Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.664

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 5 de maio de 1999 pola que se convocan os premios Medio Ambiente de Galicia 1999.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais, de conformidade co disposto no Decreto 482/1997, do 26 de decembro, no artigo 7, punto 2.1, realizará as funcións relativas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a formación permanente en materia ambiental. Estas funcións desenvólvense mediante diversos plans, entre os que destaca o Plan de Difusión Ambiental.

Os Premios Medio Ambiente de Galicia teñen como finalidade dar pulo á cultura ambiental na Comunidade Autónoma, mediante o recoñecemento de persoas, colectivos, empresas e institucións que destacasen na defensa dos valores ambientais no ámbito territorial de Galicia, Así como promove-la difusión de tales valores pola repercusión que estes premios teñen nos medios de comunicación e sobre a opinión pública.

Para tal efecto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.11º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-los premios Medio Ambiente de Galicia 1999.

Artigo 2º.-Premios.

1. Convócanse os seguintes premios:

a) Premio Medio Ambiente de Galicia ó labor de profesionais dos medios de comunicación por accións meritorias no ámbito da difusión e divulgación ambiental.

b) Premio Medio Ambiente de Galicia ó traballo de investigación científica sobre temática ambiental.

c) Premio Medio Ambiente de Galicia pola acción ou campaña escolar de temática ambiental levada a cabo por alumnos e profesores de centros de ensino dos niveis non universitarios.

d) Mencións honoríficas, que poderán ser outorgadas con carácter extraordinario, xustificando a súa concesión.

2. A dotación de cada un dos premios será de 1.000.000 de pesetas (6.010,12 euros). O pagamento dos premios farase con cargo ó concepto 15.04.342A.6401 do orzamento vixente.

3. As mencións honoríficas non terán dotación económica.

4. As actividades propostas para premio deberon ser desenvolvidas no ano 1998.

Artigo 3º.-Participación.

1. As candidaturas poderán ser presentadas polos propios candidatos ou por outras persoas, entidades ou institucións.

2. Cada candidatura soamente poderá ser presentada a unha das modalidades.

3. As propostas de candidaturas acompañaranse dunha memoria na que se xustifiquen as razóns polas que se opta ó premio. En caso de que a solicitude non sexa presentada pola candidata/o deberá acompañarse dun documento que exprese a aceptación por parte da candidata/o da nominación e, de ser concedido, do premio correspondente.

Artigo 4º.-Presentación e prazos.

1. As propostas realizaranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente e serán presentadas en sobre pechado no Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Consellería de Medio Ambiente. Rúa Os Basquiños nº 2, 15071 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares establecidos no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das candidaturas será de 60 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Xurado e concesión dos premios.

1. O xurado estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente ou persoa en que delegue.

Vicepresidente: o secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente ou persoa en que delegue.

Vocais: o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental ou persoa en que delegue. Un representante dos colectivos ecoloxistas. Un representante do sistema universitario de Galicia. Un representante dos medios de comunicación.

Secretario: con voz e sen voto, o xefe de Área de Información, Formación e Educación Ambiental.

2. O xurado actuará segundo o disposto no título II, capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O xurado acordará a concesión dos premios; este acordo porá fin á vía administrativa e poderá declarar deserta total ou parcialmente a súa concesión.

4. O acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia e notificado persoalmente ós adxudicatarios polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente