos especialistas das ensinanzas dos ciclos formativos de grao medio, superior ou equivalentes en especialidades agrarias

Coa finalidade de que os bolseiros titulados nas ensinanzas dos ciclos formativos de grao medio, superior ou equivalentes nas especialidades agrarias, que a conseguisen de acordo coa Resolución de 28 de maio de 1998, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, poidan seguir adquirindo maiores coñecementos en temas propios dos seus estudios que lles potencie a súa cualificación profesional, completándoa e ó mesmo tempo cooperando en traballos de proxectos de investigación agraria reais, establécese unha axuda económica para a prórroga das súas bolsas.

Bases da convocatoria:

1. Obxecto.

Convócase a prórroga de catro bolsas para técnicos especialistas, distribuídas da seguinte forma:

A) Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo - A Coruña):

1. Un técnico especialista, rama agraria ou equivalente, en prácticas de campo.

2. Un técnico especialista, rama agraria ou equivalente, en prácticas de laboratorio.

B) Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense):

1. Un técnico especialista, rama agraria ou equivalente, en prácticas de campo.

2. Un técnico especialista, rama agraria ou equivalente, en prácticas de informática de xestión.

2. Contía

Cada bolsa terá unha dotación de 80.000 ptas. mensuais brutas e mailo seguro combinado de accidentes que a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento deberá subscribir en beneficio dos bolseiros polo período de duración das bolsas, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria cás bolsas.

A situación dos centros de adscrición, así como horario e tipo de traballo, implica a necesidade de efectuar transporte diario de ida e volta, así como en ocasións finaliza-los traballos á tarde, debendo efectua-lo xantar no centro. Co fin de paliar estes custos, subvencionaranse na cantidade de 800 ptas. diarias, é dicir, cun total de 20.000 ptas. mensuais por técnico e mes.

3. Requisitos dos solicitantes.

Esta convocatoria vai destinada á prórroga das bolsas daqueles técnicos especialistas que na actualidade as desfrutan como consecuencia da Orde do 20 de marzo de 1998, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Poderán optar á prórroga das bolsas os solicitantes que se encontren desfrutando dunha bolsa na actualidade nos centros citados, e sempre que por calquera outra convocatoria non desfrutasen dunha bolsa durante un período de máis dun ano.

4. Período.

O período de desfrute das bolsas será de catro meses, a partir de setembro de 1999, prorrogable logo de solicitude polos interesados e de acordo con esta normativa e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

Esta primeira prórroga poderá ser ampliada ata o límite máximo do 30 de abril do 2001 con cargo ós orzamentos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

5. Formalización de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 9C que se publica como anexo VIII a esta orde, están á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, no Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e en Internet no enderezo http://www.cesga.es/sxid, alternativamente no enderezo http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ag/servicios/cgita.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, e irán xunto cas:

-Declaración xurada do solicitante na que conste non ter disfrutado destas bolsas durante un período superior a un ano.

-Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados, traballos desenvolvidos e informe do/os titor/es.

-Fotocopia do correspondente título e do DNI do solicitante.

O prazo de presentación rematará o 31 de maio de 1999.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro)

6. Tramitación.

Se a documentación achegada estivese incompleta, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer se arquivará a súa solicitude sen máis trámite, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Resolución do concurso.

A selección de bolseiros será realizada pola comisión de selección, integrada por tres representantes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e

dous da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural para que resolvan conxuntamente. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

8. Formalización da prórroga.

A prórroga proposta formalizarase a partir do momento en que os bolseiros cumpran alomenos un ano de actividade nos centros de adscrición e unha vez asinen un documento de aceptación no que se especifique o tipo e mailas condicións da tarefa encomendada ó bolseiro e o compromiso de levala a cabo nos termos establecidos.

Incorporado o bolseiro ó lugar de desenvolvemento da bolsa, e logo da notificación da incorporación polo director responsable de cada centro de investigación, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada.

9. Efectividade e obrigas do bolseiro.

9.1. O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a cumpri-las tarefas que lle sexan encomendadas. O desfrute da bolsa será incompatible con calquera clase de traballo remunerado.

9.2. A ausencia inxustificada, o baixo interese e rendemento, o incumprimento das normas de réxime interno, así como a non realización dos traballos propostos, serán causa de perda da bolsa, logo do informe do titor da especialización e o director do centro de investigación respectivo.

9.3. Antes do pagamento da última mensualidade, o bolseiro fará entrega dun informe por escrito dirixido ó director do centro de investigación sobre os traballos desenvolvidos no ano, ó que se lle xuntará informe do titor da área de especialización. O incumprimento deste requisito dará lugar á perda da última mensualidade.

9.4. Ó termo da anualidade da bolsa, o director do centro de investigación emitirá unha certificación a favor do bolseiro para os efectos do seu currículum vitae. Así mesmo, terá dereito a que o director do centro lle expida un informe detallado sobre a actividade que desenvolveu e o grao de aproveitamento obtido.

10. Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará unha solicitude fundamentada.

11. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolverán tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.

No caso de que durante o período de desfrute da bolsa se producise alguna circunstancia que motivase a interrupción da colaboración do bolseiro, informarase inmediatamente a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para a adopción das medidas oportunas.