Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.656

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 5 de maio de 1999 pola que se convocan os premios Bandeira Verde de Galicia 1999.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais, de conformidade co disposto no Decreto 482/1997, do 26 de decembro, no artigo 7, apartado 2.1º, realizará as funcións relativas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a formación permanente en materia ambiental. Estas funcións desenvólvense mediante diversos plans, entre os que destaca o Plan de Difusión Ambiental.

Os méritos polo labor desenvolvido no ano 1999 no ámbito da Comunidade Autonoma de Galicia, na defensa e loita contra os incendios forestais, na conservación do bosque e na conservación da biodiversidade merecen un recoñecemento, que debe servir para promove-la difusión dos valores ambientais pola repercusión que teñen tales premios nos medios de comunicación e sobre a opinión pública.

Para tal efecto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.11º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-los premios Bandeira Verde de Galicia 1999 en recoñecemento ó traballo das entidades ou organizacións que desenvolvan un labor significativo no coidado do medio ambiente.

Artigo 2º.-Premios.

1. Os premios que se convocan son os seguintes:

a) Premio Bandeira Verde de Galicia 1999 á mellor acción na defensa e loita contra os incendios forestais.

b) Premio Bandeira Verde de Galicia 1999 á mellor acción na conservación do bosque.

c) Premio Bandeira Verde de Galicia 1999 á mellor acción de conservación da biodiversidade.

d) Premio Bandeira Verde de Galicia 1999 á mellor acción de mellora da calidade ambiental.

2. Os premios están dotados cunha cantidade de 1.000.000 de ptas. (6010,12 euros) cada un, con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342.6401 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 3º.-Participación.

1. As institucións, entidades, organizacións ou empresas que desexen acceder a estes premios deberán enviar unha memoria acreditativa dos traballos realizados no transcurso do ano 1999 e os logros acadados relativos ó obxecto destes premios.

2. A memoria non excederá de 20 folios por unha cara a dous espacios con letra Arial de 12 puntos e marxe de 2,5 cm en tódolos seus lados; poderá ser complementada con gráficos, debuxos, fotos ou calquera material audiovisual.

3. A Consellería de Medio Ambiente poderá solicitar información adicional á presentada e verificar calquera extremo referente á documentación achegada.

Artigo 4º.-Presentación e prazos.

O prazo de presentación dos traballos remata o 15 de novembro de 1999. Remitiranse á Consellería de Medio Ambiente, Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, Departamento de Educación e Información Ambiental, r/ Basquiños, 2. 15704, Santiago de Compostela, podendo presentarse na mesma ou en calquera dos lugares establecidos no Art. 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Xurado e concesión dos premios.

1. O xurado terá a composición seguinte:

Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente ou persoa en quen delegue.

Vocais: o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, o Director da Escola de Enxeñeiros de Montes, ou persoas en quen deleguen respectivamente, e un representante dos colectivos ecoloxistas galegos.

Secretario: o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental ou persoa en quen delegue.

2. Os premios poderán ser declarados desertos.

3. A concesión dos premios farase por acordo do xurado, que será notificado persoalmente ós adxudicatarios polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

4. A Consellería de Medio Ambiente cederá durante un ano o uso do logotipo Bandeira Verde de Galicia ós premiados, para a súa utilización en tódalas actividades que realicen.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente