Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
Dota-lo colectivo de voluntarios de protección civil de Galicia dos coñecementos necesarios no tema de primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.
Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da zona de Muxía, que teñan equipos de excarceración.
Prazas.
O número de prazas ofertadas para este curso será de 40.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 31 de maio, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito comportará a non admisión ó devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contido e duración.
O curso terá unha duración de 40 horas lectivas, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Primeiros auxilios. Queimaduras. b) Traumatismos cranioencefálicos e da columna. c) Traumatismos toraco-abdominais. d) Fracturas, escordaduras e contusións. e) Transporte do lesionado. f) O SOS Galicia. A asistencia de emerxencia na nosa comunidade. g) Excarceración. h) Rescate de feridos con helicópteros.
Datas.
O curso realizarase durante os día 12, 13, 19, 20 e 26 de xuño de 1999.
O horario será das 9.30 ás 14 horas e das 16 ás 20.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 4 de xuño, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
Na sede da Agrupación de Protección Civil do concello de Muxía.
Certificado de asistencia.
Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 21 de abril de 1999.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade