Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.652

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 28 de abril de 1999 pola que se convoca o II Certame Galego de Música Pop-Rock Xuventude 99.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa «Fomento da actividade xuvenil», que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 99.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o II Certame Galego de Música Pop-Rock Xuventude 99, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

II Certame Galego de Música Pop-Rock

Xuventude 99

I. Obxecto.

A presente convocatoria ten por obxecto a música pop rock, nas súas diversas modalidades para solistas ou grupos non profesionais, entendéndose por tal manter relacións contractuais con algunha compañía discográfica.

II. Participantes.

Poderán participar neste certame tódolos mozos galegos ou residentes en Galicia, bandas xoves de ata 30 anos de idade (podendo neste caso supera-la idade un de cada catro compoñentes). Enténdense estas idades cumpridas no ano 1999.

III. Condicións xerais.

1. No caso de grupos, o número máximo de compoñentes será de oito.

2. En ningún caso poderán intervir neste certame solistas ou grupos que teñan asinado contrato discográfico.

3. Cada solista ou grupo presentará unha maqueta gravada en cinta cassette, cun máximo de 4 obras, cunha duración máxima de 5 minutos cada unha. É obrigatorio que polo menos unha delas sexa en galego.

4. Os solistas ou grupos poderán emprega-los instrumentos musicais que precisen, achegándoos eles mesmos, a excepción da batería que a achega a organización.

5. a) A maqueta, acompañada das letras dos temas mecanografadas, presentaranse nun sobre pechado. Poñerá no exterior o lema elixido polo grupo ou solista.

b) Presentarase ademais outro sobre pechado, co lema no exterior, e no interior o boletín de inscrición e maila documentación que se indica no anexo III.

IV. Inscricións.

1. Os participantes deberán envia-lo impreso de solicitude que se indica no anexo II xunto cos sobres pechados referidos anteriormente ó Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente que pode ser a:

r/ Ronda da Muralla, 70-27003 Lugo.

Avda. de La Habana, 81-baixo-32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º-15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales 20-entreplanta 36203 Vigo.

r/ Benito Corbal 47-2º-36001 Pontevedra.

Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 29 de xullo de 1999.

V. Desenvolvemento.

Despois da audición das maquetas presentadas, e atendendo a criterios de creatividade e calidade artística, o xurado seleccionará os solistas e grupos para actuar na fase final.

A fase final levarase a cabo en Lalín (Pontevedra) no mes de setembro e nela os finalistas interpretarán dous temas elixidos de entre os presentados.

Pechará o certame un grupo invitado para a ocasión.

A organización farase cargo dos gastos do equipo de son e luces.

Ós finalistas entregaráselles en concepto de axuda por gastos de desprazamento e manutención a cantidade de 15.000 ptas. para os solistas e 30.000 ptas. para os grupos.

VI. Premios.

1. Establécense os premios seguintes:

Modalidade grupos:

Primeiro premio: 100.000 ptas. e gravación, edición dun compact-disc cos catro temas presentados para poder participar.

Segundo premio: 75.000 ptas.

Modalidade solistas:

Primeiro premio: 50.000 ptas. e gravación, edición dun compact-disc cos catro temas presentados para poder participar.

Segundo premio: 25.000 ptas.

Accésit: existirán como máximo 3 por cada unha das modalidades, polo importe de:

Grupos: 50.000 ptas. cada unha.

Solistas: 20.000 ptas. cada unha.

Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

Farase entrega a cada un dos participantes seleccionados para a final nas distintas modalidades, dun diploma que acredite a súa participación no Certame Pop-rock Xuventude 99.

2. Co disco editado cos temas dos gañadores deste certame en cada unha das modalidades de grupos e solistas, faranse 500 copias, das que se entregarán 300 ó solista e grupo gañador, para que as distribúa gratuitamente na forma que considere máis oportuna. As 200 copias restantes de cada disco quedarán en poder da Dirección Xeral de Xuventude, para a súa distribución na forma máis adecuada.

En ningún caso as copias editadas poderán destinarse á venda.

Os autores dos discos (solista e grupo) ceden os dereitos de autor á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para a edición e distribución dos discos citados anteriormente.

A empresa adxudicataria da elaboración dos compact-disc farase cargo do desenvolvemento, edición e pagamento de impostos (incluídos dereitos da S.G.A.E.). Así mesmo, deberá incluí-lo depósito legal.

VII. Xurado.

O xurado será nomeado pola delegada provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola delegada provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de Pontevedra, e estará composto por persoas cualificadas no campo da canción e da expresión musical. A secretaría recaerá nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra.

O xurado estará facultado para a interpretación destas bases nas eventualidades non previstas, e poderá deixar deserto algún premio se así o considera oportuno.

A sua decisión será inimpugnable.

VIII. Destino e devolución das obras.

Os dossieres dos xoves premiados e seleccionados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude durante o período das actividades que se desenvolven con motivo da presente convocatoria, e posteriormente, co consentimento do/s autor/es.

A documentación dos participantes que non fose retirada por eles ou persoa autorizada no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da recepción da notificación coa decisión do xurado, poderá ser destruida ou utilizada pola dita dirección xeral na forma que considere oportuna.

Queda implícita a autorización do/s autor/es dos temas musicais participantes á reproducción e publicación da súa imaxe ou contenido por parte da consellería, por calquera medio que considere oportuno.