Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.657

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 5 de maio de 1999 pola que se establecen axudas para dotacións e adquisicións de equipos para a defensa contra incendios forestais durante o ano 1999.

A Consellería de Medio Ambiente, coa colaboración de tódolos sectores e axentes socioeconómicos implicados, e co fin de diminuír ó máximo as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais provocan sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e producción dos nosos montes, así como sobre a fauna, a flora, e a paisaxe de Galicia, considera necesario continua-la súa política de defensa contra os incendios forestais

Por todo isto, e de acordo co establecido no artigo 30.1º.3. do Estatuto de autonomía para Galicia e no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de conservación da natureza, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

Obxecto, órgano competente e conxunto de axudas.

Artigo 1º

Establécense as axudas que os distintos axentes sociais poderán percibir para a defensa contra os incendios forestais, de acordo coa seguinte acción a subvencionar:

Contratación de persoal para cuadrillas de extinción de incendios. Dotación de equipos de persoal e de medios complementarios.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

Para o conxunto de axudas, os interesados solicitarán a súa concesión baixo as seguintes condicións:

1. Deberán presenta-la solicitude antes de comeza-lo servicio ou de merca-los equipos.

2. Caso de ser concedida a subvención, o seu pagamento será feito unha vez realizado o servicio e a compra de equipos, sen prexuízo dos anticipos que para cada caso se establecen nos artigos que seguen.

3. Cando as axudas consistan nunha porcentaxe do orzamento do servicio ou subministración, o total da axuda calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería de Medio Ambiente.

4. O persoal e medios incluídos nas actividades a subvencionar deberán estar en perfecto funcionamento na data que estableza a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, no escrito de aprobación que se remita.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades, accións ou materiais que se subvencionarán corresponden á contratación de persoal para cuadrillas de extinción de incendios e a súa dotación de equipos de persoal e de medios complementarios, e os importes das axudas sobre orzamento aprobado serán as seguintes:

-Contratación de persoal para cuadrillas, incluída seguridade social. Subvención: ata o 70%.

-Aluguer de vehículos todo terreo de transporte. Subvención: ata o 70% ou operatividade de vehículo todo terreo propio.

-Compra de ferramenta e material de equipo. Subvención: ata o 50%.

-Batelumes. Subvención: ata o 100%.

-Vestiario ignífugo e equipo de seguridade persoal. Subvención: ata o 50%.

-Caixa de urxencias de primeiros auxilios. Subvención: ata o 50%.

-Operatividade do tractor con cisterna cunha capacidade mínima de 2.000 l de auga e 100 m de mangueira. Subvención: ata o 100%.

2. Homoxeneidade e integración.

As características do material obxecto da subvención suxeitaranse ás directivas comunitarias sobre EPIs de acordo co Real decreto 1407/1992, do 20 de novembro.

Artigo 4º.-Anticipos.

Por petición dos solicitantes, poderanse conceder anticipos nos termos previstos na lexislación aplicable.

Artigo 5º.-Colaboración e ámbito de actuación.

1. As cuadrillas de extinción que se formen ó abeiro desta orde quedarán á disposición do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais (SDCIF) da Consellería de Medio Ambiente, integraranse no seu despregue e deberán estar dotadas dos medios de comunicación precisos para esta integración.

Así mesmo, estarán obrigadas a colaborar na extinción en calquera ámbito territorial cando sexan requiridas polo SDCIF e disporán dun coche todo terreo (alugado ou propio) para o seu transporte, que permanecerá en perfectas condicións mecánicas e de dotación e estará ó día en toda a súa documentación, cumprindo coas obrigas administrativas que leva emparelladas en materia de inspección técnica (ITV), pólizas de aseguramento, impostos, etc.

O incumprimento desta esixencia será motivo de revogación parcial ou total da subvención, mediante resolución razoada do mesmo órgano que a concedeu.

2. A concesión de axudas para cuadrillas de extinción, estará condicionada por unha distribución territorial adecuada ós recursos, sexan do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, sexan de terceiros.

3. Asimesmo o beneficiario estará suxeito ás indicacións do SDCIF canto ó horario e punto de traballo, onde estarán realizando os labores de prevención de incendios forestais (rozas, etc.) mentras non sexan requiridas para acudir á extinción.

4. A actividade subvencionada comezará e rematará na data que determine a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural ó aproba-la subvención, debéndose incluír como días de traballo os domingos, festivos e festas locais para as axudas que establezan a contratación de persoal: cuadrillas de extinción.

5. Calquera modificación na localización ou composición do persoal contratado deberá ser comunicada ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais para o seu coñecemento.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1. Comunidades de veciños (CV), comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), sociedades agrarias de transformación (SAT), cooperativas, asociacións forestais (AF) legalmente constituídas, agrupacións de defensa forestal (ADF), persoas físicas e empresas con personalidade xurídica; nestes dous últimos casos os interesados deberán acreditar documentalmente a súa participación na actividade forestal e a súa personalidade xurídica. A subvención, nestes casos, virá condicionada pola existencia de, polo menos, unha superficie de monte para defender de 250 ha. En todo caso, os solicitantes deberán acreditar documentalmente a representación que teñan.

Cando os citados beneficiarios non alcancen por si mesmos a superficie mínima esixida, poderán solicita-la subvención en agrupación.

2. No caso de os beneficiarios estaren legalmente constituídos en agrupacións, asociacións, xuntas, etc., deberán achegar certificado do acordo, tomado en asamblea, no que soliciten as axudas económicas para executa-las accións propostas.

Primas, prezos, solicitudes, prazos e obrigas dos solicitantes.

Artigo 7º

Cando o solicitante teña aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural un plan anual de defensa contra incendios forestais, a axuda incrementarase nun 10%.

A porcentaxe final da subvención total con cargo a esta o outra normativa non poderá supera-lo 100% do orzamento aprobado para as axudas que se prevexan na presente orde.

No anexo desta orde figura unha relación de prezos que se aplicará para valora-las accións, equipos ou subministracións. Estes prezos son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorio como tope máximo na aplicación polos Servicios de Defensa contra Incendios Forestais para a aprobación dos orzamentos.

Artigo 8º

As solicitudes deberán presentarse en impreso normalizado que facilitarán os servicios de Defensa contra Incendios Forestais nas súas oficinas provinciais ou comarcais, utilizando o modelo adxunto a esta orde. A presentación das solicitudes poderá realizarse en calquera lugar dos previstos pola Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 9º

O prazo de presentación de solicitudes para a concesión das axudas comezará ó día seguinte da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ó mes contado a partir da entrada en vigor da presente orde.

Mediante orde da Consellería de Medio Ambiente, da que se dará publicidade no DOG, poderán ser ampliados os citados prazos.

Artigo 10º

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural realizará a aprobación, se é o caso, do orzamento e do importe da correspondente subvención e comunicaralle ó peticionario a oportuna resolución. A aprobación deberá realizarse, se é o caso, nun prazo máximo de tres meses a partir da data límite para a presentación das solicitudes.

O beneficiario unha vez recibida a resolución de aprobación citada no anterior parágrafo, e trala realización ou execución das accións, dos traballos ou das adquisicións correspondentes, comunicaralle ó servicio provincial de Defensa contra Incendios Forestais que corresponda, o seu remate.

Realizadas as comprobacións oportunas polos citados servicios, a Consellería de Medio Ambiente, procederá ó pagamento do importe da subvención executada. Con independencia da súa contía, e antes de proceder á súa cobranza, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar, se é o caso, que se encontran ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pago ningunha débeda por ningún concepto coa administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 11º

No caso de non recaer resolución expresa nun prazo máximo de tres meses a partir da data límite para a presentación das solicitudes, entenderase desestimada a solicitude aplicándose o réxime do artigo 44 da Lei 30/1992.

Artigo 12º

A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executa-las accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberán realizarse na extensión e co orzamento indicado no impreso de solicitude. Unha realización da acción subvencionada un 50% inferior á proposta, excepto por causa de forza maior, suporá a anulación da subvención concedida, logo da valoración dos técnicos dos servicios de Defensa contra Incendios Forestais.

Artigo 13º

A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

Artigo 14º

Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificados polo beneficiario, mediante a presentación de facturas, documentos TC da Seguridade Social, contratos e demais documentos acreditativos da xustificación do investimento. O prazo para a achega de xustificantes das accións realizadas, obxecto da subvención, rematará o 31 de outubro.

O órgano xestor poderá rebaixa-la contía das subvencións se non se adaptasen ós prezos de mercado ou á calidade prevista.

Artigo 15º

O financiamento das axudas que establece esta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.422-C.770.0 «Subvención para investimentos en materia de prevención de incendios» dotada incialmente con 157.209.153 pesetas, na Lei 6/1998, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, podéndose incrementar este orzamento mediante as oportunas modificacións presupostarias no caso de que se considere oportuno pola elevada demanda de peticións.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas contidas nesta orde son compatibles con outras subvencións de calquera administración pública para as mesmas finalidades, agás as concedidas ó amparo do Real decreto 1887/1991, modificado polo Real decreto 62/1994, de 21 de xaneiro, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total do orzamento aprobado.

A concesión doutra subvención compatible, distinta da regulada pola presente orde, obriga ó beneficiario a facer declaración dela perante a Consellería de Medio Ambiente, independentemente da fase na que se atopa o trámite da solicitude presentada á citada consellería.

Segunda.-As solicitudes tramitadas ó amparo da orde da Consellería de Medio Ambiente do 16 de abril de 1998 que, reunindo os requisitos establecidos nela, e que por falta de dotación orzamentaria non puideran ser atendidas, poderán acollerse ós beneficios da presente orde.

Terceira.-Sempre que exista crédito suficiente e, se debido a inclemencias meteorolóxicas, a Consellería de Medio Ambiente o considera necesario, poderá aprobar ampliacións nas subvencións que estean en curso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias, co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Segunda.-A entrada en vigor da presente orde será o día seguinte á súa publicación.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1999.

José Carlos de Alamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

PREZOS MÁXIMOS QUE SE APLICARÁN PARA VALORAR ORZAMENTOS DE PERSOAL E EQUIPOS

UnidadeDescriciónPrezo Máx.

aplicable en ptas.

XornalContratación por xornada de 8 horas e con dedicación plena durante elas para cuadrillas de extinción, incluído seguros:

Réxime xeral

5.300

DíaAluguer de vehículo todo terreo ou operatividade do propio de 9 prazas para cuadrillas de extinción, ó día4.000

UnidadeBatelumes de caucho con mango2.625

UnidadeFerramenta forestal3.150

UnidadeEquipamento de protección individual completo (funda, botas, casco, cinto, máscara, lentes, luvas e lanterna24.250

UnidadeCaixa de urxencias de primeiros auxilios4.510

DíaOperatividade tractor con cisterna con capacidade mínima de 2.000 l e 100 m de mangueira1.700