Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 10 de maio de 1999 Páx. 5.557

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de abril de 1999 sobre axudas á promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

As pequenas e medianas empresas constitúen a maior parte da armazón empresarial galega. O seu escaso tamaño limita o seu acceso a mercados nos que os productos poderían alcanzar prezos máis atractivos que no mercado galego, provocando ademais, de forma indirecta, unha saturación do noso propio mercado. A consecuencia máis inmediata é a loita pola subsistencia que se afronta con base en estratexias de baixadas indiscriminadas dos prezos que, en consecuencia, limitan grandemente a competividade destas pequenas e medianas empresas.

Por outra banda, é cada día maior a importancia que a manipulación-transformación e a comercialización dos productos agroalimentarios teñen no conxunto da economía agroalimentaria galega. Ademais as tendencias actuais de mercado inclínanse cara ó consumo de productos transformados, diferenciados, naturais e con forte imaxe de calidade. Ademais, as esixencias do mercado aumentan no que respecta a normalización, presentación comercial e calidade dos productos.

Ademais Galicia é unha autonomía altamente productora de materias primas de excelente e contrastada calidade e de productos elaborados dunha gran aceptación en mercados fóra da nosa Comunidade Autónoma, pero que en moitos casos son exportadas a outras rexións para a súa manipulación ou transformación coas conseguintes perdas de valor engadido.

Por todo esto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-las axudas que vai concede-la Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ós investimentos para a promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos, durante o ano 1999.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables e beneficiarios.

1. Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas

seguintes actividades, e sempre que se realicen dentro do presente exercicio orzamentario:

a) Promoción e mellora da comercialización.

As actuacións xenéricas de promoción e mellora da comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos, promovidas por consellos reguladores dos productos con denominación de orixe ou específica, así como por asociacións e agrupacións de productores e empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto.

Así mesmo, tamén serán subvencionables as campañas e programas de promoción e mellora da comercialización, promovidas conxuntamente por varias empresas do sector non vinculadas accionarialmente. Cando se trate de empresas individuais, unicamente serán subvencionables as actividades de promoción e mellora da comercialización realizadas no estranxeiro.

b) Feiras e certames comerciais.

-A organización de feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario en Galicia, excluídas as concernentes a concursos, exposicións e feiras de gando, e sempre que estean promovidas por consellos reguladores, agrupacións de productores e empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto, así como por outras entidades sen ánimo de lucro con carácter xeral.

-A participación en feiras e certames comerciais de empresas agrarias e agroalimentarias galegas así como das agrupacións e asociacións de productores e/ou empresas. Para cada unha das feiras ou certames deberá presentarse un expediente individual coa súa correspondente solicitude, memoria explicativa e orzamento pormenorizado.

c) Estudios, xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudios.

Estudios de viabilidade, de investigación e prospección de mercados, así como de mellora nos procesos de comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos. Incluiranse tamén os estudios de conxuntura, análise das perspectivas e evolución dos mercados, sempre que poidan ter unha incidencia directa na mellora dos procesos de comercialización.

Poderán ser tamén incluídos os estudios sobre novas liñas de distribución, así como os deseños de etiquetas e formas de presentación, deseño de lineais específicos para productos galegos e todos aqueles que favorezan a mellora na distribución e a presentación ó consumidor dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Subvencionarase tamén a organización e realización de xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio que teñan como obxectivo a mellora da comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Admítense como solicitantes os consellos reguladores e as agrupacións de productores e de empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto.

d) Programas.

Os que teñan como obxectivo o fomento da normalización, tipificación e mellora e control da calidade do producto e de todo o proceso de elaboración e producción dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Poderán ser beneficiarios neste punto os consellos reguladores e as agrupacións de productores e empresas agrarias e agroalimentarias cando estean asociados para colaborar na mellora da calidade dun producto.

2. As solicitudes serán formuladas independentemente para cada unha das actividades e especificando, en cada caso, as accións previstas e os importes correspondentes.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía das axudas, que terán o carácter de subvención directa, queda establecida como segue:

1. Promoción e mellora da comercialización.

Establécese unha porcentaxe de axuda básica de ata o 50% do investimento. Esta porcentaxe poderá verse incrementada ata un 25% adicional cando se trate de productos procedentes das pequenas e medianas empresas ou explotacións conforme o disposto no encadramento das axudas nacionais para publicidade de productos agrarios (DOCE 87/C 302/06).

Para as actividades deste tipo realizadas no estranxeiro por empresas individuais, establécese unha subvención de ata o 25% dos investimentos, cun máximo de 1.000.000 de pesetas.

2. Feiras e certames comerciais:

-Organización:

Ata un 50% dos investimentos, no caso de consellos reguladores, cun máximo de 3.000.000 de pesetas. No resto dos casos ata un 30% cun límite de 500.000 ptas.

-Asistencia:

* En Galicia: ata un 30% dos gastos subvencionables cun máximo de axuda de 250.000 ptas.

* No resto de España: ata un 40% dos gastos subvencionables cun máximo de axuda de 500.000 ptas.

* No estranxeiro: ata un 50% dos gastos subvencionables cun máximo de axuda de 1.000.000 de ptas.

Estas porcentaxes poderanse incrementar ata nun 10% no caso de consellos reguladores e agrupacións e asociacións de productores e empresas agrarias e agroalimentarias.

Neste apartado terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a:

* Gastos de stand (aluguer, decoración, etc.), traslado de productos, actividades de promoción complementarias e gastos dun máximo de dúas azafatas, se é o caso os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante.

* No relativo a gastos de persoal desprazado, a cantidade máxima subvencionable será análoga á regulamentariamente establecida para os funcionarios da Comunidade Autónoma (grupo 2º).

3. Estudios, xornadas técnicas, congresos e viaxes de estudio.

Ata un 70% dos investimentos subvencionables.

4. Programas.

Ata o 50% dos investimentos. A dita porcentaxe poderá incrementarse ata o 100% no caso de programas levados a cabo por consellos reguladores e/ou asociacións de productores e empresas agrarias e agroalimentarias.

Artigo 4º.-Tramitación das solicitudes.

1. Os interesados deberán presentar por duplicado, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a seguinte documentación:

a) Instancia-solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria segundo modelo que se achega debidamente cuberto. (Uhna instancia por actividade).

b) Exemplar do anexo I que se xunta á presente orde.

A Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá solicitar calquera outro documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as solicitudes no presente ano, por proposta da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación en función das súas dispoñibilidades orzamentarios e tendo en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Productos amparados por algún indicativo de calidade.

-Productos elaborados con materias primas producidas en Galicia.

-Programas e/ou accións encamiñadas claramente a unha mellora da calidade da comercilalización dos productos.

-Formulación con base asociativa.

-Accións, campañas e programas de promoción e mellora da comercialización promovidas por asociación de consellos reguladores e/ou grupos de empresas, en número mínimo de tres.

3. A tódolos solicitantes remitiráselles por escrito a resolución correspondente, xa sexa aprobatoria ou denegatoria.

4. Unha vez recibida a comunicación da concesión de axuda, o beneficiario terá que remitir no prazo de dez días hábiles a súa aceptación das condicións especificadas na resolución de concesión.

5. No caso de que se trate de consellos reguladores, e que dentro dos programas de promoción, degustación etc., se inclúan productos elaborados polas empresas inscritas, os mencionados productos valoraranse a prezos en orixe, podendo ser considerados como parte da porcentaxe de achega-investimento correspondente ós solicitantes.

6. No caso das campañas publicitarias, estas deberán ser supervisadas e aprobadas pola consellería como paso previo á súa difusión.

Artigo 5º.-Tramitación do pagamento das axudas.

Executados os investimentos, o beneficiario presentará por duplicado, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e sempre destinadas á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación en San Caetano-Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

1. Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas orixinais e fotocopias, cunha relación numerada delas.

2. Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas para os mesmos investimentos.

3. Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de empresas conxuntas, as certificacións deberán ser presentadas por cada unha das empresas integrantes.

4. Ademais, e xunto coa documentación relacionada nos anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

4.a) No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes na campaña (carteis, folletos, spots, etc.).

4.b) No caso de xornadas técnicas e congresos unha memoria na que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

4.c) No caso de estudios: unha copia.

4.d) En caso de estudios que inclúan viaxes: memoria descritiva e detallada da viaxe realizada, así como un informe das conclusións obtidas.

4.e) En caso de programas: memoria das actividades realizadas e valoración do desenvolvemento do programa e dos resultados obtidos.

5. Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días desde a data de entrada en vigor da presente orde.

Artigo 7º.-Especificacións na execución dos investimentos.

As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante poderase conceder por petición do interesado, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do prazo de execución dos investimentos. No caso de reducción da contía dos investimentos, sen menoscabo dos obxectivos iniciais, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través da presente orde poderán ser compatibles con calquera outra ata o límite máximo do 100% dos investimentos, especificándose en cada resolución individual a súa compatibilidade máxima.

Disposición adicional

O pagamento das axudas previstas nesta orde efectuaranse con cargo ós orzamentos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para 1999, nas aplicacións orzamentarias 09.04.714-A 770.0 e 09.04.714-A 780.0 dotadas inicialmente con 237.958.253 ptas. e 25.000.000 de ptas., respectivamente, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

5. Declaración xurada.

Don/Dona, con DNI

nº, como representante de

, con CIF/NIF, e

enderezo

Declaro baixo xuramento que, en relación coa orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do de de 1999,

sobre axudas á promoción e comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos, solicitou para os investimentos obxecto desta subvención, axudas a través de:

-

-

-

0 Ningunha outra axuda

E para que conste, para os efectos oportunos, asina esta declaración en

, de de 1999.

Asdo.:

6. Documentación complementaria

Achega a esta solicitude copia debidamente cotexada de:

6.1. NIF/DNI.

6.2. CIF.

6.3. Certificado de inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias ou no Rexistro de Cooperativas se procede ou, no caso contrario, da escritura de constitución se se trata de sociedades inscritas no Rexistro Mercantil.

6.4. Alta na licencia fiscal.

6.5. Estatutos, no caso de agrupación de empresas ou entidades asociativas.